Todo comezou hai case un século cando o guatapeño José María Parra Jiménez decidiu aprender técnicas e tendencias artísticas para decora-las franxas inferiores das fachadas da súa poboación natal. José María, coñecido polos alcumes de Chepe e Hacedor de Zócalos, quería deste xeito protexe-los edificios das humidades que viñan do chan, e tamén da sucidade que provocaban as galiñas e outros animais, así como do deterioro causado polos rapaces do lugar cando xogaban nas estreitas rúas da vila.
Chepe principiou pintando unha ovellas no portal e na fronte da súa casa tanto para protexer as súas paredes como, segundo algunhas opinións, para desafiar unha beata local que viña de pintar un zócolo co cordeiro de Deus no altar da igrexa local.
Pouco a pouco, o noso artista foi embelecendo casas e calellas, avanzando na súa técnica e buscando novos motivos de inspiración. Mudaron os materiais como o barro ou o esterco inicial ao cemento. Pero tamén mudaron formas e motivos. Deste xeito, as múltiples obras de arte que actualmente exornan esta poboación poden dividirse en zócolos “de pañete”, simplemente pintados; zócolos “formais ou mamposteros”, nos que se aplican relevos e baleiros sobre patróns bastante sinxelos; e zócolos “manuais”, os máis elaborados, nos que se mesturan diferentes patróns e se elaboran deseños manuais que dan respostas individualizadas aos desexos dos propietarios das casas.
Evidentemente, os zócolos manuais son os que máis chaman a atención dos visitantes. Animais, figuras relixiosas, indíxenas e escenas da vida cotiá dos propietarios que queren desta maneira dar un toque persoal e exclusivo á súa residencia.
Hoxe en día, os zócolos de todas as casas da parte vella de Guatapé están inspirados na obra de Chepe. Son anacos en cemento que plasman o día a día e os costumes desta parte do Oriente Antioqueño. Oitenta centímetros de altura en cada unha das 1.200 casas engalanadas para recrear a memoria deste pobo. Xa tan só queda menos dun 15% das vivendas por rematar.
Agora todas as casas deben ser decoradas por decreto do seu alcalde e son xa máis de vinte os artesáns que se dedican a este labor. Xa non son zócolos de motivos simples como flores ou figuras xeométricas senón algo conceptual estreitamente ligado á historia dos edificios e das persoas que os habitan. Verdadeiros murais nos que se escrebe a historia do lugar e no que cada obra é unha especie de biografía do dono da casa.
Iniciativas como a de Guatapé son as que axudan a embelecer este mundo e a que todos poidamos sentirnos artistas nalgún momento das nosas vidas. Pero é tamén grazas aos seus zócolos que esta vila recibe cada fin de semana uns 2.000 turistas que se achegan, principalmente, dende Medellín.
Pasear por Guatapé é perderse sen rumbo para ir descubrindo pequenas xoias por todas partes. Pero nese paseo debe incluírse obrigatoriamente a Iglesia del Carmen, a Casa del Arriero, a máis grande e antiga da vila, e a Calle Recuerdos, unha rúa lastrada e cos mellores exemplos de zócolos guatapeños.