San Petersburgo – A cidade froito dun soño

Praza Dvortsovaya e edificio do Hermitage

Síntome unha persoa de paz e liberdade que non pode estar de acordo coas políticas practicadas polo ditador soviético Iosif Stalin (nin por ningún outro ditador) mentres gobernaba con man de ferro o bloque comunista, pero, unha vez en San Petersburgo, comprobo que tampouco coincido co seu concepto da estética. Stalin nunca amosou debilidade pola cidade que era coñecida durante o seu mandato como Leningrado. De feito, tan só a visitou nunha única ocasión durante os seus moitos anos ao fronte da URSS e a pesar de ser a segunda por importancia do país.

O nome orixinal Sankt-Peterburg (San Petersburgo ou a cidade de San Pedro), de orixe alemá, foi concedido polo Tsar Pedro O Grande en honra do seu santo patrón. A causa deste topónimo xermánico vén dada polos numerosos alemás que Pedro O Grande contratou no momento da fundación da cidade para construír os seus estaleiros. O nome mudou á súa adaptación ao ruso como Petrogrado por mor dun conflito coa inimiga Alemaña durante a I Guerra Mundial, pero a súa vixencia foi de tan só dez anos entre 1914 e 1924. E despois da morte de Lenin e para honrar a súa figura, no ano 1924, pasou a chamarse Leningrado, malia que a cidade natal de Lenin foi Uliánovsk, ao sur do país, na beira do río Volga. Hoxe o termo Leningrado quedou unicamente para a rexión que arrodea á cidade. San Petersburgo, Petrogrado ou Leningrado son unha mesma urbe que foi mudando de nome co paso do tempo para rematar, a partir dun plebiscito popular que tivo lugar no ano 1991, co seu topónimo orixinal de San Petersburgo.

Pazo de Catarina en Pushkin

Hoxe a cidade é dun xeito moi evidente a xoia das xoias entre as poboacións rusas. Habería que darlle as grazas ao Tsar Pedro O Grande se non fose por que era un gobernante desapiadado. No ano 1703 fixo cumprir o seu desexo de crear unha nova capital que substituíuse a Moscova, a súa intención era facer gala do poderío da Rusia dese momento fronte ao resto de potencias europeas. E así o foi por máis de douscentos anos ata que a capitalidade regresou de novo a Moscova no ano 1918. Pedro O Grande ordenou facer unha cidade nova ao seu gusto, unha cidade artificial inspirada noutras como Venecia e Amsterdam que contaban entre as súas preferencias.

Pedro O Grande quería abrir unha ventá a Europa pero tamén procuraba unha saída ao mar que non atopaba no sur do seu país bloqueado polo Imperio Otomán. Por esa razón, decidiu ocupar territorio sueco próximo ao Mar Báltico que, unha vez en mans rusas, permitiría a navegación libre de xeo durante unha gran parte do ano. En 1703 construíu unha fortaleza na marxe do río Nevá, a Fortaleza de San Pedro e San Paulo, que foi o primeiro edifico da nova San Petersburgo. O resto foi construído contra o reloxo e en poucos anos foron aparecendo ata 34.000 edificios de coidada estética e arquitectura solemne, tal e como correspondía a unha capital imperial.

A cidade foi levantada nunha área de marismas e os edificios tiñan que ser cimentados con grandes troncos de madeira que se afundían no limo do leito do río. O enorme esforzo que esixiu a súa construción e as terribles condicións climáticas produciron unha mortalidade altísima que, segundo os historiadores, rozaba o cincuenta por cento dos traballadores. Nese momento existía en Rusia o sistema feudal de servidume polo que a maioría da poboación vivía nunha especie de escravitude e sen apenas dereitos cidadáns. Pedro O Grande estableceu unha cota de 40.000 servos anuais procedentes de todo o país, obrigados a percorrer centos de quilómetros a pé e sometidos a violencia física, que ademais debían portar o seu propio material de traballo e a comida para a súa manutención. Na época de Pedro O Grande o 80% da poboación rusa era serva e o sistema da servidume case escravista mantívose ata finais do século XIX. Normalmente acusamos aos rusos de fríos e distantes, pero ás veces cómpre coñece-la historia dun lugar para entender a idiosincrasia e as actitudes dos seus poboadores. Os rusos son en parte coma son polos moitos castigos e sufrimentos que tiveron que aturar ao longo da súa historia.

Barco restaurante no río Nevá

San Petersburgo é, pois, froito dun soño, o soño dun home con poder que quixo mostrar o mellor do seu país ao mundo, pero tamén dun home tolo que tivo moi poucos miramentos cara ao resto dos seus compatriotas. Podemos afirmar que San Petersburgo é unha beleza dramática levantada sobre os milleiros de cadáveres daqueles que axudaron a creala.

Pero todo este pasado traumático non afectou á fermosura do lugar. En 1917 a cidade viu os primeiros movementos da Revolución Rusa, a destitución do Tsar Nicolau II e o goberno dos Soviets. Un ano despois, Lenin decidiu o traslado da capitalidade a Moscova para afastarse das frontes da I Guerra Mundial e esta perda supuxo un importante descenso de poboación. Aquela decisión, acertada ou non no estratéxico, é posible que fose favorable para a arquitectura da cidade, ao librala en gran parte da aburrida arquitectura socialista de pésimo deseño e calidades que primou nas décadas seguintes.

A cidade soportou importantes e tráxicos acontecementos como o asedio do ano 1941, en plena II Guerra Mundial, cando a Alemaña nazi mantivo bloqueada a cidade durante 900 días. A consigna de Hitler foi deixar morrer a poboación de fame e frío. E case o consegue. O Sitio de Leningrado supuxo que morreran miles de familias enteiras, fálase de 1.200.000 cidadáns mortos durante ese tempo que supuñan máis dun terzo da poboación da cidade. As historias que se contan son terribles con incluso casos de canibalismo. Leningrado estivo a punto de fenecer.

Como vedes, a historia do lugar é tan apaixonante que poderíamos recrearnos nela durante moito tempo, pero o que importa á hora de programar unha viaxe é que San Petersburgo é hoxe unha urbe que refulxe de novo.

Nesta ocasión non teño moitos días e unha gran parte do meu tempo vai estar ocupado por actividades do meu traballo. Os propios desprazamentos entre Galicia e Rusia van resultar fatigantes de seu, tanto á ida como á volta. No inverno apenas hai voos directos de San Petersburgo a España e a mellor conexión posible obrígame a pasar doce horas entre voos e as terminais dos aeroportos de Madrid e Helsinki.

Na viaxe do aeroporto ao centro todo aparece cuberto por unha espesa capa de neve; os meus contactos locais xa me advertiran de que San Petersburgo estaba a sufrir un frío extremo e pouco usual do mes do novembro, con sensacións térmicas que chegan aos vinte graos baixo cero. Tamén percibo os primeiros contrastes con Moscova, vexo unha cidade en mellor estado de conservación e de aspecto moito máis europeo ca capital.

Río Nevá dende a Illa Vasilevskiy

Rio Nevá dende o bulevar Dvortsovaya

Despois de acomodarme no hotel, moi ben situado no centro  histórico e moi preto do Hermitage, saio pasear por rúas deseñadas para o paseo, bulevares que contrastan coas amplas e frías avenidas de múltiples carrís, e máis pensadas para o tráfico, típicas de Moscova. Moitos edificios históricos resplandecen cunha bonita iluminación, os baixos están ocupados por bares e restaurantes de última tendencia, e, a pesar do frío, hai bastante xente polas rúas. Polo que vexo San Petersburgo debe resultar, a pesar dos seus seis millóns de habitantes, un lugar moito máis agradable para vivir que a Gran Moscova.

A Praza Dvortsovaya na primeira noite co edificio do Hermitage á esquerda

As beirarrúas están cubertas con capas de xeo e o camiñar faise extremadamente perigoso polo esvaradío. O río Nevá é unha masa informe de bloques de xeo roto. A sensación invernal é extrema durante os dous primeiros días pero pronto vai subir a temperatura e na miña última xornada de estadía xa non quedarán restos nin de xeo nin de neve dentro da cidade.

Durante estes anos de traballar arreo co mercado ruso tiven a posibilidade de coincidir en repetidas ocasións co meu colega Mikhail. Nesta ocasión teño a sorte de encontralo na súa cidade de orixe. Mikhail é un petersburgués que prefire ser chamado Miguel e que vive dende hai moitos anos no sur do España. Por outra banda, é unha persoa extremadamente culta que traballou de guía na súa cidade natal antes de emigrar a España para facer tamén de guía a outros rusos que chegan en circuítos organizados a coñecer España e Portugal. Ademais fala un castelán que custa decatarse que veña dun estranxeiro. É máis, coido que a esta altura, Miguel é xa en gran parte un español que está orgulloso das súa orixe rusa.

Miguel acostuma a pasar por estas datas uns días na súa cidade natal e, casualmente, chega en tren procedente de Moscova, e con poucas horas de diferenza, o mesmo día que eu chego de Santiago. Malia non termos unha amizade profunda, ofrécese xenerosamente a ser o meu cicerone durante o tempo libre da miña estadía. Evidentemente acepto e síntome un privilexiado pola oferta de poder visitar unha cidade tan complexa da man dun profesional e amigo. Malia ser a miña primeira visita, advírtolle a Miguel que prefiro ir de vagar e deixar cousas para visitar nunha próxima ocasión. Deste xeito, sempre terei ilusión por volver a San Petersburgo

Por se non chegase con Miguel, ademais teño a boa sorte de que o meu hotel se atope en pleno centro e moi próximo aos principais atractivos da cidade. A nosa primeira visita vai dirixida á Praza das Artes, en concreto ao Pazo Mikhailovski ocupado polo Museo Imperial da súa Maxestade Alexandro III, máis coñecido como Museo Estatal Ruso ou, aínda máis simple, como Museo Ruso. Hoxe é o museo de arte rusa máis grande do mundo cunha colección que supera as 400.000 pezas que van dende o século X ata o XXI. É o sitio perfecto para coñecer a historia, as escolas e os diferentes estilos artísticos deste país, incluídas moitas obras mestras da pintura rusa. A visita require dun mínimo de dúas a tres horas sen parar, de sala en sala, pero é tamén a oportunidade de coñecer obras e autores marabillosos que para un galego medio son totalmente descoñecidos. Ao final do percorrido hai unha ampla sección de arte popular que dá a coñecer as principais artesanías rusas, moitas máis das que poderiamos ver normalmente durante unha visita ao país.

Museo ruso coa estatua do escritor Pushkin

O volume de obras gardadas é tan inmenso que este museo chegou a un acordo co Concello da cidade de Málaga para facer unha cesión temporal dunhas cen obras pertencentes ao período entre os séculos XV e XX, ademais de dúas exposicións temporais por ano. Polo tanto hoxe tamén podemos visitar o Centro da Colección do Museo Ruso no edificio da antiga Fábrica de Tabacos en Málaga.

Saíndo do museo pasamos a carón dunha grande estatua do admirado Pushkin, poeta e  novelista romántico ademais dun auténtico heroe nacional ruso. Pushkin pasou os seus últimos anos en San Petersburgo. Despois atravesamos o Campo de Marte (Marsovo Pole), unha explanada con xardíns de verán de estilo francés cuxo nome, inspirado nun momento no que San Petersburgo quería figurar entre as grandes urbes europeas, fai referencia aos mesmos espazos de París e Roma. No centro arde a lapa eterna que conmemora as vítimas da Revolución Rusa de 1917. Este parque é un dos espazos preferidos para pasear tanto entre turistas como entre a xente do lugar, pero neste mes de novembro, cuberto pola neve, pasa totalmente inadvertido.

Decido deixar de visitar o famoso Hermitage, a colección museística máis importante do mundo formada por tres millóns de pezas repartidas polo famoso Pazo de Inverno e outros cinco edificios complementarios, entre eles varios pazos. O Hermitage require de moitísimo tempo e paga a pena face-la visita de vagar. Queda arquivado para unha próxima ocasión que, supoño, non tardará en chegar.

Achegándonos á Praza Dvortsovaya dende a Avenida Nevsky

Praza Dvortsovaya co Hermitage en primeiro plano á dereita. Ao fondo cúpula da Catedral de Santo Isaac e agulla do Almirantado

Unha das mañás atravesamos a ponte Dvortsovy que parte entre os edificios do Hermitage e do Almirantado, unha entre as vinte pontes levadizas que poden ser alzadas para deixar paso aos barcos de gran calado na época en que o río Nevá está aberto á navegación. As horas de apertura da ponte son bastante intempestivas, entre a unha e as dúas da madrugada.

Os saíntes da ponte, que funcionan coma miradoiros, son o mellor lugar lugar para sacar unha boa foto do Pazo de Inverno ou Hermitage. Unha vez cruzado o Nevá entramos na illa de Vasilevskiy, onde se erguen numerosos edificios oficias como a Bolsa de San Petersburgo e os antigos, e curiosos, faros vermellos que servían para guiar a navegación polo río.

O Almirantado

O Hermitage dende a Ponte Dvortsovy

Faros vermellos da Illa de Vasilevskiy e edificio da Bolsa á esquerda

Dende o miradoiro entre faros podemos ver, nunha beira, o edificio do Hermitage e a parte máis nobre da urbe, e, na outra, a Fortaleza de San Pedro e San Paulo, a que foi a primeira construción da cidade, pola que asoma a agulla dourada da Catedral de Pedro e Paulo. A catedral tamén serve como panteón imperial dos tsares rusos e as súas familias e aquí xacen enterrados, entre outros, Pedro O Grande, fundador da cidade, e Nicolao II, o último tsar de Rusia obrigado a abdicar e, finalmente, asasinado polos bolxeviques como consecuencia da Revolución Rusa. Para ver as tumbas non hai que quedar unicamente no espazo principal, senón que se debe seguir un corredor lateral que conduce a unha capela con máis sepulturas.

Camiño da Fortaleza de San Pedro e San Paulo

Interior da fortaleza coa agulla dourada da catedral

Panteóns dos tsares

Vistas do río Nevá dende a fortaleza

Co paso das xornadas visitaremos a Catedral de Kazán, na avenida Nevsky, que coa súa praza semicircular (Kazanskiy skver) fai lembrar lixeiramente ao Vaticano. Tamén a Catedral de Santo Isaac, o principal templo ortodoxo no que se pode subir á súa cúpula para obter unhas panorámicas da praza do mesmo nome e dos xardíns do Almirantado co río Nevá ao fondo.

Santo Isaac é o “templo” dende o punto de vista relixioso pero os ollos dos visitantes céntranse a miúdo noutro edificio sacro moi rechamante: a Catedral da Resurrección de Cristo ou Catedral do Salvador sobre o Sangue Derramado, preto do Campo de Marte. Esta última fai recordar coa a súa estética de cúpulas de múltiples cores á Catedral de San Basilio na Praza Vermella de Moscova aínda que a perspectiva e a harmonía da construción perden na comparativa. Á beira do canal Griboyédova, o edificio foi comezado a levantarse no ano 1882 sobre o lugar no que o Tsar Alexandre II foi asasinado froito dun ataque terrorista. Un baldaquino no interior marca o punto exacto do atentado e deixa asomar un anaco do pavimento orixinal da rúa antes da levantar o edificio. Un feito moi curioso é que durante un bombardeo da II Guerra Mundial unha bomba quedou sen estoupar na cúpula da catedral e así permaneceu esquecida ata dezanove anos despois, “milagre” que fai recordar ao acontecido na Basílica do Pilar en Zaragoza. Neste momento a igrexa funciona coma un museo estatal sobre a historia do asasinato de Alexandre II.

Catedral de Kazán

Catedral de Santo Isaac

Interiores de Santo Isaac

Vistas dende a torre da Catedral de Santo Isaac cara ao edificio do Almirantado e o río Nevá

Vistas dende a torre cara á Praza de Santo Isaac

Catedral do Salvador sobre o Sangue Derramado

A nosa última visita será na véspera da nosa saída para Galicia; Miguel encárgase de facer reserva para nós e un grupo de amigos rusos de San Petersburgo e outros rusos residentes en España (en Vigo!) que están de paso para coñece-la cidade. Unha tarde completa dedicada ao Pazo Yusupov, un dos cinco propiedade desta familia nobiliaria da que se dicía que atesouraba riquezas maiores que a da propia familia do tsar. O pazo é impresionante, destacando o pequeno teatro rococó que debe ser incluído obrigatoriamente en calquera visita a S. P. Pero a sona do Pazo Yusupov  vén sobre todo por ser o lugar no que foi asasinado Rasputin. Nos baixos do edificio pódese visitar o comedor privado de Félix, o irmán menor da familia Yusupov, onde tivo lugar o asasinato do famoso e escuro persoeiro favorito da Tsarina Alexandra. Varias figuras de cera recrean o famoso episodio durante o que Rasputin, dotado dun vigor extraordinario, parecía negarse a querer morrer.

Teatro rococó do Pazo Yusupov

Recreación do asasinato de Rasputin

Para rematar, recomendo facer un percorrido polas estacións máis interesantes do pomposo metro da cidade. Eu fago a visita xa na noite pecha, pouco antes de cerrar o suburbano, e así aproveito a escasa luz diúrna para outros fins. Aquí San Petersburgo perde puntos con respecto a Moscova e non acada os niveis do metro moscovita, pero, ao mesmo tempo, as instalacións son menos concorridas e poden ser visitadas en mellores condicións. As tres estacións que pagan a pena son as de Ploschad Vosstaniya, Pushkinkaya e Avtovo, aínda que polo camiño atopamos algunha outra de interese. Por suposto, o principal reclamo destes espazos son a habitual parafernalia soviética que tanto nos gusta aos que vimos de fóra.

Parafernalia soviética nas estacións de metro

Estacións do metro de interese

Das miñas visitas e do tempo que paso na cidade saco en claro que a historia e o marabilloso urbanismo de San Petersburgo son unha perfecta lección sobre os excesos provocados polo Absolutismo así como do cansazo que provoca na cidadanía o abuso do poder. Pasan os días e non dá para facer outras visitas polo que deixo gardado no peto moitas iniciativas para seguir coñecendo nunha próxima ocasión a que é unha cidade engaiolante.

Unha das mañás aparece Miguel co seu amigo Oleg ao volante para invitarnos a coñecer a vila de Tsárkoye Seló (Vila dos Tsares) situada a 24 km ao sur de San Petersburgo. A vila mudou de nome na época soviética polo de Detskoye Selo (Vila dos Nenos) para ser renomeada finalmente en 1937 (e polo de agora) co nome de Pushkin e, deste xeito, conmemorar o centenario da morte do poeta.

O primeiro ferrocarril ruso construíuse no ano 1837 para unir esta poboación co veciño San Petersburgo, pero, con todo, Tsárkoye Seló conseguiu manterse á parte da industrialización do país e conservar todo o encanto dunha pequena poboación recargada con pavillóns, xardíns e incribles pazos que lle valeu a declaración de Patrimonio da Humanidade.

Coido que unha visita a Pushkin é case tan interesante como ao propio San Petersburgo. Todo principia a comezos do S. XVIII cando o Tsar Pedro I O Grande doou este territorio á súa prometida, a futura Tsarina Catarina I, quen inmediatamente construíu varios edificios de segundo rango, a aldea de Sárskoye Seló e un modesto pazo de dous andares. Sería a súa filla, Sabela I, quen agrandaría este edificio converténdoo no máis fermoso exemplo de arquitectura barroca rusa. Non foi de balde, entre outros materias usaríanse cen quilos de ouro en bañar esculturas, molduras e relevos da fachada.

Cando subiu ao trono Catarina II de Rusia, coñecida como Catarina A Grande, ampliou as instalacións con novas salas e xardíns ao mesmo tempo que levantaba un novo pazo para o seu neto favorito, o futuro Tsar Alexandre I (Pazo de Alexandre).

Tsárkoye Seló mantivo o seu estatus como residencia de verán da realeza e a nobreza rusa dende os tempos de Pedro I ata 1917. Despois, o Pazo de Catarina pasou a converterse en museo, escola e hospital para nenos. E durante a II Guerra Mundial o interior do pazo foi completamente saqueado.

Unha curiosidade con respecto ao lugar fai referencia á desinhibición sexual e aos costumes sexuais atípicos de Ekaterina Alekséyevna, a famosa Catarina A Grande. Seica durante a II Guerra Mundial unha incursión de soldados soviéticos atopou nun destes pazos un cuarto de ambientación erótica. Nunha das paredes había numerosos falos de madeira como decoración ademais doutros elementos con escenas pornográficas.

No Pazo de Catarina destacan a Gran Sala ou Salón dos Espellos cos seus 800 m² de superficie e a Cámara de Ámbar, espazos que nos retrotraen á época de apoxeo dos soberanos europeos. Tamén destacan as dependencias en estilo rococó engadidas na súa última fase de construción. A Cámara de Ámbar conta como a xoia do pazo e unha das salas máis fermosas do mundo. Para os paneis que cubrían as paredes e algúns pedestais de columnas utilizáronse ata 450 quilos deste prezado material. Lamentablemente, todo desapareceu durante a Guerra Mundial e foi colocado parcialmente de novo no ano 2003 por mor do terceiro centenario da cidade de San Petersburgo.

Pazo de Catarina

Entrada ao Pazo de Catarina

Comedor Verde

Salón dos Espellos

Durante o noso paso por Pushkin non podemos coñecer o Pazo de Alexandre por pechar no día da visita. Con respecto ao de Catarina, quedo impresionado de ver esa combinación de azuis e dourados intensos sobre o branco da neve que lle proporciona un aspecto case irreal, un pouco como unha casa de bonecas. O paseo polo parque respira romanticismo e é totalmente aconsellable. Finalmente, o paseo pode prolongarse pola propia e agradable vila de Pushkin, comendo nalgún dos seus restaurantes tradicionais.

Edificios e imaxes do Parque Caterina en Pushkin

Para rematar, comentar que nas miñas continuas viaxes a este país atopo unha evolución positiva no comportamento dos seus habitantes. Cada vez é máis doado atopar xente que quere agradar e tamén xente, sobre todo nova, que fai esforzos por comunicarse en inglés. Os rusos parecen estar relaxados e comezan a parecerse ao resto de veciños europeos. Os letreiros en carácteres latinos e en inglés son cada vez máis usuais. Paralelamente e por mor da crise económica do país e a desvalorización do rublo, os prezos dos servizos turísticos entran xa no razoable.

Despídome en domingo, San Petersburgo respira tranquila e húmida. As temperaturas acadan algúns graos en positivo e o xeo aparece derretido mostrando unha cidade completamente diferente á da miña chegada. Deixo moitas visitas por facer, razóns dabondo para un dia regresar a que é, sen dúbida, a Perla do Báltico.

Cafetería da època soviètica modernizada

Ponte sobre o canal

Avenida Nevsky

Camiñando pola cidade aparecen moreas de edificios nobres

Rúa (ulitsa) Zodchego Rossi

Teatro Alexandrinsky

Modernismo en San Petersburgo

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.