O FESTIVAL
Era unha teima, moi grande e alimentada co tempo. Levaba case trinta anos querendo volver ao Festival Internacional de Teatro Clásico de Almagro e, ao mesmo tempo, pasar uns días nesa bonita vila da provincia de Cidade Real.
Durante a miña primeira visita Almagro pareceume un lugar ideal, unha especie de oasis en medio da estepa castelá-manchega. E o seu festival de teatro… unha oportunidade de ver obras clave do teatro clásico en poucos días e en escenarios emblemáticos. Unha escapada que non se pode perder.
Pero volvendo á viaxe obxecto deste post, todo comezou no mes de febreiro. O festival non representaría a súa primeira obra ata o día sete de xullo pero é ben sabido que os eventos multitudinarios en poboacións con poucas prazas de aloxamento esixen dunha certa organización. Naquel momento chamei aos meus amigos interesados neste tipo de eventos pero a todos eles lles parecía unha data a longo prazo e un exceso de previsión. Claro, a imprevisión galega, tan típica! Ao final foron tres os amigos que confirmaron: a miña parella preferida de Vigo, Chelo e Fernando, e a miña colega Carmen.
Decidimos reservar aloxamento nese mesmo intre para, unha vez chegada a data do festival, asegurarnos de poder apousentarnos no centro da vila e non ter que estar pendentes do coche. E tamén polos prezos vantaxosos de face-la reserva con tempo. Deste xeito, a comezos de febreiro xa tiñamos pousada reservada e quedabamos pendentes para que en canto a programación fose publicada facer a reserva para as obras de teatro do noso interese. As entradas colgáronse á venda o día 7 de abril, podendo face-la reserva tanto por teléfono como pola web do Festival.
http://www.festivaldealmagro.com/
Neste ano 2016 a programación do Festival estendeuse dende o día 7 ata o 30 de xullo. O habitual é que haxa unhas poucas obras teatrais ao día que se repiten durante varias xornadas, de xeito que no caso de asistir varios días non dá para ver máis que unha obra por xornada. Os escenarios principais son o Corral de Comedias, o patio do Hospital de San Juan, o Teatro Municipal e a Plaza de Santo Domingo reconvertida no Espacio Miguel Narros. Hai outros espazos menores coma o Patio de Fúcares ou o claustro do Museo del Teatro (e algúns máis) no que tamén hai citas puntuais. As obras de teatro van acompañadas de exposicións, xornadas e encontros que dan contido ao Festival. En canto aos prezos varían entre os 20 e os 28 €, agás os espectáculos de teatro infantil e o programa Almagroff que teñen tarifas inferiores.
Tendo en conta a nosa reserva de aloxamento organizamos para ver tres obras: ”El Alcalde de Zalamea” de Calderón de la Barca, pola Compañía Nacional de Teatro, representado no Hospital de San Juan o día sete; “Shakespeare´s Villains”, de Steven Berkoff, no Corral de Comedias o día oito, e “Cervantes Ejemplar”, a partir de “El Licenciado Vidriera” e “El celoso extremeño” de Cervantes, por Producciones Micomicón no Teatro Municipal representado o día 9 de xullo.
Sen ser un especialista no eido do teatro, coido que si podo dar unha opinión totalmente persoal sobre estas obras. “El Alcalde de Zalamea”, con Carmelo Gómez de protagonista, estivo más que correcta nas interpretacións dos seus actores e incorporou algúns elementos novos na súa escenografía que axudaron a manter a atención do espectador. Pola contra, Shakeaspeare´s Villains, protagonizada en exclusiva polo actor, dramaturgo e director británico Steven Berkoff, resultou un monólogo en inglés pouco teatral e tremendamente aburrido. Opino que escoitar a Steven falando sobre os viláns shakespearianos nunhas xornadas maxistrais para especialistas en teatro podería ser óptimo, pero velo enriba dun lugar tan especial como é o Corral de Comedias resultou o menos teatral do mundo. Recoñezo a miña pouca paciencia e que tiven que saír antes de rematar o espectáculo xa que se me facía insufrible. Pero non fun o único! Para concluír, “Cerventas Ejemplar” foi unha auténtica sorpresa, unha mestura simpática de teatro clásico e cabaré. Quedounos un bo corpo que nos animou o resto da noite.
Polo que respecta aos escenarios non hai ningunha queixa. En todo caso.. unha pequena. Agás o Teatro Municipal, os outros son espazos ao aire libre nos que se corre o risco de que a obra teña que ser suspendida en caso de choiva. Evidentemente, non é habitual que chova nesas datas en Castela-A Mancha, pero sempre pode haber unha excepción. E así foi, o primeiro día houbo que retrasar 45 minutos o comezo da obra no Hospital de San Juan por unha chuvieira durante a tarde e por ameaza de tormenta.
O Teatro Municipal pode recordar por estilo e decoración ao Teatro Principal de Santiago de Compostela. Construído na segunda metade do século XIX tivo que ser restaurado nun par de ocasións, a máis recente no ano 2006. O tamaño do patio de butacas e a súa forma elíptica permite aos espectadores ter unha visión próxima do que está a pasar no escenario.
Pero, sen dúbidas, a estrela do mundo teatral é o Corral de Comedias (e non só para Almagro), xa que é o único de España que se conserva intacto e en activo dende comezos do século XVII ata os nosos días. Os corrales de comedias eran habitualmente patios de mesóns, pousadas ou veciñanzas que foron adaptados para representacións teatrais durante o Século de Ouro Español. En concreto, o de Almagro é de 1628 e froito dunha remodelación do antigo Mesón del Toro. O edificio forma parte da Ruta Europea de Teatros Históricos.
Polo que respecta a Almagro, a vila segue a ser un lugar estupendo para pasar uns días de lecer. O seu tecido urbano garda moitas pegadas do seu relucente pasado. A adiñeirada familia Fugger e as autoridades eclesiásticas deixaron magníficas arquitecturas que o tempo, e os seus habitantes, souberon conservar. Dentro dese conxunto harmónico destaca a Plaza Mayor, de orixe medieval, cunha imaxe característica definida pola longas galerías corridas de cor verde. Pero tamén hai que salientar o edificio renacentista do Almacén de los Fúcares, as igrexas de Madre de Dios, San Agustín e San Bartolomé, e os conventos da Encarnación e o da Asunción de Monjas Calatravas. A pesar do seu tamaño, esta poboación manchega tamén conta entre a súa oferta con tres museos: o Museo Nacional del Teatro, o Museo del Encaje, e o Museo Etnográfico; así coma un espazo expositivo, o Espacio Arte Contemporáneo. Xa vedes… unha morea de cousas a facer. Pero as veces nin sequera hai que facer algo concreto, pasear polo seu barrio nobre, polas rúas arredor da Plaza Mayor e tomar algo nalgunha das moitas terrazas da praza é xa de seu unha experiencia moi agradable.
Finalmente, comentar que unha vez rematado o evento e visto con perspectiva reflexiono sobre se é mellor esperar a que a programación sexa publicada para decidir as datas segundo o interese das obras representadas, e face-la reserva de aloxamento posteriormente. Aínda que deste xeito a oferta de aloxamento será máis reducida e case seguro que máis cara. Queda á iniciativa e ás preferencias de cada un.
A VIAXE
Foron catro días e medio de viaxe intensa cun percorrido de 2.100 km dende a nosa saída de Santiago de Compostela. Antes da partida tomamos dúas decisións importantes: non facer a viaxe dun tirón para pasa-la noite nun punto intermedio que ofrecera algo de interese e, ao mesmo tempo, evitar a circunvalación de Madrid.
DÍA 1
O día da partida traballamos ata o mediodía polo que calculamos poder chegar a Ávila e ter o pracer de cear e durmir nesta cidade medieval. Chegamos con tempo dabondo para pasear antes da cea e así admirar as melloras conseguidas nestes últimos anos. Visitamos algúns dos monumentos da zona nova e gozamos coa boa temperatura e o ambiente cosmopolita que ofrecía Ávila nestes primeiros días do verán. Á metade da cea caeu unha forte chaparrada de tormenta e decidimos volver ao hotel.
DÍA 2
Á mañá seguinte dedicámola a visitar o exterior dos principais edificios intra muros e o interior da Catedral. Facía tempo que non pasaba por esta cidade e apenas tiña recordos de como era o seu templo principal. Coido que a palabra axeitada para definilo é… marabilloso!. Son moitos os atractivos a salientar. O primeiro e máis evidente é a pedra calcaria coa que foi construído, un material que mestura diversos tons de ocres e que lle proporciona un aspecto de superficie xaspeada. No seu interior destaca o sepulcro do bispo Alonso de Madrigal, coñecido polo seu alcume de El Tostado, e o precioso altar maior iniciado polo pintor palentino Pedro Berruguete. No exterior chama a atención o uso de ameas, elemento arquitectónico relacionado coa dobre función, relixiosa e defensiva, do edificio. O mellor testemuño é o coñecido como Cimorro, esa curiosa ábsida con forma de baluarte defensivo integrado dentro da propia muralla. Por outra banda e xa máis vinculado á historia actual, no pavimento do claustro pode visitarse a sinxela tumba de Adolfo Suárez, ex presidente e figura clave da Transición española, e da súa muller Amparo Illana.
Fóra das murallas visitamos a Basílica de San Vicente, o templo máis importante da cidade despois da Catedral, que acolle o Cenotafio dos Santos Mártires, un monumento funerario de pedra policromada e unha das obras mestras da escultura románica en España.
Rematamos achegándonos en coche ata o monumento coñecido coma Los Cuatro Postes, unha cruz protexida por catro columnas dende onde se obtén a mellor panorámica das murallas da cidade baixando cara ao río Adaja.
Ese día chegamos a xantar á vila de Orgaz, na provincia de Toledo. A intención era visitar o seu pequeno castelo e a igrexa parroquial de Santo Tomas Apóstol, pero atopamos todo pechado baixo unha calor infernal. Alguén nos recomendou visitar os restos do mosteiro visigótico dos Hitos e o pequeno Museo de Arte Visigótico, ambos no lugar de Arisgotas a cinco quilómetros de Orgaz. Pero, unha vez realizada a visita, coincidimos en que as ruínas do mosteiro non están preparadas para recibir xente, e que a oferta do humilde museo, a pesar da súa singularidade, está limitada aos moi interesados no mundo visigodo.
A media tarde chegamos a Almagro e aproveitamos para dar unha volta e realizar un primeiro contacto coa vila. Ese día era o primeiro do Festival e facíase entrega a Concha Velasco do 16º “Premio Corral de Comedias”, pero non puidemos acceder ao evento xa que era preciso unha invitación. Tampouco tivemos a posibilidade de ollar o espectáculo de inauguración do Festival, previsto para as dez e cuarto na Plaza Mayor. Foi atrasado por mor da choiva e nós tivemos que acudir a nosa primeira cita teatral no Hospital de San Juan.
DÍA 3
As representacións teatrais son case sempre á última hora da tarde, o que permite dispoñer de todo o día libre para realizar excursións de ida e volta na xornada.
Ningún dos meus amigos coñecía ben a provincia de Cidade Real polo que decidimos planificar dous percorridos que nos achegasen aos principais atractivos, que son moitos, desta zona de Castela-A Mancha. Eramos conscientes de que a provincia é moi grande e teríamos que deixar moitos outros puntos de interese para unha futura ocasión.
A primeira paraxe foi no Santuario de la Virgen de las Nieves, a patroa de Almagro, a cinco quilómetros de Bolaños de Calatrava. Esta ermida ten a particularidade de ter apegada unha praza de touros; coido que unha rareza exclusiva da provincia de Cidade Real que tamén se repite no Santuario de las Virtudes. O restaurante do santuario ten sona de ser o máis antigo de España ao levar servindo comidas dende o século XVII.
A segunda parada prevista, xa no concello de Daimiel, tivo que ser cancelada polas limitacións impostas nas condicións da visita. Falo de Motilla del Azuer, un importante xacemento arqueolóxico da Idade do Bronce que foi acondicionado e aberto ao público hai moi pouquiños anos. O nome motillas identifica a construcións únicas da Mancha formadas por asentamentos fortificados, unha serie de muros concéntricos que defendían os recintos que xestionaban a actividade económica desa área. Toda unha sorpresa inesperada que deixamos pendente para unha seguinte escapada. Déixovos o link con información para a visita, e unha foto prestada para que vos fagades unha idea da importancia do xacemento.
http://www.motilladelazuer.es/La-Visita/Tarifas-y-horarios.html
No mesmo concello e a escasa distancia está o Centro de Visitantes do Parque Nacional Tablas de Daimiel. Xa antes de entrar pasamos a carón do Molino de Molemocho reconvertido en Centro de Interpretación para coñecer a relación entre esta zona húmida e o ser humano ao longo da historia. As Tablas de Daimiel constitúen o último representante dun ecosistema característicos de A Mancha denominado tablas fluviais. Zonas inundadas polos desbordamentos dos ríos Guadiana e Cigüela con asolagamentos favorecidos pola escaseza de pendente no terreo. A singular cuberta vexetal permite o desenvolvemento dun hábitat ideal para a fauna relacionada co medio acuático. O Parque ten pasado por moi malos momentos nos que se dubidada da súa viabilidade futura debido a épocas de seca prolongada e a excesiva explotación dos acuíferos. Parece que esta situación está resolta e o Parque ocupa de novo o lugar que lle corresponde. Atendendo á nosa consulta, o persoal do Centro de Visitantes aconsellounos o itinerario da Isla del Pan que, cunha lonxitude de dous quilómetros, permite pasear por algúns dos lugares máis interesantes. As pasarelas de madeira axudáronos a ver de preto a pouca fauna que conseguimos descubrir.
Chegamos a xantar ás Lagunas de Ruidera, un Parque Natural compartido polas provincias de Albacete e Cidade Real. Antes, de camiño, paramos na ermida e castelo de Peñarroya, asomado ao encoro do mesmo nome formado polas augas do río Guadiana. Aquí vimos por primeira vez a cor turquesa das augas que, logo, será unha constante nas lagoas de Ruidera.
Ruidera é un oasis de auga e vexetación con espazos moi apetecibles para o baño, sobre todo tendo en conta que estamos nunha das rexións máis áridas de España. Son dezaseis lagoas dispostas en chanzos, de xeito que as augas flúen dunha lagoa a outra formando pequenas fervenzas. O mellor momento é a primavera, cando as augas acadan o seu máximo caudal. No mes de xullo as fervenzas desapareceran e as lagoas superiores tiñan o nivel bastante baixo pero tan só a cor das augas fan que o lugar pague a pena.
De volta cara a Almagro desviámonos ata Tomelloso, unha das cidades máis poboadas da Comunidade castelá-manchega. Tomelloso non é especialmente bonito nin ofrece recursos de alto interese, pero alberga o Museo del Carro y Aperos de Labranza, un museo etnográfico sobre as tarefas agrícolas propia da zona. A exposición axudounos a facernos unha idea sobre as numerosas covas soterradas que aínda quedan nos baixos das casas da cidade para o almacenamento do viño (non hai que esquecer que estamos na principal zona produtora de viño de toda España). Pero o que nos resultou especialmente curioso foi a peza máis emblemática da colección: un “Bombo” ou vivenda fabricada con dous millóns de pedras traballadas segundo a técnica da pedra seca (sen argamasa). Os bombos, habituais no campo de Tomelloso, son casas de campesiños e pastores que, levantadas sen coñecemento técnicos, supoñen un enorme desafío a gravidade e ao propio peso do seu material construtivo. As pedras utilizadas eran as que os labregos sacaban da terra cando araban estes áridos terreos da estepa manchega. O bombo de Tomelloso foi construído ex profeso e colocado no patio do museo para os que, curtos de tempo, queren coñecer esta senlleira vivenda que procede do século XVI. Pero aqueles que teñan tempo dispoñible poden realizar algunha das catro rutas de sendeirismo deseñadas pola Oficina de Turismo local que pasan a carón dos numerosos bombos que aínda quedan no rural tomellosano.
A última parada do día foi na praza principal da vila La Solana. A praza era agradable pero o resto da poboación non espertou a nosa curiosidade.
DIA 4
O último día tiramos cara ao sur da provincia e tomamos como punto de partida a vila de San Carlos del Valle, non lonxe de La Solana visitada a última hora do día anterior. Esta poboación concentra os seus atractivos na Plaza Mayor, unha praza de soportais que sustentan bonitas casas con balcóns de madeira arredor da igrexa do Cristo. A disposición dos edificios e as súas galerías abertas fan lembrar os palcos dun teatro orientados ao que poida suceder no centro da praza.
Seguimos cara ao sueste para chegar a unha das poboacións máis bonita e monumental desta rexión: Villanueva de los Infantes. Portadora do mesmo nome que a nosa Vilanova dos Infantes (Celanova), é unha vila que soubo conservar o esplendor co que reluciu durante o Século de Ouro español. A capital da bisbarra Campo de Montiel é un harmónico conxunto urbanístico moi arranxado que ademais ten a honra de hospedar os restos do escritor Francisco de Quevedo na súa igrexa de San Andrés. A vila ben paga a pena para dedicarlle unha media xornada e gozar das terrazas da Plaza Mayor en compaña da xente local.
Entre as localidades de Villanueva de los Infantes e Viso del Marqués fixemos unha curta paraxe noutro santuario de características semellantes ao das Neves, o Santuario das Virtudes e a súa vistosa praza de touros. O templo é anterior ao século XIV e a praza foi incorporada a mediados do século XVII. Lamentablemente, o acceso tanto ao interior do santuario como á praza estaba pechado.
Viso del Marqués é un lugar bastante curioso, unha pequena poboación de apenas 2.500 habitantes que aparece como escenario literario no Quixote e que podería confundirse coa paisaxe circundante a non ser polo impoñente pazo que se ergue na súa praza principal. É o Palacio del Marqués de Santa Cruz, construído en estilo renacentista italiano e cunha superficie de 8.000 m² que serven para acoller o Arquivo Xeral da Mariña Española “Don Álvaro de Bazán”; un arquivo de titularidade estatal con fondos da Armada Española dende o S. XVIII ao XX, xestionado polo Ministerio de Defensa. Non deixa de chamar a atención que o Arquivo da Armada estea nun lugar tan lonxe da costa e tan especialmente árido coma é Viso del Marqués.
A nosa última visita foi ao castelo de Calatrava la Nueva, pertencente ao concello de Calzada de Calatrava. A capital do municipio é visible dende o alto do castelo e queda de camiño vindo de Viso del Marqués. Non conta entre as vilas bonitas da provincia pero é bastante nomeada por ser o lugar de nacemento do director Pedro Almodovar. Hai un parque e un espazo cultural que levan o nome do cineasta e a oficina de turismo promociona a Ruta Cinematográfica Almodovar que percorre algúns escenarios das películas deste director.
O castelo está nun enclave privilexiado no alto dun outeiro a 936 m de altitude. Circundado por unha paisaxe virxe de forte carácter mediterráneo está enfrontado a outro castelo ao lonxe, o castelo de Salvatierra, para conxuntamente protexer o paso do camiño. Foi o lugar escollido pola Orde de Calatrava para construír a súa sede principal trala batalla das Navas de Tolosa no ano 1217. Dende aquí apuntalouse a nova fronteira sur dos reinos cristiáns para servir de apoio á conquista dos territorios ao sur de Sierra Morena. A visita resulta moi interesante e as vistas son impagables.
Dende Calatrava La Nueva regresamos a Almagro para a última sesión de teatro. Ao día seguinte, e de vagar, percorremos o camiño de volta a Santiago de Compostela, cunha única parada en Arévalo (Avila) para saciarnos cunhas boas racións de leitón.