A consideración do que é arte ou deixa de selo é moi subxectiva. Non hai ningún manual que diga “ata aquí se pode chegar”. Por suposto que non quero entrar nestas disertacións, nin teño a capacidade requirida nin é obxecto deste blog. Pero as veces, viaxando, un atopa almas creativas e moi imaxinativas que contan cousas dun xeito particular.
Descoñezo quen anda detrás das numerosas pintadas que practicamente inundan o centro de Belgrado. Unha asociación, un particular, un artista que atopou unha vía de inspiración? Non importa. Os porquiños rosas, os poliños amarelos e as vacas en branco e negro axudan a mellorar as moitas veces sórdidas fachadas desta cidade. Se encima mandan unha mensaxe positiva de respecto cara ao animais…, pois moito mellor.
Mentres tanto un alma pouco creativa, pero moi omnívora coma min, seguirase deleitando tanto das bonitas pintadas belgradenses como dos praceres que nos proporcionan os animaliños retratados.