Este verán 2016 decidimos mudar a nosa inercia á hora de colle-las vacacións. Explícome, o habitual é reservar un mes enteiro para fuxir cara aos recunchos máis agochados do noso planeta. Evidentemente, esta fórmula permite gozar dunha sensación de distanciamento total da vida diaria pero, ao mesmo tempo, supón unha espera de doce meses ata a seguinte grande escapada.
Eu non adoito ter problemas cos meus días libres pero para Bruno, con quen comparto moitas das miñas viaxes, é outro cantar. Ata o de agora a súa empresa obrigáballe a coller o seu mes de vacacións todo xunto e dentro do período estival. Seica o 2016 é o punto de inflexión e por primeira vez pode dividilo en dúas quendas, permitindo que unha delas sexa fóra da tempada de verán. É por esa razón que tomamos unha decisión: Serbia e Montenegro no verán (cultura, sol e Mar Mediterráneo), e as illas de Cabo Verde para pasa-lo Nadal (praia, música e certa dose de exotismo).
A escolla de Serbia e Montenegro vén como consecuencia de seren países nunca visitados por ningún de nolos dous. E por outra banda, a súa relativa proximidade a Galicia non nos obriga a someternos a voos de longa duración co seu conseguinte jet lag. Montenegro é ademais un antollo persoal xa que levo moitos anos vendo fotografías do fiorde, ou da ría (é dicir Boka Kotorska ou baía de Kotor), máis meridional de Europa e, se a realidade non desmerece o que amosan as imaxes, está claro que é un lugar que paga a pena visitar.
Montenegro é un país relativamente pequeno, coa metade da superficie de Galicia a súa costa non chega aos 300 km e a súa poboación é de tan só 620.000 habitantes. Quizá demasiado pequeno para dúas semanas de vacacións. Por iso, á hora de face-la reserva buscamos algún outro país na contorna que ofrecese destinos urbanos para complementar a oferta de natureza de Montenegro. A solución veu da man da compañía Vueling cunha interesante oferta de voos a esta parte de Europa e tarifas razoablemente económicas. Esta liña aérea de baixo custe permitiunos reservar unha ida dende Santiago de Compostela a Belgrado, a capital serbia, e un regreso dende a cidade croata de Dubrovnik, moi preto da fronteira montenegrina.
Serbia non é un destino habitual de vacacións para case ninguén, e moito menos para un viaxeiro español. Antes de viaxar xa eramos conscientes de que carece de atractivos de sona internacional e de que a súa reputación como país agresivo e agresor tampouco axuda. Por parte promoción turística que poida facer Serbia, se é que a hai, a España non chega. Pero coido que todos estes aparentes inconvenientes aínda nos animaron máis a escoller este país.
Viaxamos sen ideas preconcibidas e con expectativas bastantes baixas. As poucas imaxes de Serbia que acoden ás nosas cabezas son as dun país con dolorosas secuelas das numerosas guerras que eles mesmos provocaron no período máis recente da súa historia.
Unha vez en Belgrado atopamos que estas escasas imaxes están moi lonxe da realidade do país. Serbia escasea realmente de referencias turísticas evidentes; non hai máis que pedir a calquera español de a pé que nomee unha ou varias das súas iconas e comprobaremos que, a duras penas, saben situa-lo país no mapa de Europa. Pero o que vemos vainos sorprendéndonos aos poucos. Sentímonos nun destino no que é moi doado viaxar: fácil comunicación entre cidades, bos prezos, uso de tarxetas de crédito estendido, e un inglés máis que aceptable falado tanto polos profesionais dos servizos turísticos como por unha gran parte da poboación serbia. Incluso o seu alfabeto cirílico estase latinizando a marchas forzadas para facer intelixible aos visitantes a sinalización en rúas e vías.
A pesar da precaria situación económica de Serbia, hai outro feito que é causa de asombro pola nosa parte: hai ganas de pasalo ben. As avenidas principais das cidades visitadas están cheas de terrazas e de moreas de persoas gozando coas boas temperaturas do verán. O ambiente de rúa, o terraceo, funciona durante todo o día e ata a media noite. Logo, as cidades parecen relaxar e o ambiente nocturno vólvese cativo. Tamén resulta moi atractivo que a atmosfera do país sexa puramente serbia, os estranxeiros somos minoría e os grupos turísticos organizados totalmente inexistentes.
Aterramos en Belgrado xa de noite cun tempo fresco e algo de orballo. Malia á hora tardía e o cansazo provocado pola chegada atrasada do noso voo, decidimos saír a coñecer a noite da capital. Facemos unha primeira paraxe no barrio de Skardalija, non lonxe do noso aloxamento, que aparece en tódolos folletos co alcume de “barrio bohemio”. Skardalija é máis ben unha rúa pequena, peonil e lastrada (non é lugar para vir con tacóns altos polo esvaradío dos seus lastros) na que se abren restaurantes en ambas beiras. A oferta gastronómica é principalmente balcánica e está amenizada con grupos de música folk que tocan as súas pezas en directo. Entre os restaurantes tamén hai algún bar musical cunha clientela de xente extraordinariamente guapa que vén a escoitar os últimos éxitos internacionais. O barrio é un clásico nas noites de verán e un dos sitios onde asegurarse ambiente nocturno calquera día da semana.
A mañá seguinte é domingo e Belgrado amence triste e húmida. Xa sabemos que os domingos non son días ideais para coñecer unha cidade, e menos se chove. Pero independentemente do día da semana e dos elementos atmosféricos, Belgrado non pode lucir nunca ben. E a razón é porque non é bonita. Mesmo diría que a menos bonita das capitais desta parte de Europa. A mala sona de Belgrado xa era coñecida por nós antes desta viaxe e, unha vez aquí, constatamos a súa fama de cidade fea. Non se entende moi ben, Belgrado é a capital de Serbia, como foi capital de Serbia&Montenegro e, previamente, capital da antiga República de Iugoslavia durante moitos anos. As capitais dos países son case sempre un espellismo, as veces irreais, onde os gobernos tratan de amosar o ben que marcha o país. Liubliana, Zagreb e incluso Saraxevo, cidades “menores” durante a República, son urbes máis harmónicas que a propia Belgrado. Durante o percorrido polo país observaremos que a mestura de estilos construtivos, o mantemento de fachadas e o urbanismo en xeral estará moito máis coidado noutras cidades de Serbia que na capital. Que pasa con Belgrado? Por que ofrece unha impresión peor que o resto de cidades visitadas? Posiblemente sexa consecuencia dos ataques sufridos ao longo da súa historia, ata corenta exércitos diferentes castigárona unha e outra vez, sen piedade. Queda pouco legado do seu pasado e dá impresión de que a Belgrado moderna foi levantada con algo de presa. Nun folleto turístico lemos a frase “Belgrado non é unha cidade que pose para a foto” e o comentario é totalmente acertado.
Malia o seu aspecto descoidado e o mal tempo da fin de semana, a nós resúltanos agradable. Hai que descubrila e gozar coas pequenas sorpresas. O percorrido turístico pasa ademais de polo barrio de Skadarlija pola Praza da República, o centro neurálxico de Belgrado onde destacan o Teatro Nacional (Narodno pozoriste) e o Museo Nacional (Narodni Muzej). A praza é bastante ecléctica pero serve de punto de partida da rúa peonil Knez Mihailova, lugar de paseo preferido pola xente local e principal zona comercial. A rúa remata no Parque Kalemegdan no que se ergue a Fortaleza de Belgrado, miradoiro excepcional para contemplar a confluencia dos ríos Sava e Danubio (Dunav).
Este paseo é realizable a pé e debe ser completado coas igrexas de San Marcos (Crkva Svetog Marka) e St. Sava (Hram Svetog Save), ambas sen rematar e bastante baleiras no seu interior. St. Sava está dedicado ao fundador da Igrexa Serbia e fai lembrar (un pouco) a Santa Sofía de Istambul. Considerado como o templo ortodoxo máis grande de Serbia e do mundo (se eles o din…), e o principal símbolo da cidade cos seus 70 m de altura. A obra é relativamente recente, comezada a levantar en 1935 non foi rematada ata 1985 por mor da II Guerra Mundial. O interior segue incompleto.
Outros edificios notables son a Asamblea Nacional (Narodna skupstina), a Casa do Concello (Skupstina grada) e o Pazo Presidencial (Predsednistvo), tamén chamado Antigo Pazo Real por ser a residencia dos Reis de Serbia. Outro edificio bonito é o do Hotel Moscova (Hotel Moskva). Finalmente, para os interesados na tecnoloxía non hai que esquecer que Belgrado alberga o museo de Nikola Tesla, o máis afamado inventor de orixe serbia e creador dalgún dos inventos que revolucionaron o mundo. Botade unha ollada ao seguinte link para coñecer o alcance dos descubrimentos de Tesla. Todos estes atractivos poden visitarse practicamente nunha xornada.
https://hipertextual.com/2014/07/nikola-tesla-genios-historia
Unha das grandes referencias lúdicas de Belgrado é a zona de lecer de Splavovi, estruturas flotantes sobre as augas do río Sava e Danubio. Esténdese dende a illa de Ada Ciganlija, no río Sava, ata a confluencia con río Danubio, para logo espallarse pola beira deste río tanto á dereita como a esquerda da confluencia. As estruturas son de diversas tipoloxías e funcionan como bares e clubs sobre todo nocturnos, pero tamén hai zonas especializadas en servizos de restauración. As noites de divertimento da fin de semana hai que buscalas por esta parte da cidade.
Finalmente, ao final dunha destas zonas de estruturas flotantes, no banco dereito do Danubio, está a antiga poboación de Zemun, hoxe absorbida pola parte nova da cidade. Zemun conserva varios dos edificios e rúas do século XIX e comezos do XX en bo estado de conservación, sobre todo arredor da emblemática torre de Gardos.
Volvemos a Belgrado tres días máis tarde, despois da nosa visita ao norte do país, e constatamos que a nosa intuición é unha realidade: Belgrado é unha cidade activa, chea de vida, na que a actitude dos seus habitantes, enchendo bares e restaurantes, desmente a pouca prosperidade económica que se deduce do seu urbanismo. Unha cidade chea de xente nova desexando formar parte da familia europea.