TREN BELGRADO-PODGORICA
A cita é ás nove e dez da mañá na estación de ferrocarril de Belgrado para coller o tren que nos levará ata Podgorica, a capital de Montenegro.
Vimos cargados de boas vibracións despois da nosa estadía en Serbia e o día presaxia tan só cousas boas. Dende cativo sinto auténtica paixón polas viaxes en tren e hoxe toca facer un dos itinerarios máis escénicos de Europa, aínda que non apareza como tal nas listaxes habituais que circulan pola rede.
No camiño que nos trae dende o hotel atopamos moreas de refuxiados acampados nun pequeno parque moi próximo ao edificio da estación. Polo aspecto supoñemos que son fuxitivos da guerra de Siria e algúns outros procedentes de Asia Central.
A estación de Belgrado, tal e como nos advertiran, ofrece un aspecto sucio e desolado, sen apenas movemento. Realmente non parece a estación que debería corresponder á capital dun país.
A comunicación ferroviaria entre Belgrado e Podgorica limítase a dous trens ao día, un pola mañá cedo e outro a última hora da tarde. Unha oferta que parece exigua se temos en conta que ambas cidades formaron parte dun único país ata hai moi pouco tempo. Motivados pola boa sona das paisaxes que imos encontrar no camiño decidimos colle-lo primeiro tren da mañá e así poder gozar das vistas con luz diúrna.
Previamente, e por medo a non conseguir praza o día desexado, tentamos face-la reserva dende casa, con moito tempo e pola Internet. A páxina web do ferrocarril serbio tan só axuda a informar dos horarios e pouco máis; despois de varias tentativas non conseguimos facer reserva ningunha. Pescudando entre moreas de páxinas albiscamos a posibilidade de reservar a través de Mr. Popovic, o representante de Wasteels, unha axencia de viaxes situada antigamente no hall da estación de Belgrado .
Descoñecemos se Wasteels mudou a outra parte da cidade ou se simplemente pechou. Tampouco sabemos se Mr. Popovic segue a ser empregado da axencia ou é un simple particular que traballa a comisión. Pero o que si podemos afirmar é que todo funcionou á perfección. A pesar das nosas presas por comprar xa, Mr. Popovic aconsellounos esperar ata un mes antes da saída que é cando poden ser reservados os trens en Serbia. Tamén por recomendación de Mr. Popovic, enviamos os datos do noso cartón de crédito en dous correos separados e consecutivos para evitar o perigo de seren hackeados. Nunca chegamos a coñecer ao noso interlocutor, unha vez en Belgrado acudimos o día determinado para asinar o recibo da Visa e recoller os nosos billetes na oficina de cambio a carón do antigo local de Wasteels. O prezo final: o mesmo que anunciaba a páxina do ferrocarril serbio.
Achego o correo electrónico no caso de querer contactar: wasteels@eunet.rs
O tren viaxa bastante cheo, a causa é un prezo económico que posibilita aos serbios ir a veranear á costa montenegrina. O destino final é a cidade de Bar, o principal porto da costa do país veciño, ao que se chega despois de percorrer 476 quilómetros atravesando o sur de Serbia e a cidade de Podgorica. Ese mércores tocan vagóns pertencentes á compañía ferroviaria de Montenegro. Malia que os nosos billetes son para segunda clase, a calidade das cadeiras e o número serigrafíado na porta do compartimento confirman que estamos viaxando en vagóns de primeira clase reconvertidos a segunda. Raro, non si?
Para máis información aconsello consultar o enderezo de máis abaixo onde ides atopar unha especie de blog, case profesional, con interesante información (horarios, fotos, vídeos) sobre o percorrido Belgrado-Bar e moitos outros traxectos con saída dende Belgrado.
http://www.seat61.com/belgrade-to-bar-railway.htm
A saída de Belgrado, a paso de tartaruga, parece presaxiar o atraso de dúas horas e cuarto co que imos chegar ao noso destino. Se nos parecían pouco as dez horas habituais deste traxecto, este día (ou serán todos?) hai que engadirlle 135 minutos máis de duración.
As mellores vistas do percorrido no sentido Belgrado-Podgorica son sempre á dereita do tren, pero o sistema de emisión de billetes do ferrocarril serbio tan só permite facer reservas para ventá, centro ou corredor, e sen ter en conta a disposición na que vai ser colocado o vagón ese día. Os vagóns son semellantes aos dos expresos que viaxaban por España, un largo corredor con compartimentos a un lado ocupados por asentos enfrontados con capacidade para tres ou catro persoas cada un. No noso mesmo convoi había coches nos que os compartimentos miraban cara ós noiros da vía. Nós tivemos sorte e Bruno e máis eu ocupamos unha boa posición pegadiños á xanela.
O tren leva un vagón restaurante ben dotado de bebida, incluído viño montenegrino. O persoal do restaurante de orixe serbia fai caras raras cando compara este viño co do seu país natal. Pero o viño é totalmente aceptable. A parte sólida do menú limítase a algún bocadillo, polo que se fai necesario vir ben dotado de provisións para aguanta-la fame durante as moitas horas da viaxe.
Ao final da parte serbia do traxecto, o tren intérnase no túnel de Zlatibor con seis quilómetros de lonxitude. Ao saír do túnel o convoi cruza territorio bosníaco durante nove quilómetros, sen parar e sen pasar trámites fronteirizos. Un pequeno sinal co nome de Bosnia é a única constancia de pisar o que foi territorio inimigo na última guerra balcánica.
A beleza da paisaxe fai honor á súa sona. Comeza timidamente para ir gañando forza á medida que nos achegamos á fronteira de Montenegro. Pasámo-los trámites fronteirizos na poboación montenegrina de Bijelo Polje sen ningún problema nin ter que deixar o noso compartimento. A liña Belgrado-Podgorica é infrecuente, a vía férrea non vai polo val, onde construír é menos custoso, senón que se converte nunha sucesión de 254 túneles e 435 pontes que no seu curso por Montenegro chega a superar nalgunha ocasión os 1.000 de altura sobre o nivel do mar. Sentímonos no corazón dos Balcáns, atravesando este macizo montañoso pola parte alta das súas montañas.
As vistas sobre os precipicios son impresionantes. A mágoa é que o sol de cara e os continuos túneles impiden facer boas fotografías. Cando consigo centra-lo obxectivo xa entro noutro túnel de novo. Para empeorar a situación, pouco antes de chegar a Podgorica e por mor do atraso acadado, xa hai moi pouca luz para ollar a parte máis impresionante do traxecto, Á hora de atravesar o que foi o viaduto máis alto do mundo, a 200 m sobre o río Mala, e de rodar pendurados sobre o canón de Morača, xa non temos luz dabondo para retratar os impresionantes abismos que se abren baixo os nosos pés. As luces dos faros dos coches que marchan polo fondo do canón dannos unha idea perfecta do profundo que é o precipicio. A posibilidade dalgún contratempo a esta altura provócanos un lixeiro arrepío.
Hai varios vídeos en youtube para facervos unha idea da marabillosa paisaxe que vai descubrindo o tren. Aquí tedes un link de poucos minutos centrado na parte máis atractiva do percorrido:
Chegamos a Podgorica esgotados pero aínda con tempo e ganas dabondo para ir ao noso aloxamento, tomar unha ducha e saír a cear. A propietaria do apartamento aconséllanos o Restaurante Nacional situado a carón da Torre do Reloxo, un dos escasísimos monumentos da cidade. Durante a cea temos o primeiro contacto co viño local “Vranac”, que logo será unha constante en tódolos restaurantes do país. A botella dun litro (si, dun litro) nun dos mellores restaurantes da cidade custa tan só cinco euros e medio ao cambio. Dende logo, non hai mellor benvida a un país!.
Despois de cear damos un paseo polas rúas principais, Ulica Kralje Nikole e a súa prolongación Ulica Slobode, para chegar a praza Trg republike. Non deixa de ser curioso que unha poboación de fundación tan antiga e, ao mesmo tempo, capital dun país tan cheo de atractivos coma Montenegro sexa calquera cousa menos interesante. A definición podería ser a dun lugar anódino e baleiro de contidos. Pero os comentarios que tiñamos lido sobre Podgorica eran tan extremadamente negativos que o que vimos ata nos resultou agradable. Ademais descubrimos unha cidade chea de xente na rúa e certo ambiente nocturno de bares e pubs. Iso si, xente moi nova e de aspecto bastante choni, pero é posible que o feito de que esa noite xogase a selección de fútbol no Estadio Nacional, a escasos metros do centro, tivese algo que ver.
PARQUE NACIONAL DURMITOR (Patrimonio da Humanidade)
Non temos intención de ver máis de Podgorica do que xa vimos a noite anterior. Baixamos a almorzar fronte ao noso apartamento esperando que nos entreguen o coche de aluguer que xa contrataramos cunha empresa local.
O noso coche chega puntual e vén coa matrícula xa preparada para formar parte da Unión Europea. Montenegro, ao igual que Islandia e Macedonia, ten o estatus de país candidato a formar parte da U.E. dende o ano 2011. E parece que comezaron a face-los deberes. Á hora de separarse de Serbia decidiron que a súa nova moeda nacional fose o euro, como xa fixeran outros pequenos estados europeos (Vaticano, Andorra, Mónaco, San Marino e Kósovo).
Queremos chegar a todos os recunchos de Montenegro, ao noso aire e de vagar. É certo que temos certo receo á hora de conducir xa que as nosas compañeiras de compartimento no tren advertíronos que a actitude dos montenegrinos ao volante deixa bastante que desexar. Logo descubriremos que a falta de sinalización e o estado do pavimento tampouco é moco de pavo. Unha gran parte da rede viaria do país son estradas bastante deficientes, cunha sucesión continua de curvas asomadas ao baleiro. Pero as paisaxes que se van descubrindo son impresionantes e con miles de recantos de moita beleza. Viaxar por Montenegro é toda unha sorpresa e un descubrimento fascinante. E as estradas…, que lle van a contar a un galego acostumado ás estradas habituais no noso país ata hai uns poucos anos.
Saímos de Podgorica seguindo o canón Morača con paredes verticais que acadan os 400 m, o mesmo canón que vimos o día anterior dende arriba ao paso do tren. O canón é igual de impresionante dende embaixo e dende enriba. A paisaxe é literalmente espectacular pero botamos en falla máis áreas de estacionamento para recrearse coas vistas. Totalmente aconsellable circular amodiño xa que as condicións da condución non dan para confiarse.
A 46 km de Podgorica cara ao norte, o canón comeza a abrirse e realizamos a nosa primeira paraxe ao pé mesmo da estrada, no mosteiro Morača. Este cenobio do século XIII está entre os máis importantes do país pola súa colección de arte relixiosa. A igrexa é pequena pero fermosa e a tipoloxía das dependencias conventuais fan lembrar as casas de Turismo Rural en Galicia. Á dereita da igrexa principal está a capela de San Nicolau con frescos tanto no interior como na súa fachada. Pegadiño ao mosteiro hai un apiario para a produción de mel.
Ao longo das vías principais e por todo o país veremos un elemento humano constante que xa ten desaparecido noutros países de Europa, son os campesiños montenegrinos que se achegan ás estradas para vender a súa pequena produción de mel, viño e licores caseiros.
Seguimos dirección norte para visitar o Parque Nacional Biogradska Gora (tres euros por persoa) na cordilleira dos montes Bjelasica, publicitado coma unha das tres últimas fragas virxes de Europa. A visita resulta moi sinxela xa que o coche pode chegar ata o Centro de Visitantes que é, ao mesmo tempo, o punto de saída da senda circular de tres quilómetros que circunvala o lago Biograd. A oferta do parque abrangue moitas sendas que permiten mergullarse no máis profundo do bosque, pero aqueles viaxeiros curtos de tempo, coma nós, poderán facerse unha boa idea deste espazo natural percorrendo a senda circular.
Seguindo o noso itinerario e por mor da deficiente sinalización, collemos unha estrada indebida á altura do viaduto sobre o canón do río Tara que nos levará ata a cidade de Pljevlja, na fronteira serbia. En xeral, nas estradas de Montenegro é moi difícil verificar que se está na dirección axeitada. En todo caso, os sinais, se é que os hai, son pequenos e nunca confirman a distancia que hai ata o destino marcado.
Despois de decatarnos do noso erro regresamos de novo ao viaduto do Tara e aproveitamos para facer unha paradiña e xantar beneficiándonos das espectaculares vistas sobre o canón e o río que descorre a 150 m por debaixo da ponte. Coido que son poucos (eu mesmo) os que saben que este canón con 1.300 m de fondura é o segundo máis profundo do mundo, tan só 200 metros menos có Gran Canón do Colorado nos Estados Unidos. Informámonos sobre a posibilidade de facer rafting xa que no camiño vemos varias grupos meténdose no río. A oficina de información que está a carón da ponte ofrece tres posibilidades: media xornada, día completo e incluso dúas xornadas para percorrer os 85 km que separan o viaduto da aldea de Šćepan Polje, en plena fronteira con Bosnia e Hercegovina. Unha curiosidade do río Tara é que a pesar de agromar nas montañas fronteirizas con Albania non tira cara ao Mar Mediterráneo, relativamente próximo, senón que se volve para ao interior converténdose nun dos afluentes de segundo orde do río Danubio.
Tendo en conta que non dispoñemos de dúas xornadas para dedicarllas ao rafting e que as nosas fontes informativas falan de que o traxecto de Šćepan Polje é aínda máis espectacular, decidimos seguir itinerario e acudir a esta pequena aldea ao día seguinte. Facémo-la reserva por teléfono e quedamos coa empresa de rafting ás dez da mañá.
Despois do xantar seguimos ata a vila de Žabljak, coñecida por se-la porta de entrada ao Parque Nacional Durmitor e a única poboación importante dentro dos seus límites. Žabljak é relativamente agradable pero sen outros atractivos a non ser a súa oferta para a práctica do esquí nos meses de inverno. Chegamos co tempo xusto para face-la visita e como no caso do P.N. Biogradsko, pagando unha entrada de tres euros por persoa, pódese chegar co coche ata un aparcadoiro moi próximo ao Crno jezero ou Lago Negro, a 3 km de Žabljak. A paisaxe de Durmitor foi labrada pola auga e o xeo creando unha imaxe alpina con corenta e oito picos que superan os 2.000 metros de altitude. O territorio do Parque abrangue a cordilleira montañosa Durmitor e o canón do río Tara ata o viaduto do mesmo nome que visitamos esa mesma mañá.
O Lago Negro está considerado o corazón do Parque e un dos puntos máis accesibles. De aquí saen moitas sendas e, como no caso do P.N. Biogradsko, unha circular arredor do lago que despois de 3,6 km regresa ao punto de inicio. Ao comezo da senda hai unha praia lacustre con moreas de visitantes tomando un baño. O pico Meded “O Oso” e os seus 2.287 m serven de fondo fotográfico ás augas do lago.
Facemos noite en Žabljak e beneficiámonos das frescas temperaturas froito dos 1.456 m de altitude desta vila.
RAFTING NO CANÓN DO RÍO TARA
O terceiro día saímos cedo e con tempo dabondo para almorzar e chegar ao punto de encontro para a nosa práctica de rafting. Seica a información facilitada polo persoal da empresa Tara Tour non estaba moi contrastada. Despois de voltas e reviravoltas polas fermosas montañas montenegrinas, o suposto traxecto de hora e media entre Žabljak e Šćepan Polje precisa dunha hora máis para ser percorrido. Os desprazamentos en Montenegro son sempre enganosos, malia a proximidade do destino no mapa e a relativamente pequena superficie do país os quilómetros corren de vagar. Sempre hai que contar con moito máis tempo do previsible.
Ao comprobar que non chegaremos a tempo e pensando que era a única actividade dese día decidimos chamar a Tara Tour para cancelar a nosa reserva, pero o noso interlocutor ao teléfono anímanos a seguir camiño e incorporarnos ás saídas que poidesen xurdir despois da nosa chegada ao campamento.
A medida que nos achegamos a Šćepan Polje e vemos os tremendos desniveis do canón do río Piva, Bruno comeza a amosar certas inquedanzas sobre a súa preparación para afrontar o reto de hoxe. Non hai que esquecer que o canón do Tara é o segundo máis profundo do mundo.
Chegamos ao campamento da empresa Tara Tour preto do canón, e a moi escasos metros da fronteira bosníaca, e o que atopamos é case unha romaría. É fin de semana e hai unha chea de xente de todas as idades que viñeron pasa-lo día. Montenegrinos, bosníacos, serbios, croatas e turistas en excursións programadas dende a afastada cidade croata de Dubrovnik.
Tara Tour parece unha empresa seria e das máis demandadas para o rafting no Tara. O prezo de 55 euros por persoa inclúe o almorzo, o xantar, o traslado ata o comezo do descenso polo río e a actividade de rafting. Despois de almorzar equipámonos con cascos e traxes de neopreno e somos transportados en todo terreo por unha pista sen asfaltar que, por certo, daba moito máis medo do que logo sería a propia actividade.
No punto de chegada acumúlanse uns dez grupos en rigorosa cola para tomar a saída. O noso grupo é o mellor preparado en equipamento e seguridade. O guía tamén parece experto e bo coñecedor da contorna. Bruno, xa relaxado, admite que o día non pode ir a mellor: bo tempo, vistas marabillosas e un ambiente divertido ao longo do río. Os rápidos nesta época do ano son pequenos e perfectos para os non iniciados. E para os que xa temos certa experiencia, un motivo fantástico para pasar un día en contacto coa natureza. Na metade do camiño hai unha paraxe obrigada nun bar artesanal en medio da fraga, bebidas alcohólicas que poden ser pagas á volta no campamento de Tara Tour. O ambiente é parecido ao dun chiringuito eivisenco pero co plus das vistas ao canón. Son tres horas río abaixo durante as que gozamos plenamente. Á chegada ao campamento recíbenos un saxofonista tocando unha peza de soul mellorada pola resonancia do canón. Se Montenegro nos estaba parecendo un destino de sobresaliente, o día no Tara non baixa do dez.
Despois de xantar iniciamos a nosa ruta cara á costa do Adriático, a Kotor, á que será a nosa vila de acollida durante os próximos días. Percorremos de volta o canón do río Piva e paramos no “pequeno” mosteiro do mesmo nome, outro dos “grandes” mosteiros deste país. Este mosteiro ortodoxo serbio ten a particularidade de que foi trasladado pedra a pedra durante doce anos ao seu novo emprazamento por mor da construción do encoro que atopamos uns quilómetros antes.
Seguimos ata Nikšić, a segunda cidade por poboación de Montenegro, e alí comeza o pesadelo que nos vai ocupar o resto da xornada. Á saída de Nikšić decidimos tomar a estrada nova que pasa por Grahovo e Risan para chegar a Kotor, máis rápida que a que vai vía Podgorica e Cetinje. Aos poucos quilómetros e a escasos metros do noso coche ten lugar un accidente no medio da estrada que interrompe totalmente a circulación. Non hai feridos de gravidade e, a pesar de que vemos algún axente (de tráfico?), pasamos 45 minutos sen movernos nin un metro. Iso si, debidamente acompañados doutros centos de condutores. Preguntando polo que vai pasar augúranos outras dúas horas de espera.
Decidimos desface-lo camiño ata Nikšić e colle-la estrada a Podgorica. Deste xeito podemos facer unha visita ao mosteiro de Ostrog, o mosteiro ortodoxo número un de Montenegro. Ostrog está nun enclave arrepiante, nun cantil a 900 m sobre o val Zeta, e calquera das dúas estradas que chegan ata alí non o son menos. No desvío da estrada principal recollemos un autoestopista que se dirixe ao mosteiro, o seu aspecto un tanto sinistro e os estraños ruídos que emite provócanos tanto desacougo como a estrada de seu. Decidimos quedar no edificio do Mosteiro Inferior a dous quilómetros por debaixo do Mosteiro Superior. Cae a noite e a idea de volver pola mesma estrada acrecenta o noso desasosego. Decidimos deixar a igrexa do Mártir San Stanko e o Mosteiro Superior, esa bela estampa pendurada do abismo, a parte bonita e diferente, para unha segunda ocasión en que volvamos a Montenegro.
Volvemos á estrada principal e continuamos ata Podgorica e Cetinje. Por descoñecemento pretendemos tomar a ruta de montaña entre Cetinje e Kotor que parece a máis curta e rápida. Un erro total e absoluto!. Menos mal que se nos ocorre preguntar en Cetinje onde os nosos interlocutores nos miran con aspecto de estar a falar cun par de tolos. Dous días despois, cando percorramos esta ruta en sentido inverso, entenderemos perfectamente a causa desa mirada.
Non queda outra solución que seguir de Cetinje ata Budva, principal enclave turístico da costa montenegrina, para logo ir bordeando o Adriático ata chegar a Kotor. É sábado noite e a poboación da insípida Podgorica foxe a divertirse ás macro discotecas de Budva. Un noite extremadamente escura cunha estrada ateigada de vehículos e unha sucesión de curvas pechas colgadas do abismo. Budva esta aí, aos nosos pés, pero parece que se afasta de nós a medida que facemos quilómetros. Por fin e unha vez en Budva, entramos polo extremo contrario á estrada para Kotor e sen outra opción que atravesar a única vía practicable que percorre a cidade. Ao colapso habitual de Budva engádese o provocado por miles de persoas, residentes e visitantes, en busca de diversión.
Temos a sensación de estar a vivir un pesadelo sen fin. Como un país tan pequeno como Montenegro pode parecer tan infinito! A concatenación de situacións e decisións erradas fai que cheguemos a Kotor pasadas as once da noite, sen cear e totalmente faltos de forzas. Esperemos que polo menos Kotor pague a pena do esforzo feito.