Ilha de Boavista – A illa feita de vento e area

Comezo este post recoñecendo a miña preguiza á hora de manter ao día o meu blog. O inverno e a primavera foron intensos tanto por mor do meu traballo coma polos moitos compromisos persoais, e estas narracións viaxeiras foron quedando esquecidas á espera de mellores tempos.

Ben, amigos, os tempos son chegados e retomo o ritmo coa viaxe do pasado Nadal ás illas de Cabo Verde. A partir de agora prometo ir máis lixeiro e nos próximos días recibiredes unha chea de anécdotas viaxeiras.

Camiño da Praia de Varandinha

Despois das illas de Santo Antão e São Vicente dirixímonos cara á de Boavista, clasificada tanto no grupo de illas de praia (xunto con Maio e Sal) como no das illas de Barlovento. Boavista ten un dos aeroportos máis activos do arquipélago conxuntamente co de Sal, São Vicente e Santiago; a diferenza entre eles estriba no tipo de tráfico que reciben. Mentres os aeroportos de São Vicente e de Santiago son hubs de voos domésticos e internacionais (Amsterdam, París, Lisboa, Dakar, Bissau, Fortaleza e Recife en Brasil) para dar servizo aos emigrantes caboverdianos espallados polo mundo e a aqueles viaxeiros individuais que prefiren descubri-las illas por si mesmos,  Boavista e Sal son terminais especializadas en voos de compañías chárter con procedencias europeas tan variadas como Lyon, Colonia ou Manchester e centradas en pasaxeiros que veñen a gozar dunhas vacacións exclusivamente de sol e praia.

Seguir lendo