De Bucaramanga a Bogotá – A ruta das cidades españolas

Catedral de Sal en Zipaquirá

Catedral de Sal en Zipaquirá

Saímos a media tarde de Cartaxena de Indias, de novo coa compañía Viva Colombia, cara ao aeroporto da capital do departamento de Santander: Bucaramanga, ou Buca como a chama a poboación local. Buca é unha cidade importante que supera os 500.000 habitantes e ofrece un aspecto saneado, limpo e bastante ordenado. Pero a pesar de que a súa fundación se remonta ao ano 1622, a súa arquitectura colonial e o seu legado patrimonial perdéronse hai xa moito tempo. A cidade ten un aspecto novo e non ofrece maior interese que ser un lugar de paso para visita-la aldea veciña de San Juan de Girón ou para alugar un coche, como é o noso caso, e comezar un itinerario que nos levará ata Bogotá atravesando algunha das vilas coloniais máis fermosas do país.

Chegamos de noitiña e case sen luz, unha mágoa xa que a aterraxe ten sona de ser bastante espectacular por atoparse a pista do aeroporto nunha montaña elevada sobre o val no que se asenta a cidade.

Entre os aspectos positivos de Buca para o visitante están o seu clima, máis levadío que o da costa caribeña da que vimos por atoparse a unha altitude de case 1.000 m, e unha vida nocturna bastante animada. Collemos o noso aloxamento nunha zona moi próxima aos locais de lecer pero é noite de martes e os bares e restaurantes comezan a baleirarse bastante cedo.

DE BUCARAMANGA A BARICHARA

Á mañá seguinte o primeiro que facemos é ir en busca do noso coche. Estando en Galicia e despois de ter reservados os voos internos, o seguinte paso foi procurar un coche que nos levase de Bucaramanga a Bogotá. Pero non foi doado. A condución en países que non coñecemos provócanos sempre o máximo respecto polo que buscamos coche con condutor, pero esta posibilidade quedou descartada á vista dos prezos solicitados. Xa dende casa conseguimos reservar coa empresa Localiza, unha multinacional de capital brasileiro presente en todo o subcontinente e a única que nos ofrecía este servizo con certas garantías e a posibilidade de devolución fóra de Bucaramanga. O prezo pago para tres días de aluguer foi de 820.000 pesos colombianos, uns 265 euros ao cambio, do que unha gran parte correspondía ao suplemento pola devolución do vehículo en Bogotá.

O noso percorrido vai ser ascendente, estamos en pleno altiplano e imos pasar dos 960 m de altitude de Buca aos 1.336 m da aldea de Barichara e aos 2.140 m de Villa de Leyva, para rematar cos 2.625 m de altitude do val polo que se estende a cidade de Bogotá. Pero antes de comezar a subida achegámonos á poboación colonial de San Juan de Girón, na estrada que leva dende o centro de Buca ao aeroporto.

O cambio é total, Girón é todo o que non é Bucaramanga. Pequena, tranquila, case aletargada e moi colonial. A vila foi fundada en 1.631 e figura parada no tempo. Sorpréndenos que malia a súa proximidade a Buca, respire bastante autenticidade e non se teña convertido nun barrio turístico máis. O paseo pola vila dá para un par de horas no que se debe visitar a Catedral del Señor de los Milagros, a Capilla de las Nieves e un par de praciñas con encanto. Pero camiñar polas harmónicas rúas lastradas, que tanto nos fan lembrar as vilas de Castela, xa é de seu un pracer. O único inconveniente é a calor, de novo esaxerada, por mor da súa situación nun recuncho do val polo que non corre o aire. E se queremos apuntar un máis: o exceso de tráfico, tanto polas vías interiores de Girón como polas autoestradas que arrodean o núcleo urbano.

4

2

San Juan Girón

San Juan Girón

Catedral del Señor de los Mlagros en Girón

Catedral del Señor de los Mlagros en Girón

Despois de visitar Girón comezamos a subir cara ao noso novo destino a través dunha bonita paisaxe e unha estrada en bo estado de mantemento, bastante mellor do esperado. O percorrido ata Bogotá vai ser de 585 km no que, en xeral, atoparemos vías cunha boa pavimentación. Por outra banda, a condución é moderadamente temeraria xa que a dobre liña é case constante e os condutores vense na obriga de adiantar de forma indebida. Eu mesmo terei que pisar sen miramentos esa dobre liña se non quero sentirme unha tartaruga. A sensación que teremos ao final deste itinerario é a de que os quilómetros renden pouco, tendo que pasar moitas horas ao volante para realizar percorridos relativamente pequenos.

A medio camiño entre Bucaramanga e a aldea de Barichara está o canón do río Chicamocha, pertencente ao Parque Nacional Chicamocha tamén coñecido como Panachi. A entrada ao parque, e polo tanto ao canón, está na mesma estrada e non esixe desvío ningún. Á primeira vista produce unha pequena decepción, xa que parece máis o acceso a un parque temático que a un espazo natural. As autoridades correspondentes decidiron crear un parque de actividades ao aire libre e un parque acuático no mesmo lugar no que se accede ao espazo natural e ao punto de saída do teleférico que cruza o canón. Unha mestura atípica de amantes da natureza con excursións organizadas de novos e maiores que veñen gozar da parte máis lúdica deste complexo. Aqueles que busquen unha natureza intacta e o contacto máis puro co medio ambiente deben pasar de largo. Chicamocha é unha paraxe para contemplar unha boas vistas do canón e pouco máis. Pero para iso hai que tomar o teleférico e non é barato. Este medio de transporte permite dun xeito cómodo e rápido facer unha viaxe de ida e volta que primeiro baixa ata a parte profunda do val para logo remontar a montaña que se levanta na outra beira, ata o punto máis elevado coñecido como Mesa de los Santos. Este lugar é tamén accesible por estrada e componse dunha serie de restaurantes e tendas de souvenirs. Deseguido, non queda máis que desface-lo camiño e gozar de novo coas bonitas vistas.

Baixando no teleférico cara ao canón de Chicamocha

Baixando no teleférico cara ao canón de Chicamocha

Fernando e Chelo no teleférico

Fernando e Chelo, menos mal que a camiseta de Fernando non foi premonitoria…

Subindo á Mesa de los Santos

Subindo á Mesa de los Santos

Compartindo teleférico

Compartindo teleférico

Despois da visita seguimos cara a Barichara onde chegaremos cando a luz xa comeza a baixar. No trópico o solpor chega ás cinco e media da tarde. Barichara vai ser toda unha sorpresa, e o noso aloxamento tamén. Esta bonita vila conserva perfectamente a súa traza colonial orixinal e mantén as vivendas en moi bo estado, froito en parte dunha profunda rehabilitación levada a cabo a partir dos anos oitenta do século pasado. Temos a sensación de estar nunha vila de Castela-A Mancha pero con claras influencias das arquitecturas propias de Andalucia e das Illas Canarias. Este estilo que parece exclusivo de Barichara, comprobaremos, durante os días seguintes, que se repite na Villa de Leyva e na parte antiga do propio Bogotá.

A parte alta de Barichara remata asomada a un profundo val como se fose un miradoiro cara ás altas montañas que se asoman ao fondo. Ademais, neste momento non hai turismo, somos os poucos a camiñar por estas tranquilas rúas xunto coa poboación local. Barichara é todo un pracer, suficientemente lonxe das rutas turísticas que percorren Colombia e, ao mesmo tempo, sabendo conservar o mellor da súa esencia. Aínda ofrecendo servizos turísticos de bastante nivel, nada parece artificial e a vida que respiramos é a dun lugar pequeno, tranquilo e apracible. É fácil de entender que Barichara sexa tamén un perfecto posto de rodaxe para filmes e telenovelas.

11

15

19

14

10

16

17

En Barichara

Miradoiro sobre o val

Miradoiro sobre o val

Cemiterio de Barichara

Cemiterio de Barichara

Por riba, o noso aloxamento é espléndido: unha agradable casa colonial con dous suites e catro cuartos. Quedamos na Suite 2 que se abre a unha estupenda varanda da que colgan hamacas onde sonear e uns cómodos sofás que invitan a pedir un gin tonic. O prezo razoable e o servizo acolledor. Por se faltaba algo, somos os únicos clientes.

http://www.achiottehotel.com/

Varanda no Hotel Achiotte

Varanda no Hotel Achiotte

DE BARICHARA A VILLA DE LEYVA

A mañá seguinte rematamos coa visita a Barichara, ás súas igrexas e á fábrica de obxectos de papel. Queda por diante un día de moita condución no que apenas botaremos unha ollada á vila de San Gil, famosa como destino de vacacións para o turismo local pero que nós percibimos carente de atractivo. Ao longo da xornada entraremos no departamento de Boyacá e imos precisar de todo o tempo para chegar, xa de tardiña, ao noso novo aloxamento na Plaza Mayor de Villa de Leyva.

A paisaxe que nos vai acompañando durante estas dúas últimas xornadas é perfecta para a condución. Unha ampla gama de cores verdes espallados por montañas que combinan a vexetación andina coa tropical e todo temperado por unha baixada das temperaturas a medida que imos ascendendo sobre o nivel do mar.

Bolsiña de formigas culonas

Bolsiña de formigas culonas

Entre Barichara e Villa de Leyva conseguimos probar unha das delicatessen locais típica do departamento de Santander: as formigas culonas. É unha tradición que se retrotrae á época da conquista española cando os indios guanes criaban con fins gastronómicos uns insectos de corpo groso e cor marrón aos que se lles atribuían propiedades saudables e afrodisíacas. A mellor tempada é a primavera pero hoxe en día é posible atopar as formigas en todo departamento e ao longo do ano. Unhas vendedoras ofrécenos unha bolsa aproveitando unha pequena parada para o pagamento de peaxe. As formigas ofrécense asadas ou fritidas e enteiras ou moídas. Neste caso son uns bos exemplares fritidos pero sen que pingue aceite. Alex e máis eu non dubidamos en experimentar ese novo sabor que fai lembrar o millo fritido, ese famoso snack tan habitual nas tendas de larperiadas de toda España. Chelo e Fernando resérvanse o pracer e déixano para outra ocasión. Comemos unha poucas pero non é un experiencia saborosa senón mais ben un sabor ao que se hai que acostumar, e, finalmente, a bolsa remata esquecida no intre de devolve-lo coche.

Villa de Leyva é tamén unha fotografía do pasado pero, a diferenza de Barichara, a parte nova faille perder unha chisca de harmonía. Agora ben, esa desproporcionada Plaza Mayor e a variedade de tipoloxías construtivas fan desta visita outro dos imprescindibles para os interesados na pegada colonial de España en América. A pesar de tentar conseguir información que xustifique as medidas de 120 x 120 metros que converten a súa praza nunha das maiores de América, non obtemos resultados. Como no caso de Barichara, Villa de Leyva é unha localización perfecta para rodaxes de películas de época, as enormes pedras do seu pavimento dan personalidade ao conxunto e as montañas virxes do fondo son o pano perfecto para unha representación teatral. Aquí xa se fai notar a proximidade a Bogotá, percibimos moito máis turismo e aparecen os grupos organizados.

20

21

28

24

Plaza Mayor de Villa de Leyva

Plaza Mayror de Villa de Leyva

O noso hotel na Plaza Mayor

Certa animación nocturna na Plaza Mayor

Certa animación nocturna na Plaza Mayor

27

26

Villa de Leyva

É día de semana pero a vila ofrece maior animación nocturna que Barichara, aínda que bastante limitada á contorna da súa praza. A altura, superior aos 2.000 m sobre o nivel do mar, fai que a noite esixa unha peza de agarimo. Que lonxe sentimos a costa do Caribe e a esaxerada humidade das asfixiantes xornadas sen brisa!

Entre as varias visitas aconselladas nos arredores de Villa de Leyva decidimos coñecer a Estación Astronómica Muisca, xa de camiño cara a Bogotá. Este xacemento formado por 115 monólitos de pedra espallados nunha pequena porción de terreo é de comezos da nosa era e servía para que os indios muisca puidesen determina-las estacións do ano. Comparado nos folletos turísticos, e dun xeito esaxerado, co Stonehenge británico pareceunos dun interese limitado para os estudosos do tema

Alex paseando pola Estación Astronómica Muisca

Alex paseando pola Estación Astronómica Muisca

Aqueles viaxeiros que dispoñan de tempo deben saber que a pegada española nesta parte central de Colombia é moi importante, sendo numerosas as aldeas que conservan en moi boas condicións a súa estrutura urbana e o seu pasado colonial. Entre todas elas destaca Monguí aínda que supón un desvío significativo da ruta marcada.

DE VILLA DE LEYVA A BOGOTÁ

30O noso terceiro día de percorrido dicimos adeus a Boyacá para entrar no departamento de Cundinamarca no noso camiño de aproximación á capital do país. A derradeira paraxe vai ser en Zipaquirá, vinte e cinco quilómetros antes de chegar a Bogotá que a nós se nos farán moito máis longos. Nos itinerarios turísticos Zipaquirá é máis coñecida como a Catedral de Sal ou como Primera Maravilla de Colombia, correspondendo esta última denominación ao primeiro posto obtido nun concurso para seleccionar as sete marabillas de Colombia. Realmente falamos dun outeiro, unha pequena montaña de sal, na propia vila de Zipaquirá que foi escavado na década dos noventa para dar forma a un santuario soterrado. Temos a impresión de visitar un museo e non un templo, de feito o apelativo catedral non se corresponde coa realidade ao non ser a sé dun prelado. O deseño de Zipaquirá corresponde ao arquitecto colombiano Roswel Garavito, gañador entre outras corenta e tres propostas dun concurso convocado pola Sociedad Colombiana de Arquitectos para realizar un novo recinto que substituíra outra catedral anterior pechada por graves problemas na súa seguridade.

36Facemos un descenso de 180 metros dende a entrada pasando por un viacrucis de estética moi coidada onde o guía se afana en dar explicacións sobre a súa aburrida simboloxía. A visita ten que ser guiada pero, unha vez dentro, aconsello abandonar o grupo tal e como fixemos nós. Hai un exceso de participantes en cada grupo e as explicacións, moi simples, buscan o sorriso gratuíto. O punto forte de Zipaquirá radica na nave central e o efecto de luz sorprendente sobre a gran cruz que “colga” nunha das súas paredes. O efecto do sal e a estudada iluminación conseguen crear unha inmensa teatralidade no recinto.

Vía crucis na Catedral de Sal

Viacrucis na Catedral de Sal

Malia a evidente beleza do lugar, a excesiva comercialización ten acabado coa posibilidade de facer da Catedral de Sal un referente inevitable a visitar en Colombia. Barullo, carreiras, exceso de tendas e bares, e diversos espectáculos que non veñen a conto fan de Zipaquirá unha visita fallida, máis orientada ao turismo doméstico. O prezo da entrada é unha mostra máis da súa esaxerada explotación turística. Preto de aquí, a uns quince quilómetros na aldea de Nemocón, hai unha mina de sal auténtica con catrocentos anos de explotación. Haberá que probar a ver se resulta unha experiencia máis salientable…

Esta é a terceira Catedral de Sal que visito despois da de Cracovia (Polonia) e a de Targa Mures (Romania) e de seguro que ese é tamén o lugar que lle outorgaría polo seu limitado interese.

35

34

Catedral de Sal

Catedral de Sal

Zipaquirá tamén pode ser unha excursión de medio día dende Bogotá para aqueles viaxeiros que visiten a capital colombiana.

https://www.catedraldesal.gov.co/index.php/compra-online

 

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.