Ilha de Boavista – A illa feita de vento e area

Comezo este post recoñecendo a miña preguiza á hora de manter ao día o meu blog. O inverno e a primavera foron intensos tanto por mor do meu traballo coma polos moitos compromisos persoais, e estas narracións viaxeiras foron quedando esquecidas á espera de mellores tempos.

Ben, amigos, os tempos son chegados e retomo o ritmo coa viaxe do pasado Nadal ás illas de Cabo Verde. A partir de agora prometo ir máis lixeiro e nos próximos días recibiredes unha chea de anécdotas viaxeiras.

Camiño da Praia de Varandinha

Despois das illas de Santo Antão e São Vicente dirixímonos cara á de Boavista, clasificada tanto no grupo de illas de praia (xunto con Maio e Sal) como no das illas de Barlovento. Boavista ten un dos aeroportos máis activos do arquipélago conxuntamente co de Sal, São Vicente e Santiago; a diferenza entre eles estriba no tipo de tráfico que reciben. Mentres os aeroportos de São Vicente e de Santiago son hubs de voos domésticos e internacionais (Amsterdam, París, Lisboa, Dakar, Bissau, Fortaleza e Recife en Brasil) para dar servizo aos emigrantes caboverdianos espallados polo mundo e a aqueles viaxeiros individuais que prefiren descubri-las illas por si mesmos,  Boavista e Sal son terminais especializadas en voos de compañías chárter con procedencias europeas tan variadas como Lyon, Colonia ou Manchester e centradas en pasaxeiros que veñen a gozar dunhas vacacións exclusivamente de sol e praia.

Boavista está a recibir nesta época do ano uns 45 voos semanais de orixes tan “exóticas” como Helsinki ou Praga, e na tempada de verán mesmo de Porto e Lisboa. Pero as conexións nacionais seguen a ser bastante básicas. Quizais por mor do escaso número de habitantes da illa que non acada as 15.000 (censo 2015) persoas censadas. A mellor opción para chegar dende São Vicente é voar ao aeroporto de Praia, na illa de Santiago, e despois dunha espera de dúas horas na súa pequena terminal seguir camiño cara á Boavista.

Por certo, aproveitamos o noso tempo en tránsito nesa terminal para pasar pola oficina da compañía TACV e mercar un billete de ida e volta entre as illas de Santiago e Fogo (110 €). Dese xeito e unha vez rematada a nosa estadía en Boavista, seguiremos para pasar as festas de Noiteboa e Nadal na illa do volcán (Fogo) e así evitar a caótica, e menos atractiva, illa de Santiago.

A terminal do aeroporto de Boavista é moi nova, de espazos abertos e dunha arquitectura pseudo-tropical, entre kasbah marroquí e parque temático, que trata de transmitir aos visitantes o seu carácter de illa vacacional onde prima o bo tempo. Un pequeno grupo de música tradicional caboverdiana dá a benvida aos que acaban de chegar. O único transporte para baixar á capital da illa, Sal Rei, é o taxi por un importe duns 700 escudos caboverdianos ou seis euros e medio ao cambio.

No noso primeiro paseo por Sal Rei comprobamos os efectos do turismo de sol e praia en relación ao custe dos servizos turísticos: o alugamento de quads, as excursións pola illa e os prezos dos restaurantes son moi superiores aos das outras dúas illas visitadas.

Porto de Diante en Sal Rei coas praias de Estoril e Chaves ao fondo

Descubrindo Sal Rei

Durante os días seguintes decatámonos dun feito curioso: de como o país de orixe das empresas e dos traballadores define en moitos casos a súa especialización no sector turístico. Tal que a hostalaría do segmento de luxo, os grandes complexos todo incluído, corresponde a empresas españolas (ás cadeas Riu e Iberostar), a hostalaría máis modesta e a restauración de certo nivel están en mans dunha importante colonia de italianos formada por máis de cen individuos que residen habitualmente na illa, tendas e supermercados son dominio absoluto dos chineses, e a venda de artesanía, tanto as tendas de souvenirs como a venda itinerante, corresponde a senegaleses que chegaron do continente. E os caboverdianos? Pois todo (pouco) o demais.

Pero se hai un cambio importante con respecto a São Vicente e a Santo Antão é a paisaxe. A cor verde desaparece totalmente para tornarse en ocre ou amarela. E as altas montañas devecen ata converterse en picos e outeiros con alturas inferiores aos 400 metros, pero esteticamente espalladas pola illa. Por outra banda, o que ata agora foron praias modestas pasan a ser inmensos areais virxes de fina e limpa area dourada.

Boavista é unha illa con aspecto de deserto e sen apenas recursos para manter unha poboación estable que vivía da explotación das súas salinas ata que chegou o fenómeno do turismo. As praias son inmensos areais que pola súa calidade poderían permitir un aproveitamento intensivo ao modo de Canarias a non ser polo vento que sopra case todo o ano, vento esaxerado e inhóspito que golpea á

+illa continuamente. As praias son perfectas para a fotografía, para dar longos paseos a pé e para facer excursións en quads polas súas dunas. Pero non vemos ninguén tomando o sol e os hóspedes dos grandes hoteis permanecen protexidos dentro dos muros dos seus aloxamentos. Falamos con algúns veciños tentando pescudar os meses máis axeitados para gozar das praias boavistenses e uns mencionan o período abril-maio mentres que outros sinalan os de setembro-outubro. Coido que os ventos van ser sempre un grande inconveniente á hora de que Boavista poida ter un desenvolvemento turístico como correspondería ao nivel das súas praias. Dende logo neste mes de decembro son totalmente impracticables e os turistas á procura de sol e praia van quedar moi decepcionados.

Os nosos veciños de apartamento son unha parella de holandeses que substituíron a súa escapada habitual ás Canarias por un novo destino coma é Boavista. O seu único interese é o mergullo e toma-lo sol, e nestes días apenas tiveron oportunidade por mor do vento reinante. Aínda teñen por diante unha semana na illa de Santiago e non saben que facer se o vento segue a soprar deste xeito. Nin sequera están hospedados nun gran complexo que lles poida ofrecer actividades polo día. Séntense moi arrepentidos e prometen non volver, esquecendo toda a riqueza cultural e as posibles excursións que ofrece a illa. Nós temos unha opinión moi diferente: Cabo Verde é algo máis que sol e praia, incluso nas illas que como Boavista ofrecen uns areais excepcionais. Pero o meu consello é que aqueles que procuren paquetes de sol e praia se dirixan cara ao norte, ás Canarias ou a Madeira onde a oferta de servizos é moito máis ampla e os prezos máis baratos.

Aínda así e para os que busquen grandes complexos hoteleiros, a illa ofrece a día de hoxe cinco establecementos: o hotel Riu Karamboa na Praia de Boca Salina, os hoteis Royal Horizons e o Iberostar Club Boa Vista na Praia de Chaves, o inmenso Riu Touareg na Praia de Lacacão, e o Marine Club Beach Resort, de capital italiano, ás aforas de Sal Rei, na Praia da Cruz. Hai outro macro resort en construción na Praia de Santa Mónica e tres proxectos máis á vista das empresas españolas Riu e Meliá. En xeral a estadía nestes establecementos é en réxime “todo incluído”, xa que os hoteis están illados e non existe oferta local máis aló dos seus muros.

Pois ben, esa parece a Boavista que quere ser e a que eu espero que non chegue a ser nunca. Boavista é un destino perfecto para unha escapada de tres días, aloxarse nalgún hotel da limitada oferta de Sal Rei e alugar un coche para percorre-la illa. Se nas illas do arquipélago é aconsellable arrendar un vehículo para moverse con liberdade, en Boavista é totalmente obrigatorio. O transporte local é case inexistente. As mellores opcións son o Suzuki Jeeny, a partir de 55 €/día, e quads, a partir 70 €/día con rebaixa progresiva no caso de alugamento para varios días. Acaso o quad sexa óptimo para explorar as praias veciñas a Sal Rei e o coche para visitar a illa ao completo.

Con respecto á capital, Sal Rei, á parte de achegarse ao mar ou ás descoidadas salinas, pouco máis hai que facer. A vila é pequena e pode ser paseada nun par de horas na súa totalidade. O máis interesante son algunhas construcións, modestas, da época colonial e, sobre todo, ese aire tropical de lugar indolente no que teñen pasado poucas cousas. Dito isto, Sal Rei ofrece tamén a única posibilidade na illa de abastecerse de alimentos, de cambiar diñeiro e de mercar artesanía ou arranxar servizos turísticos. Pola noite algúns bares acostuman a programar actuacións musicais de bandas locais que axudan a animar os paseos nocturnos.

Sal Rei

Para coñecer o resto da illa, as axencias de viaxes ofrecen excursións de prezos bastante elevados e escapadas en quads de dúas a catro horas a partir de 65 € por persoa.

Despois de alugar o noso Suzuki Jeeny planificamos as excursións a realizar. O primeiro día visitamos a aldea de Rabil, a carón do aeroporto, e a de Estância de Baixo, de onde parte a estrada que chega ata as dunas do Deserto de Viana. Este pequeno deserto é unha rareza, unha bolsa de branca area no interior da illa e totalmente desconectada das outras áreas desérticas que fai lembrar a relativa proximidade xeográfica de Boavista ao deserto do Sáhara.

Deserto de Viana

Volvemos ao aeroporto e dirixímonos ao sector nordeste da illa pola nova estrada que vai á aldea de Bofareira, alí onde se concentra a maior parte da exigua poboación que vive fóra de Sal Rei. Pasamos pola aldeas de João Galego, Fundo das Figueiras e Cabeça dos Tarafes, tres pequenas localidades de coloristas casiñas de época colonial que aparecen ateigadas de rapaces e xente nova. Fundo das Fiqueiras, cunha oferta de cinco restaurantes, é o lugar adecuado para xantar, tendo en conta que tanto en João Galego como en Cabeça dos Tarafes non hai servizos de restauración así como en ningún outro lugar da illa ademais de Sal Rei.

Estilo lusotropical nas poboacións do norte da illa de Boavista

Dende Fundo das Figueiras facemos dúas viaxes de ida e volta ata a Praia das Gatas e a Porto Ferreira. Neses percorridos temos posibilidade de constatar o que xa nos advertiran na empresa de alugamento de coches: as estradas de Boavista son como ningunha outras do arquipélago no peor sentido posible. E estaban cheos de razón. Neste caso, o medo non é a caer precipitados polos cantís como na illa de Santo Antão, senón a deixa-las rodas (e os dentes) nas tremendamente mal mantidas estradas locais da illa. Ou a ficar coas rodas entre a area moi a pesar da tracción 4X4. En Boavista hai que conducir moi de vagar e medindo detidamente cada un dos pasos a dar.

Praia das Gatas

Despois do xantar seguimos por algúns quilómetros en sentido sur para desviarnos por estradas que parten cara á costa leste ata o edificio abandonado do faro de Morro Negro. Posiblemente sexa esta a mellor visita do día e, no caso de facela, pode prescindirse de Porto Ferreira xa que o escenario é o mesmo pero moito máis impresionante dende o faro.

Farol de Morro Negro

De volta a Sal Rei aínda temos tempo de achegarnos ás praias de Estoril e a de Chaves, esta última cun par de macro complexos hostaleiros. A Praia de Chaves, en concreto o seu extremo sur, é outra das visitas imprescindibles a facer en Boavista. Alí a paisaxe é perfecta. Como xa viña sendo habitual, non atopamos ninguén facendo o uso das praias mais aló dos paseantes e os condutores de quads.

O segundo día saímos en dirección sur cara á única poboación habitada na metade meridional da illa: Povoação Velha. Curiosamente, e malia estar situada no interior e a poucos quilómetros da costa, foi o primeiro asentamento en ser habitado polos portugueses á súa chegada a Boavista. En Povoação Velha hai moitos vendedores senegaleses con tendas de souvenirs pero nin un só bar decente onde tomar algo.

Povoação Velha

Deixamos esta localidade e continuamos por unha pista realmente infernal ata a Praia de Varandinha. Máis pequena que outras praias da illa ten unha parte de cantís parcialmente derrubados sobre a area que lle proporcionan un encanto especial. Foi paseala e deseguido converteuse nunha das nosas preferidas xunto coa Praia de Chaves.

Praia de Varandinha

De regreso a Povoaçao Velha tentamos chegar por outra pista, aínda peor que a anterior, á praia de máis sona en Boavista: á Praia do Curralinho, tamén chamada de Santa Mónica. Segundo as informacións que obtemos da xente local o nome de Santa Mónica vén dado por ser, con dezaoito quilómetros de lonxitude, a segunda praia de area branca máis longa do mundo despois da homónima praia de Santa Mónica en terras californianas. Tentamos pero non o logramos, o camiño desaparece totalmente e arriscámonos a quedar varados definitivamente nas dunas que atopamos no camiño. (Xa sabedes que se alguén está a perderse con estes percorridos e con tantos nomes sempre pode acudir ao mapa interactivo que se atopa á dereita da pantalla e comprobar onde están situados. Premendo sobre os puntos marcados pódense ver algunhas fotografías do lugar e linkear de novo para regresar a este texo).

Regresamos por segunda vez, e un pouco derrotados, a Povoaçao Velha para enlazar cunha estrada nova e perfectamente asfaltada que proxecta conectar a terminal do aeroporto coas futuras infraestruturas hostaleiras do sur da illa. Polo de agora, a estrada está unicamente rematada na súa metade inferior pero é perfecta para achegarse rapidamente á Praia de Lacacão onde se ergue o inmenso Hotel Riu Touareg con aspecto de kasbah marroquí. O inmenso complexo hoteleiro é unha mostra do que o Goberno Caboverdiano quere facer con esta inmensa chaira  e esta marabillosa praia sen fin do sur da illa. A praia pérdese no horizonte pero non conseguimos ver nin unha soa persoa inmersa nesta paisaxe.

Hotel Riu Touareg en Praia de Lacacão

Praia de Lacacão e Hotel Riu Touareg ao fondo

O segundo día remata co regreso á costa norte, a que se estende, segundo se mira o mapa, á dereita de Sal Rei. Vamos á Costa de Boa Esperança e á praia do mesmo nome, onde se poden ve-los restos do cargueiro español Santa María que embarrancou hai xa 48 anos nestes fondos de area no seu camiño ao Brasil. A praia é terriblemente ventosa e a area bate con forza en todas as partes ao descuberto do noso corpo. Polo visto, as praias do norte son tan airosas como inutilizables.

O barco hai xa moitos anos que perdeu a súa figura, non hai que deixarse enganar polas postais á venda nas tendas do arquipélago nin polos reclamos publicitarios das axencias de viaxes. Pero sen dúbida, a estética imaxe dos restos oxidados do cargueiro aínda paga a pena, e dá para unha boa foto. O difícil, para nada é unha tarefa doada, é atopar o camiño que chega ata aquí. Aparece totalmente esvaecido e temos a sensación de ir campo a través, tanto que chega un momento no que detemos o coche coa idea en mente de regresar a Sal Rei. É unha excursión de quads que pasa nese momento e que segue o noso mesmo camiño a que nos confirma que non estamos errados. Unha vez alí, a Praia de Boa Esperança é un must das visitas a realizar en Boavista; pero hai que ter claro que chegar á Praia de Boa Esperança é un risco (controlado) que pode asustar aos máis espantadizos.

Praia de Boa Esperança

Unha proposta para os que non queiran conducir e, ao mesmo tempo, aforrar á hora de pagar excursións é achegarse a pé dende Sal Rei á Praia de Estoril (ao sur da capital) cun par de agradables chiringuitos, ou atravesar a paisaxe lunar que conduce ata a capela de Nosa Señora de Fátima e á Praia de David (ao norte de Sal Rei), unha vez pasada a Praia da Cruz.

Camiño á capela de Nosa Señora de Fátima

Praia da Cruz

Actuación no Restaurante Siroco

É a nosa última noite na illa e acudimos a cear ao Restaurante Siroco onde ademais poderemos escoitar a música en vivo do grupo local Starrachote. O local vaise animando e despois de dúas horas de actuación compartimos copas cos xoves, e non tan xoves, da capital. O ambiente impagable!

 

A última mañá en Sal Rei damos unha volta de despedida, pasamos a visitar as exposicións do Centro de Artes e Cultura e rematamos gozando dunhas horas agradables no restaurante do peirao do Porto Diante, a carón da praia do mesmo nome e en pleno centro da vila. Para aínda deixar mellor sabor de boca, Fabio (italiano, coma non?), o  noso anfitrión e propietario dos Apartamentos Ca Elsa, achéganos gratuitamente ata o aeroporto de Boavista. Dicimos adeus a unha illa que coma Santo Antão e São Vicente chegounos á parte máis profunda do noso corazón.

Actividade no peirao do Porto de Diante

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.