Pasaron uns poucos anos e aterro de novo no aeroporto de Palermo. A terminal aérea peca de certo desfase en comparación con moitas outras infraestruturas do resto de Europa. De feito, a estación de tren que comunica o edificio con Palermo está pechada por reformas.
O aeroporto coñecido como Falcone Borsellino, en homenaxe a dous dos xuíces asasinados pola mafia nos anos noventa, está nun bonito recuncho da costa ao oeste de Palermo, pero os 30 km que o separan do centro da cidade fan que a tarifa de taxi sexa bastante cara. Para acelerar a miña ambientación ao sur de Italia o taxista tenta cobrar uns cantos euros de máis.
Palermo e a súa historia son un resumo perfecto da Europa Mediterránea. Por aló teñen pasado fenicios, cartaxineses, romanos, bizantinos, árabes, normandos, aragoneses e españois. Non faltou ninguén. Cada un deles foi deixando a súa pegada a través de edificacións que fan de Palermo unha das urbes máis monumentais de Europa. O tempo e o característico descoido habitual no sur de Italia adereza todo este legado cunha pátina decadente chea de encanto pero que non deixa de chama-la atención. Ás veces costa entender que esteamos na cuarta ou terceira (estamos en portas da consulta do brexit) potencia económica da Unión Europea. Para comprendelo temos que acudir ás estatísticas sobre a renda per capita e comprobar que a do norte de Italia e máis do dobre que a de Sicilia. A brecha social e económica entre norte e sur é moito maior e máis evidente que no caso de España. E ao percorrer a illa o atraso económico é unha evidencia que sae continuamente ao encontro do visitante.
Sicilia, a illa de maior superficie do Mediterráneo, tamén é un dos destinos turísticos máis atractivos de todo o sur de Europa. Diría que un viaxeiro curioso podería dedicarlle varias semanas sen parar de coñecer sitios sorprendentes. E no caso de querer engadir algunha das illas próximas como Ustica ou Pantelleria ou algún dos arquipélagos como o das Eolie (entre elas as famosas Vulcano e Stromboli), das Egadi ou das Pelagie (entre elas a tan tristemente nomeada Lampedusa), o tempo podería prolongarse indefinidamente.
Chego a Palermo de tardiña e o primeiro contacto non deixa de sorprenderme. E como se nada cambiase con respecto á miña última visita de hai catro anos. O meu hotel está nunha situación inmellorable a escasos metros de I Quattro Canti (as Catro Esquinas), tamén coñecida como Piazza Vigliena, unha intersección entre dúas das rúas principais: o Corso Vittorio Emanuel e Via Maqueda. As Catro Esquinas é o corazón da cidade formado por catro fachadas barrocas construídas durante o reinado español da que xorden catro dos barrios máis famosos e populosos de Palermo. Pola tarde Via Maqueda está pechada ao tráfico e fai as funcións de rúa peonil e de paseo, habituais noutras cidades pero inexistentes en Palermo. Dou unha volta polo centro e non vexo máis que tendas de recordos, un comercio en xeral provinciano e grupos de paseantes formados principalmente por inmigrantes na súa maioría de orixe cingalesa.
Nestes últimos anos a cidade de Catania ten ganado peso económico converténdose nunha importante rival da antiga capital, pero Palermo segue a ser a referencia cultural e turística máis importante de toda Sicilia. Durante o día son numerosos os grupos organizados como en calquera outra cidade italiana pero pola noite a presenza é exclusivamente local. Quizais a causa sexa certa mala sona dalgúns dos seus barrios populares.
Teño por diante cinco días de moito traballo durante os que tentarei apurar as poucas horas libres para volver visitar os edificios máis salientables e tamén para coñecer os esquecidos na miña visita anterior.
A primeira mañá madrugo dabondo para achegarme a dous dos seus mercados populares. A Vucciria e Ballaró son as dúas principais referencias, mercados barullentos e caóticos que ás veces fan lembrar outros máis propios do norte de África. Sitios perfectos para comprar olivas, tomates secos, alcaparras salgadas e outros ingredientes para unha ensalada mediterránea, pero tamén para sorprenderse cos anacos xigantes de atún á venda nas súas peixarías.
Visitar Palermo chega a ser arduo e intenso, un exceso de oferta que en certos momentos incluso pode facerse reiterativa. Pero é todo tan bonito… Un visitante que se achegue por primeira vez e queira coñecer o máis sobranceiro deberá dedicar non menos de tres xornadas a descubrir a súa abondosa oferta. A visita pode resultar un tanto esgotadora pero o esforzo paga a pena.
Durante a miña estadía fago un percorrido totalmente desorganizado e nada recomendable. O que manda son as horas dispoñibles e os horarios de apertura de cada edificio. É por esa razón que máis que unha descrición por días vou recomendar un paseo en dirección oeste-leste dos puntos de interese que non debería faltar nunha visita a Palermo:
Palazo dei Normanni (Pazo dos Normandos), o centro político e administrativo de Palermo durante moitos séculos. Dende fóra asemella un patchwork de edificios de distintas épocas como moitos outros de Italia, pero no seu interior alberga unha autentica xoia coñecida como a Capella Palatina. A capela do pazo, mandada construír no século XII por Ruggero II, simboliza á perfección a fusión entre culturas e relixións xa que na súa realización participaron artistas bizantinos, islámicos e latinos creando un estilo arquitectónico único. Marabillosos mosaicos en perfecto estado de conservación combinados con artesoado en madeira de estilo árabe. O excesivo prezo da entrada (12 €) e as colas para entrar na capela son os únicos peros a, por outra parte, interesante visita.
Porta Nuova, a carón do pazo levántase esta porta monumental construída para conmemorar a entrada na cidade que fixo o rei español Carlos V en 1535.
Seguindo polo Corso Vittorio Emanuele chégase á Cattedrale e ao Palazzo Arcivescovile (Pazo Arcebispal). A catedral é unha obra xigantesca na que destaca o atípico deseño exterior sobre un frío interior neoclásico, en concreto as fachadas meridional, a que dá á praza, e a da zona absidal. A visita é gratuíta pero o que realmente paga a pena é de pagamento: a Cripta con tumbas de distintas épocas, o Tesouro Catedralicio e o paseo polos tellados da basílica.
Ao chegar ás Catro Esquinas hai que virar á dereita por Via Maqueda para atoparse a escasos metros cunha chea de interesantes edificios como son a Fontana Pretoria e o Palazzo Pretorio. A primeira é unha fonte monumental construída no século XVI para decorar un pazo da Toscana que foi posteriormente trasladada a Palermo (en 644 pezas!) coa finalidade de cubrir unha gran parte da superficie da praza do mesmo nome. E o segundo é o antigo Pazo Senatorio e a actual sé municipal. Detrás da fontana aparece impoñente a Chiesa de Santa Catarina, e, doutro lado da rúa, a Chiesa di S. Giuseppe dei Teatini e o seu espléndido interior profusamente ornamentado. Nunha praza máis pequena detrás do edificio da Casa do Concello, en Piazza Bellini, están dúas igrexas pegadiñas unha a outra e verdadeiramente sorprendentes: a Chiesa di S. Cataldo e a Chiesa di S. M. dell´Ammiraglio coñecida como a Martorana. O exterior pode decepcionar, o interior nunca. En dous estilos completamente diferentes. San Cataldo é un interesante exemplo de arquitectura normanda do S. XII, pequena, austera e moi simple. A Martorana, de orixe románica, está parcialmente revestida de espléndidos mosaicos bizantinos que fan lembrar os da Capela Palatina. Ademais a entrada á Martorana é libre e á San Cataldo por un prezo simbólico.
Seguindo por Via Maqueda e desviándose á dereita por unha rúa perpendicular chegamos a Chiesa del Gesù máis coñecida localmente como Casa Professa (en caso de perda mellor preguntar por este segundo nome). O seu interior presenta unha peculiar opulencia decorativa que fai lembrar á da igrexa de S. Giuseppe dei Teatini.
O paseo segue por Via Maqueda ata a Estación Central de Ferrocarril para regresar cara ao norte por Via Roma, paralela á Via Maqueda. Nunha praza con palmeiras levántase a fachada da Chiesa di S. Domenico, outra marabilla barroca que acolle os sepulcros de numerosos sicilianos célebres. Na mesma rúa e un pouco máis adiante o Museo Arqueolóxico Rexional, un dos maiores de Italia, conta con pezas das diferentes civilizacións que se foron instalando na illa de Sicilia.
En Piazza Colonna hai que virar á esquerda por Via Cavour ata Piazza Verdi ocupada en gran parte polo Teatro Massimo, o de maior superficie de Italia con os seus case 8000 m² e cinco niveis de palcos, e o terceiro máis grande de toda Europa. A fachada neoclásica ten unhas dimensións impresionantes. Pero coido que o verdadeiramente interesante é ver un espectáculo dende platea e compro unha entrada para a derradeira representación de Cinderella polo ballet local. A simpática vendedora ofréceme unha entrada ao 50% do seu valor facéndome pasar por un familiar seu (sempre hai xente fabulosa polo mundo adiante). O público é en xeral xente maior con aires de tempos pasados. Séntome a carón da nai da primeira bailarina e río interiormente polos comentarios que me rodean. A arquitectura do teatro é todo un espectáculo que fai de Cinderella unha simple anécdota. Os que non teñan a sorte de coincidir con algunha representación poden apuntarse ás visitas guiadas para coñece-lo teatro por dentro.
Dende Piazza Verdi seguindo por Via Settimo pode visitarse o segundo teatro máis interesante de Palermo, o Teatro Politeama Garibaldi, que destaca por unha atípica planta circular e un rechamante arco triunfal que lle serve de entrada.
A partir desta listaxe de mínimos a visitar cada viaxeiro deberá facer a súa propia e complementaria. Son tamén interesantes os paseos por La Cala, o primeiro porto de Palermo, polo Xardín Botánico, ou polos concorridos mercados e as numerosísimas igrexas e pazos espallados polo centro histórico da cidade. Un paseo por Palermo é unha sucesión continua de sorpresas, permitirá comprobar esa mestura tan propia desta cidade entre a atmosfera nobre e señorial do pasado co esaxerado populismo de moitos dos seus barrios.
A visita a Palermo ten que ser completada inescusablemente cunha excursión á Cattedrale de Monreale, na poboación do mesmo nome e a escasos quilómetros de Palermo. A austera construción románica acolle unha espléndida síntese de elementos bizantinos, árabes e normandos no seu interior. Coa Capella Palatina e a igrexa da Martorana forma a triloxía perfecta para deleitarse tanto coa mestura de estilos coma cos exquisitos mosaicos. Coa Catedral de Palermo e a de Cefalù conforma un espazo ideal para entender a arquitectura relixiosa de estilo normando na illa de Sicilia.
Por outra banda, un dos elementos máis famoso e senlleiro do folclore da illa son as pupi, marionetas inspiradas na tradición cabaleiresca árabonormanda e nas historias de paladíns franceses. Ademais dalgún obradoiro de marionetas, é interesante visitar o Museo Internacional de Marionetas, na rúa Butera, e o Teatro da Ópera dos Pupi nunha calella perpendicular ao Corso Vittorio Emanuele, case fronte á entrada principal da Catedral de Palermo. Neste pequeno teatro tamén se pode coñecer outra tradición en vía de extinción coma son os copleros, narradores de episodios históricos e de xestas de heroes acompañados de coloristas, e un tanto naíf, cadros pintados en estilo medieval.
A viaxe perfecta non debe rematar sen probar os pratos da rica cociña siciliana nos que a pasta (como non?), o atún e as sardiñas xogan un papel protagonista. Para a sobremesa é inevitable probar uns cannoli, unha masa enrolada en forma de tubo reenchida de queixo ricota (requeixo). Segundo crenza popular é un doce de orixe árabe feito especialmente para as festas de Entroido aínda que hoxe en día é posible atopalo en todas as pastelarías da cidade e ao longo de todo o ano.
A única mañá libre decido facer unha rápida viaxe ata Corleone, a unha hora e media en autobús ao sur de Palermo. Por 8 € ida e volta collo o primeiro servizo da mañá e dedico unhas tres horas a patear tanto a poboación como os seus arredores. Corleone, unha pequena vila do interior cuns 12.000 habitantes, é tristemente famosa por se-lo berce de varios dos xefes da mafia siciliana. É posible que aínda sexa máis coñecida polo persoeiro ficticio da película O Padriño, Vito Corleone, que á súa chegada a Nova York coloca como primeiro apelido o nome da súa vila natal. A verdade é que a poboación de Corleone ten alimentado durante moitos anos tanto as xefaturas como as filas da mafia siciliana. Fálase de que, a pesar do rexeitamento que agora provoca en moita da súa poboación, son case dúas centenas de persoas as que seguen a estar relacionadas dalgún xeito con este ente delituoso. A vila de seu non ten moito interese a non ser o puramente anecdótico cunhas poucas igrexas non moi ben conservadas (e pechadas) e a vida dun núcleo rural que fai lembrar outros de Castela-A Mancha ou do sur de España. No meu percorrido vexo numerosas camionetas coa venda ambulante de todo tipo de produtos. Para os interesados no tema da mafia a oferta máis interesante é a do C.I.D.M.A, Centro Internacional de Documentación sobre a Mafia e o movemento Antimafia, que tenta axudar a escacha-los estereotipos sobre Corleone. A visita de pagamento pode demorar un pouco xa que se fai guiada e hai que esperar a conseguir un grupo mínimo de participantes na lingua que interese (italiano ou inglés).
Un curto paseo a pé dende o centro achega o visitante ata a fervenza e canón das Dúas Rochas, un agradable recuncho de verdor cunha bonita cascada formada polo torrente Corleone no que ademais se atopan as ruínas dun antigo acueduto e un muíño recentemente restaurado.
A última mañá e antes da miña saída cara ao aeroporto decido facer a miña última visita en Palermo: as Catacumbas do Convento dos Capuchinos. Non é un lugar para todo o mundo, a súa fama vai ligada as catacumbas que dende comezos do S. XVII ata o ano 1881 foron elixidas como lugar de repouso eterno para os cidadáns máis notables de Palermo. Son centos e centos de corpos de clérigos, homes, mulleres e nenos embalsamados ou momificados cos seus traxes máis vistosos. Toda unha visión macabra de corpos metidos en cadaleitos ou simplemente en exposición. Tan próximos que as persoas impresionables poden pasalo mal. De calquera xeito, as condicións do recinto teñen mellorado moito dende a miña última visita e unha mellor iluminación axuda a dulcificar unha visión de seu terrorífica. Aínda que non está permitido fotografar os corpos non podo resistirme, coido que non lle fago ningún mal. A continuación unha boa colección de fotos do interior das catacumbas. Absterse almas sensibles.