Tal e como relataba nos meus posts de Serbia e Montenegro, as vacacións oficiais deste ano 2016, é dicir as que normalmente realizamos ao final do verán, foron divididas en dúas quendas: Serbia e Montenegro no mes de xullo e as illas de Cabo Verde no mes de Nadal. Dividindo as vacacións deste xeito temos oportunidade de fuxir dunhas festas que non son do noso agrado e, ao mesmo tempo, facer un intermedio soleado no máis cru do inverno. Malia o lixeiro descontento por parte das nosas familias decidimos pasar os días de Noiteboa e o de Nadal nas illas de Cabo Verde, ese país que, tanto na súa situación xeográfica coma na súa realidade cultural, está a medio camiño entre África e Europa.
A oferta de voos regulares dende territorio peninsular comprende a tres compañías aéreas: a TACV (Transportes Aéreos de Cabo Verde ou Cabo Verde Airlines), a TAP-Air Portugal e a antiga Binter Canarias. Á hora de reservar o voo intercontinental e no caso de querer visitar varias illas, a elección máis recomendable é a da compañía caboverdiana, xa que logo permite beneficiarse de tarifas máis baixas nos traxectos entre illas. A mellor combinación (se estás disposto a conducir) e a mellor tarifa para os que vivimos en Galicia é comprar un billete da TACV con saída dende o aeroporto de Lisboa.
Para os que prefiran saír en avión dende un aeroporto galego é posible voar coa TAP dende A Coruña ou Vigo vía Lisboa. A tarifa increméntase nuns 300 € con respecto á saída dende Portugal. Dende Lisboa os prezos deberían aproximarse aos 295 € con destino Praia (Illa de Santiago) ou uns 385 € para as illas de São Vicente ou Boavista. A estes prezos haberá que engadir os voos entre illas. Programar unha viaxe por Cabo Verde require un pouco de paciencia xa que os voos dende Portugal teñen diferentes destinos segundo o día da semana e as operacións entre as diferentes illas sofren de bastantes limitacións. Tamén hai que contar que os voos son cancelados ás veces por mor do mal tempo ou por ventos con area en suspensión. Mellor darse un algo de marxe ante posibles cancelacións. No caso de querer saír dende Madrid ou outros aeroportos estatais tamén habería que engadir uns 300 € ás tarifas dende Lisboa, sempre que se queira un billete que garanta a conexión.
Está claro que polos aproximadamente 600 € que teríamos que pagar Bruno e máis eu por saír dende un aeroporto galego compensa abonar gasolina, peaxes e aparcamento en Lisboa e, deste xeito, poder aproveitar algunhas noites na capital portuguesa. Decidimos pois baixar en coche e no camiño visitar ao noso amigo Pedro de Coimbra; unha promesa feita tantas veces ata o de agora como posteriormente incumprida.
O día 13 de decembro traballo de mañá e nada máis saír recollo a Bruno para tomar dirección a Coimbra. De camiño aínda temos tempo de tomar algo co noso amigo Antonio nas aforas do Porto. O encontro é breve pero serve para defini-lo o menú da noite de Fin de Ano. Na nosa viaxe de volta o día 29 de decembro recolleremos a Antonio para despedir xuntos a última noite do ano en Santiago de Compostela.
Hai moito tempo que non me deteño en Coimbra e para Bruno é a primeira vez. Chegamos de tardiña e Pedro está á nosa espera na súa casa para facernos a visita da cidade. Os portugueses, polo menos os que eu coñezo, son uns anfitrións de dez e Pedro desenvólvese coma se fose un guía profesional. Pasamos polo Campus antigo da Universidade que con sete séculos de historia é a máis antiga de Portugal e unha das máis antigas do mundo, razón pola que foi declarada Patrimonio da Humanidade pola Unesco (aconsello consultar algún documento sobre as curiosas tradicións centenarias que “adornan” a vida desta universidade). As dependencias están a piques de pechar e témonos que conformar con visitar os patios exteriores.
Tamén damos unha volta pola beira do río Mondego ata o recinto de Portugal dos Pequenitos, ese parque de arquitecturas en miniatura que leva aberto dende o ano 1940, e ata o Convento de Santa Clara-A-Nova onde se atopa o cadaleito da Rainha Santa Isabel, famosa polo seu alcume da Raíña Santa. A española Isabel de Aragón, cónxuxe do Rei D. Dinis I de Portugal, foi beatificada pola realización de milagres como a bonita lenda das rosas que podedes consultar na Internet.
Foi tamén aquí en Coimbra onde tivo lugar a fascinante historia de Inés de Castro, a galega amante do Rei Pedro I que foi coroada como raíña varios anos despois da súa morte. A verdade e a lenda mestúranse para dar forma a un dos episodios máis románticos (e macabro) do século XIV e, probablemente, de toda a historia de Portugal. A amante asasinada converteuse nunha obsesión para o Rei ata o extremo de que o seu esqueleto foi obxecto dun beixa mans por parte dos cortesáns do reino. Hoxe, Inés de Castro e Pedro I xacen pés contra pés no mosteiro de Alcobaça para que poidan atoparse fronte a fronte o día do Xuízo Final. Aqueles románticos que aínda non coñezan esta historia deben acudir apresuradamente a calquera fonte de información para poder incluíla nas súas conversas de namorar.
Subimos e baixamos as empinadas rúas que separan a Alta da Baixa, as dúas partes da cidade ben diferenciadas pola súa altitude con respecto ao nivel do río. Pasamos pola Catedral Vella, un templo románico do século XII que fai lembrar un castelo medieval. Nesta noite de decembro o edificio ofrece unha imaxe máxica froito da iluminación urbana e dunha lúa fantasmagórica que lle serve de pano de fondo. Rematamos dando un paseo pola Praça da República, onde os bares e cafeterías se abren en múltiples terrazas a pesar de estar en pleno inverno, e pola Rua Ferreira Borges, a peonil e comercial, xa amañada coas luces e os adornos típicos do Nadal.
Vemos certo movemento nocturno de estudantes que non está nada mal para un martes e, sobre todo, para a extremadamente tranquila Portugal. Para concluí-la xornada, Pedro lévanos a cear a un local enxebre e tradicional: o Zé Manel dos Ossos. Un restaurante moi pequeno, decorado con centos de papeis cheos de mensaxes e unha atmosfera moi acolledora. A especialidade son os ósos de soá (espiñazo salgado de porco) ademais doutros pratos típicos da gastronomía portuguesa. O ambiente compensa os excesos dun menú pouco baixo en calorías e excesivamente forte para horas tan tardías.
http://amo-coimbra.com.br/restaurantes-em-coimbra/ze-manel-dos-ossos-em-coimbra
Vexo Coimbra moi mellorada, como case todas as urbes portuguesas, aínda que cun perfil urbanístico un pouquiño inferior ao que están a desenvolver as cidades veciñas de Porto e Guimarães.
Á mañá seguinte saímos cedo de Coimbra e conducimos directamente ata un aparcamento low cost que fica preto da Terminal do Aeroporto de Lisboa, o Easy Parking Lisbon Airport. Xa reserváramos previamente neste aparcadoiro que nos ofrece unha praza por uns 50 € para os catorce días que imos estar fóra do país. Coa súa confirmación enviáronnos un itinerario detallado con fotografías de como acceder ás instalacións. O prezo tamén inclúe o traslado de ida e volta que nos deixa en menos de cinco minutos no edificio Terminal.
A miña primeira viaxe por Cabo Verde, aquela que me levou no ano 1993 polas illas de Santiago, Fogo e São Vicente, foi unha auténtica ledicia. Houbo unha sintonía inmediata con estas paisaxes, coa súa xente e, sobre todo, coa súa música. Daquela eran pouco máis de catro mil (!!) os turistas que visitaban as illas cada ano e o país, aínda que moi escaso de servizos, non deixaba indiferente a ninguén. Lembro perfectamente cando o meu compañeiro de avión, un caboverdiano emigrado a Lisboa, sentenciou cun “você vai adorar” para definir o que ía sentir ao chegar ao seu país. E vaia se adorei…
Cabo Verde leva xa algúns anos procurando o turismo de masas, a realidade é que a maltreita economía do país precisa del. Durante o 2016 foron case 800.000 os viaxeiros que se achegaron polo arquipélago e, malia que case a metade quedou a toma-lo sol na illa de Sal, son consciente do que isto pode significar. Vou ilusionado pero con moito medo a atopar un destino turístico máis, deses que xa perderon a súa personalidade.
Xa naquela viaxe foron moitos os caboverdianos que me confesaron non sentirse tanto africanos coma un pobo atlántico, formando parte desa rexión do mundo chamada Macronesia na que comparten lugar cos habitantes dos arquipélagos das Azores, Madeira e as Canarias. Non hai que esquecer que nesta illas improdutivas de Cabo Verde non vivía ninguén (pero absolutamente ninguén) ata a segunda metade do século XV cando chegaron os portugueses e comezaron a poboalas con colonos chegados de Portugal e, principalmente, con man de obra escrava traída dende diferentes territorios da África Continental. Son moitos os caboverdianos que descoñecen as súas orixes polo que ese sentimento de atlantismo, lonxe do de África Negra, vai estar presente ao longo da viaxe.
A maioría de colonos portugueses eran homes que non tiveron prexuízos á hora de mirar con quen se deitaban. A mestura foi case perfecta nesa Babel de pobos e linguas diferentes, brancos e negros de diferentes orixes deron carácter a un pobo de pel lixeiramente escura no que abondan a boa xenética e, en moitos casos, os trazos europeizados. Pel de cor canela con rostros que fan lembrar aos nosos veciños e a outros pobos europeos e case sempre coroados por cabelos inequivocamente africanos, ese podería ser o perfil do caboverdiano medio.
A última hora da mañá collemos en Lisboa o voo que vai aterrar catro horas máis tarde no aeroporto da illa de São Vicente. O interior do avión amosa certo desgaste e o servizo non pasa de espartano. Facemos unha bonita aterraxe entre erosionadas montañas desérticas a carón da pequena vila de São Pedro e baixamos a pé ata a nova e pequena Terminal Internacional do aeroporto. Polas fotos podedes constatar que o adxectivo “internacional” vénlle un pouquiño grande, tanto polo seu tamaño como polo número de voos internacionais que recebe. Pero si é de agradecer que o teñan bautizado co nome da figura máis internacional que deu este país ao mundo: a cantante Cesária Évora.
O noso programa pasa por gozar desta illa durante as dúas próximas xornadas seguido dunha escapada en barco tamén de dous días á illa de Santo Antão, para logo regresar por un día máis a São Vicente. Máis tarde o noso itinerario continuará en avión polas illas de Boavista e Santiago. A razón de dividir a nosa estadía nesta primeira illa é que o único acceso posible a Santo Antão pasa polo barco dende São Vicente. Un mar normalmente embravecido e un posible retraso aconsella ser precavidos e non forzar conexións con poucas horas de marxe.
Cando os viaxeiros españois entren na Terminal deben acudir á pequena oficina (realmente unha ventá) á esquerda do control de pasaportes para aboar os 23 € do visado de entrada. As xestións son rápidas e evitan facer cola nas poucas cabinas policiais que controlan a entrada no país. Pódese pagar con tarxeta VISA.
Dende a Terminal do aeroporto baixamos ao centro de Mindelo, a capital da illa e a cidade máis atractiva do país, nun taxi polo que pagamos 900 escudos caboverdianos (8 €). Non hai dúbida á hora de escoller xa que é o único transporte dispoñible. Son poucos os taxis para a capacidade do avión pero case a totalidade da pasaxe son retornados polas festas do Nadal que teñen as súas familias ao outro lado da recollida de equipaxes. O aeroporto “internacional” tampouco ofrece servizo de cambio de moeda e o único xeito de poder paga-lo o taxi e traendo diñeiro local dende Lisboa ou utilizar o único caixeiro dispoñible no hall da Terminal.
O cambio do euro ao escudo caboverdiano é fixo coa paridade 1 € = 110´265 escudos. En Cabo Verde non hai mercado negro nin casas de cambio e faise obrigatorio pasar por unha oficina bancaria. O que si pode mudar é a comisión que cobran polo servizo de cambio, entre uns tres euros por unha cantidade a cambiar de ata 1.000 euros, ou unha porcentaxe de ata o 2´5 % da cantidade a cambiar cando supera ese límite. As tarxetas de crédito funcionan timidamente e están case limitadas a servizos de alugamento de coches e aos aloxamentos e restaurantes de certo nivel.
Chegamos ao noso hotel de noite pecha, nesta época do ano anoitece ás seis da tarde. A diferenza horaria con España e de tan só dúas horas menos (unha con respecto a Portugal) e non sentimos ningún efecto do jet lag. Ao chegar á recepción infórmannos de que hoxe actúa Mayra Andrade, unha cantante natural da illa e residente en París que regresa despois de dez anos. O concerto ten lugar a carón do noso hotel, en pleno zona histórica, no complexo turístico e cultural O Pont d´Água.
Estamos nunha terraza á beira do mar, mirando cara ao porto de Mindelo, cunha oferta de restauración e tendas de aspecto cosmopolita dirixidas á clase social adiñeirada da illa. Afortunadamente, o concerto leva hora e media de atraso e chegamos co tempo xusto para mercar a nosa entrada por 10 € ao cambio. O auditorio é ao aire libre e xa esta cheo dunha morea de seguidores de Mayra, xente nova, guapa e de aspecto bastante sofisticado que, ao igual que o propio concerto, respira bo gusto. Poucos estranxeiros. Pouco que ver coa África que temos moitos na cabeza. Nesta época do ano a temperatura nas illas varia entre os 21º graos de mínima e os 28º de máxima. O ambiente, as músicas de Mayra, a temperatura…, comezamos a crer que Cabo Verde non nos vai defraudar.
(Pésima calidade pero vídeo perfecto para ve-la actuación de Mayra en Mindelo o 15 de decembro do 2016)
A mañá do segundo día dedicámola a coñecer Mindelo, un oasis relativamente ben urbanizado con respecto á tónica xeral do resto de cidades do arquipélago. Un 85 % da poboación de São Vicente vive na súa capital, superando os 60.000 habitantes. Mindelo ten barrios terceiromundistas e bolsas de pobreza como calquera outro punto habitado de África Occidental pero, ao mesmo tempo, ofrece unha boa mostra de arquitectura colonial portuguesa que lle proporciona un encanto moi especial. A visita a pé incluíndo os edificios máis salientables limítase a un par de horas. Nesa mesma mañá visitamos o Centro de Artesanato e os edificios relacionados coa vida de Cesária Évora. Tamén temos tempo de pasar pola oficina da TACV a informarnos sobre unha posible extensión á illa de Fogo e pola Terminal Marítima para comprar a nosa pasaxe de barco a Santo Antão.
O Centro de Artesanato é bastante pequeno e non moi interesante pero co importe da visita axudamos a crear proxectos nun país que apenas ten tradición artesá. Polo que respecta a Cesária…, qué dicir? Ela segue ser a “diva” con connotacións de heroína nacional. A súa figura e a súa música están presentes por todas as partes. Cesária foi a mellor embaixadora da cultura do seu país. Non só a Terminal de São Vicente, os billetes de 2.000 escudos fan lembrar continuamente o seu nome e a súa figura. Descubrín a esta marabillosa cantante de mornas na miña primeira viaxe cando aínda non chegara o seu éxito a Europa, como aconteceu poucos anos despois co gallo da World Music e o apoio que recibiu en Francia. De seguido fíxenme fan incondicional e axudei a dar a coñecer o seu nome a toda a miña contorna. Ela axudoume a namorarme de cabo Verde e, de paso, desa música melancólica e tremendamente sensitiva que, coma o fado portugués, mostra unha evidente empatía cos pobos que ocupamos a franxa occidental da Península Ibérica.
Durante o paseo por Mindelo pasamos pola modesta vivenda na que Cesária viviu moitos anos (pechada ao público) e polo Museo da Morna, non lonxe da anterior. O edificio do museo foi unha vivenda ofrecida á cantante polo Goberno de Cabo Verde cando ela xa era moi coñecida, pero que Cesária apenas ocupou. Despois da súa morte foi convertido nun memorial a súa figura. O pequeno museo é para os incondicionais da música do país, mostrando, ademais dalgunhas pertenzas da diva, vídeos coas imaxes do seu enterro en Mindelo, cando unha gran parte da poboación da illa acompañou á gran figura da morna ata a súa última morada aos compases da súa canción Sodade. A música de Cesária ten o poder de chegarme ao corazón e fago a visita con emoción contida. Sodade acompañaranos ao longo de todo o percorrido en restaurantes, transportes e radios locais, para, sen ningunha dúbida, converterse na melodía desta viaxe. Cinco días máis tarde, o vinte de decembro, é o quinto aniversario do pasamento de Cesária e o país ten programadas unha chea de homenaxes. O noso tributo persoal é durmir no Hotel do Café Royale, aquel que tantas veces viu actuar á diva dos pés espidos.
Pola tarde saímos en transporte local á Baía das Gatas, unha das catro poboacións accesibles na costa da illa, aínda que neste caso falamos exclusivamente dun lugar de segundas residencias. A vida nas illas é tan limitada que moitos habitantes de Mindelo teñen a súa residencia estival a tan só vinte minutos da capital. A razón é, malia o seu nome (gata=quenlla gata), ser unha das poucas praias protexidas dos perigos do mar. A praia resulta moderadamente atractiva pero é un dos poucos lugares de todo o litoral da illa onde atopar outros bañistas. Baía das Gatas é tamén moi coñecida polo importante Festival Internacional que ten lugar no mes de agosto e que neste ano 2017 chegará á súa 33 edición.
Dende aquí collemos outro transporte ata a localidade veciña de Salamansa. O urbanismo da vila deixa moito que desexar pero, a cambio, o ambiente é completamente local. A praia é un precioso e inmenso areal pero, coma é habitual na maioría das illas, o vento é tan extremo que imposibilita facer un uso que non sexa a práctica do kitesurf. Rematamos tomando unha cervexa local “Strela” no único chiringuito aberto no lugar.
Pola noite acudimos á Academia Jotamonte, o principal auditorio de São Vicente, para escoitar á cantante Fantcha e o seu novo CD “Nôs Caminhada” en homenaxe a Cesária Évora. Pagamos oito euros ao cambio e temos a oportunidade de escoitar a propia neta de Cesária dicindo unha emotivas palabras sobre a figura da súa avoa. Fantcha vén ben acompañada polo grupo Bau e amosa unha simpática figura coroada por unha inmensa e desproporcionada perruca, pero a súa voz non ten o poder engaiolante da figura que homenaxea.
Ao día seguinte collemos pola mañá cedo o barco que nos leva a Santo Antão de onde regresaremos 48 horas máis tarde. Xa de volta pasamos unha última xornada de domingo en São Vicente. Mindelo está excesivamente preguizoso e collemos un transporte local para achegarnos á poboación de Calhau. O casal, no que predominan as segundas residencias, está máis disperso que o de Baía das Gatas. A praia tampouco é tan grande. Pero a principal razón para visitar Calhau é o restaurante Chez Loutcha e o seu bufete de domingo con comida caboverdiana e internacional amenizada por música de mornas e bailes tradicionais. Neste mesmo restaurante foi o meu primeiro xantar hai xa vinte e tres anos e repito de novo as sensacións que tiven aquel día. Estranxeiros e locais compartindo un espazo inundado pola luz exterior que se mestura coa cor azul anil que predomina no local. A visión dun mar potente que rompe a poucos metros de onde estamos a comer e a imaxe da deshabitada illa de Santa Luzia ao fondo. As mornas que embelecen todo o arredor…Decátome de novo da miña empatía con este país. Cada persoa ten un ou varios lugares no mundo e eu, aquí e agora, sinto que Cabo Verde me pertence.
Ao rematar o xantar decidimos facer a pé os quilómetros que separan Calhau de Baía das Gatas. O prezo do xantar inclúe o transporte de ida e volta dende Mindelo pero os horarios non se adaptan aos nosos intereses. O persoal do restaurante anímanos a seguir por un estrada construída hai poucos anos (non estaba na viaxe anterior) e en moi bo estado de conservación que permite ver un anaco de costa dunha bonitura extraordinaria. A paisaxe de enormes dunas remontando as montañas é dunha beleza estraña, senlleira, como o é todo Cabo Verde. Apenas vemos xente. Comezamos a sentirnos cansos, a luz vaise matizando e a estrada non parece ter moito tráfico. Tememos chegar xa de noite e non conseguir transporte para volver a Mindelo. Sorprendentemente, aparece un taxi baleiro que collemos para facer os últimos quilómetros ata Baía das Gatas onde o compartiremos cunha parella de franceses que regresan a Mindelo. Grazas São Vicente por agasallos tan marabillosos como o día de hoxe!
He visto cada vídeo varias veces. Me encanta esta música. Y Cesárea única.