Paraguai é un deses países que non transmite unha imaxe ben definida da súa personalidade. Non hai ruínas prehispánicas, nin cidades coloniais de sona, nin elementos culturais senlleiros, nin tan sequera unha natureza asombrosa tan habitual nos países que o arrodean. Entón… que é o que define Paraguai como destino turístico? Será precisamente descubrir a esencia deste país o que me leve a viaxar por terra dende Puerto Iguazú na Arxentina ata a capital de Paraguai, a cidade de Asunción.
Collo un autobús local que por trinta pesos arxentinos (2 €) atravesa as fronteiras brasileira e paraguaia a través de dúas pontes internacionais. O autobús pasa por territorio brasileiro sen parada na aduana para realizar o control fronteirizo nin posibilidade de recoller ou deixar pasaxeiros. As xestións de saída da Arxentina son rápidas e as do Paraguai son… inexistentes. O autobús entra directamente en Ciudad del Este, ao outro lado da ponte internacional con Brasil, e ninguén me pide a miña identificación. Co pasaporte sen selar nin constancia da miña entrada no país serei un viaxeiro ilegal durante a miña estadía no Paraguai.
O traxecto dende Puerto Iguazú ata a estación de ómnibus, na parte paraguaia, atravesa a cidade de Foz de Iguaçu en Brasil e a rúa principal de Ciudad del Este. A visión dende as xanelas do autobús deixa claro que Puerto Iguazú é a menos desenvolvida das tres cidades fronteirizas.
Unha vez na estación de ómnibus de CDE merco o meu billete ata Asunción por 55.000 guaranís (9 €) e troco diñeiro a dous cambiadores sentados nun recuncho da sala de espera (6.000 guaranís por euro). De contado percibo como muda o acento ao falar, máis suave e menos esaxerado có arxentino, e escoito a lingua guaraní por primeira vez, unha linguaxe de orixe indíxena que no Paraguai, falada por case o 90% da súa poboación, é cooficial xunto co español.
O autobús sae con puntualidade pero aos 15 minutos para de novo noutra estación á saída da cidade e alí esperaremos 45 minutos non se sabe moi ben a que. As continuas paradas van ser a tónica do percorrido e non chegarei a Asunción ata despois de sete horas e media dunha viaxe fatigante. Polo camiño vaime acompañando unha paisaxe agradable pero sen moita forza, unha chaira verde que se vai transformando nunha sucesión de outeiros a medida que nos achegamos a Asunción. Dende a fiestra percibo un país pobre, que non mísero, de feito é o máis pobre de América do Sur de fala hispana. Hai certa dignidade no aspecto das vivendas a pesar do mal costume de tirar o lixo en calquera parte.
Chámanme a atención os numerosos postos de venda de chipas ou chipás, montados con mesas altas e cestos cheos de mercancía envolta en grandes panos brancos. Durante a viaxe soben continuamente numerosos vendedores e decídome a experimentar esta especialidade guaraní; unhas chipas semellan un boliño de pan e outras un donut co seu buraco no medio. A receita máis habitual é a de amidón de mandioca con queixo, leite, ovos, manteiga, sal e unhas pingas de anís. Un sabor seco e agradable, pero sen máis. Está claro que poderei vivir o resto da miña vida sen botar en falla esta delicatessen local.
Chego a Asunción e a capital do país é outro cantar, pero para mal. Atopo unha cidade esaxeradamente descoidada, sobre todo na súa zona central. No camiño ao meu aloxamento, no centro da cidade, teño a mesma sensación que tiven cando visitei San Salvador: cidades que desenvolven toda a súa actividade nos centros comerciais dos novos barrios das aforas e que, ao mesmo tempo, deixan esmorecer o seu centro histórico e o seu legado arquitectónico. A clase media e, por suposto, a adiñeirada foxen do centro tradicional, que cada vez amosa menos actividade e, consecuentemente, sofre dun maior abandono. Beirarrúas rebentadas, sucidade xeral, oferta comercial básica e edificios, tanto os vellos coma os novos, cun alto nivel de deterioro dan unha imaxe de Asunción máis propia dun país do terceiro mundo. É media tarde e decido dar un paseo por unha cidade que parece baleira, abandonada. A única diferenza con San Salvador é que Asunción é unha das urbes máis seguras de Sudamérica. Algo positivo que contar nun continente tan violento coma este.
Á mañá seguinte camiño ata o chamado microcentro (o centro de verdade) e a miña impresión vai mellorando progresivamente. O deterioro urbanístico segue a ser evidente pero vese amortecido polo movemento de persoas que animan un pouco a cidade. A Calle Palma e o eixo que vertebra o centro e onde o nivel comercial mellora substancialmente con respecto ao visto ata o de agora. Non hai nada que sorprenda pero tampouco hai que esquecer que estou nun dos países máis pobres do continente e que a renda per capita é case dez veces inferior á española.
O meu paseo turístico lévame polos poucos atractivos de Asunción, comezando por La Recova, centro artesanal con media ducia de tendas nos baixos dun edificio colonial. Sigo polo Palacio de López, sede do Goberno Nacional, construído en 1857 en estilo neoclásico e, sen dúbida, o edifico máis fermoso da capital. Xusto enfronte está a Manzana de la Rivera, conxunto de casas restauradas con cartos da Cooperación Española para dar vida a un novo centro cultural (dende a cafetería hai unha vista estupenda do Palacio de López). Continúo a miña visita monumental coa modesta Casa de la Independencia, un pequeno museo no edificio onde se xestou a emancipación da patria paraguaia.
Este pasear achégame á que foi en tempos a praza principal de Asunción, onde se levantan o inmóbel da humilde Catedral e o antigo Cabildo, o primeiro edificio construído polos españois no Paraguai e agora reconvertido en Centro Cultural de la República. O que foi unha harmónica praza con vistas ao río Paraguai converteuse xa hai tempo nunha caótica amálgama de edificios de diversa índole. Aos xa mencionados súmanse o Congreso dos Deputados, unha grande área de aparcamento e un macro poboado de chabolas!! habitado polas clases humildes que perderon as súas vivendas nalgunha das numerosas inundacións que veñen afectando a Asunción. Os edificios máis destacados da cidade convivindo cos ranchitos cóbado a cóbado. Os deputados nacionais atopando aos seus pés a realidade máis mísera do Paraguai. As galiñas campando no medio da praza…Isto si que é Democracia con maiúsculas!
Continúo a visita polo Panteón de los Héroes (en reformas) e pola antiga Estación de Ferrocarril, hoxe reconvertida en museo. Paraguai foi un dos primeiros países de Sudamérica en estender unha liña férrea que unía a capital coa que era daquela a segunda cidade do país, Encarnación, a 370 km e dez horas de viaxe. Dúas veces á semana permitía a conexión dende Encarnación, e vía ferri, coa cidade arxentina de Posadas e a posterior continuación en tren ata Bos Aires. A liña desmontouse en 1997 e Paraguai deixou de ter tren. Unha mágoa!
Ao terceiro día tento prolongar a miña estadía na cidade coa intención de facer algunha visita aos arredores. Pero os inconvenientes horarios tanto de bus coma de avión ata Ciudad del Este e a posterior combinación ata Puerto Iguazú obríganme a saír antes do planificado cara á Arxentina para non perder o meu voo de regreso a Bos Aires.
Para non repetir a viaxe fatigosa da vinda decido reservar cunha compañía de ómnibus de mellor calidade e, por suposto, no servizo máis rápido posible. Contrato a miña pasaxe con NSA -Nuestra Señora de la Asunción-, considerada a número un de Paraguai, por 90.000 guaranís (15 €), pero aínda así non me libro de case sete horas de viaxe. Chego a CDE e perdo a última conexión do día para Puerto Iguazú por esqueecer a diferenza horaria entre Paraguai e a Arxentina. Non me queda máis remedio que pagar un taxi por 150.000 guaranís (25 €) ou pasar a noite na nada recomendable Ciudad del Este.
CDE malia ser a segunda cidade do Paraguai tanto pola súa poboación como pola súa actividade económica, limita o seu interese ás compras libres de impostos sobre todo de electrodomésticos e informática. Os visitantes chegan á primeira hora da mañá á cidade e pola tarde queda completamente deserta. Aínda que ten mellorado nestes últimos anos a súa mala sona de cidade problemática e violenta, durante a noite segue a ser, no mellor dos casos, evitable. E por riba do posible perigo, tampouco hai nada que facer.
Evidentemente, a lóxica viaxeira lévame a contratar un taxista. Collo o primeiro na cola da Estación de Ómnibus que vai resultar un señor maior moi agradable que amenizará a viaxe coas desgrazas do seu país mentres pasamos de novo as fronteiras brasileira e arxentina. CDE ofrece un aspecto moi diferente ao da ida; cos negocios pechados a rúa principal parece unha falsa fachada que oculta unha cidade desolada, sen vida de seu. O meu taxista fala de como baixou o volume de negocio pola empeoramento da situación económica tanto no Brasil coma na Arxentina e de como as longas colas que se formaban na ponte internacional son cada vez menos longas. Ofréceme a posibilidade de saír de Paraguai sen control de pasaporte ou con el. Explícolle que non teño selo de entrada e, sen ningunha dúbida, recoméndame evita-la policía para non verme na obriga de pagar unha multa e a correspondente mordida. Fala da miña boa sorte de non terme topado cun algún control policial xa que os niveis de corrupción do Paraguai seguen a ser alarmantes.
Así que saio do Paraguai tal e como entrei, sen ningún control nin rexistro no meu pasaporte. Paraguai, o país no que nunca estiven oficialmente. De novo, pasamos sen parar na fronteira paraguaia e na brasileira. Cruzamos o centro de Foz de Iguaçu que ofrece un aspecto máis lúdico e agradable que as súas dúas cidades veciñas. Pero tampouco hai ninguén nas rúas, como moitas outras poboacións do Brasil FDI non é unha cidade segura.
Entramos na Arxentina e aquí si temos que pasar o control de pasaportes tras unha longa espera na fronteira. O meu chofer comenta que a Arxentina é sempre “especial”e que as regras están mudando continuamente. Non me estraña nada coñecendo a especial idiosincrasia do país que me vai acoller de novo durante uns días.
IMPORTANTE: Despois deste relato é evidente que os viaxeiros que decidan pasar a Paraguai por esta fronteira deberán avisar ao condutor do ómnibus procedente do Brasil ou da Arxentina que debe parar na aduana para realizar os trámites pertinentes e o selado do pasaporte.