Son consciente de que nin Neuquén nin Rosario son dous destinos habituais para un viaxeiro español que decida coñecer a Arxentina. É obvio que eu tampouco serían quen de visitar estas cidades de non ser por mor do meu traballo.
NEUQUÉN
Despois de pasar a noite en Bos Aires tomo o primeiro voo ao pequeno e novo aeroporto de Neuquén, onde aterro antes das oito da mañá. Nada mais saír á rúa sinto a baixada de temperatura, case invernal. E o vento, forte e incómodo.
Neuquén, capital da provincia do mesmo nome, é considerada a primeira cidade da Patagonia Arxentina cunha poboación superior aos 250.000 habitantes se contamos coa súa aglomeración urbana, incluída a veciña vila de Cipolletti, xa na provincia de Río Negro. Neuquén é ademais unha cidade rica, a cidade do petróleo, famosa polo seu xacemento Centenario perforado por uns 111 pequenos pozos de extracción. E coa segunda reserva de gas fósil a nivel mundial.
Pero a verdade é que esta riqueza non é para nada evidente ao deambular pola cidade; poida que polo feito de que a explotación petroleira é unha concesión dende 1977 á empresa Pluspetrol e os beneficiarios sexan tan só uns poucos.
Realmente a cidade é fea, eu incluso diría moi fea, sen personalidade nin atractivos e practicamente nada con interese que visitar. Por riba, o día da miña chegada non presta nin camiñar. O tempo non axuda, o vento frío que corre polas anchas avenidas convida a ir de volta ao hotel en busca de agarimo. Busco sen éxito unha rúa peonil con algo de animación urbana pero fracaso no intento. Nas explicacións da Oficina de Turismo non atopo nada que me anime a seguir descubrindo a cidade, xa que os puntos turísticos se limitan a un par de pequenos museos e un paseo pola beira do río Limay.
O único museo realmente interesante é o Museo Nacional de Bellas Artes (MNBA), un moderno edificio, un tanto eslamiado, deseñado polo arquitecto Mario Roberto Álvarez para albergar obras de arte europeas dende o Renacemento ata o Impresionismo e pintura dos mestres arxentinos. Lamentablemente pecha os luns que é o único día que vou estar en Neuquén. O museo está a carón do Monumento a los Caídos en las Islas Malvinas, un moderno e pouco emotivo memorial en lembranza dos 649 mortos caídos durante a guerra contra o Reino Unido.
Todo dentro do coñecido como Parque Central, un substantivo (o de parque) que, sen dúbida, resulta excesivo para este macroespazo que ocupa o centro da cidade, con moi pouca aparencia do que se espera dun parque e con edificios de diversa índole dedicados a múltiples servizos. Neuquén naceu, como a maioría das localidades da Patagonia, arredor da comunicación por ferrocarril e o Parque Central, que ocupa as antigas instalacións do Ferrocarril del Sud, aínda está percorrido polas vías do tren. De feito, dentro dos límites do parque hai unha pequena estación cun único servizo de Neuquén á veciña Cipolletti.
O que si visito é o Museo Gregorio Álvarez, que leva o nome do primeiro médico da cidade, nunha antiga nave das máquinas do tren rehabilitada para conter unha exposición pequena e sinxela con obxectos pertencentes ás tribos mapuches que habitaban esta rexión ata comezos do século XX.
Tamén visito o Museo de la Ciudad Paraje Confluencia, así de nome rimbombante pero nunha humilde vivenda de ferroviarios. O museo, dentro da súa sinxeleza, é moi interesante xa que axuda a entender o por qué de Neuquén. Coñecida nun principio como Paraje Confluencia, a cidade de Neuquén non foi fundada ata o ano 1904 co gallo da chegada do ferrocarril. Un lugar de pioneiros, ao máis puro estilo do Oeste Americano, no que os comezos deberon ser moi duros. Botando unha ollada ás fotografías da súa época de fundación, hai pouco máis dun cento de anos, distínguense unhas poucas casas nomedio dunha gran poeira, sen apenas servizos e lonxe de todo. Unha aldea nunha contorna agreste que contaba pouco máis que cos ríos Neuquén e Limay como vías de comunicación e con carretas de cabalos para chegar ao resto do mundo. Serán a liña férrea ata Bahía Blanca e o posterior descubrimento de materias primas o que fagan de Neuquén o que hoxe é.
Unha autentica mágoa que os seus habitantes non o souberan facer mellor, tendo en conta que seica hai cartos dabondo. Pero realmente Neuquén é un destino a non ter en conta a non ser por motivos alleos ao seu propio interese turístico ou por atoparse no camiño dos máis apetecibles San Martín de los Andes, na mesma provincia, pero a 419 km de distancia, ou San Carlos de Bariloche, a 439 km, pero xa na provincia veciña de Río Negro.
ROSARIO
Regreso a Bos Aires e paso a noite para coller o primeiro voo da mañá cara á cidade de Rosario. Non hai conexións aéreas directas entre esta cidade e Neuquén. Tendo en conta que Rosario é a terceira cidade do país poderiamos cualificar a oferta de voos do seu aeroporto, como pouco, de raquítica, polas escasas conexións e os enlaces programados a deshora. Voo con Aerolineas Argentinas dende o aeroporto bonaerense de Aeroparque tras unha imposible madruga e tras as, coma non, pertinentes dúas horas de atraso que me levan acompañando e van seguir ao meu carón en maior ou menor medida ao longo da miña viaxe. Dende o avión e pouco antes de aterrar contemplo asombrado o inmenso alto delta que forma o río Paraná fronte á cidade de Rosario.
O longo camiño dende o aeroporto ata o centro da cidade resulta agradable. Rosario luce limpa e aseada e ese aspecto pracenteiro vai dende o seu comercio ata o seu deseño urbanístico. Pero con matices. Hai un problema común a todas as cidades arxentinas que non deixa a Rosario de lado: un importante descoido urbanístico no que florece unha mestura de estilos construtivos que a miúdo dan forma a unha paisaxe urbana de aspecto confuso. Patrimonio mal conservado, pavimentos e beirarrúas en estado catatónico, comercio básico e caro, pouca animación nocturna fóra das fins de semana e servizos de restauración pouco competitivos son unhas constantes que lle restan atractivos ás cidades arxentinas. Está claro que a Arxentina non está a vivir o seu mellor momento.
Esa sensación agradable inicial vaise confirmar despois dos meus tres días de estadía en Rosario, pasando a se converter, e con bastante dereito, na cidade máis apetecible das, por outra banda, pouco apetecibles cidades arxentinas.
O gran “pero” de Rosario é que o seu índice de criminalidade ten medrado constantemente ata acceder ao incómodo privilexio de ser considerada como a cidade máis perigosa do país. A causa está na rivalidade entre bandas de narcotráfico e os delitos con agresión xeralmente causados pola dependencia de substancias tóxicas que arrastran moitos poboadores das inmensas bolsas de miseria que se estenden ao sur da cidade. Non hai máis que dar unha volta pola autoestrada que conduce cara a Bos Aires para quedar impresionados coas inmensas villas ou chabolas que se abeiran a esta vía de comunicación.
Na parte positiva destacan os numerosos edificios patrimoniais que, ao igual que en Bos Aires, fan lembrar un pouco a París. Pero un París cun verniz de realidade sudamericana, un soño roto, agravado pola situación económica destes últimos anos.
O principal motivo polo que os arxentinos visitan Rosario é o Monumento a la Bandera, o primeiro ensaio do renacemento da arquitectura monumental na América latina. Construído á beira do río Paraná en 1957, ocupa o lugar onde o patriota Manuel Belgrano izou por primeira vez a bandeira arxentina en 1812. O monumento, en mármore travertino, quere facer lembrar a figura dun barco coa proa formada por unha torre de 70 m de alto, que funciona coma un miradoiro público, e un casco composto por un propileo onde se mantén unha lapa permanente como homenaxe aos que deron a súa vida pola patria.
Seica é moi habitual que os colexios da Arxentina veñan durante o curso escolar a render devoción e cantar o himno nacional diante da bandeira. Teño ocasión de comprobalo, xa que o día da miña visita entro nun restaurante próximo e non me queda máis remedio que compartilo cunha morea de rapaces novos e o seu barullo atronador. Nese mesmo restaurante teño oportunidade de probar o pacú, un peixe típico do río Paraná da familia das pirañas.
O monumento enfronta a parte traseira da Catedral de Rosario, que ofrece unha bonita fachada pero queda un pouco mal encaixada no tecido urbano. Non podo entrar, xa que se atopa pechada no momento da visita.
Para ver o Rosario bonito hai que ollar cara a arriba e deste xeito descubrir edificios verdadeiramente notables, coma son o do Jockey Club, o da Bolsa, o da tenda Falabella, o Palacio Fuentes ou o Club Español. Contemplando o nivel do urbanismo de principios do século XX non é de estrañar que a cidade tivese soños de grandeza. Non hai máis que ir ata a praza San Martín e ver os edificios dos antigos tribunais, hoxe Facultade de Dereito, e o do Goberno da Provincia. Ou percorrer o coñecido como Paseo del Siglo, oito cuadras pola rúa Córdoba entre o bulevar Oroño e a rúa Corrientes, para entender a cidade que puido chegar a ser.
Outro atractivo de Rosario é achegarse ata a avenida Belgrano e así poder admirar a grandeza do delta do río Paraná ou incluso facer unha pequena excursión náutica ata algunha das numerosas illas inundables fronte á cidade.
Rosario tamén ten un par de rúas con interesante oferta gastronómica e incluso todo un barrio con certa animación nas fins de semana (barrio Pichincha), que se fai extensivo ás ribeiras do río nos meses do verán austral. Como non coincido en fin de semana téñome que conformar coa tranquilidade habitual dos días de semana. A miña estadía foi agradable pero despois de tres días non sinto pena por continuar a miña viaxe.
Decido coller un autobús que me leve a Bos Aires en catro horas e reservo pola Internet coa compañía Tigre Iguazú, unha das moitas empresas de autobuses que unen ambas cidades. Pero o día da saída o vehículo non fai acto de aparición, polo visto a conexión vén dalgunha cidade máis ao norte e os atrasos no horario son habituais. Despois de 45 minutos de espera decido comprar outro billete de saída inmediata na mesma estación, xa que corro o risco de perder o meu voo de Bos Aires a Santiago de Chile. Chego con atraso e preséntome en Aeroparque tan só 40 minutos antes da saída e con medo a non ser aceptado ao embarque. Non hai problema, ese día hai folga de controladores aéreos e o voo está cancelado. Ofrécenme saír dende o aeroporto de Ezeiza e saio, finalmente, pero con seis horas de atraso.
Recoñezo que non lle teño moito cariño á Arxentina pero, ao mesmo tempo, ela tampouco fai moito para que llo teña.