Levo doce días de traballo intenso e sen apenas descanso cando saio de vacacións para Colombia. Nesta ocasión acompáñanme os meus amigos de Vigo, Chelo e Fernando, e Alex, un francés de orixe alxeriano que traballa para British Airways e reside a tempo parcial entre Barcelona e João Pessoa (nordeste brasileiro). Alex está percorrendo ao mesmo tempo Panamá e Costa Rica polo que se vai incorporar ao noso itinerario na cidade de Cartaxena de Indias para, despois, continuar con nós ata o remate da viaxe.
No momento de face-la reserva barallamos como opcións os novos destinos da compañía Iberia en Colombia, as cidades de Cali e Medellín, así como o xa habitual de Bogotá. Iberia hai uns meses que ten unha nova oferta de voos tres veces á semana de Madrid a Cali, con escala e dereito de pasaxe en Medellín, a capital da rexión de Antioquia. Pero unha vez temos definida a ruta a realizar nesta viaxe, Medellín é a opción máis coherente como aeroporto de entrada e Bogotá como punto de saída. Ademais, Medellín é unha teima persoal miña; a mala sona da cidade de Pablo Escobar e o tempo en que a cidade estivo pechada ao turismo danlle un punto morboso que me move a visitala.
Non consigo acougar durante as dez horas e media que dura a viaxe dende Madrid e chego completamente mallado. Unha vez aterrados no aeroporto José María Córdova collemos un taxi que por 65.000 pesos colombianos (21€) nos achega ao noso hotel no centro da cidade. No momento no que estou a pasar este post a limpo, o aeroporto de Medellín volveuse tristemente famoso xa que hai tan só dous días que tivo lugar o accidente da compañía boliviana LaMia con 71 falecidos, entre eles o equipo de fútbol Chapecoense e un gran número de xornalistas brasileiros. O voo de Lamia tiña como destino o aeroporto internacional pero Medellín dispón dun segundo aeroporto (Olaya Herrera), moi próximo ao centro da urbe e cunha oferta importante de voos nacionais.
O aeroporto JMC (2.142 m de altitude) está unido á cidade por unha estrada de 45 km que primeiro sobe ata un porto de montaña para logo facer un descenso continuado ata o val no que se asenta Medellín, a 1.494 m sobre o nivel do mar. A través dunha paisaxe verde moi agradable, o descenso cara ao val permite contemplar residencias, urbanizacións e centros comerciais que transmiten unha imaxe de vida moderna e europeizada.
Medellín é, con case 4.000.000 de habitantes, a segunda megalópole máis grande do país e un importante centro industrial e comercial. A cidade está tratando de definir de novo a súa imaxe despois dun período moi escuro da súa historia recente na que os protagonistas eran o narcotráfico e a figura de Pablo Escobar. Anos durante os que ningún viaxeiro ousaba pasar por aquí. Unha cidade que vivía un día a día sen lei e onde a poboación arriscaba a súa vida por nada.
Nestes últimos anos os gobernantes fixeron un grande esforzo para mellorar a sona que precedía a Medellín, deseñando planes de modernización de infraestruturas e incrementado os niveis de seguridade. Por outra banda, o goberno colombiano leva un tempo de diálogo coas guerrillas para pechar un acordo de paz e, ao mesmo tempo, establecendo ofensivas contra o crime organizado para tentar incrementar as condicións de seguranza en todo o país. Pola súa parte, o organismo Turismo de Colombia lanzou hai uns anos unha campaña de promoción moi adecuada que baixo o slogan “O perigo é que queiras quedar” trataba de minimizar a mala fama do país para poñer en positivo os seus atractivos turísticos.
É tal a viraxe dada por Colombia que o portal da prestixiosa guía de viaxes Lonely Planet o recomenda en segundo lugar como mellor país de destino para o ano 2017. As razóns, segundo a editorial, son unha mestura de cultura, natureza e hospitalidade vibrante entre un pobo que recibe ao visitante cos brazos abertos.
Xa estamos instalados no hotel e os nosos corpos piden continuamente meterse na cama. Ao cansazo propio da viaxe hai que engadirlle as sete horas de diferenza co horario español. Pero nestes casos de forte jet lag o mellor é combatelo e aclimatarse canto antes ao novo horario. É por iso que decido espelirme e saír buscar un adaptador de corrente, como o que deixamos esquecido na casa, e, ao mesmo tempo, tentar de trocar algúns euros en moeda local. O noso hotel está a carón da antiga estación de ferrocarril, xa en desuso, e fronte á coñecida como Manzana El Hueco. Hai que atravesar a Calle San Juan para entrar neste barrio de ambiente moi popular no que se abren calellas e pasajes (galerías comerciais) ateigadas de tendas e cafetarías. Son moitas as tendas de quincalla e incluso de electricidade pero o de atopar un adaptador axeitado faise difícil, e cambiar diñeiro un labor imposible. A medida que pasan os días descubriremos que o euro non é de todo benvido en Colombia, facendo complicado atopar cambio e, sobre todo, un cambio razoable (agás Cartaxena de Indias). Con respecto ao cambio oficial de 3.300 pesos colombianos (segundo a Internet), non conseguiremos acadar, nas mellores circunstancias, máis aló dos 3.080 por euro, chegando nalgunha ocasión a ofrecernos o raquítico cambio de tan só 2.650 pesos. Os viaxeiros deben formularse a posibilidade de viaxar a Colombia con dólares para non estar pendentes de atopar casas de cambio e/ou cambios interesantes.
Dentro do proceso de transformación no que está inmerso, Medellín preséntase como unha cidade de certo aire “señorito” e cunha noite bastante animada. A medida que viaxamos polo país iremos escoitando comentarios sobre os paisa, os naturais de Medellín e dos departamentos do Eixo Cafeteiro, como xente especial que gusta de marcar as diferenzas, certamente clasistas, co resto de colombianos. Malia o noso cansazo decidimos facer unha pequena incursión na noite medellinense, hoxe é sábado e non hai mellor momento para coñece-la noite da cidade que nos acolle. Recomendados polo persoal da recepción do noso hotel dirixímonos á Calle 70 esquina coa Calle San Juan, unha das diversas zonas de ambiente da cidade e a máis próxima ao noso aloxamento. É primeira hora da noite e os locais comezan a encherse. Os bares musicais aparecen decorados, un tras outro, cun gusto verdadeiramente “particular”: grilandas de Nadal, globos de cores e grandes corazóns de namorados. O estilo musical dominante é o reguetón a un volume de excesivos decibelios (incluso para min que me encantan os sons atronadores). Tamén moito cheirume a fritada, o que será unha constante en todo o país, e ambiente moi popular. Nin a música nin o gusto decorativo fan da Calle 70 un lugar sofisticado, pero si un lugar simpático para unha primeira toma de contacto coa xente do país. Despois de dar unha volta decidimos regresar ao hotel para poder atacar fresquiños a visita da mañá seguinte.
Medellín non é nin fea nin bonita. Unha urbe grande e un tanto desarticulada que ofrece moitos servizos pero que non podería ser considerada coma un destino turístico de seu. O emprazamento fai lembrar a outras capitais sudamericanas como Caracas ou Santiago de Chile, un val arrodeado de altas montañas pero un val amplo máis no estilo da capital chilena. O centro está ficando como área comercial e administrativa, mentres que as zonas residencias van escalando as abas das montañas, cada vez máis alto. Pero hai que distinguir entre os barrios de ricos, escapando da contaminación do val, e os inmensos poboados chabolistas, escapando dos prezos que non poden pagar no centro da cidade. Ambos, ricos e pobres, colonizando pouco a pouco as montañas pero sen mesturarse entre si. Para salvar esta orografía, Medellín vén investindo nun sistema de transporte digno que é a envexa doutras cidades colombianas, as únicas liñas de metro polo de agora en Colombia e un sistema de metrocable (teleférico) con tres liñas que permiten acceder ás partes altas da cidade.
O centro carece de encanto, excesivamente espallado e cunha mestura estraña de rañaceos, edificios de deseño e barrios humildes. A estas alturas, os edificios coloniais son tan só unha lembranza. Medellín renunciou ao seu pasado, pero a falla de atractivos reais os seus gobernantes crearon durante estes últimos anos espazos temáticos que axuden a dar contido a unha visita turística.
Á mañá seguinte principiamos o noso percorrido atravesando de novo o barrio de El Hueco, tamén coñecido como Carabobo, pechado a cal e canto a horas tan cedas do día. De camiño pasamos pola praza da Iglesia de laa Veracruz e quedamos sorprendidos por un ambiente temperán composto principalmente por xente de mal vivir e adictos ao pegamento. Dirixímonos a pé ata a Plaza Botero, o primeiro referente turístico de Medellín por ser o lugar onde se atopa o Museo de Antioquia así como as vinte e dúas esculturas que o Maestro Botero regalou á súa cidade natal.
Visitando a Plaza Botero decidimos coller un autobús turístico que, por 35.000 pesos (12€) por persoa, permite realizar un itinerario de día completo polos sitios de maior atractivo de Medellín. Facemos a primeira parada no Parque de los Deseos, a carón da estación de metro Universidad, onde se levantan dous edificios de certo deseño: o Planetario e a Casa de la Música. Dende aquí achegámonos a pé ata o Jardín Botánico no que está a ter lugar a Feira do Libro, sorprendentemente, grande en tamaño e moi ben organizada.
A seguinte paraxe interesante é no Cerro Nutibara, un outeiro a 80 metros sobre o nivel do centro da cidade que permite unha ampla vista de 360º. No alto do outeiro hai unha pequena recreación do que é unha aldea típica da rexión de Antioquia coñecida como Pueblo Paisa. Realmente limítase a unha praza de marcado acento colonial e os edificios que a arrodean, pero esta réplica arquitectónica e as panorámicas dende o miradoiro fan de Nutibara unha das visitas obrigatorias en Medellín.
A nosa derradeira paraxe é no barrio de El Poblado. Agora estamos en zona vip, no barrio das altas torres residencias e o exclusivo centro comercial Santa Fe. En torno ao Parque Lleras (non especialmente bonito) están os restaurantes e os bares musicais aos que acoden os xoves de clase alta, os de aspecto europeizado.
Deixamos numerosos edificios de interese, sobre todo de novas arquitecturas, que almacenamos na listaxe de cousas a facer e visitar na nosa próxima escapada a Medellín. Isto foi tan só un primeiro contacto que nos permitise ter unha imaxe real dun destino tan asociado a visións e mensaxes negativos. Pero tamén somos conscientes de que non esquecemos ningún dos referentes polo que Medellín é coñecida.
O noso segundo día decidimos facer unha excursión de día completo á estraña formación da Piedra del Peñol e á pintoresca vila de Guatapé. Ambos lugares atópanse a unha distancia de entre 75 e 80 km de Medellín e a poucos quilómetros un do outro. O prezo da excursión é de 69.000 pesos (22€) incluíndo a viaxe con guía, paseo en barca en Guatapé, almorzo e xantar. As comidas non teñen moito nivel e hai que aturar os horarios típicos das visitas organizadas pero supón, sen dúbida, un aforro de tempo ao que hai que engadir un prezo totalmente razoable.
O tempo de viaxe é dunhas dúas horas por traxecto con parada no camiño tanto á ida como á volta. A Piedra del Peñol, tamén chamada Peñón de Guatapé, é un monólito granítico que fai lembrar ao Pão de Açúcar de Río de Xaneiro. Son 200 metros sobre o terreo circundante con vistas sobre unha paisaxe moi fermosa de terra e auga formada polas inundacións provocadas coa construción do encoro de Guatapé. O penedo é de propiedade privada e a entrada de 15.000 pesos (5€) non está incluída no prezo da excursión. Case seguro que a familia propietaria está a facer unha morea de cartos, pero o tratamento que dá a esta marabilla da natureza é bastante indigno. Para subir ata o cumio hai unha escada de 659 chanzos realizada en ladrillo e con aspecto de cremalleira. Este horroroso engadido que supón un importante atentado á formación natural é ademais unha subida esixente que obriga a coller folgos de cando en vez. As vistas pagan a pena sen ningunha dúbida, os guías locais falan da panorámica máis bonita do mundo, pero, ao meu pensar, é unha afirmación excesivamente esaxerada.
Unha vez arriba, outro espantoso edificio en ladrillo permite acadar os 740 chanzos atravesando unha serie de feas tendas que venden artigos sen valor. As vistas aínda un pouquiño mellor.
Despois da visita seguimos para comer na vila de Guatapé. Ao rematar o xantar damos unha volta en barco polo encoro do mesmo nome para ter unha visión do penedo sobresaíndo sobre a liña do horizonte. De volta en Guatapé temos tempo dabondo para descubrir pola nosa conta as prazas e rúas desta senlleira poboación de 4.000 habitantes. A guía de Lonely Planet fai tan só unha breve referencia para comentar a curiosidade dos frisos e zócolos que decoran a franxa inferior das fachadas da maioría das vivendas de Guatapé, pero non fai xustiza ao que é unha auténtica obra mestra de arte popular executada durante moitos anos polos seus habitantes.
Para os que amamos a arte pop, Guatapé é un destino moi especial, un lugar que fai que esta excursión e a viaxe a Colombia estean xustificadas de seu. Na seguinte entrada teredes moreas de fotos que vos van permitir facer case unha visita virtual deste marabilloso recuncho de Colombia.