Ilha de Santo Antão – Obra de deuses

É o noso terceiro día en Cabo Verde e mudamos de illa. A boa visibilidade dende São Vicente durante os días previos permitiunos ver a contorna extremadamente elevada da Illa de Santo Antão. As dúas illas non están afastadas unha da outra pero atravesar o perigoso mar que as separa é outro cantar.

Na vila de Paul

Coido que é un bo momento para facer un pequeno repaso da curiosa xeografía deste país totalmente insular. As dez illas pódense dividir en diferentes grupos dependendo de criterios meteorolóxicos ou orográficos. Se temos en conta o habitual e forte vento que se move polo arquipélago podemos clasificalas entre illas de Barlovento (São Vicente-Santo Antão-Santa Luzia-São Nicolau-Sal-Boavista), é dicir aquelas dende onde sopra o vento, e as de Sotavento (Maio-Santiago-Fogo-Brava), ou illas cara a onde sopra ese vento. É a división máis usual, pero a poboación local tamén fala das illas das praias (Boavista-Maio-Sal), das illas das montañas (Brava-Fogo-Santiago-São Nicolau-Santo Antão) e dunha illa con características especiais e mestura dos outros dous grupos (São Vicente). Ás veces esquecen a Santa Luzia por ser a única delas non habitada.

Santo Antão é sen ningunha dúbida a que mellor representa ao grupo de illas montañosas, tanto que a súa endiañada orografía parece un experimento do poder dos deuses (se é que os hai). Unha vez na illa comprendemos perfectamente por que representa ao grupo en modo superlativo. Aínda que a altura máxima do país é o volcán que coroa a illa de Fogo (2.829 m), Santo Antão presenta a segunda montaña máis elevada no Topo da Coroa (1.979 m) e unha rebuscada paisaxe de picos e vales que tan só poden ser obra dun creador cun moi bo sentido da estética.

Tal e como contaba no meu post anterior, a única forma de chegar ata aquí é en barco dende o porto de Mindelo. Non sempre foi así, existe unha pequena, case anana, pista de aterraxe de 450 m de lonxitude nun recuncho da vila de Ponta do Sol. Este aeródromo tivo movemento por un tempo ata que o voo 5002 da TACV, unha Dornier con dezaoito pasaxeiros e tripulantes procedentes de São Vicente, estrelouse contra a aba da montaña en agosto do ano 1999. A morte de toda a pasaxe determinou que o aeródromo quedase inutilizado definitivamente. Durante a nosa visita á Ponta do Sol asomámonos ás instalacións e entendemos o seu peche: unha pista cativa que ademais comeza e remata nunha mar moi axitada, unhas montañas altísimas que caen directamente sobre o mar e (por se fose pouco) un vento tan forte que parece querer anunciar a fin do mundo.

O Goberno Caboverdiano promete ano tras ano un novo aeroporto a construír na chaira preto da vila de Porto Novo pero, a esta altura, a illa segue sen comunicación aérea. Unha das dez illas sen aeroporto xunto coa pequena Brava e a deshabitada illa de Santa Luzia. Non ten xustificación a non ser a económica que Santo Antão non dispoña de servizos aéreos cando é, segundo o censo do ano 2008 e con case 50.000 habitantes, a terceira illa máis poboada do arquipélago despois da de Santiago e São Vicente. Evidentemente, a disparatada orografía non permite abrir un novo aeroporto preto da antiga pista pero as abas suaves que arrodean á vila do Porto Novo son un bo enclave para unha infraestrutura que esta illa precisa. Porto Novo é tamén o único porto da illa con conexións regulares por barco. Esta vila está chamada a ser a poboación de referencia en Santo Antão. Situada na costa sur e con 10.000 habitantes  é xa o lugar máis poboado e a única das poboacións con posibilidades de medrar, xa que Ribeira Grande, Ponta do Sol e Paul están totalmente acoutadas polo mar e as montañas que impiden o seu crecemento. Pero, por outra banda, Porto Novo non ten absolutamente ningún atractivo e fica afastada dos lugares interesantes da illa.

Polo tanto, se é que se quere chegar a Santo Antão hai que coller un dos barcos, ben da compañía Armas ou da Polaris, que cruzan dúas veces ao día en cada sentido a canle marítima que a separa de São Vicente. Armas ten a  saída dende Mindelo ás 07:00 e ás 14:00 horas e Polaris ás 08:00 e ás 15:00 horas. A travesía dura exactamente unha hora. Para a viaxe de regreso as saídas son unha hora despois da chegada dos barcos a Santa Antão, é dicir ás 09:00 e ás 16:00 horas para Armas e ás 10:00 e ás 17:00 horas para Polaris.

Subindo ao barco con atraso

Saíndo do porto de Mindelo

Todo o mundo a vomitar

Nós tomamos o barco de Polaris con saída ás 08:00 da mañá. Antes de saír a tripulación fai entrega dunha bolsa de plástico por persoa que nos fai sospeitar que a travesía non vai ser moi confortable. Finalmente retiran a pasarela con vinte e cinco minutos de atraso pola demora que supuxo meter toda a pasaxe. Nótase que estamos en tempada de Nadal xa que o barco vai completamente cheo. Optamos pola cuberta superior ao aire libre mesmo antes de coñecer as condicións da mar. Nada máis deixar a protección do porto, o Atlántico compórtase coma unha centrifugadora xigante e unha gran parte da pasaxe comeza a vomitar. Afortunadamente conseguimos salva-la situación xa que decidiramos facer un almorzo frugal e evitar líquidos excesivos que agora a maioría envía de volta ao mar.

A mellor forma de coñece-las illas é por medios propios, alugando  un coche que permita chegar aos recunchos máis afastados. En xeral, en Cabo Verde non hai grandes fitos de visita obrigada senón máis ben pequenos tesouros agochados que hai que ir descubrindo aos poucos. En Santiago e São Vicente é relativamente doado moverse con transportes públicos pero estes son moi irregulares ou practicamente inexistentes no resto das illas. A media das tarifas de coches de aluguer máis baratos é duns 50 euros por xornada (variable segundo as illas) e cunha franquía mínima duns 300 euros que habería que pagar no caso de accidente. En tempada alta é aconsellable reservar con bastante tempo. De feito, na illa de Santiago foinos imposible reservar pola gran cantidade de retornados polo Nadal, todo completo tanto para reservas previas on-line coma unha vez na illa. En Santo Antão tampouco foi fácil, a única resposta que obtivemos a través da Internet foi da compañía Pegaso da que, despois dun intercambio esgotador de correos, conseguimos que nos reservaran un Suzuki Jimny. Teoricamente, a reserva esixía un pagamento por adiantado para o que facilitan un número de conta (incompleto) ao que, segundo eles mesmos recoñecían na súa confirmación, é difícil realizar transferencias. Aparecemos en Santo Antão sen facer ningún pagamento, pero con previa chamada o día anterior dende Mindelo e, efectivamente,  o coche está á nosa disposición.

http://www.pegaso.cv/

Á saída da Terminal Marítima do Porto Novo atopamos unha comitiva de benvida local  formada por vendedores de servizos turísticos. Vemos que algúns ofrecen coches de alugamento pero non nos achegamos a preguntar dispoñibilidade e condicións do aluguer.

Comitiva local de benvida no Porto Novo

Unha vez o coche en man dirixímonos cara á capital da illa, á vila de Ribeira Grande, na fachada marítima norte de Santo Antão. As estradas ofrecen dous itinerarios posibles: a enmarañada Estrada da Corda, aberta no ano 1960 a través de montañas con cráteres e enormes precipicios, e a Estrada Litoral, do ano 2009, que grazas a un par de túneles permite acurtar a viaxe entre Porto Novo e Ribeira Grande a uns 50 minutos. As dúas estradas atravesan paisaxes de gran beleza pero nós optamos pola da Corda, a máis difícil e atractiva. Imos ascendendo pouco a pouco e as aldeas son cada vez máis escasas. A néboa vai pechando o camiño e percíbese unha sensación de estar fóra do mundo. O pavimento da estrada é o usual en moitas vías caboverdianas, aquel  que deixaron os portugueses, formado por pequenos cadrados de pedra granítica que o fan moi resistente pero que, ao mesmo tempo, resulta incómodo para unha boa condución.

Á metade do camiño chegamos ao Delgadinho, un dos puntos máis altos e sorprendentes de toda a illa, un anaco de estrada acoutado a ambos lados por un baleiro con caídas vertixinosas cara aos vales que se abren moito máis abaixo. Tan só un pequeno muro de menos de medio metro de altura separa a circulación dos precipicios, provocando en nós un arrepío ao pasar co coche.

Pola Estrada da Corda

O Delgadinho, mellor non mirar para os lados!

A baixada cara á Ribeira Grande é memorable pero a entrada na poboación é bastante decepcionante. A antiga capital colonial debeu de ser fermosa en tempos, un pequeno conxunto de coloristas casas portuguesas entre as altas montañas e o mar, nun bonito asentamento moi confinado polos cursos de dous ríos. Hoxe a realidade é outra, o excesivo cemento e o evidente mal gusto á hora de construír estragaron o pasado da Ribeira Grande. O pequeno legado mantense nunha poucas vivendas da rúa principal. O nome da vila (Río Grande en castelán) é bastante usual na toponimia das illas, feito que non deixa de ser curioso se temos en conta que non existe ningún curso fluvial permanente en todo o arquipélago. O tamaño das canles dan boa idea do caudal e da forza coa que as augas do río poden baixar na tempada de choivas. Este microclima que orixina abondosas choivas ao longo do ano determina que esteamos nun dos recunchos máis verdes e frondosos de todo o país.

Ribeira Grande dende a estrada que leva a Paul

Dende aquí bordeamos o mar cara á dereita ata Paúl, unha pequena vila pouco agraciada pero nun emprazamento impresionante. As montañas parecen querer empurrar Paul cara a un mar ameazante e con moita forza que fai que as ondas cheguen case aos pés das propias vivendas, como querendo reclamar un territorio que lle pertence. Dende logo Paul non é un lugar axeitado para os días de galerna. E mellor non pensar na posibilidade dun tsunami. Xantamos unha lagosta bastante saborosa no restaurante Veleiro II, a carón do Hotel Paul Mar. De cando en vez, as ondas baten nos cristais das amplas xanelas.

Camiño de Paul

En Paul

Retrocedemos de novo á Ribeira Grande e dende alí seguimos abeirando o océano dirección noroeste ata a poboación de Ponta do Sol que, malia ser a principal referencia turística da illa, preséntase adormentada e moi inactiva. O único a destacar é o edificio colonial da Cámara Municipal (Casa do Concello) e as instalacións pechadas do antigo aeródromo da illa.

O maior interese de achegarse ata Ponta do Sol é a ruta que parte dende aquí ata a aldea de Fontainhas. Os tres quilómetros e medio que separan ambas as dúas poboacións pode ser percorrido con coche, pero o estado do firme, a súa esaxerada estreiteza e as caídas vertixinosas ás que se asoma, aconsellan deixa-lo coche aparcado á saída da Ponte do Sol e face-lo camiño a pé. No caso de querer seguir en coche hai que ter en conta que é unha estrada en moi malas condicións e só para condutores avantaxados e sen vertixe ás alturas.

Casa do Concello na Ponta do Sol

Subida a Fontainhas. Ao fondo Ponta do Sol e a pista do aeródromo

O paseo ata Fontainhas é indubidablemente un dos puntos fortes de Santo Antão e de todo o país. Realmente impresionante. Unha experiencia que ninguén debería esquecer na súa visita pola illa. Para aqueles que conten con tempo dabondo e poidan prepara-la intendencia adecuada non é preciso regresar á Ponta do Sol, poden segui-lo camiño pasando dende Fontainhas por Formiguinhas e Cruzinha da Garça para chegar ata a aldea de Chã da Igreja. Nesa última aldea, de novo accesible por coche, pode esperar un servizo contratado de transporte para a volta á Ponta do Sol ou á Ribeira Grande. Importante ter en conta que o traxecto Fontainhas-Chã da Igreja é exclusivamente peonil e que moitas guías de viaxe falan desta senda coma a máis impresionante de Santo Antão.

Estrada de Fontainhas coa Punta do Sol ao fondo

Ve-la estrada de Fontainhas no extremo superior dereita

Estrada a Fontainhas

A aldea de Fontainhas case “pendurada” do abismo

De regreso á Ribeira Grande buscamos acomodo no aloxamento reservado: o pequeno hotel Divin Art. Situado nas aforas da vila, as súas instalacións son agradables pero o persoal resulta un pouco adusto de máis. Saímos cear polo centro pero as posibilidades son escasas e limitadas a dous ou tres lugares moi simples, polo que rematamos regresando ao noso hotel  que ofrece o único restaurante cun punto sofisticado da Ribeira Grande.

Ao día seguinte comezamos o noso itinerario penetrando polo fermoso val que conduce á aldea de Coculi ata un punto no que o estado da vía aconsella da-la volta polo mesmo camiño. Nese intre aínda temos pouca experiencia de condución por Santo Antão e o estado das estradas  impón certo respecto que, logo, iremos perdendo a medida que van pasando as horas da nosa estadía.

Camiño de Coculi

Na aldea de Coculi

Volvemos colle-la estrada de Paul e seguimos bordeando a costa, por Pombas e Pontinha da Janela, camiño da vila do Porto Novo. Antes do primeiro túnel facemos unha parada no edificio abandonado do Faro de Lombo de Boi que ofrece unha vistas espectaculares da costa leste da illa. Chegamos ao Porto Novo e collemos unha das poucas estradas practicables da metade occidental da illa para tentar achegarnos ás costas norte e oeste de Santo Antão. Non hai que esquecer que esta é a illa máis setentrional e occidental de Cabo Verde e a máis afastada do continente africano, polo que o seu extremo oeste é tamén considerado coma o punto máis occidental de África. Pasamos pola pequena aldea de Chã da Morte e entramos nun fermoso circo de montañas.

Estrada da Costa entre Ribeira Grande e Porto Novo

Estrada da Costa e Faro de Lombo de Boi moi ao fondo

Faro de Lombo do Boi

Neste intre decatámonos de que xa levamos día e medio de percorrido por Santo Antão e, nese tempo, perdemos de vista aos outros turistas que viñan connosco no barco dende Mindelo. Sentímonos estupendamente coa sensación de estar unicamente rodeados pola poboación local.

Despois de Chã da Morte subimos un porto de montaña e deixamos á nosa esquerda o cumio da illa nos 1.979 m do Topo da Coroa. Tras unha baixada espectacular e moi prolongada chegamos de novo á costa norte, á aldea da Ribeira da Cruz, onde rematan as nosas posibilidades de seguir en coche. É a hora de xantar e non hai establecemento onde facelo, nin sequera onde mercar algunha provisión. Non quedan máis posibilidades que desface-lo camiño ata Porto Novo para rematar xantando nun pequeno Centro Comercial fronte á Casa do Concello.

Subida cara ao porto de montaña

Baixada cara á Ribeira da Cruz

Un condicionante moi importante á hora de viaxar polas illas é o avituallamento. Hai que informarse adecuadamente sobre as poboacións que ofrecen servizos de restauración ou ben ir provisto de snacks e bebidas. Na illa de São Vicente a oferta limítase a Mindelo e a un único restaurante tanto en Baía das Gatas como en Calheu. Polo que respecta a Santo Antão, conta con servizos na Ribeira Grande, Paul, Ponta do Sol e Porto Novo. No resto da illa a oferta é inexistente.

Despois do xantar visitamos a praia de area volcánica de Topo nas proximidades do Porto Novo. Arredor da praia hai unhas poucas vivendas residencias en moi boas condicións e un chiringuito de deseño á espera de ser rematado e posto en marcha. No camiño de regreso á Ribeira Grande paramos na praia de Curralete onde se celebra anualmente un festival musical. O lugar dá para pouco xa que o tempo non acompaña por mor do forte vento e un nubeiro case permanente. Os dous areais visitados deixan claro que Santo Antão non é un destino axeitado para aqueles viaxeiros que só procuren boas praias. Pero a illa si é un destino perfecto para os namorados de paisaxes tráxicas que poden ser percorridas por sendas de enorme beleza. Hai que contar cun mínimo de dúas xornadas para coñecer Santo Antão en coche, tempo ao que haberá que ir engadindo as horas necesarias para face-las sendas de interese.

Praia de Topo e Illa de São Vicente ao fondo

Na tarde do segundo día descansamos un par de horas no noso hotel e saímos de novo cara a Paul. Esa noite o Restaurante Atlântico, propiedade dun italiano, ofrece a actuación do grupo musical local (e un dos grandes de Cabo Verde) Corda do Sol. A parte traseira deste restaurante descansa sobre pilotes apoiados directamente na praia. Cada golpe das ondas dá a impresión de leva-lo edificio por diante. O grupo comeza cunha hora e media de atraso e, malia a boa calidade da súa música, ofrece un pésimo son por mor das condicións acústicas do local. Pouco a pouco vaise enchendo con algúns estranxeiros e moita xente local que chega dende Ribeira Grande e Porto Novo. A noite resulta magnífica e chea de emocións que nos fan sentir de novo a nosa conexión con este país.

Ao día seguinte collemos o barco das dez da mañá de volta a Mindelo. Nesta ocasión vai case baleiro pero o Atlántico segue a ser unha centrifugadora que tenta marear a todos os que nel viaxamos.

Saíndo do Porto Novo

No barco coa Illa de São Vicente ao lonxe

Entrando de volta no porto de Mindelo

Despedímonos de Santo Antão, un destino chamado ao turismo. A illa debe estar obrigatoriamente na ruta de calquera viaxeiro que se mova polo país. A transformación destes últimos anos é evidente polo que é aconsellable vir máis cedo que tarde.

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.