A illa de Santiago era, nun principio, un dos catro destinos previstos na nosa viaxe por Cabo Verde, ata que mudamos de idea durante a espera na terminal do aeroporto da Praia, na escala entre São Vicente e Boavista. Ese día decidimos cambiar de rumbo, mercar un novo billete e rematar a nosa estadía, en lugar de en Santiago, na illa do Fogo. A razón…, Santiago é a illa máis poboada e caótica do arquipélago ademais de sufrir dunha elevada deterioración urbanística. E as festas de Nadal parecían pedir algún lugar máis agarimoso e familiar.
De feito, Santiago aparecía na nosa ruta tan só pola conveniencia das conexións con Portugal, xa que o aeroporto da Praia, a capital do país, é o principal hub dos voos regulares que chegan a Cabo Verde. Segundo os días da nosa viaxe e os voos dispoñibles, nesas datas era máis conveniente entrar por São Vicente e regresar dende Santiago. E non tiña moita lóxica seguir de largo unha vez que había que pasar obrigatoriamente por Santiago.
O día que nos despedimos de Boavista temos previsto voar a Praia e, dende alí, seguir para o aeroporto de São Felipe na illa do Fogo. É o mesmo avión o que fai ese día a ruta Sal-Boavista-Santiago-Fogo, polo que a nosa conexión parece estar asegurada. Pero, por razóns non explicadas, o voo chega a Boavista con varias horas de atraso e, unha vez aterrados na Praia, cancelan o traxecto Santiago-Fogo. Seica este último aeroporto é moi limitado nas axudas á navegación aérea e non pode recibir voos despois do solpor.
Pasamos pola oficina da TACV na terminal da Praia para buscar solucións á cancelación, pero as novas conexións ofertadas pola compañía limitarían a nosa estadía en Fogo a apenas vinte e catro horas, e en pleno Nadal! É por esa razón que decidimos renunciar ao Fogo e recuperar a reserva hoteleira en Santiago para pasar aquí os nosos últimos días en Cabo Verde.
Esta é a miña segunda viaxe a Santiago, a primeira foi hai xa moitos anos cando o país comezaba a recibir aos seus primeiros turistas. Xa daquela, Santiago parecérame a illa coa personalidade máis africana e, ao mesmo tempo, a menos caboverdiana do país. Curioso, xa que Cabo Verde é maioritariamente un país de sangue mestizo, mesturado e no que se recoñece tan só un 24 % de raza negra.
Por outra banda, Santiago é a única illa na que se respira unha certa agresividade e unha lixeirísima sensación de posible perigo. Cabo Verde é extremadamente apracible e calmo pero a numerosa poboación da illa de Santiago fai que a loita pola vida cotiá sexa complicada. Dos 525.000 caboverdianos, segundo o censo do ano 2015, uns 300.000 moran na Illa de Santiago.
Dito isto, preparámonos para pasa-lo Nadal aínda que con certa decepción por finaliza-la viaxe na illa menos desexada do noso percorrido. E este sentimento permanecerá de xeito que dous días e medio despois, ao deixa-lo país, marchamos coa sensación de que Santiago non foi o remate idóneo á nosa marabillosa estancia en Cabo Verde.
Pero a illa de Santiago é cos seus 1.000 km² a de maior superficie do país e, ademais, ten un par de visitas moi interesantes así como o único Patrimonio da Humanidade declarado pola Unesco en Cabo Verde. Polo tanto, non é que Santiago non pague a pena, non, pero polas súas características recomendo que a visita se faga ao principio da viaxe e, deste xeito, seguro que o itinerario vai a máis.
Tentamos alugar un coche no aeroporto da Praia pero a terminal, en obras e escasa en servizos, non ofrece esta posibilidade polo de agora. Tomamos un taxi ao centro da cidade que nos aplica tarifa nocturna e factura, para un traxecto de dez minutos, 1.000 escudos ou nove euros ao cambio. Chegamos á Praia con moitas horas de atraso tanto polas horas perdidas en Boavista como polo tempo dedicado a cancelar o hotel do Fogo e a procurar un novo na Praia, e á lenta reclamación do importe das pasaxes na oficina da TACV da terminal aérea.
Aloxámonos nun coñecido hotel boutique na rúa peonil e comercial (Rua 5 de Julho) do Plateau de Praia. A rúa é paralela ao principal eixo (Av. Amilcar Cabral) para os que circulan en coche por esta meseta na que se concentran a maioría de edificios públicos, servizos turísticos e construcións de importancia da capital.
Aquí no Platô ou Plateau, próximo á Praia de Santa María, é onde naceu o asentamento da Praia, a comezos do século XVII, para rivalizar coa Ribeira Grande (agora Cidade Velha), a capital da illa nese momento. A vila foi medrando progresivamente ata converterse no ano 1770 na capital da colonia portuguesa de Cabo Verde. E o número de habitantes disparouse esaxeradamente dende a independencia de Portugal e, sobre todo, nestes últimos anos.
O conxunto urbano foi estendéndose e saltou os límites do Plateau para ocupar as planicies e os vales (achadas na lingua local) que o arrodean. Pero o interese turístico e monumentos da Praia seguen limitándose ás rúas e prazas que forman esta meseta elevada. Aquí están o Pazo Presidencial, as Consellerías, as oficinas bancarias e a única rúa peonil e “turística” con restaurantes, terrazas e bares con música ao vivo.
O noso aloxamento, o Hotel Boutique Praia María, está nesa rúa que a estas horas da tardiña aparece moi animada. Algúns edificios coloniais ben recuperados, o ambiente de terraceo, e o aspecto da xente vestida “á europea” danlle un aire máis propio de cidade portuguesa de provincias que de capital dun país do continente africano. O paso das horas fai decatarnos de que o ambiente do Plateau é tan só un espellismo. Praia, confusa e caótica, carece do encanto de Mindelo, a única outra “gran cidade” do arquipélago.
Aquí en Santiago percibimos África máis de preto, nese ton profundamente escuro da pel de gran parte dos seus habitantes, no aspecto de abandono de moitas construcións, no descoido medioambiental, e incluso na vestimenta de aspecto máis tradicional de moitos dos insulares.
O noso primeiro intento do día seguinte é, de novo, o alugamento dun coche. Pero, e logo de percorrer toda a oferta do Plateau, temos que resignarnos ás negativas xeneralizadas. Probamos en Girassol Tours e en Europcar, e o amable persoal desta última empresa chama por teléfono a todas as outras compañías da illa. Nin un só coche dispoñible. Hoxe é Noiteboa e somos conscientes do importante número de emigrantes que teñen retornado ao país nestas datas.
Mudamos de planes e pensamos entón en aproveitar o axeitado transporte público da illa de Santiago para coñecer a vila e praia de Tarrafal e a aldea da Cidade Velha. Viaxar ata Tarrafal, a case 70 km no extremo contrario da illa, permite cruza-las grandes serras do centro e facernos unha boa idea da paisaxe montañosa de Santiago. Por outra banda, a Cidade Vella foi o primeiro asentamento de Portugal en África e ten a declaración de Patrimonio da Humanidade. Como a Cidade Velha está relativamente próxima á Praia, deixamos a excursión para o día seguinte, Día de Nadal, no caso de que non funcionen os transportes públicos e teñamos que achegarnos en taxi.
Baixamos dende o Plateau ao barrio de Sucupira que se estende mesmo aos seus pés. Sucupira, o principal mercado da Praia, funciona tamén como estación de autobuses e dende aquí saen a maioría de carrinhas que percorren a illa. Coma en moitos outros países do continente, as furgonetas de transporte saen cando están cheas. Viaxamos durante dúas horas totalmente ateigados e coa música local a todo volume. Nos barrios que atopamos á saída da Praia e nas novas iniciativas urbanísticas que vemos pola illa predominan o desorde e a pouca calidade urbanística. Ao mesmo tempo, as construcións dos tempos dos portugueses aparecen estragándose a marchas forzadas. Todo máis propio do continente que se abre fronte a nós que do propio Cabo Verde.
Pasamos pola vila de São Lourenço dos Órgãos dende onde pode contemplarse o cumio máis alto da illa, o Pico da Antónia. Aquí as montañas ofrecen formas atrevidas de beleza moi agreste. A ruta tamén atravesa a segunda urbe por poboación de Santiago: a cidade de Assomada. De novo sentimos África. A carrinha atravesa paseniño o mercado agrícola totalmente colapsado de Assomada, un dos principais do país, e danos tempo de gozar do inesperado espectáculo. Finalmente e antes de chegar a Tarrafal, pasamos a Serra da Malagueta.
Tarrafal é a principal vila do norte de Santiago, a súa principal praia e unha bonita baía de augas cristalinas. Entre e branca area xorden un grupo de palmeiras que lle dan un aire tropical. Vemos uns poucos turistas paseando e, incluso, algún bañándose. Aquí o vento non bate nas persoas. Detrás da praia agóchanse unhas cabanas moi sinxelas que consisten na única oferta de aloxamento. O resto de hoteis e pensións están na propia vila, a un curto paseo a pé. Xantamos magnificamente no restaurante que se ergue no alto dunha gran rocha en medio da praia e que funciona coma perfecto miradoiro sobre o areal.
Pola tarde regresamos á Praia parra arranxar a nosa cea de Noiteboa. Sabemos que hoxe pechan a maioría de comercios ás seis da tarde como corresponde a un país católico de tradición portuguesa. A posibilidade de atopar aberto un restaurante cunha oferta gastronómica de certo nivel non vai ser doada.
O persoal do noso hotel recomenda o restaurante do Hotel Boutique O Pescador, logo nos decataremos de que os dous establecementos pertencen ao mesmo grupo e que a propietaria do noso hotel é a filla dos donos do Pescador. Alí acudimos á cea bufete das oito e media onde hai, ademais dunha gran mesa cos convidados dos propietarios, uns cuantos estranxeiros e uns poucos nacionais de clase alta. Por 30 € por persoa gozamos dunha cea saborosa e un bo viño da illa do Fogo. Ao saír do restaurante a cidade aparece deserta; os caboverdianos están a celebrar as festas en familia e cada un na súa casa.
O noso penúltimo día en Santiago e en Cabo Verde amence moi tranquilo, coas rúas baleiras. Baixamos de novo ao mercado de Sucupira, moi pouco activo nese día, e atopamos enseguida transporte para a Cidade Velha.
A coñecida antigamente como cidade da Ribeira Grande asistiu ao inicio da penetración europea nos trópicos africanos, sendo a primeira cidade do arquipélago e a primeira poboación fundada en África polos colonos portugueses.
Hoxe, a Cidade Velha non vai máis aló dunha pequena aldea asentada nun bonito emprazamento á beira do mar que penetra por un estreito e profundo canón de vexetación tropical no que destacan as palmeiras e os baobabs. As casas son moi humildes, construídas con cachotes de pedra volcánica escura e rematadas a miúdo por teitos de colmo. Algúns muros aparecen encalados, dotando á Cidade Velha dun aspecto con personalidade.
Chegando pola estrada da Praia atopamos en primeiro lugar os restos da catedral, da que tan só se conservan algúns muros e elementos decorativos tirados polo chan. Comezada a levantar no ano 1556 foi a primeira catedral da costa africana occidental. Tardaron cento corenta anos en rematar este edificio, un proxecto quizais demasiado ambicioso para o tamaño da Ribeira Grande. Posteriormente foi abandonada, como o resto da cidade, polas continuas agresións dos piratas. A última intervención sobre os restos foi a mans do famoso arquitecto portugués Álvaro Siza Vieira que dirixiu os traballos de asentamento das ruínas.
A catedral está nun alto que ofrece unha boa panorámica da praia e do pequeno núcleo da Cidade Velha. Moito máis arriba, no alto do canón, asómase a fortaleza de São Filipe, levantada con pedras traídas expresamente da illa de Maio e do mesmo Portugal. Unha construción defensiva que protexía o comercio de escravos do que vivía a Ribeira Grande fronte ao ataque de corsarios e piratas. O ascenso ata São Filipe parece fatigoso e a preguiza fai que o cambiemos por unha fría cervexa local Strela nunha terraza a pé de praia. Decidimos xantar no mesmo restaurante rexentado por un tanto histérico propietario das Illas Canarias. A caldeirada de peixe á moda da Cidade Velha feita con auga de coco está exquisita.
Un paseo pola Cidade Velha leva a coñecer o pelourinho de estilo manuelino levantado en 1520, testemuño da violencia física coa que os escravos eran castigados. Tamén a igrexa do Convento de San Francisco da que quedan pouco máis que as paredes limpas.
Sen dúbida, o monumento mellor conservado e o máis antigo dos que se conservan é a igrexa da Nossa Senhora do Rosário, a patroa da confraría de homes negros da cidade que foron os que mandaron levantar este edificio hai xa cincocentos anos. Por aquí pasaron os navegantes Vasco da Gama en 1497 e Cristóbal Colón en 1498, este último na súa terceira viaxe cara ás Américas. A igrexa conta con lápidas labradas e ben conservados azulexos portugueses que recordan moitas outras igrexas de Portugal. Como curiosidade, a capela lateral é un dos raros exemplos de arquitectura gótica da África Subsahariana.
A visita debe rematar na Rua Banana, a máis antiga urbanizada pelos europeos nesta parte do continente africano, e na veciña Rua Carrera. O único aloxamento interesante na Cidade Velha ata o de agora é a Pousada de São Pedro, inaugurada no ano 2013 grazas aos cartos da Agencia Española de Cooperación Internacional. O aloxamento leva un tempo pechado e ninguén sabe explicarnos a razón.
Ao final da nosa visita comprobamos, tal e como demostran as placas conmemorativas, que unha gran parte dos monumentos da Cidade Velha foron restaurados con diñeiro español. Por aquí estiveron no seu momento a Raíña Sofía e algúns dirixentes do Goberno do PSOE inaugurando as obras froito dese investimento.
De regreso á Praia, a tranquilidade matinal ten mudado completamente por miles de familias e, sobre todo, cuadrillas de adolescentes que ateigan as rúas e prazas do Plateau. Seica é tradición saír pasear e troulear despois do xantar de Nadal, sempre coas mellores roupas do armario.
A visión de tanta xente nova fainos constatar o que pode ser un problema a curto prazo para Cabo Verde. É evidente que a riqueza das illas é tan limitada que non vai poder soportar o crecemento demográfico desmedido da súa poboación. Coido que gran parte desta xuventude está destinada á emigración cara a países máis ricos.
O día 26 de decembro regresamos de novo a Lisboa coa compañía TACV. Compartimos a sala de espera cos pasaxeiros dos voos para Sal, Maio, Fogo e São Vicente. De repente, os altofalantes anuncian que todos os voos domésticos quedan cancelados. A culpa é do harmatán, ese vento seco e poeirento que sopra do Deserto do Sáhara con moita area en suspensión e que reduce as opcións de visibilidade nos limitados aeroportos insulares. O noso voo é o único en saír. Tres horas e media despois aterramos no aeroporto de Lisboa. Tanto Bruno coma eu levamos Cabo Verde no noso corazón. Non dicimos adeus, coido que esta non vai ser unha última vez. Comezamos a falar xa dunha próxima viaxe ás illas menos visitadas do arquipélago: São Nicolau, Maio, Fogo e Brava. Cabo Verde, ata pronto!
A marabillosa Lisboa luce coma nunca, a que é xa de seu unha beleza está especialmente arranxada para as festas do Nadal. Vemos turistas e máis turistas. Lisboa poder morrer de éxito como lle esta a pasar a Barcelona.
Gozamos de dous días estupendos en Lisboa pero deixamos os comentarios e a proposta de visita para unha futura ocasión.
Me gusta la palabra PELOURINHO. Es una pena que se aplique a un instrumento de dolor.
Enhorabuena por otro estupendo reportaje que me hace descubrir nuevos lugares.
Y a mi me gusta que una valenciana como tú siga este blog a menudo. Sobre todo si tenemos en cuenta que haces un gran esfuerzo por entender gallego. Muchas gracias Rosi!