Comezo un itinerario de 21 días pola América Austral que me vai levar por sete cidades (Asunción, Ciudad del Este, Concepción, Neuquén, Rosario, Santiago de Chile e Valparaíso) de tres países (Arxentina, Chile e Paraguai), por un espazo natural verdadeiramente senlleiro (Cataratas de Iguazú) e por unha illa asombrosa en medio da Patagonia Chilena (Chiloé). Unha viaxe cun deseño un tanto irracional que está definido por necesidades de traballo con engadidos lúdicos ao comezo e ao final da mesma.
Chego a Bos Aires tras 18 horas de viaxe entre voos e terminais. Aquí teño que realizar un cambio de aeroporto xa que os voos de Iberia, como todos os intercontinentais, chegan ao aeroporto de Ezeiza e o meu voo doméstico a Puerto Iguazú ten saída dende o céntrico aeroporto de Aeroparque. Un mínimo de 45 minutos e bastantes euros para o traslado entre aeroportos no caso de facelo en taxi. Moitos menos euros pero moito máis tempo no caso de facelo en autobús coa empresa Tienda León.
Sufro retraso con Iberia e chego a Aeroparque co tempo xusto de facturar, cambiar euros a pesos arxentinos e embarcar no meu avión da compañía LATAM a Puerto Iguazú. LATAM, a compañía máis grande da América Latina e unha das máis importantes do mundo, é froito da fusión da compañía chilena LAN e a brasileira TAM. Xa comezan a verse avións coa nova imaxe LATAM pero o persoal de a bordo segue a utilizar os antigos uniformes.
Despois de hora e media de voo aterro no pequeno aeroporto de Cataratas de Iguazú que malia portar o apelido de “internacional” non recibe máis que voos domésticos e case todos con orixe na cidade de Bos Aires. O aeroporto atópase a sete quilómetros das cataratas e a uns vinte e cinco da cidade á que da servizo que é Puerto Iguazú. O único xeito barato de baixar a P.I. son as furgonetas que saen a continuación da chegada dos voos por un importe de 120 pesos arxentinos (8 €). No caso de que viaxen tres persoas xuntas xa compensa coller un taxi.
A razón da miña viaxe é evidente: coñecer as Cataratas de Iguazú. Eu non estou especialmente interesado nas fervenzas e non me tería achegado ata aquí de non ser as boas referencias que veño escoitando a outros viaxeiros. Coñezo as de Niágara e todo o mundo comenta que estas son moito máis impresionantes, así que Iguazú é un espazo que non podo deixar baleiro no meu mapa de viaxes.
Pero antes de comezar gustaríame aclarar unha serie de conceptos para os que queiran organizar unha visita a este destino:
- O territorio das Cataratas de Iguazú/Iguaçu é compartido por Arxentina (80%) e Brasil (20%).
- O nome das cataratas deriva do río Iguazú/Iguaçu que separa o estado brasileiro de Paraná da provincia arxentina de Misiones.
- Para chegar ata as cataratas hai tres aeroportos que lle dan servizo con moi pouca distancia un dos outros: Puerto Iguazú (Arxentina), Foz do Iguaçu (Brasil) e Ciudad del Este (Paraguai). En xeral as tarifas son máis económicas na medida que o aeroporto de orixe e o de destino estean no mesmo país. Non ten sentido voar de Bos Aires a Foz de Iguaçu ou de Sao Paulo a Puerto Iguazú. Dos tres aeroportos o de Ciudad del Este é o que ten peor oferta e o de Foz de Iguaçu o que se ve favorecido con maior número de voos.
- Paraguai non ten acceso ás cataratas dentro do seu territorio, nin sequera ao río Iguazú. Ás veces créase confusión polo feito de que Paraguai participa no “Hito Tres Fronteras”, lugar no que o rio Iguazú, despois de percorrer 1.320 km, se xunta co río Paraná, quedando Arxentina separada de Brasil polo río Iguazú e Arxentina e Brasil separadas de Paraguai polo río Paraná. Para chegar dende Ciudad del Este ás cataratas hai que atravesar unha o dúas pontes internacionais segundo se viaxe á parte brasileira ou á arxentina.
- O interese de Ciudad del Este radica exclusivamente nas compras. A pesar de ser a segunda cidade do Paraguai por razóns de poboación e peso económico ten fama de caótica e perigosa, especialmente polas noites. Case ninguén utiliza Ciudad del Este como base para coñecer as cataratas. E no caso de ir de compras (electrónica sobre todo) pescudar previamente as regulacións aduaneiras no caso de volver a Brasil e, sobre todo, a Arxentina (moito máis restritiva).
- O paso entre os tres países, agás Arxentina, faise sen practicamente control fronteirizo de pasaportes. Os naturais de cada país poden penetrar ata 30 km no territorio dos outros dous sen restricións ou necesidade de selar o pasaporte. Arxentina é a aduana máis implacable e a que máis fai perder o tempo aos viaxeiros. Hai que ter en conta que no caso de non ser de ningunha destas tres nacionalidades e ter intención de seguir viaxando polo país a visitar é totalmente necesario selar o pasaporte para evitar futuros problemas coas autoridades locais.
- As cataratas están protexidas polo seu respectivo parque nacional en ambos os lados. Para visitalas hai que pagar unha entrada de aproximadamente 21 € no lado arxentino e de 19 € no lado brasileiro. As entradas son por unha xornada e válidas unicamente para o país no que son emitidas. O lado arxentino ofrece a do segundo día cun desconto do 50%. Hai que contar que no caso de querer visitar ambos os lados van ser necesarias dúas xornadas completas e un custo duns 40 €. No parque nacional arxentino tan só se pode pagar en metálico.
- Brasil ofrece as mellores panorámicas do conxunto das cataratas ademais dun aloxamento “de lenda” como é Hotel Cataratas (totalmente recomendable no caso de poder pagalo). Arxentina ofrece unha visión máis parcial pero a inmersión é total, as ousadas pasarelas de metal sobre os rápidos son intimidatorias e permiten camiñar entre as augas para asomarse literalmente ao borde do precipicio. Sen coñecer a parte brasileira podo asegurar que a parte arxentina non defraudará a ninguén.
- O volume do caudal sofre de moitas variacións e a pesar de que as cataratas son visitables durante todo o ano na época de choivas poden darse inundacións que obrigan a pechar as pasarelas e a cancelar as viaxes en barca ata a illa de San Martín e ata os pés das cataratas. É importante consulta-la meteoroloxía antes de organiza-la viaxe.
Dito todo isto e tendo en conta que tan só dispoñía da tarde da miña chegada e do día seguinte decidín mercar unha excursión de día completo no hall de chegadas do propio aeroporto. A excursión, cun custo de 250 pesos arxentinos (16 €), non foi cara pero, unha vez realizada, comprobo que é totalmente innecesaria xa que a visita pode ser arranxada facilmente por un mesmo. As explicacións do guía son básicas, nada que non se poida atopar nos folletos do parque ou consultando previamente na Internet, e a sinalización dentro do parque é moi útil e clariña. Iso si, os máis comodóns que se apunten a unha excusión programada serán recollidos no seu aloxamento e os tempos estarán perfectamente definidos para que poidan ve-la beira arxentina nunha xornada.
A cidade de Puerto Iguazú está comunicada por omnibús cada 20 minutos coa entrada do Parque Nacional. Dende aquí todos os visitantes, individuais ou organizados, deben seguir a pé para realizar algún dos tres itinerarios que percorren as cataratas. Importante!, os tres circuítos son MOI aconsellables xa que permiten obter panorámicas diferentes, e todas abraiantes, do conxunto de fervenzas (ver fotografía cos itinerarios).
O Circuíto Laranxa “Garganta del Diablo” comeza cunha viaxe nun pequeno tren de vagóns abertos ata a Estación Garganta para logo seguir por unha serie de pasarelas que se achegan ata a sección máis alta (85 m de desnivel) e asombrosa das cataratas: a Gorxa do Diaño. A impresión que produce esta visita vai depender do caudal da auga, moi variable nas diferentes estacións do ano. Estar asomando á mesma vertical da caída é impresionante pero hai que contar cunha boa mollada e con que o propio vapor que sobe da catarata vai impedir ve-lo fondo. Remata cunha nova viaxe en tren de volta á Estación Cataratas.
O Circuíto Vermello ou Superior está formado por unha serie de pasarelas que se abeiran ao borde superior das cataratas Bossetti, Adán e Eva,…, e San Martín a través do delta do río Iguazú. Para min é o itinerario que permite facer as mellores fotos.
O Circuíto Azul ou Inferior é o que supón un maior esforzo polo accidentado do terreo, subidas e baixadas con chanzos incómodos para a xente de mobilidade limitada. O camiño achégase ata a base do Salto Bossetti e outros cinco saltos máis. Unha desviación leva ata o punto de saída das barcas de goma que se introducen ao pé das cataratas San Martín e moi preto da Garganta del Diablo. O tícket pode comprarse nun quiosco ao comezo da propia desviación por 350 pesos arxentinos (22 €). A viaxe dura uns 12 minutos e facilitan unha bolsa hermética para mete-las mochilas e cousas de valor. Unicamente aconsellable para aqueles amantes da adrenalina tendo en conta que tampouco se vai ver máis do que se ve dende terra firme. O barullo é atronador e o bater da auga impide abri-los ollos ou fotografar dentro da nube de vapor. Algúns viaxeiros vestían traxe de baño e non ían descamiñados. Eu collín tal enchoupada que a miña roupa tardou 48 horas en secar.
Tomade nota de que é moi, repito moi, interesante percorrer os tres itinerarios. Organizándose ben pode facerse sen problema nunha única xornada. En total son sete quilómetros e medio a pé mais os dous traxectos no minitren. A maiores dos tres circuítos e a viaxe en barca hai unha oferta de rutas ecolóxicas e outros paseos complementarios polo río. No caso de viaxar organizado son os propios guías os encargados de ofrecer estas actividades de pagamento. Para viaxeiros pola súa conta hai numerosos postos de venda ao longo do parque. Aconsello facer primeiro o Circuíto Garganta del Diablo para non ter que estar pendente dos horarios de saída do tren e non sufrir a posibilidade de quedarse colgado a última hora.
Ao longo do paseo polo parque nacional arxentino hai numerosas posibilidades de atoparse con familias de coatíes, pequenos mamíferos omnívoros presentes no continente americano. Os animaliños resultan moi simpáticos e achéganse sen medo aos visitantes pero poden volverse moi agresivos no caso de haber comida polo medio. Teñen unhas uñas moi afiadas coas que rabuñar e mancar a unha persoa.
Con respecto a Puerto Iguazú está claro que ninguén vén ata aquí polos valores turísticos desta mediocre cidade. Cuns 40.000 habitantes pasaría totalmente desapercibida de non ser polos servizos que ofrece e polo feito de contar cun aeroporto e unha estación de ómnibus que serve de entrada e saída aos visitantes das cataratas. Un urbanismo sen interese e unha cidade con moi pouca vida nas súas rúas. P.I. consiste nunha rúa principal con seis ou sete restaurantes atractivos e unha oferta ampla de aloxamentos, pero tan espallados polos arredores que tampouco axudan a transmitirlle algo de vida ao lugar. No caso dos viaxeiros independentes é conveniente que o aloxamento escollido estea no centro e preto da estación de autobuses. Tanto a miña chegada como á miña volta de Paraguai procuro un bar agradable no que tomar un trago e contactar coa poboación local pero non o atopo. As nove e media da noite e case todo está pechado,…desisto.
Á miña chegada ao aeroporto fálanme do espectáculo de luz e son que ten lugar cada día no Hito Tres Fronteras, situado no límite da cidade e á beira dos ríos Iguazú e Paraná. Achégome pola tardiña a este novo espazo urbanístico de certo deseño que alberga algunha tendas de artesanía. Unha vez alí cóntanme que xa hai dúas semanas que non ten lugar este espectáculo, e ninguén sabe o porqué. O dito, nada que facer en Puerto Iguazú.
Decido seguir viaxe cara a Paraguai e deixo con certa pena as cataratas que non quería coñecer. Neste caso os títulos de Patrimonio da Humanidade pola Unesco e o dunha das Sete Novas Marabillas da Natureza é, sen ningunha sospeita de dúbida, totalmente merecido.
Conozco Iguazú y me encanta ademas de los paseos hicimos un recorrido en helicoptero y fue brutaaaaaaal jijiii pero sobre todo lo que recuerdo ademas de lo impactante del paisa es el ruido tan fuertiiiiiisimo que hace el agua. Hace 20 años no habia trenecillo y solo una ruta pero impresinaba igual.
Ola Maite. Moita razón, a verdade, e a pesar das miñas reticencias, Iguazú é unha auténtica marabilla da Natureza que merece o palmarés que lle concederon. Unha aperta.