Berlín, a capital alternativa

Fragmento das Portas de Ishtar no Museo de Pérgamo

Anaco das Portas de Ishtar no Museo de Pérgamo

Berlín é entre as grandes urbes europeas a que menos levo visitado. Nin o traballo nin o lecer me trouxeron a miúdo á que é agora a capital de Alemaña, e non será por visitas a este país! Polo tanto Bruno e máis eu non dubidamos en aproveitar o novo voo para a tempada de verán que a compañía Vueling establece tres veces á semana para aconchegar as cidades de Berlín e Santiago de Compostela. O cinco de maio é un xoves festivo en Santiago de Compostela e o horario da conexión permite gozar de catro xornadas completas no noso destino con regreso o luns ao mediodía.

Esta é a primeira escapada de Bruno pero a miña terceira a Berlín. Tiven a sorte de coñecer o Berlín dividido de mediados da década dos anos oitenta (coido que os antigos habitantes da República Democrática Alemá non considerarían este feito coma unha sorte) e o Berlín de finais dos anos noventa nos que a cidade estaba en pleno cambio tentando agochar as feridas das décadas de separación.

Xogo óptico do Museo Bode e a Torre da Televisión

Xogo óptico do Museo Bode e a Torre da Televisión

Hoxe Berlín é outro e non estou seguro de que sexa o que máis me gusta. Por suposto que aquela sensación abafante de cidade cercada e bloqueada xa non existe máis. Aínda lembro perfectamente o meu traxecto en tren dende Frankfurt atravesando territorio “inimigo” para chegar a unha urbe moi nova e con poucos atractivos pero chea de xente moza devecendo por divertirse, por se acaso… Do mesmo xeito vénme á memoria aquel traxecto en metro entre o Berlín Oeste e o Leste comunista con control de pasaportes na estación de metro de Friedrichstrasse, a sensación de trasladarme a outro mundo en pouco máis de cinco minutos de viaxe. E aquela inquietante media hora retido nunha pequena sala sen ter nin idea de o porqué. Visitar Berlín Leste era toda unha experiencia a pesar da limitación imposta polas autoridades de permanecer tan só unhas poucas horas para coñecer os interesantes e deteriorados monumentos dunha cidade de forte faciana comunista e triste aire abatido. Outros tempos…

Berlín é xa un destino a engadir nas habituais escapadas ás grandes capitais europeas: París, Londres, Roma…e Berlín. Nas rúas cruzamos con moreas de grupos organizados e turistas individuais, con despedidas de solteiros e con moita xente nova que escolle Berlín como a súa segunda cidade para divertirse nos seus anos mozos. A oferta cultural e musical, o ambiente xuvenil, e a permisividade do goberno da cidade fan de Berlín un segundo Barcelona. O sitio no que se debería estar se tes menos de 35 anos.

As estritas normas de convivencia urbana parecen estar aquí moito máis relaxadas que noutras poboacións europeas e non digamos para unha cidade alemá. Saíndo do centro financeiro imos atopar un urbanismo ás veces descoidado con cantidades de lixo totalmente inaceptables noutras poboacións xermanas. Engadide ao cóctel grandes cantidades de xente marxinal e tribos urbanas de orixinal comportamento. Isto é Berlín! Durante a nosa estadía quedamos abraiados nun par de ocasións como cando topamos cunha chea de mozos celebrando botellón a media tarde na propia Porta de Brandeburgo ou coma cando vemos cuadrillas de adolescentes alcoholizados coa música a todo volume polo metro celebrando non sei moi ben o que. Parece que os países tenden a parecerse cada día máis e Berlín xa está moi lonxe dos estereotipos alemáns.

Non quero desanimar a ninguén, Berlín é unha cidade que hai que coñecer mesmo polo seu protagonismo nunha parte moi importante da historia recente. É verdade que respira certo cheiro a parque temático sobre a Alemaña nazi e a persecución dos xudeus, que os prezos de entradas comezan a ser excesivos en moitos casos e que todo semella ser demasiado organizado para aqueles viaxeiros que andan á procura da verdadeira alma dos destinos. Pero todos os inconvenientes mencionados tamén facilitan a viaxe e énchena de contidos para aqueles outros que buscan unha escapada rápida na que todo sexa evidente. E se o que che interesan son os lugares alternativos, Berlín é o teu destino.

Pasaremos catro xornadas intensas, é moito o que queremos ver. Despois de case dúas décadas dende a miña última visita a cidade fáiseme unha nova. Fago unha proposta de percorrido no que tentamos axuntar as visitar por cousas de interese nunha mesma zona da cidade.

DIA 1

Nada máis chegar e xa de camiño entre a saída do metro e o noso aloxamento pasamos pola igrexa do Kaiser Guillerme, unha igrexa parcialmente derruída durante a Segunda Guerra Mundial e conservada como memorial sobre os efectos da guerra. O que era un dos principais e dos poucos monumentos a visitar en  Berlín Occidental pasou despois da reunificación a ser un atractivo de interese limitado entre a nova oferta de museos, monumentos e edificios recuperados.

A nosa primeira visita foi o Museo Xudeu de Berlín, un centro aberto no ano 2001 centrado na historia e na cultura dos xudeus xermanos. A verdade é que o noso interese radicaba sobre todo na arquitectura do edificio construído polo tamén xudeu Daniel Libeskind. Unha estrutura en zigzag revestida en zinc anexionada a unha construción clásica anterior. Tamén buscabamos algunha emoción que nos axudase a sentir a angustia vivida polos xudeus durante o nazismo, pero non a atopamos. Evidentemente non puidemos deixar de admirar a estupenda arquitectura do chamado Eixo do Holocausto e do Xardín do Exilio, pero nada máis. A sala Memory Void coa instalación Follas Caídas do artista israelí Menashe Kadishman foi a única que nos conseguiu transmitir algo máis que a propia arquitectura do edificio.

Sala Memory Void

Sala Memory Void

Sala Memory Void

Instalación Follas Caídas

Corredor no Museo Xudeu

Corredor no Museo Xudeu

Cafetería do Museo Xudeu

Cafetería do Museo Xudeu

Achegámonos ao Check Point Charlie, o mítico paso fronteirizo entre as dúas partes da cidade. Descubrimos unha especie de circo turístico no que facerse fotos con modelos ataviados para tal fin (e consecuente propina) e un museo excesivamente caro ao que decidimos non entrar. O punto que foi o testemuño de moitas tensións políticas e do sufrimento da poboación de Berlín Oriental reconvertido nunha atracción turística bastante banal. Nas miñas anteriores visitas xa visitara este pequeno museo, ou debería dicir centro de interpretación,  literalmente abarrotado de fotos e informacións a través de paneis. O seu custo está fóra de lugar e xustifícase unicamente para aqueles moi interesados nas historia do muro e dos intentos de fuga por parte dos alemáns orientais.

Check Point Charlie

Check Point Charlie

No noso camiño cara á Porta de Brandeburgo pasamos polo soar coñecido como Topografía do Terror. Aquí, a carón do edificio da Lufftwafe, estivo a construción neobarroca do pazo Vernezobre que primeiro serviu como residencia do Príncipe Albrecht e logo albergou a sede da policía secreta do  Estado, a Gestapo, a dirección da SS e os seus cárceres. O edificio foi moi danado nos bombardeos de 1943 e finalmente demolido. O solar permanece baleiro e nel abriuse un centro de interpretación e colocáronse no exterior unha serie de paneis que axudan a documentarse sobre a historia das institucións do terror e dos crimes alí cometidos. Ademais, nun dos laterais do recinto pode verse o anaco de Muro mellor conservado de todo o centro da cidade. A visita é gratuíta.

Soar da Topografía do Terror con anaco de Muro e edificio da Lufttwafe

Soar da Topografía do Terror con anaco de Muro e edificio da Lufttwafe

A escasos metros levántanse os novos rañaceos de autor da praza Potsdamer. O que fora un descampado arrasado en terra de ninguén pasou nestes últimos anos a converterse no novo centro da cidade. Un moderno centro comercial e un mercado de antigüidades e de quincalla comunista axuda a que a praza convoque un gran número de paseantes. Botamos unha ollada ao centro comercial e á sua orixinal cúpula e seguimos o noso camiño.

Potsdamer Platz

Potsdamer Platz

FullSizeRender (56)

Entre a Potsdamer Platz e a Porta de Brandeburgo paseamos entre un monumento sorprendente: o Centro de Información e Monumento en Memoria dos Xudeus Asasinados en Europa. Unha iniciativa cidadá pagada polo Goberno Alemán e construída polo arquitecto xudeu americano Peter Eisenman, o mesmo da Cidade da Cultura en Santiago de Compostela. Dous anos para colocar os 2.711 grandes cubos de formigón que compoñen o memorial nunha área de 19.000 metros cadrados. Os cubos son de diferente tamaño e permiten camiñar entre eles. Teoricamente está prohibido gabear pero vemos moita xente aproveitando para tomar o sol nestes pouco usuais días estivais do mes de maio. Non entendemos moito que quixo dicir Eisenman pero o efecto non deixa de ser  curioso. Tal vez se podería contar doutra maneira, ou non. Iso si, gratuíto.

FullSizeRender (91)

Monumento en Memoria dos Xudeus Asasinados en Europa

Monumento en Memoria dos Xudeus Asasinados en Europa

Pasamos pola Porta de Brandeburgo sorprendéndonos co botellón desmandado aos seus pés e tentamos subir á cúpula de cristal deseñada por Norman Foster no edificio do Reichstag, o actual Parlamento Alemán. Coido que paga a pena pero xa non hai entradas para ese día. Fai falla moita previsión ou reservar no caro restaurante que se ofrece no interior da cúpula. Decidimos entreternos coas novas arquitecturas gobernamentais, máis ou menos acertadas, na beira do río Spree e dar un paseo polo pulmón verde de Berlín, o xardín Tiergarten no que se ergue a famosa Columna da Victoria.

Preto do Monumento aos Xudeus, exposición con máis de 100 Buddy Bears representando a outros tantos países. A finalidade é promover a tolerancia e comprensión entre as nacións do mundo

Preto do Monumento aos Xudeus, exposición con máis de 100 Buddy Bears representando a outros tantos países. A finalidade é promover a tolerancia e comprensión entre as nacións do mundo

Porta de Brandeburgo

Porta de Brandeburgo

Reichstag

Reichstag

DIA 2

Día máis relaxado e profano. Comezamos pola praza Alexander, o que foi centro social e cidadá da antiga Berlín do Leste. Non a recoñezo, aquela praza fría e desolada dos anos oitenta encheuse de novos edificios e de xente, de moita xente. Nunha esquina a Casa do Concello, agora coa fachada limpa, e no centro a impoñente Fernsehturm, a Torre de Televisión que cos seus 368 m de altura é a estrutura máis alta de toda Alemaña. A torre foi un orgullo para a República Democrática Alemá e un dos grandes atractivos do Berlín de hoxe cun restaurante xiratorio de prezos relativamente moderados. A entrada á torre custa 13 € pero a cola de xente esperando era interminable. Faremos unha segunda tentativa ao día seguinte e fracasaremos de novo. Non estamos para colas e queda para outra.

Dende Alexander Platz seguimos cara ao norte da cidade, de compras ao curioso espazo comercial de Hackeschen Höfe, un total de sete patios interiores intercomunicados entre si con acceso dende a rúa Rossenthaler. Realmente é un pequeno centro comercial aproveitando os patios inservibles de antigos edificios comunistas e algún outro de estilo modernista. As tendas con bastante encanto están especializadas en produtos concretos e non pertencen a cadeas internacionais. Público heteroxéneo e agradables terrazas no patio modernista.

Patio en Hackeschen Höfe

Patio en Hackeschen Höfe

FullSizeRender (33)

Un pouco máis ao leste, na rúa Oranienburger acudimos a ver o exterior da sinagoga e Centro Xudeu máis importante da cidade. Pero o motivo principal de achegarnos ata aquí era amosar a Bruno o edificio de Tacheles, o que fora principal centro cultural alternativo de Berlín. Un edificio arruinado polos bombardeos producidos durante a Segunda Guerra Mundial que foi ocupado por artistas alternativos despois da caída do Muro para convertelo en Tacheles, unha factoría cultural, e así evitar a especulación urbanística. Un lugar no que gozar con curiosas exposicións e concertos. Lamentablemente Tacheles tamén sucumbiu á especulación da que escapaba e o edifico está cuberto por estadas á espera da súa rehabilitación.

Centro Xudeu na rúa Oranienburger

Centro Xudeu na rúa Oranienburger

Dende este barrio de aires bohemios dirixímonos a outra parte da cidade aínda máis alternativa. Viaxamos á estación de metro de Ostbahnhof para baixar a pé ata a beira do río Spree e percorrer a rúa Mühlenstrasse coñecida como East Side Gallery, outro anaco de Muro e o máis longo dos que se conservan na cidade cun quilómetro trescentos metros. Os folletos turísticos falan da maior galería de arte ao aire libre do mundo xa que aquí se poden ver centos de graffitis de artistas de todas partes que tratan de expresar a esperanza por un mundo mellor. Chámanos a atención o descoidado estado de conservación e o desigual nivel artístico das pinturas realizadas. Moita xente nova tomando o sol e escoitando música nalgún dos bares dos arredores.

Bruno na East Side Gallery

Bruno na East Side Gallery

Ponte Oberbaum, unha das imaxes típicas de Berlín na zona da East Side Gallery

Ponte Oberbaum, unha das imaxes típicas de Berlín na zona da East Side Gallery

East Side Gallery e tarde de sol

East Side Gallery e tarde de sol

FullSizeRender (31)Realmente a razón de vir ata este barrio é o concerto da cantante inglesa Birdy. Esta virtuosa rapaza actuaba no Astra Kulturhaus nunha zona de bares e discotecas moi coñecida entre a xuventude berlinesa. O Kulturhaus é un espazo de concertos que asemella unha antiga sala de festas do Berlín Oriental. A entrada ao recinto ten un aspecto tan de lugar okupa que nos pasa totalmente desapercibida cando camiñamos por diante dela. Aínda que o aspecto exterior invitaba a seguir o noso camiño, o interior resulta máis agradable e a calidade do son é inmellorable. Birdy aos seus dezanove anos (cumprirá os vinte nove días máis tarde) é unha moza de familia acomodada e voz prodixiosa que leva cantando dende os 12 anos. Unha voz de anxo e unha facilidade para compoñer que fai que todos as súas cancións respiren sensibilidade. Un concertazo como poucos que nos deixa a pel de galiña. A música flúe sinxelamente pola súa boca e a súa voz sona aínda mellor que no propio disco.

Entrada para o concerto de Birdy

Entrada para o concerto de Birdy

Interior do Astra Kulturhaus

Interior do Astra Kulturhaus

DÍA 3

Comezamos a mañá pola avenida Unter den Linden (Baixo os Tileiros), o bulevar aberto no S.XVI para acceder a Tiergarten que servía nese intre coma couto de caza para a realeza. O século XVII vería plantar os tileiros que lle dan nome. A avenida que une a Illa dos Museos coa Porta de Brandeburgo foi durante o século XX e ata a Segunda Guerra Mundial o centro da vida social e cultural berlinesa ata que quedou interrompida pola construción do Muro. Hoxe Unter den Linden vive de novo o seu esplendor ateigada de grandes hoteis, centros culturais e edificios oficiais. Pero na fin de semana a rúa escasea de vida.

Ao virar nunha esquina atopamos unha curiosa manifestación en defensa de galgos e podencos denunciando o maltrato habitual do que son vítimas estes animais… en España!! Non pode ser -pensamos-, unha manifestación en Berlín para denunciar o maltrato en España? Pois si, seica temos un problema creado sobre todo polos cazadores do sur de España e alimentado pola inoperancia do noso Goberno. Cada ano despois da tempada de caza, milleiros de cans destas razas son entregados a canceiras, abandonados no campo ou simplemente pendurados do pescozo para acabar canto antes. Os folletos que entregaba a organización falaban de ata 50.000 canciños sometidos a algún tipo de maltrato. E por que a manifestación en Berlín? Pois son os alemáns desta cidade os primeiros en adoptar os cadelos que os cazadores españois rexeitan. A nós, como “pais” de tres cans de acollida, a mensaxe chegounos directamente ao corazón e por iso decidimos acompañar a manifestación polas rúas. A presenza de bandeiras españolas cáusanos curiosidade e rematamos falando cos participantes do Partido Animalista español,  tamén organizadores desta protesta. A súa presenza resárcenos do comportamento vergoñoso doutros dos nosos paisanos.

FullSizeRender (83)

FullSizeRender (93)

FullSizeRender (79)

Seguimos o paseo para chegar a unha praza considerada como a máis bonita da cidade, o Mercado dos Xendarmes (Gendarmenmarkt) onde se erguen tres edificios de impoñente aspecto. No centro o Konzerthaus ou principal sala de concertos de Berlín franqueado por dous templos protestantes de aspecto moi semellante: a Catedral Francesa (Französischer Dom, ao norte) e a Catedral Alemá (Deutscher Dom, ao sur). Era o idioma maioritario dos fregués de cada un deles os que deron nome aos templos. Subimos a torre da Catedral Francesa e fixemos unhas bonitas fotografías da praza.

Gendarmenmarkt

Vista dende a torre da Catedral Francesa

Gendarmenmarkt

Gendarmenmarkt

Regresamos de novo cara á Alexander Platz para facer unha segunda intentona de subida á Torre de Televisión. No camiño pasamos por diante da Catedral de Berlín (non confundir coas anteriores) e paramos no mercado de artesáns e creadores que se monta á beira do río e ao pé da Catedral. Compramos algunha cousiña para lembrar a visita e comprobamos que parte dos artistas e vendedores proceden do noso país.

Visita organizada en Trabant

Visita organizada en Trabant

Tomando unha cervexa nunha terraza vemos pasar unha visita organizada na que os participantes conducen diferentes coches Trabant de cores divertidas. O Trabant era un dos poucos modelos de coches ao que tiñan acceso os cidadáns de Alemaña do Leste . Tamén era o máis popular e incluso chegouse a exportar a outros países comunistas. Parece que o Trabant recuperou protagonismo e goza de novos usos. Vemos este tipo de circuíto organizado pero antes xa tiñamos visto visitas organizadas a pé, en segway, en bicicleta, en bus, en Mercedes convertible, en globo… O dito, Berlín está no seu máximo apoxeo.

Nikolaiviertel e igrexa de San Nicolao

Nikolaiviertel e igrexa de San Nicolao

Decidimos ir xantar ao barrio de Nikolaiviertel, doutro lado do parque fronte a Catedral de Berlín. O barrio de Nikolai é a zona residencial máis antiga da cidade na que destacan as agullas afiadas da igrexa de San Nicolao. Destruído durante a última guerra tardou moitos anos en ser reconstruído de novo. Hoxe abundan tendas de souvenirs, numerosos cafés e restaurantes e moitos turistas. Tamén é agradable ver pasar os cruceiros polo río dende o peirao do barrio.

Nikolaiviertel

Nikolaiviertel

Cruceiros polo río Spree dende o peirao do barrio de Nikolaiviertel

Cruceiros polo río Spree dende o peirao do barrio de Nikolaiviertel

A última visita do día facémola ao Museo da DDR (ou RDA, República Democrática Alemá). De novo á beira do río Spree un pequeno museo ateigado de información e de visitantes, e polo tanto un algo incómodo. O museo reúne obxectos da Alemaña comunista para dar a coñecer o día a día dos habitantes desta parte da cidade entre 1949 e 1990. Lamentablemente o contido da exposición non se axusta ao espazo dispoñible e o calor e o barullo pode ser un inconveniente para apreciar as, por outra parte, interesantes informacións que ofrece. O máis curioso é a posibilidade de subir nun Trabant ou sentarse nunha sala de estar decorada ao gusto comunista. Hai que vir preparados para ler moito e en inglés.

Bruno no Museo da DDR

Bruno no Museo da DDR

Rematamos o día de novo fronte á igrexa do Kaiser Guillermo no centro comercial ao pé do hotel Bikini 25. A nosa intención e visitar o bar chill out con vistas ao parque de Tiergarten. A cola para toma-lo ascensor e a espera prometida fainos desistir. Entramos na tenda veciña Saturn (unha especie de Fnac á alemá) e gastamos en comprar uns cantos CD. Non sexa que nos vaia sobrar diñeiro…

DÍA 4

Volvemos á mesma zona do día anterior xa que aínda quedaba moito por ver e facer. Subimos os 267 chanzos que nos conducen ao miradoiro da cúpula da Catedral a uns 50 metros de altura. Parece pouca elevación pero as vistas sobre a Illa dos Museos e o centro de Berlín é magnifica. Temos a sorte de que o bo tempo non deixou de acompañarnos dende a nosa chegada xa que a galería exterior da Catedral pecha con mal tempo.

FullSizeRender (89)

Cruceiros ao pé da Catedral

FullSizeRender (67)

Catedral de Berlín e Torre da Televisión

Illa dos Museos dende a Catedral de Berlín

Illa dos Museos dende a Catedral de Berlín

Catedral de Berlín

Catedral de Berlín

Ao baixar percorremos de novo o mercado de artesanía para achegarnos á Illa dos Museos. Decidimos visitar dous dos cinco museos que compoñen este recinto declarado Patrimonio da Humanidade en 1999.  A oferta museística é moi completa e se alguén está interesado en visitala terá que contar cunha xornada completa e con rematar totalmente mallado. Entre os Museos Bode (Bode-Museum), Antigo (Altes Museum), Antiga Galería Nacional (Alte National Galerie), Novo (Neues Museum) e de Pérgamo (Pergamonmuseum) decidimos visitar os dous últimos. É tamén o que fai a maioría de visitantes.

Museo Bode no vértice da Illa dos Museos

Museo Bode no vértice da Illa dos Museos

Alte National Galerie

Alte National Galerie

O Museo de Pérgamo ofrece verdadeiras xoias arquitectónicas do pasado unicamente visibles aquí, como son o Altar de Pérgamo, a Porta do Mercado de Mileto ou o Camiño Procesional e Portas de Ishtar. É un museo para ficar coa boca aberta. A min cústame abrila pero recoñezo que aquí non queda máis remedio. O museo está sendo ampliado e lamentablemente o Altar de Pérgamo non será visitable de novo ata o ano 2019. Unha auténtica mágoa!

FullSizeRender (51)

FullSizeRender (80)

FullSizeRender (78)

Museo de Pérgamo

Portas de Ishtar no Museo de Pérgamo

Portas de Ishtar no Museo de Pérgamo

Portas de Ishtar

Portas de Ishtar

O Museo Novo é outra marabilla con obxectos expostos tan sorprendentes como o extraordinariamente alto Sombreiro de Ouro datado entre os anos 1.000 e 800 antes de Cristo. Pero o motivo polo que se converteu nunha visita inevitable é o Busto exipcio de Nefertiti, mil veces fotografado e un dos legados mellor conservados da cultura exipcia. Os afeccionados ás novas arquitecturas tamén poderán gozar coas obras de mellora feitas polo arquitecto inglés David Chipperfield, o mesmo que ten a súa residencia de verán na vila de Corrubedo, en Galicia.

Sombreiro de Ouro

Sombreiro de Ouro

FullSizeRender (60)

Neues Museum

Neues Museum

Rehabiitación do Museo Novo polo arquitecto David Chipperfield

Rehabiitación do Museo Novo polo arquitecto David Chipperfield

Esgotados polas visitas, achegámonos a xantar á beira do río ao restaurante Ständige Vertretung. Un clásico en formato pero novo en Berlín, trasladado desde Bonn ao mesmo tempo que a capitalidade. O nome fai referencia ás “Representacións Permanentes”, eufemismo co que eran chamadas as embaixadas entre as dúas Alemaña por non chegar a recoñecer a división do país, e a súa decoración conta a través de imaxes e recortes de prensa a historia política deste país nos últimos decenios.

Restaurante Ständige Vertretung

Restaurante Ständige Vertretung

Interior do restaurante

Interior do restaurante

Rematamos o día e a nosa estadía en Berlín cun novo concerto. A cita foi no Admiral Palast para escoitar a Conchita Salchicha (Conchita Wurst), a gañadora do Festival de Eurovisión 2014 en representación de Austria. Conchita viña de sacar o seu primeiro disco e había algunha peza que nos deixara moi sorprendidos. O Admiral Palast non ten nada que ver co recinto no que escoitamos a Birdy. Un edificio nobre rodeado de hoteis de cinco estrelas. A xente chega puntual e pasamos un bo momento vendo o público chegar. Conchita é unha abandeirada do transxénero e nótase entre os asistentes. Moita cor e moitas ganas de divertirse. A sala é relativamente pequena e con moi boa visibilidade. Unha vez dentro quedamos sorprendidos cos nosos lugares xa que fixéramos a compra pola Internet e na revenda polo que dabamos por asumido un mal lugar. Todo o contrario, segunda fila e a menos de cinco metros da cantante. Gozamos coas dúas horas de concerto e tan só sentimos pena de non poder entender as longas conversas entre a cantante e o seu público. Teño que recoñecerlle a Conchita unha boa voz pero sen o virtuosismo natural de Birdy. Nin a banda que a acompaña nin a acústica do local son boas pero Conchita sabe estar e gañarse a un público xa de seu entregado. Grazas Conchita por esta tan boa fin de festa para unha cidade na que están a pasar moitas cousas.

FullSizeRender (76)

FullSizeRender (72)

3 comentarios en “Berlín, a capital alternativa

  1. Interesante artículo, como siempre. Un motivo más para conocer Berlin.
    Único fallo imperdonable: Bruno se me duerme en los museos!!!
    Yo no lo haría!!!
    Feliz próxima salida.

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.