A illa de Santiago era, nun principio, un dos catro destinos previstos na nosa viaxe por Cabo Verde, ata que mudamos de idea durante a espera na terminal do aeroporto da Praia, na escala entre São Vicente e Boavista. Ese día decidimos cambiar de rumbo, mercar un novo billete e rematar a nosa estadía, en lugar de en Santiago, na illa do Fogo. A razón…, Santiago é a illa máis poboada e caótica do arquipélago ademais de sufrir dunha elevada deterioración urbanística. E as festas de Nadal parecían pedir algún lugar máis agarimoso e familiar.
Mes: Decembro 2016
Ilha de Boavista – A illa feita de vento e area
Comezo este post recoñecendo a miña preguiza á hora de manter ao día o meu blog. O inverno e a primavera foron intensos tanto por mor do meu traballo coma polos moitos compromisos persoais, e estas narracións viaxeiras foron quedando esquecidas á espera de mellores tempos.
Ben, amigos, os tempos son chegados e retomo o ritmo coa viaxe do pasado Nadal ás illas de Cabo Verde. A partir de agora prometo ir máis lixeiro e nos próximos días recibiredes unha chea de anécdotas viaxeiras.
Despois das illas de Santo Antão e São Vicente dirixímonos cara á de Boavista, clasificada tanto no grupo de illas de praia (xunto con Maio e Sal) como no das illas de Barlovento. Boavista ten un dos aeroportos máis activos do arquipélago conxuntamente co de Sal, São Vicente e Santiago; a diferenza entre eles estriba no tipo de tráfico que reciben. Mentres os aeroportos de São Vicente e de Santiago son hubs de voos domésticos e internacionais (Amsterdam, París, Lisboa, Dakar, Bissau, Fortaleza e Recife en Brasil) para dar servizo aos emigrantes caboverdianos espallados polo mundo e a aqueles viaxeiros individuais que prefiren descubri-las illas por si mesmos, Boavista e Sal son terminais especializadas en voos de compañías chárter con procedencias europeas tan variadas como Lyon, Colonia ou Manchester e centradas en pasaxeiros que veñen a gozar dunhas vacacións exclusivamente de sol e praia.
Ilha de São Vicente – Benvidos á casa de Cesária Évora
Tal e como relataba nos meus posts de Serbia e Montenegro, as vacacións oficiais deste ano 2016, é dicir as que normalmente realizamos ao final do verán, foron divididas en dúas quendas: Serbia e Montenegro no mes de xullo e as illas de Cabo Verde no mes de Nadal. Dividindo as vacacións deste xeito temos oportunidade de fuxir dunhas festas que non son do noso agrado e, ao mesmo tempo, facer un intermedio soleado no máis cru do inverno. Malia o lixeiro descontento por parte das nosas familias decidimos pasar os días de Noiteboa e o de Nadal nas illas de Cabo Verde, ese país que, tanto na súa situación xeográfica coma na súa realidade cultural, está a medio camiño entre África e Europa.
Ilha de Santo Antão – Obra de deuses
É o noso terceiro día en Cabo Verde e mudamos de illa. A boa visibilidade dende São Vicente durante os días previos permitiunos ver a contorna extremadamente elevada da Illa de Santo Antão. As dúas illas non están afastadas unha da outra pero atravesar o perigoso mar que as separa é outro cantar.
Coido que é un bo momento para facer un pequeno repaso da curiosa xeografía deste país totalmente insular. As dez illas pódense dividir en diferentes grupos dependendo de criterios meteorolóxicos ou orográficos. Se temos en conta o habitual e forte vento que se move polo arquipélago podemos clasificalas entre illas de Barlovento (São Vicente-Santo Antão-Santa Luzia-São Nicolau-Sal-Boavista), é dicir aquelas dende onde sopra o vento, e as de Sotavento (Maio-Santiago-Fogo-Brava), ou illas cara a onde sopra ese vento. É a división máis usual, pero a poboación local tamén fala das illas das praias (Boavista-Maio-Sal), das illas das montañas (Brava-Fogo-Santiago-São Nicolau-Santo Antão) e dunha illa con características especiais e mestura dos outros dous grupos (São Vicente). Ás veces esquecen a Santa Luzia por ser a única delas non habitada.