Sete días en Montenegro II – A costa do Adriático

HERCEG NOVI E PERAST

Despois da terrorífica e esgotadora viaxe do día anterior, decidimos tomarnos amodo a nosa primeira xornada na costa. Estamos en Kotor e aquí imos pasar as próximas catro noites. Kotor é unha cidade pequena e agraciada, un destino turístico de sol e praia cun desenvolvemento axeitado para gozar de moitos dos beneficios do turismo pero sen ter que sufrir os niveis insoportables de conxestión como os da veciña poboación de Budva ou os totalmente insufribles de Dubrovnik. Pequena, accesible, peonil e acolledora, Kotor é, sen ningunha dúbida, un dos recunchos máis fermosos do Mediterráneo. Pero aínda máis impresionante que a propia vila é a súa baía, Boka Kotorska ou Baía de Kotor, definida en moitas guías como o fiorde máis meridional de Europa. A palabra impresionante non é neste caso un recurso literario senón que significa exactamente a sensación que experimenta un viaxeiro ante a beleza das montañas e do mar que arrodea Kotor. De feito, os valores naturais e culturais da bisbarra de Kotor téñenlle valido a declaración de Patrimonio da Humanidade por parte da Unesco.

Perast dende o mar

Perast dende o mar

Aínda é cedo e xa fai unha calor endiañada. As altas temperaturas e o aire abafante van ser unha constante ao longo da nosa estadía na baía, supoño que debido a que a elevación das montañas provoca un efecto buraco onde o aire non se move. Para a nosa desgraza, reservamos un aloxamento sen aire acondicionado (eu son sensible da gorxa) e, malia o ventilador xirando a toda velocidade, as noites fanse longas e suorentas.

Vista de Boka Kotorska dende o noso cuarto

Vista de Boka Kotorska dende o noso cuarto

Para o primeiro día na costa programamos unha escapada dentro da mesma baía, á vila de Perast e á cidade de Herceg Novi, ambas situadas na estrada que logo seguiremos, o noso último día en Montenegro, para chegar á cidade croata de Dubrovnik. Queremos pasear de vagar, tirando fotografías e relaxándonos a carón dese mar transparente que invita a bañarse. Realmente non chegaremos a bañarnos en Montenegro en ningunha ocasión durante a viaxe, estamos demasiado acostumados ás praias galegas, areais brancos e pouco saturados, para que nos poida facer ilusión o compartir os micro espazos do Adriático sempre ateigados de xente. A forma usual de toma-lo o sol ou bañarse na costa montenegrina é compartir pequenos peiraos de formigón ou de madeira, ou acudir a minúsculas praias totalmente abarrotadas de bañistas e sen lugar para manter un pouco de intimidade.

Conducimos dun tirón ata Herceg Novi, unha pequena cidade tranquila entre as máis novas da baía con tan “só” 600 anos de antigüidade. Cunha poboación fixa de 11.000 habitantes ten dúas partes ben diferenciadas: a cidade vella (Stari Grad), no alto,  e a parte baixa ao longo da costa, cunha pequena praia, o porto deportivo e a fortaleza de Fortemare, esta última construída en tempos do dominio veneciano e utilizada para proxectar filmes ao aire libre nos meses de verán. Vamos directamente ao casco vello e damos un paseo pola rúa Ulica Njegoševa ata a praza Trg Nikole Durkovića. Dende alí pasamos por debaixo da Torre do Reloxo e entramos nun pequeno barrio de bares, tendas de recordos e bonitos miradoiros sobre a zona baixa. Comezamos a descender pasando polo forte de Kanli-Kula e chegamos á praia que nese momento non dá nin para colocar unha antuca máis.

61

Ulica Njegoševa en Herceg Novi

62

Praza Trg Nikole Durkovića (Herceg Novi)

63

Fortaleza de Fortemare e praia de Herceg Novi

64

Dende a cafetería do peirao con Herceg Novi ao fondo

Tomamos algo na terraza da bonita cafetería do peirao e desfacémo-lo camiño cara á Kotor para xantar na vila de Perast.

O aspecto de Perast é posiblemente o que máis fai lembrar á arquitectura típica veneciana. Malia o pequeno tamaño da poboación hai unha chea de pazos e igrexas. Pasear pola beira do mar e subir á torre da igrexa de San Nicolau son dous dos seus principais atractivos. Non hai que esquecerse de engadir a visita ás illas de San Xurxo (Sveti Ðorde) e a de Nosa Señora das Rochas (Gospa od Škrpjela). Dende o peirao de Perast saen continuamente barcos que, por un importe de cinco euros ida e volta, achegan o viaxeiro ata á illa de Gospa od Škrpjela. Supoño que para visitar o mosteiro bieito da illa de San Xurxo haberá que contratar un barco ata alí.

65

Á beira do mar en Perast

67

Perast coa igrexa de San Nicolau

68

Illa de San Xurxo, en primeiro plano, fronte a Perast e o monte Negro ao fondo

Vista dende a torre da igrexa de San Nicolau coas illas de San Xurxo e de Nosa Señora das Rochas ao fondo

73

Vista dende a torre da igrexa de San Nicolau cara ao fondo da baía

Nosa Señora das Rochas é unha illa artificial creada durante o século S. XV grazas ás achegas en pedra traídas pola poboación local. A causa deste feito foi o achado dunha imaxe da Virxe María entre as rochas preexistentes. Cada 22 de xuño celébrase unha festa na que os participantes seguen a lanzar pedras ao mar e, deste xeito, facer medrar a illa aos poucos. No medio desta illa de 3.000 m² hai unha igrexa de estilo barroco construída no século XVII caracterizada por unha vistosa cúpula azul. Unha vez na illa teño a sensación de estar nun barco varado no medio da baía dende o que obter un visión perfecta e marabillosa de Boka Kotorska, o fiorde máis meridional de Europa.

70

Vista do mosteiro bieito da illa de San Xurxo

69

Igrexa na illa de Nosa Señora das Rochas

Bruno no peirao da Illa de Nosa Señora das Rochas

Bruno no peirao da illa de Nosa Señora das Rochas

Está claro que Perast vai ser un dos referentes no desenvolvemento da costa de Montenegro. Non destinada ao turismo masivo, xa que non hai praia nin moitas posibilidades de estenderse  polos arredores, senón máis ben á procura dun turismo refinado e de calidade que siga o ronsel da case illa de Sveti Stefan, o principal destino de luxo da costa montenegrina.

De regreso a Kotor seguimos de fronte para bordear a Península de Vrmac. Esta lingua de terra está ocupada por altas montañas que a fan inhabitable na súa parte máis alta; pero unha estrada que bordea a costa permite obter belas estampas de Kotor e de case toda a baía. A primeira parte do percorrido, por Prčanj ata Lepetane, é unha estrada estreita pegadiña ao mar e cun forte carácter popular na que podemos ver o tránsito da poboación local entre as súas casas e as zonas acondicionadas ao bordo do mar. Máis adiante, a vía muda nunha estrada normal que conduce ata Tivat, unha das principais vilas turísticas de Montenegro. A antiga base naval de Tivat foi reconvertida moi recentemente nun novo enclave de veraneo que, a pesar dos investimentos realizados, segue a carecer de atractivos de interese. Pasado Tivat, no camiño a Kotor, pasamos polo único aeroporto da costa montenegrina e un dos dous en activo no país xunto co de Podgorica.

Os amigos das sendas e da bicicleta todo terreo tamén poden percorrer a Península de Vrmac a través dun carreiro que vai pola parte alta das montañas, dende o forte austríaco no alto de Kotor ata a bonita e tranquila aldea de Gornja Lastva.

DO PARQUE NACIONAL LOVĆEN AO PARQUE NACIONAL LAGO SKADAR

Cando estabamos a organiza-la viaxe, o Parque Nacional Lovćen e a estrada que o atravesa, subindo dende Kotor ata a aldea de Njeguši, aparecían insistentemente coma unha visita ineludible. A verdade é que pensar nas vinte e cinco curvas, unha tras outra, pechadas e colgadas do abismo, e nesa estrada de dezasete quilómetros na que dificilmente poden cruzarse dous vehículos, non deixaba de producirme certo desacougo que viña de cando en vez á miña cabeza.

Hoxe é o día no que vou ter que enfrontarme aos meus medos. O ascenso cara ao Parque de Lovćen parte das aforas de Kotor, entre o cemiterio e o túnel que leva cara a Tivat. Saio conducindo con moito respecto, e certo temor, e iniciamos o ascenso. A medida que avanzamos comezo a tranquilizarme ao comprobar que a sona do percorrido é moito peor que a realidade que estamos atopando. O pavimento da estrada está en boas condicións e, agás en contadas ocasións, os vehículos poden cruzarse sen maior problema. Incluso hai algúns ancheamentos que permiten deter o coche e tirar fotografías das magníficas vistas. No que si tiñan razón todos os comentarios lidos é en que esta estrada e todo o Parque Nacional son unha visita a non perder. Dende a estrada imos obtendo a cada curva unha nova panorámica da baía, cada vez mellor, ata que Kotor e Boka Kotorska quedan aos nosos pés.

74

Chegando arriba na estrada do Parque Nacional Lovcen

Chegando arriba na estrada do Parque Nacional Lovćen

O Parque leva o nome do monte Lovćen que se alza directamente detrás de Kotor ata acadar os 1.749 m sobre o nivel do mar. É o coñecido como Monte Negro ou Crna Gora (en montenegrino) que dá nome ao país. A razón do topónimo parece ser un tipo de vexetación que cobre estas montañas e que adquire unha tonalidade bastante escura nos meses de estío. Chama a atención que Montenegro sexa coñecido internacionalmente cun nome que sona tan a español. A causa foi que, no seu momento, se decidiu toma-la denominación deste territorio baixo o dominio veneciano e non aquela no seu propio idioma.

Unha vez na parte alta da montaña podemos optar por desviarnos cara ao interior do Parque pasando polo Mausoleo de Njegoš ou seguir de fronte ata a aldeíña de Njeguši. Decidimos visitar primeiro a aldea para logo desfacer uns poucos quilómetros ata o posto de control de entrada ao Parque e seguir pola estrada do mausoleo, a que despois continúa ata a antiga capital, a Cetinje.

Njeguši é famosa pola produción de queixo (sir) e de xamón curado e afumado (pršut), grazas as boas condicións climatolóxicas da montaña para a elaboración destes produtos alimenticios. Pero o realmente importante é que esta case imperceptible poboación de pequenas casas de pedra é o lugar de orixe da dinastía Petrović, aquela que fixo de Montenegro un bastión eslavo dentro do imperio otomán e a que gobernou o país dende 1696 ata a Primeira Guerra Mundial. Hoxe en día non hai moito que ver nin que facer en Njeguši a non ser a compra dalgún souvenir ou das especialidades gastronómicas que se venden nos postos da praza principal.

Aldea de Njeguši, berce da realeza montenegrina

Aldea de Njeguši, berce da realeza montenegrina

Desfacemos parte do camiño e seguimos ata o Mausoleo de Njegoš atravesando unha paisaxe que quita a respiración. Esta é a ruta que pretendiamos seguir o día que viñamos do norte, da nosa actividade de rafting. Non me estraña que daquela, ao preguntar en Cetinje, nos mirasen como se estivésemos tolos; é evidente que esta é unha estrada para facer exclusivamente en horas diúrnas e moi, moi de vagar.

83O sinxelo mausoleo que honra á tumba do principal heroe montenegrino, o príncipe e bispo Pedro II Petrović Njegoš, é unha construción realizada entre 1970 e 1974 no segundo cumio máis alto do Parque Lovćen, o pico Jezerski Vrh a 1.657 m de altitude. Ascendemos por unha carreira estreita ata o pé do mausoleo e despois de deixa-lo coche aparcado aínda hai que subir 461 chanzos a pé. Arrodeando a tumba saímos de novo ao exterior para seguir unha estreita calzada entre simas. O curto camiño chega ata unha plataforma circular que serve de espectacular miradoiro sobre o macizo montañoso.

91

Vista traseira do Mausoleo de Njegoš

90

Ao fondo, plataforma circular que serve de miradoiro sobre os cumios do Parque Nacional

92

Unha espontánea fotografándose dende a plataforma miradoiro

Regresando cara ao aparcadoiro, aproveitamos para xantar unha escolma de ricos embutidos e queixos nacionais con viño local na terraza do restaurante que se atopa dentro do edificio de recepción de visitantes.

Deixamos os cumios das montañas e descendemos cara ao verde val ocupado pola antiga capital de Montenegro. Hoxe en día, Cetinje é pouco máis que unha vila de 14.000 habitantes que conserva pequenos pazos da realeza montenegrina e grandes mansións que funcionaron no seu tempo como embaixadas, agora reconvertidas en museos e centros culturais. Foi fundada no ano 1482 por Ivan Crnojević, o Príncipe de Zeta (primeiro Estado da historia de Montenegro), que decidiu, por mor das invasións otomás, que a capitalidade fose trasladada dende a poboación de Žabljak Crnojevića a Cetinje. E mantivo o seu rango de capital ata o período entre guerras do século pasado, momento no que o Parlamento de Montenegro decidiu trasladala a Titogrado, a actual Podgorica.

En Cejinje non hai grandes visitas para facer, pero un paseo pola rúa principal (Ulica Njegoševa) e polos seus xardíns e palacetes resulta moi agradable. Coido que o valor desta cidade é o feito de que o visitante aínda poida sentir a atmosfera da que foi unha das capitais máis pequenas dun país independente de Europa. De feito, o Presidente de Montenegro aínda mantén a súa residencia no pequeno Pazo Azul do centro da vila. Unha visita interesante é a do Museo Nacional de Montenegro formado por catro museos diferentes e dúas galerías distribuídas en varios edificios, entre eles o antigo Parlamento Nacional. Tampouco hai que esquecer o Mosteiro Cetinje que foi reconstruído ata catro veces e que atesoura algunhas importantes reliquias como o brazo momificado de San Xoán O Bautista e un anaco da “verdadeira” cruz de Cristo.

Pazo Azul, residencia oficial do Presidente de Montenegro

Pazo Azul, residencia oficial do Presidente de Montenegro

93

Antigo Pazo Real en Cetinje

94

Antigo Parlamento Nacional e actual museo

95

Mosteiro Cetinje

Unha rareza é a Igrexa Valaca (Vlaška crkva) do século XIX, un edificio relativamente novo que substitúe a outro anterior do S. XV. Por fóra non di moito e, lamentablemente, non podemos visita-lo seu interior por estar pechado. A rareza vén dada polo pobo que a mandou construír e que está presente en Cetinje, os valacos (ou Vlach en inglés), descendentes directos dos romanos que aínda conservan a lingua latina nesta contorna eslava. Ademais, arredor do edificio hai un curioso “valado” formado por balas de canón procedentes das guerras de finais do século XIX contra os otománs.

80

Casa de Vladika Petar I Petrović

Comezamos a meternos por estradas secundarias, rodeados dunha paisaxe preciosa, camiño do Lago Skadar. Facemos unha breve paraxe en Rijeka Crnojevića, unha pequena aldea atravesada polo río do mesmo nome. Durante a capitalidade de Cetinje, a realeza montenegrina escapaba do cru inverno da montaña para refuxiarse nesta poboación de clima máis quentiño. Aquí aínda se mantén en pé a modesta casa de Vladika Petar I Petrović, coñecido como San Pedro de Cetinje. Rijeka Crnojevića non é moito máis que unha foto bonita da ponte sobre o río e unha poboación coñecida por acoller o restaurante Stari Most, considerado entre os mellores do país. Ao pasear pola beira do río apareceran barqueiros que ofrecen paseos por uns 25 € a hora.

86

Rijeka Crnojevića

Rematamos o noso día na pequena localidade de Virpazar que funciona como porta de entrada ao Parque Nacional Lago Skadar. O lago, compartido con Albania, é o de maior superficie dos Balcáns cunha superficie anegada de ata 550 km²  e grandes variacións segundo a época do ano. A paisaxe vaise transformando e ofrece algunha vista espectacular sobre o lago a medida que nos achegamos a Virpazar, pero unha vez nesta poboación non hai moito que facer a non ser saír nos barcos que dan unha volta polo lago. Ollamos para as fotos que nos amosan os vendedores e non vemos nada que nos anime a esperar ao seguinte barco. Decidimos da-lo día por terminado e cruza-lo túnel que vai a Čanj para logo seguir pola costa, ata Kotor.

98

Vista do Lago Skadar dende a estrada entre Rijeka Crnojevića e Virpazar

99

Virpazar

DE KOTOR Á FRONTEIRA ALBANESA

Seguimos durmindo mal. A moita calor acumulada no cuarto durante o día pasa factura pola noite e non nos deixa descansar ben. Pero esta adversidade non impide que esteamos encantados de seguir en Montenegro. O país é unha sorpresa continua no que ademais faise moi doado moverse dunha parte a outra. E malia o encarecemento que sentimos na costa con respecto ao interior do país, os prezos seguen a ser accesibles.

O percorrido para esta xornada abeira a costa montenegrina dende Kotor ata a praia de Velika Plaža, xa moi preto da fronteira de Albania. Decidimos ir dun tirón ata a pequena cidade de Bar, aquela na que remata a vía férrea procedente de Belgrado pola que chegamos o primeiro día a Podgorica. Bar e tamén a principal zona industrial do país e o seu primeiro porto, ofrecendo conexións marítimas con Italia.

Mentres unha gran parte da costa montenegrina estaba baixo mandato veneciano e, logo, austrohúngaro, este extremo oriental facíao baixo o dominio otomán durante 300 anos. É por esa razón que nesta esquina de Montenegro faise máis habitual atopar mesquitas e arquitecturas de influencia oriental que no resto do país.

Bar é unha cidade de aspecto bastante novo e mal dotada de atractivos. A principal razón para visitala é o seu asentamento orixinal coñecido como Stari Bar, a unha distancia de catro quilómetros dende o centro desviándose da estrada que vai a Ulcinj. Stari Bar puido ser fundada polo pobo ilirio centos de anos antes da nosa era, funcionando como asentamento das múltiples civilizacións que por aquí pasaron. Hoxe, Stari Bar é unha cidade destruída e a súa ruína é debida, curiosamente, aos bombardeos ocasionados polo propio Estado de Montenegro cando intentaba recuperar a súa hexemonía a finais do século XIX.

Stari Bar dá para unha visita dun par de horas coma moito. Os edificios están en diferente estado de abandono e son moi escasos os que foron levantados de novo, como a Igrexa de San Xoán. De calquera xeito, o recinto invita ao paseo e paga a pena achegarse á fortaleza da parte superior para gozar das vistas cara á montaña e á chaira da cidade de Bar.

100

102

103

Vistas de Stari Bar

Vistas de Stari Bar

Seguimos ata Ulcinj, a última cidade importante antes de chegar a territorio albanés. Ulcinj aparécese cunha face un tanto caótica, mudando a influencia veneciana pola otomá. Tamén pode influír na nosa percepción o feito de que un 60% da poboación é de orixe albanesa e case un 70% de relixión musulmá. Vemos algúns  grupos de rapaces novos axexando os turistas que non son habituais no resto do país e que nos fan desconfiar dos niveis de seguridade de Ulcinj. A poboación pode resultar algo exótica pero non bonita, agás o barrio de Stari Grad que se ergue no alto dun rochedo sobre a praia e zona turística de Mala Plaža. Subimos a Stari Grad e comemos nun dos seus restaurantes, caros en xeral, que serven de miradoiro sobre a extremadamente ateigada praia debaixo de nós. Tamén damos un paseo polo barrio, con bastante encanto pero necesitado de importantes investimentos para recupera-lo aspecto anterior ao tremor de 1979.

111

Stari Grad en Ulcinj

Stari Grad en Ulcinj

110

Vista dende o restaurante en Stari Grad cara á praia de Ulcinj

45

Aproveitando o espazo ao máximo nos cantís de Stari Grad

104

Praia e zona turística de Mala Plaža en Ulcinj

Praia e zona turística de Mala Plaža en Ulcinj

Dende Ulcinj seguimos uns poucos quilómetros cara ao leste ata Velika Plaža para coñecer a praia máis longa da costa montenegrina con 12 km de areais. Ao pasar pola Canle Milena, a catro quilómetros do centro de Ulcinj, vemos numerosas redes chinesas para a pesca no río, unha estampa máis propia do sueste asiático que non deixa de resultar estraña para estes lares europeos.

A praia de Velika Plaža non ten nada que ver co que esperabamos. Verdade que un areal destas dimensións é toda unha rareza para o país e incluso para o habitual no Mediterráneo, pero o que atopamos dista moito de ser paradisíaco. A praia é excesivamente ancha e a paisaxe circundante non acompaña. Ademais vemos moita xente, excesiva, e ringleiras de hamacas sen fin rodeadas por grandes quioscos de praia con música a alto volume. É posible que haxa seccións da praia máis tranquilas pero xa perdemos as ganas de pescudar. Está claro que a oferta de Montenegro non é para dous galegos coma nós. Non pasa máis de media hora cando decidimos comeza-lo regreso e nos decatamos do innumerable número de persoas que fan uso deste areal. Aos poucos metros de saír quedamos parados nun inmenso atasco que vai supor a perda de algúns nervios e de moito tempo de viaxe.

Os practicantes nudistas poden seguir un pouco ao leste e a escasos quilómetros atoparan  a praia de Ada Bojana, un areal triangular de 3 km na desembocadura do río Bojana. Para pasa-lo día é preciso pagar unha entrada cuxo prezo depende de se se fai en coche ou a pé.

No camiño de volta, e uns poucos quilómetros antes de chegar a Budva, paramos na illa-aldea de Sveti Stefan, o resort máis exclusivo de todo Montenegro. Sveti Stefan xa non é unha illa dende que foi amarrada a terra firme por un paseo elevado e tampouco é unha aldea dende que foi nacionalizada nos anos 50 para convertela nun hotel de luxo. A mellor vista do conxunto é posiblemente dende a propia estrada que comunica a costa do Adriático. Para a panorámica hai un restaurante miradoiro ou tamén pódense utilizar gratuitamente os solares de arredor. No caso de querer achegarse ata o istmo e as praias fronte á case illa, hai que  seguir a pé dende o miradoiro, con numerosas escadas polo medio, ou tentar buscar praza de aparcamento na parte baixa da poboación.

Sveti Stefan dende a estrada a Budva

Sveti Stefan dende a estrada a Budva

Praia pública de Sveti Stefan

Praia pública de Sveti Stefan

Sveti Stefan é unha mera foto no camiño ou un destino de seu para os que andan á procura de lugares únicos. Nós optamos pola primeira posibilidade. Das dúas praias que se abren a ambos os lados do istmo, a da dereita é de uso exclusivo para os clientes do hotel e a da esquerda obriga ao desembolso de 30 € para poder gozar de hamaca e parasol. Tomamos unha cervexa bastante cariña no restaurante da praia e seguimos o noso camiño. Mellor ir a outras praias máis afastadas.

Comeza a cae-la noite e regresamos a Kotor.

KOTOR E BUDVA

É o noso último día na costa e en todo Montenegro, mañá deberemos colle-lo autobús que nos levará ata a cidade croata de Dubrovnik. Hoxe non temos moitas ganas de facer quilómetros e decidimos visita-la veciña Budva e o propio Kotor.

Xa levamos catro días aquí e aínda non tivéramos a posibilidade de ver Kotor polo día. O que si somos é conscientes de que, despois de todas as visitas feitas ao arco de cidades que ocupan a costa montenegrina (Herceg Novi, Tivat, Budva, Bar e Ulcinj), estamos no lugar axeitado, de que a nosa escolla por Kotor era acertada. Kotor, un dos recunchos máis fermosos do Mediterráneo, xunta un patrimonio en bo estado de conservación cun urbanismo controlado, unha boa oferta de servizos turísticos e certa animación nocturna que fan da nosa estadía un recordo memorable.

O seu magnífico aspecto corresponde aos 400 anos baixo soberanía veneciana cando era coñecida como Cataro. Non foi ata comezos do S. XIX que se incorporou a Montenegro para pouco despois ser absorbida polo imperio austrohúngaro. Kotor converteuse en definitivamente montenegrina ao remate da I Guerra Mundial.

A cidade é pequena, a súa poboación permanente non supera os 5.000 habitantes aínda que nesta época do ano somos moita máis xente. A parte máis interesante é unha especie de triángulo amurallado e separado polo río Škurda do resto da cidade. Non hai edificios de aspecto espectacular pero todo o conxunto respira harmonía e invita ao paseo polo feito de ser peonil. O mellor é deixarse levar e ir descubrindo os recunchos agochados,  para rematar nalgunha das súas numerosas terrazas cunha copa de viño na man.

107

Murallas de Kotor

300

2

109

Kotor e as súas murallas no alto da montaña

O punto forte dunha visita a Kotor son as murallas, unha construción que desafía o abismo subindo polos contrafortes do outeiro de San Xoán, xa dentro do macizo Lovćen. A vista dende o centro de Kotor é espectacular. Comezaron a ser construídas no século IX pero non foron totalmente rematadas ata mil anos máis tarde. Hai a posibilidade, pagando unha pequena entrada, de subir os 1.350 chanzos que conducen ata 260 metros por riba da cidade. Seica a vista da baía é impresionante. Cada día repetiámonos a necesidade de percorrer este sistema de murallas realmente único, pero foise atrasando ata hoxe. A calor abafante e o aspecto extenuado dos que vemos baixar fan que renunciemos finalmente á nosa idea. Queda aí para unha próxima visita fóra dos meses de verán.

Stari Grad en Budva

Stari Grad en Budva

O resto do día pasámolo en Budva, a capital oficial do turismo de costa en Montenegro, se é que este título vale para algo. Teño que recoñecer que Budva non nos caeu simpática dende o principio, os motivos son aquela baixada infernal dende Podgorica á nosa chegada á costa, os numerosos atascos que sufrimos cada vez que a atravesamos, e ese aire a destino masivo do Mediterráneo que tanto se repite nas costas deste mar. Moverse en coche polo centro de Budva é incómodo e caótico. Vemos moreas de turistas esperando transporte público que tarda en chegar ou camiñando polas rúas da cidade cargando con todo o equipamento propio da praia. Non é a idea que nós temos do que deben ser unhas vacacións pero parece que unha gran parte da poboación europea está en desacordo.

Acudimos a Budva por que aínda conserva unha parte vella (Stari Grad) de orixe veneciana, bastante atmosférica e cunha pequena cidadela no seu extremo. Stari Grad hai xa tempo que perdeu o seu protagonismo e faise preciso buscala agochada entre os grandes edificios e urbanizacións que a rodean.  O que se visita corresponde en gran parte ás reconstrucións que tiveron lugar despois do terremoto de 1979. Non podo dicir que Stari Grad non sexa agradable e acolledora pero ten renunciado ao seu sabor local para dar acubillo a tendas de souvenirs, terrazas e restaurantes. Por iso, volvemos contentos ao noso refuxio de Kotor.

CARA A CROACIA

Hoxe remata a nosa estadía en Montenegro. Previamente xa compraramos dous billetes para a ruta Kotor-Herceg Novi-Dubrovnik na pequena estación de autobuses de Kotor. É a media mañá cando sae un dos escasos buses que comunican este anaco das costas montenegrina e croata. O habitual para a maioría dos viaxeiros é coñecer unha destas cidades apuntándose a unha excursión programada dende o outro lado da fronteira, os de Dubrovnik a Kotor e viceversa.

Tardamos case tres horas en percorrer os 94 km que separan Kotor de Dubrovnik. Os trámites fronteirizos son lentos. Croacia xa pertence á Unión Europea pero Montenegro aínda non,  e os dous países estiveron en guerra non hai tantos anos.

 Aos poucos quilómetros de pasar o aeroporto de Dubrovnik comezamos a descubrir a estética silueta da cidade amurallada. Dubrovnik promete…, pero iso é outra historia.

Chegando a Dubrovnik

Chegando a Dubrovnik

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.