Facemos unha entrada infernal en Bogotá. Os vinte e cinco quilómetros que marcan os sinais dende a Catedral de Sal convértense en cincuenta medidos polo contador do coche. Tardamos dúas horas e media en chegar ao noso hotel das que unha gran parte corresponden a un tremendo atasco de entrada na capital. Pecamos de inconscientes ao chegar de noite a unha gran megalópole na que non é doado conducir e da que descoñecemos case todo. Ademais, hoxe e venres e o próximo domingo será o plebiscito sobre a firma da PAZ entre o Goberno Colombiano e o grupo terrorista das FARC. Ao igual que ocorreu en Cartaxena de Indias, este sábado haberá lei seca dende as seis da tarde e os locais nocturnos permanecerán pechados na súa inmensa maioría. Sabiamos todo isto pero non reflexionamos sobre que este venres e a estas horas todo Bogotá e os coches dos seus oito millóns de habitantes estarían ocupando as vías da cidade. Un auténtico pesadelo!
Vou conducindo e o exceso de tensión e barullo vanme levantando pouco a pouco un dor de cabeza insoportable. Ao chegar ao noso aloxamento teño que deitarme ata o día seguinte e nin sequera penso en acompañar aos meus colegas a dar unha volta nocturna pola cidade.
Esta é a segunda visita para Alex e para min e a primeira no caso de Chelo e Fernando. No noso programa deixamos dous días e medio para ver Bogotá, coido que tempo dabondo para coñecer os limitados atractivos desta capital. A cidade non é bonita, o seu centro quedou un tanto abandonado para uso das clases populares mentres que os estratos medios e altos foron fuxindo cara aos centros comerciais e novas áreas exclusivas da periferia, un feito bastante habitual nas cidades hispanoamericanas. Os 2.625 m sobre o nivel do mar no que se asenta esta macro urbe proporcionan temperaturas moderadas que se volven moi frescas nalgunhas ocasións. Coincidimos en días de ceos anubrados, de nubes moi baixas, e pesados que proporcionan un halo triste a Bogotá. Temos a sensación de que a capital colombiana escapa da imaxe tropical do país e que, posiblemente, non sexa a mellor opción como remate de viaxe.
Bogotá non é bonita –seguro- pero non deixa de ser unha gran cidade con oferta suficiente para entreterse durante un par de xornadas. Sen dúbida, o Museo del Oro é o seu principal reclamo e un motivo suficiente para achegarse ata aquí. Na miña primeira visita o museo non era como o coñecemos agora, aínda non existía a ampliación realizada no ano 2008 e as obras eran expostas nun espazo moito máis pequeno e dun xeito charramangueiro pero que resultaba sorprendente. O museo mostra a colección de ourivaría prehispánica máis importante do mundo con aproximadamente trinta e catro mil pezas elaboradas en ouro, ademais de vinte cinco mil obxectos de olaría, pedra, óso e téxtiles. O prezo da entrada é ridiculamente barato e inclúe visita guiada no caso de querer facela. Os domingos é gratuíto. Como aconteceu na Catedral de Sal, a visita guiada resultoume básica e infantil, consecuencia de mesturar todo tipo de públicos. É posible que dependa do guía xa que Alex tamén a fixera na súa última visita a Bogotá e resultáralle máis entretida e educativa. De calquera xeito, o museo ofrece explicacións escritas suficientes para entender o que se está a ver.
http://www.banrepcultural.org/museo-del-oro/visitenos
Outra visita imprescindible é pasear polas rúas principais do chamado Centro Internacional, a zona de rañaceos comprendida entre as calles 26 e 39 e as carreras 7 e 14. En concreto e nestes días de fin de semana, a carrera 7 parece un gran mercado peonil de mercadorías baratas no que teñen lugar numerosas actuacións de rúa. É tamén nesta mesma carrera onde se celebra cada domingo a Feria de las Pulgas de San Alejo nun soar ocupado por un aparcadoiro público durante os outros días da semana.
Ao final da carrera 7 está a praza principal da cidade, a Plaza de Bolívar, o espazo no que se erguen algúns dos principais edificios de Bogotá e de todo o país: a Catedral, o Capitolio Nacional, a Alcaldía e o novo inmóbel do Palacio de Justicia. Ao leste da Plaza Bolívar esténdese o barrio antigo da cidade, o de corte español: La Candelaria. Esta é a miña segunda visita despois de moitos anos e atopo un barrio moi mellorado, cunha gran parte dos seus edificios recuperados e con proxectos culturais de bastante relevancia. E quizais o máis importante…, parece ser que La Candelaria deixou de ser unha zona perigosa e os turistas poden moverse sen medo. O barrio antigo é bonito pero algo afogado polas torres que están medrando ao seu arredor. E vindo de Barichara e de Villa de Leyva, difícil que nos poida sorprender.
O domingo pola mañá e o día do plebiscito e a cidade amence cunha meteoroloxía agradable. A non ser a carrera 7, Bogotá respira excesiva calma. Decidimos subir ao último atractivo salientable que se eleva a 3.150 m sobre o nivel do mar e a algo máis de cincocentos metros sobre a propia cidade: o Cerro de Monserrate. Para subir a este outeiro, visible dende toda a cidade, ben hai que tomar unhas escaleiras de mil quiñentos chanzos que conduce ata a igrexa da cima (no recomendado por falla de seguridade) ou ben coller o funicular ou o teleférico que saen dun grande edificio branco coñecido como Estación Monserrate, no cruzamento entre a carrera 1 e a 3 Este. Hoxe o teleférico non funciona e non queda outra opción que subir e baixar no inclinado funicular. Dende arriba temos unha panorámica dos 1.700 km² polos que se estende Bogotá. Tamén aproveitamos para xantar nun bonito restaurante con galería mirando cara ao val. Polo resto, un santuario extremadamente sinxelo e unha zona comercial olorosa e barullenta.
Rematamos a nosa estadía en Bogotá cun concerto memorable. O violinista español de orixe libanesa e ascendencia armenia, Ara Malikian, ofrece catro concertos no Teatro Municipal Jorge Eliécer Gaitán, de novo na carrera 7. Hoxe, domingo dous de outubro, é a súa última actuación e Ara agasállanos con dúas horas e media de musica excepcional e longas, e simpáticas, conversas.
Sentímonos ben en Colombia, a xente é amable e parece que deixaron atrás as pantasmas do pasado. Lamentablemente, lemos no voo de volta que o plebiscito do día anterior saíu contrario á firma de PAZ. Ninguén o esperaba malia que eran moitos os descontentos coas vantaxosas condicións para os membros das FARC, infinitamente mellores que para as súas vítimas. Haberá que deixalo para unha, espero, próxima oportunidade.
Ao mesmo tempo abandonamos o país sen pena; foron días agradables de bos momentos e moitos sorrisos pero non conseguimos chegar a sorprendernos. O legado colonial español é sen dúbida o seu punto máis forte, por inesperado e polo seu bo estado de mantemento. Cartaxena de Indias é a raíña entre todas as vilas e cidades pero con algo de tempo pódense descubrir outras auténticas xoias coloniais. Conto con que a medida que as zonas pechadas do país se vaian abrindo ao turismo teremos oportunidade de namorarnos de Colombia.
Algúns TIPS sobre Colombia
· Colombia é un país moi variado que aínda mantén unha gran parte da súa superficie pechada ao turismo, senón oficialmente si na práctica pola ausencia de servizos adecuados.
· Sorprendentemente, é difícil atopar un bo café e as comidas abusan das graxas e dos fritidos.
· As praias, polo menos as da zona continental, non son especialmente salientables.
· @s colombian@s son en xeral moi educados e falan un castelán moi correcto cheo de simpáticas formas arcaicas.
· Nas zonas turísticas do país o perigo non é evidente aínda que se deben tomar as precaucións habituais doutros países de Sudamérica.
· Hai xa moitos establecementos de restauración que engaden unha “propina suxerida” normalmente do dez por cento do total da conta. Non hai que esquecer que é voluntaria e será o consumidor o que decida se o persoal é ou non merecedor da mesma.