Aqueles que viñeron seguindo os últimos posts desta viaxe de verán por Serbia e Montenegro xa deberían saber que o motivo principal para achegarnos a Dubrovnik é que o seu aeroporto funciona como porta de entrada e saída da costa do país veciño, o que, combinado coa oferta de voos da compañía Vueling, permítenos facer un itinerario lineal con entrada por Belgrado e saída dende a costa croata sen ter que desfacer o camiño en ningún momento. Pero tamén hai outra razón de moito peso que é poder pisar en directo algunha das localizacións da prestixiosa serie de televisión “Xogo de Tronos”, xa que tanto Bruno coma eu somos seguidores entusiasmados desta narración pseudohistórica.
Non é que Dubrovnik non pague a pena de seu, é máis, estamos a falar da que para moitos é a cidade máis bonita do Mediterráneo (sempre despois de Venecia, para min). O motivo da nosa falta de interese á hora de ter que coñecer esta parte da costa croata era o temor a vivir unha experiencia “excesivamente turística”, tendo en conta que falamos dun destino de moda e que o vamos a visitar pleno mes de xullo. E os nosos temores quedaron curtos con respecto ao que finalmente tivemos que vivir.
Chegamos despois dun traxecto de tres horas dende Kotor, uns escasos 100 km de percorrido con paraxes na cidade de Herceg Novi e na fronteira entre Montenegro e Croacia. Temos tres días por diante que nos darán para gozar dabondo da cidade vella de Dubrovnik e con tempo suficiente para facer algunha excursión polas illas veciñas.
Curiosamente vimos dun país non pertencente á Unión Europea que ten o euro como moeda nacional e entramos nun país comunitario, Croacia, cuxa moeda non é o euro senón a kuna, dividida á súa vez en cen lipas.
Esta é a cuarta vez que veño a Croacia e a Dubrovnik, as outras tres foron hai xa moito tempo, durante a miña etapa coma guía por Europa, cando o país se chamaba Iugoslavia e as guerras fratricidas aínda non tiñan comezado. Supoño que a Dubrovnik que vou a descubrir de novo é unha moi distinta á que coñecín hai 26 anos, daquela os turistas non abondaban e a cidade tiña un certo aire decadente.
A fundación de Dubrovnik tivo lugar no século VII cando a poboación romana da veciña Cavtat, procurando un asentamento máis seguro para protexerse dos ataques eslavos, escolleu este illote facilmente defendible separado de terra firme por un brazo de mar (a cidade vella actual). Baixo o nome de Ragusa converteuse pronto no centro da rexión de Dalmacia, unha cidade comercial que pasou polo xugo bizantino e veneciano ata mudar nunha república con nome propio. Ragusa foi unha cidade próspera que soubo manterse lonxe de enfrontamentos con outros poderes comerciais do Mediterráneo. O seu declive comezou a finais do S. XVII por mor dun terremoto que aniquilou un 40% dos seus poboadores. Posteriormente pasou a mans do imperio austrohúngaro, pero a comezos do S. XX a súa poboación xa era maioritariamente de etnia eslava. No período entre as dúas guerras mundiais adoptou o seu novo nome en eslavo, Dubrovnik (carballeira), que fai referencia aos numerosos carballos que tapizaban o monte San Serxio sobre o que se asenta o casarío urbano.
Obxectivamente hai pouco negativo que dicir de Dubrovnik en relación a súa beleza como urbe e como enclave a carón do Mediterráneo. O seu interese é evidente, moverse polas súas rúas é retrotraerse no tempo. A cidade é bonita a rabiar e cunha chea de patrimonio a visitar. Incluso custa entender que o Dubrovnik resplandecente que estamos a ver agora fose ata hai uns poucos anos un destino sometido a sordidez típica do comunismo ou, aínda máis, que a artillería serbia lanzase 2.000 bombas durante o mes de decembro de 1991 como consecuencia da guerra a prol da independencia de Croacia. En Santiago de Compostela levamos anos e anos con plans de rehabilitación do centro histórico e eu diría que non temos acadado os logros de Dubrovnik. De feito, paseando polo enclave dálmata son xa moi poucos os edificios en ruínas ou pendentes de restauración.
Ata aquí todo ben. Pero Dubrovnik comeza a perder puntos cando falamos do deseño da cidade feito por parte dos gobernos municipais e das autoridades turísticas. Explícome, o casal da cidade ocupa a aba do monte San Serxio ata onde resulta razoable. A esta estreita faixa costeira hai que engadir o illote do centro histórico e unha península dividida en dúas metades, cos nomes de Lapad e de Babin Kuk, onde se asentan a maioría dos establecementos de aloxamento de categoría media e alta. Pois ben, non deixa de sorprender que a oferta de servizos turísticos se limite case exclusivamente á cidade amurallada, a ese centro histórico miles de veces fotografado. Isto significa que todos os visitantes de curta e media estadía xunto cos miles dos pasaxeiros dos cruceiros que recalan no seu porto por un día rematan inevitablemente encontrándose dentro das murallas, convertendo as rúas do vello Dubrovnik nun dos puntos máis saturados da costa mediterránea. Non se entende ben por que as penínsulas de Lapad e Babin Kuk limitan a súa oferta de servizos aos aloxados nos propios hoteis. No resto da cidade nova é moi difícil atopar unha zona de lecer ou unha boa oferta de restauración. Incluso custa encontrar rúas cun pouco de animación, se é que as hai. Ao final todos os visitantes estamos “condenados” a acudir ao recinto dentro de murallas provocando uns niveis saturación totalmente insoportables.

Mapa de transporte público ata a península compartida polos barrios de Lapad e Babin Kuk (cortesía de imaxes Google)
Por outra banda, Dubrovnik aínda perde máis puntos á hora de falar dos prezos dos servizos turísticos, que están totalmente fóra de lugar. Poño tan só dous exemplos evidentes que fagan entender esta afirmación: o prezo da entrada para o paseo polas murallas é de 17 euros (as de Lugo son gratuítas) ou o billete do barco á illa de Lokrum por 14 € ida e volta (cando non chega nin a dez minutos de travesía). A situación vai a peor se falamos dos prezos da restauración ou das copas nocturnas. Un paseo polas rúas á hora de cear permite contemplar a numerosas familias satisfacendo a súa fame con pizza de take away e bebidas de supermercado, iso si, comodamente sentados no chan da rúa ou nos chanzos das escadas públicas da cidade. Non é de estrañar, o custe dunha cea básica nunha terraza da cidade vella non está ao alcance dos petos das familias de clase media, e menos se hai que xantar e cear durante unha estadía de varios días. Comparando os prezos de Dubrovnik cos do outro lado da fronteira, Montenegro sobresae coma un destino realmente barato.
Finalmente, a cidade vella ten unha superficie limitada na que as altas murallas que a arrodean axudan a incrementar a sensación de espazo acoutado. A ocupación das rúas por parte das infinitas terrazas tampouco axuda. Ao final, o que debería ser un tranquilo paseo por unha cidade medieval deriva nunha experiencia tensa e incómoda.
Os alcumes como a Perla do Adriático e a Atenas Dálmata non son sen razón pero, ao mesmo tempo, Dubrovnik debe solucionar algúns dos seus problemas se quere que certo tipo de visitantes recomendemos a súa visita. O meu consello é evidente, visitar a cidade moi fóra de tempada, cando o volume de turistas decae e os prezos amosan un pouco de relaxo. E digo moi fóra de tempada xa que debido aos numerosos cruceiros que pasan polo seu porto sofre de saturación case ao longo de todo o ano.
As visitas a realizar son moi evidentes pero entre elas hai que destacar as impoñentes murallas con case dous quilómetros de extensión, cinco fortalezas e dezaseis bastións. O acceso pode facerse por tres entradas diferentes, sendo os máis habituais o da Porta Pile e o próximo ao Mosteiro Dominico. Tres das fortalezas (Minčeta, Bokar e San Xoán) están integradas nas propias murallas, o Forte Revelin aparece inmediatamente anexado defendendo a Porta Ploče, e o Forte Lovrijenac atópase illado nunha pequena península a escasa distancia da Porta Pile.
Tamén hai que visitar unha morea de edificios civís e, sobre todo, relixiosos, sen esquecer o antigo lazareto, actualmente centro cultural, e o Porto Vello. Dende o Porto Vello saen barcos á Illa de Lokrum varada a 700 metros da cidade vella. A illa, declarada Reserva Forestal e Natural, é pequena en superficie e está deshabitada. Os visitantes acoden a dar un paseo polos seus bosques e a visitar o mosteiro bieito. Tamén hai algunha praia, incluída unha nudista, pero como é habitual nesta parte da costa son maiormente rochedos. A esta altura xa estamos fartos do abuso do que fan gala con respecto aos prezos e decidimos non visitar a illa.
Unha atracción relativamente nova é subir en teleférico ao cumio do Monte San Serxio para obter unha ampla panorámica da costa de Dubrovnik. O prezo ida e volta da viaxe de catro minutos é de 120 kunas, aproximadamente 16 € ao cambio. No punto de chegada hai un restaurante, seica cunha boa oferta gastronómica pero con prezos moi inflados. Ao igual que no caso de Lokrum, pasamos de visitalo.
Visto que a zona de interese de Dubrovnik non daba para moito máis, pensamos en facer unha excursión a algunha das illas veciñas. A nosa primeira intención pasa por achegarnos á Illa de Korčula e á cidade do mesmo nome, pero as ofertas que encontramos en Dubrovnik consisten en pasar moito tempo en autobús ademais de incluír algunhas visitas de pouco interese. Cambiamos de opinión e optamos por unha excursión en barco polas Illas Elafiti para gozar dunha xornada en contacto co mar. Quizais é porque nos ofrecen a visita na réplica dun antigo galeón español (en Croacia? Por que?) ou quizais porque a esta a altura xa estamos cansos de paga-la turistada, que renunciamos a esta opción.
Despois de falalo, decidimos pasa-lo día nalgunha das praias próxima á cidade. Alguén nos recomenda as praias de Copacabana e do veciño Coral Beach Resort, na península de Babin Kuk. Tomamos un dos frecuentes buses locais ata a súa última parada a carón do hotel Valamar Dubrovnik President e seguimos a pé por unha senda peonil. O Coral Beach Resort é unha praia moi pequena e excesivamente humanizada na que é practicamente obrigatorio facer uso do parasol e a hamaca facilitada polo concesionario a cambio de 20 €. A opción gratuíta pasa a ser relegado a un recuncho pedregoso ao final da praia. Coral Beach é o típico sitio de xente guapa ao estilo eivisenco, con música de dj e copas de alta gama e altos prezos. Decidimos seguir e compartir os incómodos rochedos coa xente local.
Está visto que Dubrovnik e os lugares turísticos con este perfil fanos sentir tan molestos que Bruno e mais eu chegamos ao acordo de non volver a elixir nunca este tipo de destinos para unhas vacacións de verán.
Ao día seguinte saímos de volta cara á Santiago de Compostela vía Barcelona. Estamos no mes no que Vueling ten deixado a moitos pasaxeiros tirados por mor da súa ambición de querer ofrecer máis prazas, e polo tanto obter máis beneficios, a conta do esforzo dos seus traballadores. Na viaxe de ida conseguimos librarnos pero Vueling parece querer desquitarse nos traxectos de volta e amosarnos o grao de inutilidade ao que poden chegar algunhas empresas. Quedamos tirados en Barcelona e chegamos á casa con once horas de atraso. O comportamento da compañía non ten palabras e tan só esperamos que o tempo, e os seus clientes, lle fagan ocupar o lugar que lle corresponde.

Panorámica de Desembarco do Rei (cortesía de imaxes Google). Na foto superior pódese ver a Illa de Lokrum ao fondo