Voamos entre Medellín e Santa Marta coa compañía aérea, colombiana e de baixo custo, “Viva Colombia”. O nome, certamente folclórico, pode crear unha expectativa negativa sobre a compañía que, con todo, ofrece un servizo moi razoable e sen tanta tensión á hora de facturar como pode provocar Ryanair en Europa.
O pequeno aeroporto de Santa Marta está nun bonito recuncho á beira do mar pero resulta algo confuso polas obras que se están a executar para a súa ampliación. Saímos directamente ao exterior, sen pasarela, e recibimos unha labazada de calor esaxerada e agravada por unha humidade moi pegadiza.