Hai dous anos e medio, durante unha travesía en barco dende Puerto Natales ata Puerto Montt, pasei a carón da illa de Chiloé, na Patagonia chilena, e escoitei “esa chamada” que transmiten algúns destinos especiais. Naquel momento, ollando as súas costas, sentín que había algún tipo de conexión entre aquela terra e a miña persoa. Esta primeira impresión viríase confirmar cando os meus compañeiros de navegación me recomendaron con moita insistencia que volvese con máis tempo e non deixase de visitar ese bonito recuncho de Chile.
Xa na casa e lendo sobre Chiloé descubrín que o seu primeiro nome, aínda que nunca oficial, foi Nueva Galicia. As razóns para escoller este nome parecen de peso xa que, por unha parte, os primeiros exploradores deste territorio consideraron que a paisaxe era moi parecida á galega e, por outra, o Gobernador de Chile nese momento, Rodrigo de Quiroga, era de orixe galaica.
Que eu saiba son unicamente dous os territorios do mundo que levaron o nome do noso pequeno país: a illa de Chiloé (Chile) e o Nuevo Reino de Galicia (México), este último formado polas provincias de Nueva Galicia e a de Zacatecas.
Foi naquel intre, e coido que polas razóns expostas, que decidín que Chiloé ía ser o meu próximo destino vacacional no caso de regresar a Chile. E así foi. Contaba cuns días libres ao final do meu periplo laboral e a oportunidade de coñecer esa terra irmá ía facerse realidade.
Ata hai un par de anos o xeito máis rápido de achegarse a este enclave, a 1.100 km ao sur de Santiago de Chile, era apañar algún dos numerosos voos entre a capital e Puerto Montt para, logo, seguir por terra e cruzar en barco o estreito canal de Chacao que separa a illa do continente. Agora é moito máis doado grazas a un voo diario dende Santiago de Chile, único e previa paraxe en Puerto Montt, que chega ao aeroporto de Mocopulli, no centro da illa e a escasos quilómetro da cidade de Castro.
DÍA 1
Aterro ás 13:30 e teño 48 horas por diante antes de regresar ao aeroporto para o meu voo de volta á capital. Como as tarifas das grandes multinacionais de alugamento de coches me parecían algo excesivas, decido quedar, previamente e por correo electrónico, cun particular que por un prezo razoable de 60.000 pesos (79 €) polo aluguer e 150.000 pesos (197 €) pola fianza ía deixarme o seu vehículo durante eses dous días. Págolle nada máis chegar e baixo ao propietario ata o centro de Castro pensando que me levaba a algunha oficina para asinar papeis ou, polo menos, facer unha fotocopia do meu pasaporte. Ao chegar á praza principal mándame parar e baixa rapidamente, despedíndose de min cun apertón de mans ata 48 horas despois. Pola módica cantidade de 276 € quedo no meu poder cun utilitario; non recibo nin entrego ningún documento. Fico abraiado, xa que o dono do vehículo descoñece calquera dato máis aló do meu correo electrónico. Por non coñecer non sabe sequera o nome do meu aloxamento. Poucas posibilidades de saír da illa escapando co coche? Confianza excesiva?
Comentando o feito a posteriori con xente local, razoaban que ese nivel de confianza viña dado pola miña condición de europeo. Que no caso de ser arxentino ou doutro país do continente americano sería outro cantar…
En menos de dúas horas dende a miña aterraxe baixo a Castro, boto gasolina, paso pola Oficina de Turismo a recoller información e a organizar o meu itinerario, e xa estou embarcando no ferri que une a vila de Dalcahue coa illa de Quinchao. Todo un récord de eficiencia organizativa!
Dende as seis da mañá e ata a unha da madrugada diversos navíos permiten cruzar entre as illas de Chiloé e Quinchao en apenas cinco minutos de travesía. Por un valor de 5.000 pesos (6,50 €), a tarifa inclúe a ida e a volta, tanto para o vehículo coma para o pasaxeiro.
A illa de Quinchao funcionou coma unha gran porta para expandir as misións xesuíticas cara ás outras illas do arquipélago. A intención é percorrer a illa lonxitudinalmente, pasando polas vilas de Curao de Vélez e Achao, ata o extremo oposto, onde se ergue a igrexa de Matao. Vou descubrindo, e asombrándome ao mesmo tempo, do que se asemella a paisaxe de Nueva Galicia á da propia Galicia. Á primeira vista as especies forestais son moi parecidas, incluíndo lamentablemente o eucalipto. Tamén hai prados e vacas. E esa costa mil veces recortada, tan galega! As principais diferenzas veñen dadas por un punto maior de aridez, froito dun verán moi seco, e pola escaseza case absoluta de praias de branca area tal e como as entendemos na Galicia europea. Logo, con tempo, irei descubrindo moitas outras diferenzas; pero esa primeira impresión foi absolutamente deliciosa.
O principal motivo para vir ata Quinchao é coñecer dúas das igrexas de madeira que aparecen relacionadas entre as 16 declaradas Patrimonio da Humanidade pola Unesco na provincia de Chiloé. En concreto: Santa María de Loreto en Achao, o máis antigo de todos os templos chilotes construído en 1730, e o de Nuestra Señora de Gracia en Villa Quinchao. Este último, levantado a finais do s. XVIII, ten a particularidade de ser a igrexa tradicional máis longa da illa, cunha planta de 18,4 x 52,8 m. Tamén aproveito para achegarme á pequena igrexa de Matao, no extremo oriental da illa. Matao non está na listaxe da Unesco por ser unha igrexa moito máis recente, de finais do século XIX.
Regreso á tardiña e despois de cruzar o estreito aproveito para pasear pola vila de Dalcahue e fotografar a igrexa de Nuestra Señora de los Dolores, tamén declarada Patrimonio da Humanidade. En Dalcahue celébrase cada domingo o mercado de artesáns máis famoso de Chiloé e, por esa razón, decido pospoñer o resto da visita á miña última mañá antes de subir ao aeroporto.
Unha vez en Castro rexístrome no meu hotel que, como non ía ser menos, ocupa un dos edificios palafíticos típicos da cidade, a escasa distancia do centro, no Distrito Palafítico de Gamboa. O meu aloxamento imita á arquitectura tradicional pero é de nova construción, dos anos 60.
Dou un paseo ata a praza principal, onde se levanta un edificio pintado en cor amarela intensa: a Catedral de San Francisco. O seu aspecto por fóra faime lembrar algún dos rechamantes beléns típicos da cidade de Cracovia, en Polonia. Pola contra, os tons da madeira escura do seu interior axudan a darlle unha aparencia máis sobria. Facendo a visita achégaseme un home local para comentarme que parece ser que esta igrexa, pola súa escala e o seu deseño, é froito dun erro que fixo que se utilizaran os planos doutro templo deseñado para Europa en lugar dun templo tradicional chilote. Descoñezo a verdade pero si é evidente que a traza de San Francisco rompe totalmente co resto das igrexas patrimoniais de Chiloé.
Chego á hora da misa da noite, o que me permite visitalo por dentro. Será o único en todo o percorrido. Unha mágoa que espero sexa emendable en tempada alta. Nesta ocasión teño que conformarme con gozar unicamente do exterior dos edificios ou, como moito, botar unha ollada se é que a fiestra o permite. As igrexas abren normalmente só para a celebración eucarística, unha ou dúas veces á semana, e a horas tan intempestivas como son as tres e media da tarde.
Castro, a máis poboada das cidades chilotas, é un núcleo agradable e facilmente recorrible a pé aínda que de animación moi limitada despois do solpor.
DÍA 2
Érgome cedo para aproveitar o día, e coido que demasiado cedo tendo en conta as espesas brumas matinais. Comezo polo meu distrito, o de Gamboa, un dos catro que hai en Castro, onde se poden ver as típicas casas palafíticas. Os outros tres son os de Pedro Aguirre Cerdá, o de Lilló e o de Pedro Montt. O de Pedro Montt está subdividido á súa vez en dúas seccións separadas pola estrada que entra en Castro proveniente da cidade de Ancud. O Distrito de Gamboa e unha das seccións do de Pedro Montt son fáciles de fotografar dende terra firme pero para o resto de distritos é mellor dende o mar, en barca.
Remato a miña visita a Castro no cruceiro (si, galego) da rúa O´Higgins; supoño que un agasallo da Xunta de Galicia. Malia que tento coñecer a historia que hai detrás deste monumento non consigo resultados na Internet.
Saio de Castro en dirección sur e a primeira parada é na igrexa de Nuestra Señora de Gracia, en Nercón, a escasos quilómetros da capital. E como xa viña sendo habitual… tamén pechada. Sigo camiño cara á vila de Chonchi e, antes de entrar nesta poboación, desvíome por unha pista sen asfaltar que baixa ao mar, á aldea de Vilupulli, no Canal de Lemuy. No medio dun prado álzase a capela de San Antonio, outra preciosa (e pechada) construción en madeira. Con Nercón e Vilupulli son xa seis as igrexas patrimoniais visitadas.
Despois entro en Chonchi, unha poboación desgairada pero chea de encanto. Hai unha atmosfera de tempo parado con certa cadencia caribeña que lle dá un aire especial. No centro da vila aparece a igrexa de Nuestra Señora del Rosario, construída no ano 1769, unha das máis atractivas do percorrido pola súa fachada principal. Realmente o que vemos é unha terceira versión da construción inicial. Ademais da igrexa, paga a pena camiñar cara ao porto pola Calle Centenario, onde se concentraban as residencias das familias adiñeiradas locais, aquelas enriquecidas polo comercio da madeira. Unha desas casas é visitable, xa que acolle o Museo de las Tradiciones Chonchinas. A casa pertenceu a D. Clemente Andrade e a Dona Verónica Álvarez (polos apelidos podería dicirse que de indubidable orixe galega), e a súa visita permite comprobar como, a pesar de se trasladaren, á outra punta do mundo, seguían a conservar un xeito de vida totalmente europeo. O paseo debe rematar na Calle Irarrázaval, na costanera marítima, coas súas casas de cores mirando ao mar. Ao final desta rúa hai un pequeno Mercado Municipal que ofrece produtos locais e un algo de artesanía chilota.
Deixo Chonchi e desvíome cara ao oeste da illa para me dirixir á aldea de Huillinco. Aquí hai un onírico e moi estético peirao de madeira que se asoma ao lago do mesmo nome. A poucos metros do peirao, no curioso cemiterio local, pódense visitar panteóns que reproducen as arquitecturas en madeira típicas de Chiloé.
O lago de Huillinco comunica co lago Cucao, que remata moi preto do Océano Pacífico. Na beira norte deste último lago comeza a abrirse o Parque Nacional Chiloé. A entrada para estranxeiros é de 4.000 pesos chilenos (5,25 €) pero eu termino pagando tan só o cincuenta por cento coma se fose un visitante nacional (supoño que debín de caerlle ben ao vixilante xa que, evidentemente, o meu acento non pasa por chileno). O recinto ofrece seis sendas que se internan moderadamente na área protexida, son fáciles de camiñar e a visita non debería levar moito máis de media xornada. De feito, pódese ver o máis interesante da súa oferta en apenas hora e media. Sigo as recomendacións do vixilante e percorro a senda do Tepual, un itinerario lineal de ida e volta cun tramo circular ao final. A primeira parte da senda é unha pequena decepción, un camiño coma outros fóra do parque. O realmente interesante é a senda de trazado circular que transcorre por unha fraga densa e esaxeradamente húmida de tepús, unha maraña case impenetrable de vexetación con troncos e pólas reviradas de formas caprichosas.
A seguinte paraxe é un espazo natural nunha das zonas menos habitadas da illa, o coñecido como Puente de las Almas. Dende a entrada do Parque Nacional regreso ata a aldea de Cucao e dende alí sigo dirección sur, pola costa, para chegar dez quilómetros despois a Punta Pirulil. Deixo o coche aparcado como podo e sigo a pé por outros dous quilómetros a través dunha senda xa bastante esvaradía neste comezo do inverno austral. O camiño esixe certo esforzo pero o premio final é un auténtico agasallo da natureza. Realmente é a iniciativa dun particular, e supoño que o propietario do terreo, que buscando ingresos do turismo decidiu construír unha pasarela de madeira tremendamente estética pero que non conduce a ningures. A pasarela é unha mera desculpa para achegarse a esta contorna natural pero, ao mesmo tempo, serve para que moitos visitantes fagan fotos nas que, segundo a perspectiva, poidan parecer colgados do baleiro. Un paseo por unha paisaxe virxe que remata nuns cantís de extraordinaria beleza. O lugar, poboado de vacas, ovellas e cabalos, emana un algo especial que namora á primeira vista. Por se fose pouco, unha lenda local inunda o lugar de poesía. Non deixedes de ler esta bonita historia na foto que acompaña este texto!
Definitivamente o Puente de las Almas é un dos must see de Chiloé, sen ningunha dúbida. Pero é un lugar para gozar en soidade ou con moi pouca xente arredor. Non estou seguro de ter estas mesmas impresións no caso de compartir a experiencia con moitos outros visitantes en tempada alta.
A noite comeza a caer e teño o tempo xusto de chegar ata Quellón, a vila máis poboada do sur de Chiloé, fronte á illa Cailin. Quellón non é especialmente bonita nin interesante, pero a viaxe permíteme seguir gozando coas paisaxes chilotas e visitar o coñecido como o Hito Cero. O fito é un discreto monumento, a escasos quilómetros ás aforas de Quellón, que marca o comezo da estrada Panamericana, a principal vía de comunicación terrestre deste continente que une a cidade de Anchorage en Alaska coa vila de Quellón en Chile. A partir de aquí, en dirección sur, tan só as terras sen estradas da Patagonia Chilena. Un lugar para amantes de fitos a nivel mundial.
DÍA 3
Xa non me queda máis que esta mañá para acabar de coñecer a illa. Alejandro, o propietario do meu coche de aluguer, mandoume unha mensaxe na que me dicía que non estaría ao pé da catedral para subir xuntos ao aeroporto. Unha viaxe imprevista levouno fóra da illa e chegará no mesmo avión que eu collerei para volver a Santiago de Chile.
Castro amence esaxeradamente fría. O persoal do meu hotel tíñame comentado que non é normal baixar de cero graos na illa, pero o termómetro exterior marca catro baixo cero. A néboa é tan espesa e húmida que parecemos inmersos nun relato gótico ou do Londres vitoriano.
Saio en dirección nordeste por pistas de terra en bastante mal estado de conservación. A primeira paraxe é na aldea de Tenaún, no Golfo de Ancud. Un lugar adormecido, de casas neocoloniais de evidente influencia alemá, famoso pola súa igrexa de Nuestra Señora del Patrocinio. A súa fachada convértese na miña preferida pero do interior non podo falar, pechado a pesar de ser domingo.
Dende Tenaún sigo uns quilómetros máis aló en dirección norte ata a pequena igrexa de San Antonio en Colo, listada como a anterior entre as dezaseis patrimoniais da Unesco. Ao final consigo ver nove das dezaseis igrexas e deixo para outra ocasión as illas exteriores de acceso máis complicado.
Regreso a Dalcahue, onde estiven o primeiro día, para coller o barco á illa de Quinchao. Hoxe é o mercado artesanal no que priman os obxectos de madeira e os tecidos con lá e tinguiduras naturais. Os artesáns deste mercado rexeitan os produtos importados e garanten que todo o que alí se venda é feito por xente da illa de Chiloé. Aproveito para mercar unha bonita manta que vai encaixar perfectamente co estilo do meu cuarto en Galicia. A carón do mercado hai un edificio de madeira coñecido como Cocinerías, un edificio con postos culinarios de gastronomía local que se repite nas principais poboacións da illa. E decídome a probar o prato típico chilota, o curanto. É unha delicia local para ser cociñada con moito tempo, nun burato no chan, enriba de pedras quentes e coa materia prima envolta en follas vexetais. Tamén existe a versión “a la olla” que permita que os restaurantes poidan ofrecer este prato. Cando vexo a comida diante dos meus ollos quedo totalmente sorprendido: mexillóns, ameixas xigantes, patacas, zanco de polo, lacón, chourizo… unha mestura imposible!. Todo acompañado dunha saborosa cunca de sopa co líquido no que se coceron todos estes ingredientes. Porco e produtos do mar, un raro mixtión que tamén trae un recendo de Galicia. Iso si, dous días despois seguirei tentando facer a dixestión.
O avión aterra puntual e fago o cambio de chaves con Alejandro nunha nadiña. Vantaxes dos aeroportos pequenos! Digo adeus a Chiloé pensando nun ata logo. Esta terra conseguiu un novo fan que xa pensa en volver.
IMPORTANTE: Viaxar en tempada moi baixa, como é o meu caso, ten as súas cousas boas pero tamén os seus inconvenientes. Mellores prezos e reservas sen problemas no lado positivo. No negativo, atopar que unha gran parte da oferta turística está pechada, o que fai relativamente difícil encontrar onde comer e mercar provisións fóra das grandes áreas urbanas.
Aí vos deixo un artigo aparecido nos xornais chilotas, supoño que medio en serio medio en broma. Todo xurde polo descontento entre a poboación da illa despois de que unha forte toxina no mar paralizase completamente a actividade pesqueira a comezos deste ano. Os chilotas ao igual que os pascuences (Isla de Pascua) son dos pobos chilenos maís reinvindicativos fronte ao goberno central.
Chiloé solicita su reincorporación a España – LA LEGAL
Algunos chilotes se aburrieron de esperar una respuesta de Santiago, y decidieron radicalizar su manifestación de una insólita manera.
Como muestra de apoyo, ya se mandó a pintar el municipio con los colores de la madre patria.
San Carlos de Chiloe (ex Ancud).- En medio de la crisis por la marea roja, y luego de reiterados rechazos a sus demandas desde Santiago del Nuevo Extremo, un grupo de dirigentes chilotes decidió manifestar abiertamente su apoyo a la opción de volver a ser territorio de ultramar de la corona española, tal como lo eran hasta antes de su anexión a Chile en 1826.
La insólita medida fue liderada, entre otros, por el alcalde Nelson de Borbón, quien sería candidato al marquesado de la Nueva Galicia de Chiloé, y ya habría iniciado contactos con las autoridades españolas.
Consultado por las eventuales represalias desde Chile, el alcalde señaló que no tienen miedo, y que por el contrario esperarán a las fuerzas chilenas con un rico curanto, como muestra de cordialidad isleña.