Subotica e Novi Sad, destinos urbanos en Vojvodina

O luns de mañá collemos un autobús, cómodo por certo, que nos deixa na cidade fronteiriza de Subotica. Na Oficina de Turismo de Belgrado aconselláranos facer uso do transporte terrestre para viaxar polo país xa que o servizo ferroviario de Serbia é lento e escaso. Malia a pagar o servizo expreso e ter unha única paraxe na cidade de Novi Sad, a medio camiño, tardamos tres horas en percorrer os 185 km de autoestrada que separan as cidades de Belgrado e Subotica.

Lido de Mulleres en Palic, preto de Subotica

Lido de Mulleres en Palic, preto de Subotica

81

Igrexa católica (a Catedral) na praza Trg slobode de Novi Sad

Estando na casa, en Galicia, ao tempo de buscar información sobre que ver neste país, atopamos que a cidade de Novi Sad era a primeira referencia urbana de Serbia polo bo estado de conservación do seu centro antigo. Nesa mesma pequena investigación apareceu o nome de Subotica, a tan só 85 km ao norte de Novi Sad, como cidade Art Nouveau. O cualificativo venlle dado grazas aos numerosos edificios deste estilo arquitectónico que dominan o centro desta urbe.

Temos por diante dous días e medio que, ben distribuídos, é o tempo que precisa esta escapada incluído o tempo de viaxe entre cidades. Chegamos a Subotica á hora de xantar con tempo dabondo para aloxarnos e degustar a gastronomía local. Imos experimentando prato tras prato pero sen que se esperten os sentidos dos nosos padais. Gastronomía correcta en sabores pero sen pluses engadidos (como no resto de Centro Europa). E cun exceso de carne na maioría dos menús.

55

En Serbia sempre se pode mata-la fame nas numerosas panaderías (pekara) que hai por todas partes

Detalle en Subotica

A Art Nouveau chegou a Subotica, vía Budapest, a finais do S. XIX e comezos do XX. Daquela, as dúas cidades pertencían ao mesmo Impero Austro-Húngaro e o estilo construtivo e decorativo aplicado era moi semellante. A vangarda artística do momento pensaba que o desenvolvemento industrial e a rápida urbanización do mundo levaría a aniquilación da beleza. Por esa razón, a arte debería ser introducida na vida diaria para, buscando inspiración na natureza e as súas formas, protestar contra os canons estritos do historicismo e outros estilos presentes nese intre.

A Oficina de Turismo de Subotica dispón de folletos ben editados que propoñen un itinerario por quince edificios Art Nouveau nesta cidade. O percorrido é facilmente realizable nun par de horas tendo en conta que, se é coma no noso caso,  non se pode acceder ao interior de ningún deles. Uns por seren de propiedade privada, outros por ter moi restrinxido o horario de visitas, e outros…, descoñecemos o por qué. A pesar destes inconvenientes, o exterior dos edificios e o ambiente xeral da cidade fan que pague a pena achegarse ata aquí.

46

Elementos Art Nouveau nas fachadas

Elementos Art Nouveau nas fachadas

 

 

 

 

 

 

 

 

Bruno diante da Casa do Concello

Bruno diante da Casa do Concello

Fai clic para acceder a Art%20Nouveau%20in%20Subotica.pdf

Subotica é segunda cidade máis poboada da provincia de Vojvodina e a quinta de Serbia, pero o seu aspecto a o ambiente que se respira é totalmente de provincias.

Os indispensables a visitar son a Casa do Concello, na praza Trg slobode, e a Sinagoga, na praza Trg sinagoge, ambos os dous edificios de porte e acabado impresionante obras dos artistas e arquitectos Marcell Komor e Dezső Jakab.

47

52

53

Rúas e arquitectura Art Nouveau en Subotica

Sinagoga

Sinagoga

Ambiente de rúa en Subotica

Ambiente de rúa en Subotica

A terceira visita máis salientable é ao pazo familiar de Ferenc Raichle, no parque do mesmo nome. Xantamos no restaurante que ocupa a bonita terraza da parte posterior deste pazo onde, por riba das vistas estupendas e ambiente agradable, comemos ben e barato.

40

Pazo familiar de Ferenc Raichle

Detalle do interior

Detalle do interior

Vista dende o restaurante posterior

Vista dende o restaurante posterior

Fonte memorial de Palic

Fonte memorial de Palic

A ruta Art Nouveau é un itinerario lineal con Subotica no medio que leva cara á dereita á cidade de Szeged (Hungría) e cara á esquerda á vila de Sombor (Serbia), aínda que esta última con moito menos exemplos de valor. Vaia onde se vaia sempre debe rematar na vila balnearia de Palić, a tan só 8 km do centro urbano de Subotica. Non temos tempo para Szeged e Sombor pero a visita a Subotica debe ser completada obrigatoriamente coa visita a Palić. E alí acudimos a mañá do segundo día. Tomamos o autobús urbano número 10 e chegamos en escasos vinte minutos.

Vasos de cerámica

Vasos de cerámica

Palić foi un destino balneario e de veraneo para as elites de finais do século XIX. O urbanismo deste agradable recanto á beira do lago foi deseñado en parte polos mesmos arquitectos da Casa do Concello e doutros emblemáticos edificios de Subotica. Hai unha ruta pequena que visita cinco edificios espallados polo parque Heroja; todos diferentes segundo a súa función pero conservando un estilo único. O paseo polo parque a primeiras horas da mañá resulta extremadamente apetecible. Para rematar tomamos algo na terraza do Lido de Mulleres, un pavillón de madeira que semella aboiar nas augas do lago. Aquí as mulleres de clase alta nadaban agochadas aos ollos dos homes, tal e coma era requirido segundo os protocolos e a educación no momento do esplendor de Palić. Ademais de grandes edificios como a Gran Terraza e o Lido de Mulleres, tamén poden visitarse outros menores como o Pavillón de Música, a Torre da Auga ou incluso máis pequenos, como a Fonte Memorial e os vasos decorativos en cerámica azul de Zsolnay coa imaxe do deus da auga.

Torre da auga e entrada ao parque de Palic

Torre da auga e entrada ao parque de Palic

57

Parque Heroja

58

Edificio Gran Terraza cara ao parque

59

Fachada ao lago da Gran Terraza

60

Fonte memorial

63

Lido de Mulleres

Lido de Mulleres

Palić deixa na nosa retina un pouso de épocas pasadas, moi agradable. Regresamos a Subotica para pegar no noso autobús con dirección a Novi Sad.

Chegamos e acomodámonos na capital da provincia autónoma de Vojvodina, unha rexión na que conflúen ata vinte e cinco grupos étnicos diferentes entre os que destacan o dos serbios e o dos húngaros. A entrada na cidade é decepcionante; costa entender o seu alcume da Atenas Serbia (o outro, o de Xibraltar do Danubio aínda o entendo menos). Pero a medida que camiñamos pola rúa principal, Zmaj Jovina, para achegarnos á praza Trg slobode comezamos a encariñarnos con Novi Sad.

68

Pazo do Bispo no comezo da rúa Zmaj Jovina

Rúa Dunavska

Rúa Dunavska

69

Rúa Dunavska ao chegar ao Parque do Danubio

82

Rúa Zmaj Jovina

81

Praza Trg slobode

101

Ambiente nocturno na rúa principal

Ambiente nocturno na rúa principal

Realmente os seus puntos de interese están case todos concentrados nestes dous lugares e na rúa Dunavska, unha vía perpendicular que vai dende Zmaj Jovina ata o parque do Danubio (Javna česma). Nesta reducida maraña urbana están practicamente todos os edificios históricos de interese: a Casa do Concello, a igrexa católica romana do Nome de Santa María (tamén coñecida como a Catedral), o Pazo do Bispo (Vladičanski dvor) e o Museo de Vojvodina.

A mañá seguinte, antes de coller o noso bus de volta a Belgrado, visitamos outros atractivos fóra do centro. Un pouco máis afastado, pero non moito, está a Sinagoga. Un edificio do arquitecto Lipot Baumhorn que fai lembrar no seu aspecto exterior a sinagoga de Subotica. Non podemos esquecer que estamos nun importante enclave xudeu que sufriu dunha maneira moi especial os efectos da II Guerra Mundial.

Na outra beira do Danubio, cruzando a ponte de Varadinski most, e no alto dun outeiro, asómase a Fortaleza de Petrovaradin. O paseo ata alí supón unha media hora a pé e unha forte subida no tramo final. Mellor coller uns dos económicos taxis da cidade. A fortificación austríaca, máis vella que a propia cidade, acomodou un importante número de soldados e armas para conter os ataques otománs na que era nese momento a fronteira do Imperio. Esténdese por 112 ha de superficie con numerosos edificios no seu interior. Con todo, o principal interese da fortaleza son as amplas vistas que ofrece sobre o río e a cidade de Novi Sad.

Algunha rúa interesante fóra da zona monumental

Algunha rúa interesante fóra da zona monumental

85

86

Fortaleza de e vistas de Novi Sad dende o seu miradoiro

Fortaleza de Petrovaradin e vistas de Novi Sad dende o seu miradoiro

O que engaiola da capital de Vojvodina son, de novo, as súas rúas de terrazas sen fin, ben coidadas e cheas de animación ata a media noite. Esas terrazas que xa compartimos en Belgrado, Subotica e, supoñemos, debe ser unha constante neste país.

Regresamos xa de noitiña a Belgrado onde ao día seguinte gozaremos do sol e dun aire limpo que axudaran e mellorar a nosa impresión inicial. Ao segundo día saímos cedo pola mañá ao noso seguinte destino: Montenegro. Serbia deixa en nós un sabor pracenteiro, froito dun lugar do que non esperábamos nada e ao que non nos importaría volver.

Bruno cun modelo de coche de fabricación serbia. As marcas Zastava e Yugo foron tan populares que incluso eran exportadas a outros países do ámbito soviético. A situación económica obriga a mantelos en bo estado

Bruno cun modelo de coche de fabricación serbia. As marcas Zastava e Yugo foron tan populares que incluso eran exportadas a outros países do ámbito soviético. A situación económica obriga a mantelos en bo estado

 

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.