Para aqueles que non dominen a lingua deste confín da terra, o titular deste post pode facerlles lembrar aquel famoso poema do escritor Manuel Machado titulado “Castilla”, sobre a figura do Cid Campeador, que di literalmente “Por la terrible estepa castellana, al destierro, con doce de los suyos -polvo, sudor y hierro- el Cid cabalga”.
Pero nada máis lonxe da miña intención. Por aquí non son habituais as estepas e nin sequera os terreos poeirentos. Como moitos saberedes, polbo é a palabra axeitada en galego para definir o molusco cefalópodos que tanto nos gusta comer por este recuncho da Península Ibérica. E camiño…, o camiño con maiúscula en Galicia: o Camiño de Santiago (neste caso concreto, o Camiño Francés).
Sirva esta introdución para explicar que esta proposta consiste nunha escapada de dous días/unha noite que xira arredor do polbo e das famosas e tradicionais polbeiras da Galicia interior, e todo na contorna do Camiño Francés. Si, a Galicia interior é o lugar de referencia para comer un bo polbo. Aos non galegos, e incluso a moitos galegos, cústalles entender que sexan algunhas vilas a moitos quilómetros do mar aquelas mecas ás que peregrinar á procura deste saboroso produto do mar. O Carballiño na provincia de Ourense, Melide na da Coruña ou Monterroso na de Lugo son algunhas delas. Neste caso a proposta pasa, independentemente do sentido do itinerario, en xantar un día en Melide e outro en Monterroso.
En Melide son tres as polbeiras que gozan de sona: Ezequiel, A Garnacha e Taboada. Un local tras outro e por esta orde saíndo do centro da vila pola estrada de Palas de Rei.
Ezequiel foi o primeiro en abrir; os seus fundadores, o matrimonio formado por Mercedes e Ezequiel, comezaron polos anos 60 cocendo polbo na rúa (fronte ao Cantón de San Roque), para pouco a pouco se converteren nun clásico e unha referencia no Camiño. Os prezos son axustados (ración de polbo a 7 euros) pero o local precisa traballar un pouco máis os seus espazos e a súa decoración. O ambiente é totalmente informal e lévase o de compartir mesa con descoñecidos. Moita xente local, tamén de toda Galicia e clientela internacional de peregrinos.
http://www.pulperiaezequiel.com/
A Garnacha, que xurdiu como competencia a Ezequiel, leva xa dez anos aberto ao público. O seu local é tan grande como o anterior con 600 m² e catro comedores para ata 450 comensais. Nalgunha web aparece referenciado como “a polbeira máis grande do mundo”. As instalacións son máis agarimosas cás de Ezequiel malia unha decoración neorural bastante errada. Probamos o caldo caseiro e a orella de porco e ambas as propostas están exquisitas. Lamentablemente, o propietario esqueceu renovar o seu dominio na Internet e esta circunstancia foi aproveitada por unha empresa de roupa deportiva (!!!). Ao teléfono co restaurante, confirman a nova web www.pulperiaagarnacha.com para datas inmediatas. Mentres, hai que procurar información a través doutras páxinas.
Por outra banda, aínda non tiven a oportunidade de visitar o Restaurante Taboada (antiga Casa Alongos) e outros locais de referencia como o Restaurante Curros para poder dar información de primeira man.
Polo que respecta ao Restaurante A Esmorga en Monterroso, é o mellor decorado de todos eles e ofrece un servizo, polo menos no noso caso, de sobresaliente. Pedimos da carta un prato de polbo á grella, tamén polbo á feira e carne ao caldeiro. Sen queixa, todo suculento! O prezo é máis elevado có das polbeiras de Melide pero paga a pena. A Esmorga tamén carece polo momento dunha páxina web propia.
Ata aquí as referencias (todas boas) aos restaurantes; pero polo que respecta ás vilas que os acollen hai pouco que comentar. Alguén pode levar as mans á cabeza coas miñas opinións, pero coido que tanto Melide coma Monterroso son localidades feas, lugares que nunca deberon ser así. Os alcaldes e outras autoridades que permitiron tales desfeitas deberían render contas das súas responsabilidades. Non entenderon, e moitos aínda non o entenden, que Galicia é un ben de todos que debe perdurar para as xeracións futuras. Pero a culpa é tamén de construtores, arquitectos e incluso da propia poboación que preferiu mirar cara a outro lado mentres a súa vila ía perdendo personalidade e sabor rural.
Aínda así, Melide ofrece un patrimonio do que Monterroso ten ausencia absoluta. O feito de que por aquí pase o Camiño Francés enriqueceu a vila con monumentos interesantes, como son a igrexa de Santa María, unha xoia do Románico galego, a igrexa parroquial do Sancti Spiritus e o conxunto formado pola capela de San Roque e o Cruceiro de Melide, este último datado no século XIV e considerado por moitos coma o máis antigo de Galicia. O conxunto de capela e cruceiro fica moi preto das polbeiras polo que non hai desculpa algunha para non visitalos. Melide tamén conta cun museo para a divulgación da cultura e patrimonio das Terras de Melide, moi próximo á Casa do Concello.
Pola contra, Monterroso conta tan só co Museo Parroquial situado na antiga casa reitoral. Nas súas salas expóñense pezas de ourivaría, arqueoloxía e etnografía, entre outras. Mellor chamar antes de visitalo para confirmar o horario de apertura.
Se falamos de aloxamento, as opcións son amplas e variadas. A popularidade do Camiño nestes derradeiros anos ten feito medrar unha oferta desproporcionada para o que é de esperar nestes concellos rurais. Quizais a casa de turismo rural A Parada das Bestas, na aldea de Pidre (Concello de Palas de Rei), sexa unha das mellores ofertas para os que procuran contacto coa natureza e unha tranquilidade absoluta.
http://www.aparadadasbestas.com/
Nós optamos polo único establecemento de oferta termal en toda a bisbarra da Ulloa: o hotel Oca Balneario Río Pambre. Un aloxamento de tres estrelas formado por un edificio principal con certo encanto rural (11 cuartos) e dúas pallozas de dous andares cada unha (12 cuartos). A zona balnearia é pequena e a decoración xeral do aloxamento tampouco di moito, facéndose necesaria dunha maneira urxente a actualización e novo deseño dos seus interiores. O punto forte do hotel está na súa situación, nunha área de bosques na ribeira do río Pambre e, sobre todo, nas proximidade do Castelo de Pambre.
http://ocahotels.com/hoteles/espana/lugo/palas-de-reis/oca-rio-pambre/
O castelo é o principal atractivo da comarca e a mellor mostra conservada da arquitectura medieval de Galicia (segundo reza o panel colocado á entrada do edificio) por ser unha das poucas fortificacións que se mantivo intacta tras a Revolución Irmandiña. O edificio foi construído no século XIV por orde de Don Gonzalo Ozores de Ulloa e viviu algúns dos episodios importantes da nosa historia. No ano 1895 foi vendido a unha familia de Palas de Rei que non puido nin soubo manter o bo estado da súa propiedade. Na década dos 70 do século pasado volveu ser vendida e o novo dono permitiu tal decadencia que provocou numerosas protestas do pobo de Palas reclamando a posta en valor do seu monumento máis importante. No ano 2011 foi comprado pola Xunta de Galicia e recentemente rehabilitado para permitir que galegos e foráneos descubran unha parte importante da historia medieval deste territorio.
Unha vez se entra no recinto amurallado encontramos á esquerda o edificio do pequeno pazo reconvertido nun Centro de Interpretación que axuda a coñecer o pasado do castelo e o papel que xogou nesta zona de Galicia. Ao pé do castelo consérvase unha pequena igrexa románica baixo a advocación de San Pedro, cuxo chan está sendo escavado por mor duns enterramentos descubertos durante as obras de rehabilitación. Tamén un enorme hórreo de cinco pés que foi trasladado do seu emprazamento orixinal, tapando a entrada á capela, e recolocado á beira das murallas da fortaleza. O hórreo é unha construción moi posterior ao resto do edificio.
A mellor forma de achegarse ata o castelo é por calquera das dúas estradas que percorren lonxitudinalmente o río Pambre pola marxe contraria ao edificio do balneario, pasando a carón do aloxamento de turismo rural Casa Blanco. A máis próxima ao río está en peores condicións para o tránsito pero é tamén a máis fermosa. Para os que gustan de camiñar, hai un bonito paseo de sete quilómetros de ida e volta dende as portas do hotel balneario.
O horario de visita do castelo é de 11 a 14 e de 16 a 20 horas no verán, pasando na tempada de inverno a un horario continuado de 12 a 17:30 horas. Permanece pechado os luns de todo o ano. A entrada é gratuíta pero a encargada das visitas adianta que esta política vai mudar de aquí a pouco.
Despois de visita-lo castelo é aconsellable achegarse ata o espazo natural das Torrentes de Mácara. Na porta do castelo hai que coller de fronte para virar á dereita no primeiro cruzamento con sinal de Stop. Despois de percorrer dous quilómetros atoparemos o letreiro co nome das torrentes, deixa-lo coche nas proximidades da ponte sobre o Pambre e acompaña-lo o curso do río cara á esquerda por camiños non asfaltados. Hai que camiñar uns vinte minutos por unha corredoira moi irregular ata chegar á fervenza principal. Tanto á ida coma á volta podemos gozar dunha paisaxe marabillosa e extremadamente húmida na que destacan os rápidos do río e a profusa vexetación de ribeira.
Outro dos monumentos a visitar está moi próximo ao hotel balneario, na aldea da Ulloa, un pequeno pazo en proceso de rehabilitación que puido inspirar á escritora galega Emilia Pardo Bazán na súa famosa obra “Los Pazos de Ulloa”. Unha gran parte da construción desapareceu e o edificio principal tivo que ser reedificado en 1862 despois dun incendio que deixou tan só os muros exteriores. Neste momento as obras non permiten o acceso ao recinto. Os veciños, consultados sobre o aproveitamento desta rehabilitación, descoñecen o seu futuro. Para os interesados nos pazos de Galicia, o mesmo Concello de Palas de Rei ofrece unha ruta de seis casas grandes e pequenos edificios palacianos aínda que non todos eles están abertos ás visitas.
Para rematar, calquera viaxe por estas terras do interior debe incluír obrigatoriamente unha visita á igrexa de San Salvador de Vilar de Donas, declarada monumento histórico artístico dende o ano 1931. Aínda que nalgunhas publicacións aparece coma Mosteiro de Vilar de Donas, o que podemos ver hoxe é tan só a igrexa monacal, unha das máis fermosas do Románico galego, e o espazo ocupado anteriormente polo claustro do mosteiro. Si, foi mosteiro feminino e a tradición atribúe a súa fundación ás damas da familia Arias de Monterroso, as “donas” que xustificarían o seu nome. Esas mulleres aínda poden verse nas pinturas góticas da capela maior. Outras teorías din que os representados son realmente o Rei Juan II e a súa muller.
O edificio pasou máis tarde á Orde de Santiago que estableceu aquí o seu priorado. No interior atópanse algúns sartegos moi interesantes de cabaleiros da Orde como o de Fernas Ares Noguerol e o de Santiago Pérez de Ulloa.
A visita é un tanto complicada ao igual que acontece noutros monumentos da Galicia rural: hai que preguntar pola casa do sancristán (a escasos 200 metros) e solicitar que abra o monumento. O señor, moi agradable, é xa maior e dá unhas explicacións que resultan un pouco confusas. De calquera xeito, nas miñas numerosas viaxes ata Vilar de Donas tiven a oportunidade de experimentar diferentes xeitos de face-la visita, polo que auguro un cambio a curto prazo.
Galicia está chea de grandes e pequenos tesouros á espera de ser descubertos. Non deixedes de gozar co marabilloso patrimonio natural e monumental agochado no interior de Galicia.
Excelente descripción, te hace vivir la ruta
Grazas Enric.