Polo Caribe Colombiano, dende Santa Marta a Cartaxena de Indias

Voamos entre Medellín e Santa Marta coa compañía aérea, colombiana e de baixo custo, “Viva Colombia”. O nome, certamente folclórico, pode crear unha expectativa negativa sobre a compañía que, con todo, ofrece un servizo moi razoable e sen tanta tensión á hora de facturar como pode provocar Ryanair en Europa.

O pequeno aeroporto de Santa Marta está nun bonito recuncho á beira do mar pero resulta algo confuso polas obras que se están a executar para a súa ampliación. Saímos directamente ao exterior, sen pasarela, e recibimos unha labazada de calor esaxerada e agravada por unha humidade moi pegadiza.

Parque Nacional Tayrona

Playa Cristal no Parque Nacional Tayrona

Barrio de Getsemaní en Cartaxena de Indias

Barrio de Getsemaní en Cartaxena de Indias

Unha vez no centro da cidade, a calor vólvese abafante por mor dun incendio próximo ao noso hotel no que arden varias casas a carón do mercado da cidade. Os bombeiros aínda non conseguiron apaga-lo lume dende primeira hora da mañá e a sensación térmica no centro de Santa Marta é semellante a colocarse fronte a un forno acabado de abrir.

Santa Marta foi unhas das primeiras urbes en ser fundada en Sudamérica e é a segunda máis antiga entre as que se manteñen habitadas dende a súa fundación. Pero malia o seu pasado colonial e ao feito de ser unha das cidades máis importantes do Caribe Colombiano, hoxe en día asemella unha poboación de provincias que non pasa polo seu mellor momento. Os seus atractivos non son moi numerosos e o seu novo urbanismo respira pouco interese. Pero é quizais a mestura entre un urbanismo lixeiramente colonial e ese aire pausado, típico caribeño, o que lle procura unha atmosfera moi agradable.

Estrella Galicia nun bar da Plaza de los Novios

Estrella Galicia nun bar da Plaza de los Novios

Un paseo polo centro histórico debe pasar polo sinxelo edificio da catedral, polo interesante Museo del Oro (non confundir co de Bogotá) e polo Parque de los Novios, unha céntrica praza pola que novos (non noivos) e non tan novos saen a pasear e terracear polas noites. Incluso hai unha pequena praia que é a prolongación natural do centro histórico cara ao mar, inda que algo deslucida pola presenza claramente visible dunhas consistentes instalacións portuarias.

12

16

20

Rúas de Santa Marta

Rúas de Santa Marta

Praza da Catedral

Praza da Catedral

Praia de Santa Marta

Praia de Santa Marta

Santa Marta tamén é un destino tradicional de sol e praia para o turismo nacional colombiano, pero nesta época do ano somos poucos os turistas e aínda menos os de procedencia estranxeira. Ademais do mar, outro motivo importante polo que se achegan a maioría de visitantes son os dous parques nacionais: o P.N. de Sierra Nevada de Santa Marta e o P.N. Tayrona. O primeiro ocupa unha gran parte da formación montañosa que está ás costas de Santa Marta, a serra litoral máis elevada do mundo con picos que acadan os 5.775 m. O segundo parque nacional é unha franxa costeira de terra case virxe que vai dende a baía de Taganga, moi preto de Santa Marta, ata a desembocadura do río Piedras, a 35 km ao leste.

Pero non todos os visitantes utilizan Santa Marta como base, algúns viaxeiros prefiren como opción a aloxarse no centro da cidade achegarse ata a aldea cafeteira de Minca, á unha altura de 600 m sobre o nivel do mar e cunhas temperaturas mellores de soportar.

Moitos dos máis aventureiros acoden ata Santa Marta para organizar unha expedición á que foi a principal cidade da cultura tayrona e unha das máis grandes entre os pobos precolombinos. O seu nome real, Teyuna, foi substituído por outro de connotacións claramente turísticas e aventureiras: Ciudad Perdida. Construída a partir do século VII e desenvolvida principalmente entre os séculos XI e XII, a cidade foi abandonada na época da conquista española, ficando “desaparecida” ata a década dos 70 do século pasado. O único xeito de chegar ata ela e a través dunha marcha a pé esgotadora de catro a seis días, pero que seica din emocionante e de extrema beleza. Ata a cidade perdida hai que chegar ben organizado e a través dalgún operador turístico autorizado.

O noso pequeno grupo non dispón de tempo dabondo para visitar a Ciudad Perdida e centrámonos no Parque Nacional Tayrona. Vimos a Colombia, en parte, en busca do mar, de ese famoso mar Caribe que a miúdo identificamos co paraíso terreal. Por se tiñamos algunha dúbida sobre o feito de visitar este privilexiado espazo natural, non deixamos de escoitar a canción “La bicicleta” coa que a parella de cantantes colombianos formada por Shakira e Carlos Vives nos invitan a descubrir esta parte da costa caribeña. Neste momento “La bicicleta” é un éxito total en España e, sobre todo, en Colombia.

O Parque Nacional Tayrona é un destino moi solicitado en tempada alta (decembro a febreiro) pero os turistas escasean nestas datas do mes de setembro e somos obxecto de numerosas ofertas por parte dos axentes locais. A nosa idea inicial pasaba por tirarnos un par de días nalgunha praia dentro dos límites do parque, combinando paseos a pé con tempo de relaxo a carón do mar. A medida que imos obtendo información sobre como visitar Tayrona tamén imos sentindo certo desencanto. As propostas que recibimos falan de excursións de ida e volta no día, ben para visitar unha única praia cun pequeno percorrido en barca ou ben para facer paseos durante varias horas pola costa con ida e volta en coche ata o punto de partida. Pero ningunha que nos permita coñecer o espazo natural no seu conxunto. Ademais, ao prezo relativamente elevado das excursións hai que engadir a entrada ao parque por un valor aproximado de trece euros e medio. No caso de querer facer varias excursións haberá que pagar tantas entradas como número de visitas, xa que o acceso é válido para tan só un día. Ningunha das propostas é do noso gusto, realmente nós queremos ve-lo Parque dende o mar e percorrer a súa costa para poder escoller o mellor areal no que tirarnos a descansar.

Mapa P.N. Tayrona

Mapa P.N. Tayrona (cortesía imaxes Google)

Despois de consultar con todas as axencias do centro de Santa Marta e de falar con múltiples interlocutores, chegamos a conclusión que o tipo de visita que estamos a buscar é unicamente posible arranxando unha barca no porto de Taganga, a vila veciña a escasos quilómetros de Santa Marta.

Ao día seguinte madrugamos e saímos en taxi cara a Taganga, unha pequena poboación á porta do Parque Tayrona que hai algúns anos era moi solicitada, especialmente entre os viaxeiros de mochila, polos prezos económicos dos seus aloxamentos e por certa atmosfera bohemia. Ultimamente Taganga vén acadando mala sona por mor do tráfico de drogas e pola falla de seguridade nas súas rúas en horas nocturnas. Nada máis baixar do vehículo somos abordados de inmediato polos intermediarios locais que ofrecen viaxes en barca á veciña Playa Grande e ao P.N. Tayrona. Tras unha breve e intensa negociación chegamos a un acordo polo que logramos reducir o custo inicial de 500.000 a 350.000 pesos colombianos. Este prezo de aproximadamente 113 euros inclúe unha visita en barca de día completo á baía de Chengue e á de Cinto así como á famosa Playa Cristal, para, deste xeito, percorrer un cincuenta por cento do litoral do Parque.

No momento no que a barca comeza a separarse da praia aparece outro intermediario local facendo sinais ao noso capitán coa intención de incorporar unha nova pasaxeira ao paseo e, dese xeito, conseguir un maior proveito económico. A nosa resposta é non a non ser que haxa un desconto no que imos pagar, pero María Fernanda, así se chama a rapaza de Bogotá, comenta que está en paro laboral e non ten moitos medios económicos, polo que decidimos deixar que nos acompañe. Coido que foi un acerto, María Fernanda é unha rapaza de cidade e instruída que gusta de falar e manexa unha conversa agradable. Aproveitamos para coñecer moitos datos sobre a forma de vida dos colombianos e as diferenzas entre as distintas rexións. O que nos queda claro é que non simpatiza cos paisa, os da rexión de Antioquia, por consideralos un tanto soberbios; igual é por ser de Bogotá, a rival directa da paisa Medellín.

Na barca...

Na barca…

O mar ameazante

O mar ameazante

María Fernanda, a faladora compañeira de excursión

María Fernanda, a faladora compañeira de excursión

6

4

3

Baía de Chengue no P.N. Tayrona

Baía de Chengue no P.N. Tayrona

Nada mais saír comprobamos a forza das enormes ondas que baten contra a costa. Malia que o capitán fala dun día tranquilo, a barca non para de moverse e de subir para volver a baixar. As persoas temerosas deben telo en conta á hora de programar a súa visita ao Tayrona. A nosa maior sorpresa é que a paisaxe dominante non se corresponde coa imaxe idílica do Caribe tropical. As palmeiras son practicamente inexistentes e a auga non acada a cor turquesa habitual destes mares. O día, nubrado e agrisado, tamén pode axudar. Tayrona non é o que esperabamos e a climatoloxía non é óptima pero, de calquera xeito, gozamos das praias solitarias. Incluso os poucos turistas da máis concorrida Playa Cristal amósanse respectuosos e non fan moito barullo. Comemos peixe fritido nun chiringuito en Playa Cristal acompañado de Club Colombia, a cervexa do país, e sentímonos afortunados.

9

8

Playa Cristal

Playa Cristal

Á hora do regreso temos un novo contratempo, decidimos facernos cargo dun rapaz alemán que foi abandonado polo seu barqueiro e que non ten xeito de regresar a Taganga. Cousas da inexperiencia que leva a pagar servizos antes de seren realizados ao completo.

O terceiro día en Santa Marta dedicámolo ao lecer e escollemos a próxima, e teoricamente paradisíaca, Playa Blanca. Para chegar ata alí hai que coller un transporte ata a poboación de El Rodadero, unha especie de pequeno Benidorm a cinco quilómetros ao sur de Santa Marta, e dende a praia alugar unha barca que chega a Playa Banca en aproximadamente dez minutos. Pero este famoso areal para o turismo local de sol e praia está moi lonxe do concepto paraíso. Nin a vexetación ni a pureza da auga fan lembrar a palabra Caribe. E o comportamento de acoso extremado por parte dos innumerables vendedores dános ganas de fuxir. Comezamos a pensar que o Caribe Colombiano difire bastante dos tópicos habituais sobre as praias e costas desta parte do mundo.

El Rodadero

El Rodadero

Praia do Rodadero

Praia do Rodadero

Playa Blanca

En Playa Blanca coa poboación do Rodadero ao fondo

Ao día seguinte collemos unha buseta (minibús) cara a Cartaxena de Indias. A idea inicial pasaba por viaxar entre estas dúas cidades vía a vila colonial de Mompox. Un desvío de oito horas en autobús por traxecto para coñecer esta adormecida poboación no interior do norte colombiano que seica podería ser a inspiración para Gabriel García Márquez á hora de imaxinar o seu Macondo nos libros “Cen anos de soidade” ou “Os funerais da Mamá Grande”, entre outros. Mompox suporía tres días das vacacións entre viaxes e estadía mínima de 24 horas e por esa razón decidimos deixar esta visita para unha seguinte ocasión.

O tempo de viaxe entre Santa Marta e Cartaxena de Indias é de catro horas, a non ser que unha pouca espelida vendedora, coma a nosa,  se engane no intre de emitir o billete. Na parada de Barranquilla, á metade do camiño, somos desaloxados das nosas cadeiras polos seus novos ocupantes e temos que esperar a seguinte conexión a Cartaxena de Indias. As nosas reclamacións nos serven de nada xa que as busetas colombianas non permiten levar máis pasaxeiros que os autorizados legalmente.

Non facemos intento de visitar Barranquilla xa que esta cidade ten poucos máis méritos coñecidos que se-lo lugar de nacemento da cantante Shakira. É máis, Barranquilla carece de atractivos, a non ser o seu Carnaval, e ten sona de lugar perigoso.

Chegamos a Cartaxena de Indias con case unha hora de atraso e imos directamente ao noso aloxamento no barrio de Getsemaní, un antigo arrabalde popular, moi próximo á cidade amurallada, que foi pouco a pouco enchéndose de hoteis boutique e restaurantes alternativos. Nos días seguintes iremos coñecendo os diferentes barrios para chegar a conclusión de que Getsemaní é a mellor opción para aloxarse durante unha visita a Cartaxena, próximo a todos os atractivos e con mellores prezos e ambiente que a propia cidade intra muros.

26

23

27

Barrio de Getsemaní en Cartaxena de Indias

Barrio de Getsemaní en Cartaxena de Indias

Durante o noso segundo día imos en primeiro lugar ao Castillo de San Felipe e, alí mesmo, decidímonos a pagar unha visita organizada. Sae a conta. Cartaxena é moi extensa e o custo da excursión é igual ao valor das entradas para o castelo mencionado e para o Convento de la Popa, o mellor miradoiro sobre a cidade. Loxicamente, hai que estar disposto a moverse en chiva, ese vehículo aberto que comparte enxebreza e incomodidade ao 50 por cento, a escoitar os últimos éxitos do reguetón colombiano e a respirar certo tufo a turistada. Coñecemos os principais atractivos tanto da parte vella coma da nova e compartimos asento con ecuatorianos, venezolanos e colombianos na emigración. Un día agradable!

Camiño do castelo de San Felipe

Camiño do castelo de San Felipe

43

34

Visita ao castelo de San Felipe

Visita ao castelo de San Felipe

Subida ao Convento de la Popa

Subida ao Convento de la Popa

Vista de Cartaxena de Indias dende o miradoiro de la Popa

Vista de Cartaxena de Indias dende o miradoiro de la Popa

44

Chiva turística

Chiva turística

30

Barrio de Bocagrande ao fondo

Barrio de Bocagrande ao fondo

Unha xornada máis e hoxe o noso amigo Alex, o francés itinerante, incorporarase a esta viaxe. Alex, marsellés de pai alxeriano e nai de orixe italiana, é unha mestura exquisita que viaxa continuamente polo mundo. Con el teño compartidas experiencias en Sudáfrica, Nova Celandia, Vanuatu ou Samoa, entre outros lugares. Alex tamén coñece a Chelo e Fernando, os outros dous participantes do grupo, xa que estivemos nunha ocasión todos xuntos na República Islámica de Irán. Alex chega en domingo, vinte e cinco de setembro de 2016, unha data de referencia para a PAZ en Colombia.

Hoxe pola tarde o Goberno Colombiano e o grupo guerrilleiro das FARC van asinar un acordo para pacifica-lo país. Entre os invitados ao evento atópanse os presidentes da ONU e dos principais países veciños, sen que falle o noso Rei Emérito Juan Carlos I. E todo este suceso histórico a menos de 300 metros do noso hotel! Cartaxena parece unha cidade cercada, o acceso ao centro é moi difícil e só por invitación. E a maior parte das empresas de servizos turísticos permanecen pechadas a cal e canto.

28

35

Muelle de los Pegasos co Pazo de Congresos onde tivo lugar a sinatura do documento de paz

Muelle de los Pegasos co Pazo de Congresos onde tivo lugar a sinatura do documento de paz

Como poderemos comprobar de novo sete días máis tarde en Bogotá, cando hai un plebiscito en Colombia declárase a “lei seca”, é dicir, está prohibida a venda de calquera tipo de alcohol durante a tarde anterior ao evento e todo o día do mesmo. Nunha situación tan especial como esta, non podería ser menos. O Goberno quere deixar todo ben atado para que non xurdan problemas, sabedores de que unha gran parte da cidadanía é contraria á firma da paz tendo en conta as condicións vantaxosas establecidas para os terroristas. Por conseguinte os locais de lecer están pechados e a vida nocturna é inexistente.

No momento de programa-la viaxe e distribuí-los días do percorrido deixamos un par de xornadas para achegarnos dende Cartaxena de Indias ata o arquipélago das Islas del Rosario. O noso suposto era semellante ao que fixeramos do P. N. Tayrona: alugar unhas cabaniñas na praia e facer algo de navegación polo Mar Caribe. A decepción tamén foi semellante. A maioría das illas son privadas e as posibilidades que nos ofrecen son totalmente programadas. A excursión tipo consiste en facer unha viaxe en barca de ida e volta para pasar todo o día nun hotel de categoría e por un prezo arredor dos 50 €, incluído o almorzo. Ningunha posibilidade de saltar de illa en illa ou de facer unha navegación completa que nos permita facernos unha idea do conxunto insular.

Consultando con coñecidos de Cartaxena recoméndanos un destino de praia máis “auténtico” na estrada de Cartaxena a Barranquilla e a escasos quilómetros da primeira: a praia de Manzanillo. Collemos un taxi e chegamos a unha aldea con moita xente inactiva nas portas das vivendas. Dende un par de quilómetros antes de chegar á praia, levamos pegados ao taxi mozos que corren ao noso carón e a mesma velocidade que o vehículo. Non chegamos a baixar, o propio condutor sente medo de deixarnos nunha praia sen turistas e arrodeados de multitude de xente local que vai tentar sacar proveito dos nosos cartos. Entendo que a intención dos mozos era tan só vendernos artesanía, ou alugar unha hamaca ou levarnos a un restaurante con comisión. Pero as formas, insistentes e agresivas, e a mesma praia, ventosa e de area negra, fai a experiencia pouco apetecible.

Regresamos no mesmo taxi e decidimos facer uso das praias urbanas de Bocagrande, unha península de rañaceos dentro da propia cidade con fines residenciais para a clase alta de Cartaxena. Seguen a non ser as praias idílicas que esperabamos atopar pero a esta altura xa temos claro que Colombia non é un destino para o viaxeiro que procure un Caribe tropical. Posiblemente poidan atopalo nas illas de San Andrés e Providencia, colombianas pero localizadas fronte as costas de Panamá. Lembro a miña escapada hai uns poucos anos ás illas de San Blas no Caribe Panameño e non hai punto de comparación co que estamos a ver.

47

46

En Bocagrande

En Bocagrande

Por contra, Cartaxena de Indias é unha xoia sen parangón entre as cidades coloniais a nivel mundial. É deses lugares aos que hai que vir si ou si unha vez na vida, e xustifica de seu unha escapada a Colombia. A colonización doutros pobos é sempre unha acción ruín e interesada pero hai que recoñecer que, ao mesmo tempo, a colonización española ten deixado unha ampla mostra de cidades fermosísimas espalladas por todo o continente americano. A Habana, o Vello San Xoán, Cidade Vella de Panamá, Cuenca, Quito, Antigua, Lima, Puebla, Cusco…, pero ningunha como Cartaxena de Indias.

Cando chove faino a pracer

Cando chove faino a pracer

A localización do conxunto urbano, a perfecta mestura entre a arquitectura española e os edificios da época da República e a excelente recuperación e conservación da maioría das súas construcións fan de Cartaxena de Indias un referente entre as urbes de fundación colonial. A cidade precisa de tres días para percorrela a modiño e gozar dos seus moitos recunchos. Os únicos puntos negativos son que aínda non se conseguira eliminar o tráfico de vehículos a motor na cidade vella e, por outra parte, o escaso interese de toda a zona nova. Coido que non é preciso aclarar que intra muros en particular e Cartaxena en xeral non é un destino barato e que os prezos son consecuencia do bo momento turístico que está a vivir a cidade.

51

Entrando na cidade amurallada

A CIDADE INTRA MUROS:

55

Bastión na muralla

52

36

Plaza de la Aduana

54

56

Convento e igrexa de San Pedro Claver

Patio do Palacio de la Inquisición

Patio do Palacio de la Inquisición

57

63

71

72

65

70

67

58

66

68

Rúas intra muros

Las Bóvedas, almacén de municións español e cárcere republicana

Las Bóvedas, almacén de municións español e cárcere republicana

69

Os compañeiros de viaxe, pola esquerda Chelo, Fernando e Alex

Catedral de Cartaxena de Indias

Catedral de Cartaxena de Indias

 

49Os namorados do son cubano deben visitar un local xa mítico no barrio de Getsemaní: o Café Havana. Os prezos son caros e o local, sempre saturado, dá pouco pé (nunca mellor dito) a bailar, pero a calidade das bandas invitadas e a súa música dan lugar a un ambiente moi animado e tropical.

Por outra parte, os seguidores da literatura de Gabriel García Márquez poden coñecer algún dos escenarios das novelas de Gabo, como a casa de Fermina Daza, a protagonista de “O amor nos tempos do cólera”,  situada na Plaza Fernández de Madrid, así como moitos outros lugares frecuentados polo escritor premiado co Nobel de Literatura. Gabo cualificou a Cartaxena como unha cidade clasista na que foi discriminado nun principio pola súa condición de aldeán, pero foi aquí onde construíu a súa casa, onde comezou nos labores de xornalismo e onde escribiu a súa primeira novela “La Hojarasca”. Hoxe tamén pode visitarse o pequeno mausoleo coas súas cinzas no centro do claustro do Convento de la Merced.

Deixamos esta zona de Colombia coa conclusión de que nin as súas praias nin os seus espazos naturais chegaron a engaiolarnos, pero totalmente convencidos de que Cartaxena de Indias é un sitio inevitable para os interesados no pasado colonial de España que non defraudará a ninguén.

Patio do Convento de la Merced co memorial a Gabo no centro

Patio do Convento de la Merced co memorial a Gabo no centro (imaxe cortesía de Google)

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s