Coñecendo Galicia – O meu recuncho nos Ancares

Vistas dende o salón do Hotel Piornedo

Pallozas en Piornedo

Os Ancares é o nome da serra que se estende por unha zona limítrofe entre as provincias de Lugo e León. En concreto e na súa parte galega, polos concellos de Cervantes, Navia de Suarna e Becerreá. Os Ancares son tamén un LIC, un Lugar de Importancia Comunitaria, con certo nivel de protección medioambiental (máis sobre o papel que na realidade) que se distribúe case ao 50% entre as dúas provincias mencionadas.

Variando unha chisca as súas demarcacións pero baixo a denominación común “Ancares” hai diversas figuras de protección como son a de Reserva da Biosfera, Zona ZEPA (Zona de Especial Protección para as Aves), Reserva Nacional de Caza, Zona de Protección do Oso Pardo, e destino Galicia Birding, que ofrece algunha das mellores rutas ornitolóxicas deste produto argallado dende o departamento de Turismo da Xunta. Tamén levan uns anos falando da posible declaración dos Ancares como Parque Natural, pero a Administración medioambiental galega non é precisamente áxil neste eido.

www.turismo.gal/que-facer/birding-in-galicia/onde-ver-aves-en-galicia/a-montana/os-ancares-e-montes-de-cervantes?langId=gl_ES

Vindo de Madrid pola Autovía do Noroeste (A-6), e unha vez entrados en Galicia, deixamos os Ancares galegos á nosa dereita e a Serra do Courel á nosa esquerda. A autovía é un límite artificial que separa dous macizos case irmáns pero que, ao mesmo tempo, gozan de características propias e numerosos atractivos. Se hai algunha atracción exclusiva dos Ancares con respecto ás outras montañas galegas son as súas pallozas, unhas construcións ancestrais de planta circular ou oval con muros de cachotaría e teitos cónicos de colmo (palla de centeo).

A orixe destas fotoxénicas vivendas é prerromana (máis de vinte séculos de historia!) e fan lembrar outras arquitecturas da Idade do Ferro en países do norte de Europa. Teñen tamén moita semellanza cos habitáculos que podemos ver nos castros e nas citanias galegas. Consérvanse algunhas pallozas nos Ancares lucenses e tamén nos Ancares leoneses e no Occidente asturiano, máis comunmente referidos nestas dúas últimas localizacións como teitos ou teitus.  As aldeas que mellor conservan este legado na parte galega son Piornedo (Concello de Cervantes) e O Cebreiro (Concello de Pedrafita do Cebreiro), gozando dun bo estado de mantemento, sufragado, en gran parte, pola Administración autonómica. Ambas as aldeas son destinos turísticos de seu aínda que O Cebreiro recibe moitos máis visitantes, e sobre todo peregrinos, por ser a porta do Camiño Francés en Galicia.

Pallozas en Piornedo

Pallozas no Cebreiro

A arquitectura das pallozas é moi sinxela pero imaxinativa, tal e como o demostra o feito de aproveitar o desnivel do terreo para evacuar as augas residuais, buscar unha mellor orientación para aproveitar as horas de sol e  construír tellados de gran pendente que eviten a sobrecarga de neve nos meses de inverno.

Os muros teñen poucas fendas e as construcións son bastante pechadas para así gardar mellor a temperatura no seu interior. Son construcións de alta montaña con meses de moito frío no inverno nas que non hai máis calefacción có lume do fogar. De feito, o espazo para a familia dentro da vivenda era compartido con outro, colocado a un nivel inferior, que servía como corte para os animais, un sistema rudimentario que permitía aproveitar o calor animal como calefacción para os humanos. As pallozas tampouco teñen cheminea e o fumo libérase a través da palla do teito.

As pallozas galegas xa non manteñen o seu uso orixinario como vivenda ou corte para o gando; a última en ser habitada foi a Palloza do Sesto en Piornedo na que os seus propietarios “resistiron” ata o ano 1970.  Hoxe, esta antiga morada é un bonito e instrutivo museo que permite coñece-la dura forma de vida dos habitantes da montaña lucense. Outra posibilidade de visitar o interior dunha palloza está na aldea do Cebreiro, aquí o coñecido coma Conxunto Etnográfico ofrece catro pallozas das que tres son visitables, entre elas unha preparada como palloza-museo.

www.pallozamuseocasadosesto.com/

museos.xunta.gal/gl/cebreiro

A Ruta das Pallozas pasa polas aldeas de Moreira, Xantes e, sobre todo, Vilarello, todas moi próximas a Piornedo. Pero lamentablemente unha gran parte destas edificacións perderon o seu teito de colmo que foi substituído (espero que temporalmente) por un teitume máis industrial.

Pero volvendo á miña fin de semana nos Ancares… coido que quizais sexa polo feito de sentirme nun lugar poboado dende tan antigo e, ao mesmo tempo, tan despoboado na actualidade que sinto a miúdo a tentación de escapar ata aquí. Sobre todo en inverno, e se é con nevada moito mellor. Nesas datas e nesas condicións a sensación de illamento aínda é maior.

Á hora de escoller o meu aloxamento nos Ancares non teño nin unha chisca de dúbida. Son fan absoluto do Hotel Piornedo, un pequeno hotel rural dunha estrela que dá aquilo que promete: cuartos pequenos pero moi correctos, unhas magníficas vistas do val dende o seu salón e un comedor moi agradable con aires rurais e sabor a montaña no que se serve unha deliciosa gastronomía local e caseira. E todo a prezos moi razoables. Son vinte e dous cuartos de custo variable segundo os servizos ofertados.

Hotel Piornedo

Impresionante panorámica dende o salón

Comedor do hotel

O edificio do hotel foi adaptado e modernizado polo arquitecto coruñés Pedro del Llano dentro do plan de rehabilitación integral da aldea de Piornedo que tivo lugar nos primeiros anos deste século baixo a administración Fraga. Por razóns posiblemente políticas, o contrato con Del Llano foi cancelado e a recuperación da aldea quedou inconclusa.

http://hotelpiornedo.com/gl/

A familia propietaria do hotel non quere entrar nas grandes centrais de reservas nin ser comercializada a través das operadoras da Internet. Para efectuar unha reserva neste aloxamento, os interesados deberán acceder á súa páxina web ou arranxalo a través dunha chamada telefónica.

Na mesma aldea hai outro aloxamento  de turismo rural, a Cantina Mustallar, que ofrece nove cuartos e un apartamento, todos  moi dignos. Unha parte do edificio é unha ampliación nova da sinxela construción anterior.

http://www.cantinamustallar.com/

E para os que teñan interese en durmir dentro dunha palloza: a Palloza Baltasar. Esta foi rehabilitada hai uns poucos anos para crear un apartamento con capacidade de ata seis persoas, baño e salón. A palloza está situada no Lugar de Castelo (parroquia de Donís) e a escasa distancia de Piornedo.

www.pallozabaltasar.com/index.html

Unha vez en Piornedo hai que pasear, si ou si, pola que é posiblemente a aldea prerromana mellor conservada de toda Europa. Non hai que esquecer achegarse ata a pequena capela nun extremo da aldea, nin deixar de contemplar pallozas, palleiros e o típico hórreo ancarés, outra construción senlleira que, con estrutura de madeira e elevado sobre catro postes de pedra, fai lembrar aos hórrios ou paneras asturianas. Tamén hai que visitar o interesante museo da Palloza do Sesto, unha auténtica reliquia etnográfica.

Hórreo e palloza

Conxunto de pallozas

Imaxes da aldea de Piornedo

Imaxes da palloza-museo do Sesto

Botelo ou androlla (embutido) típico desta zona de Galicia na Palloza do Sesto

Moi preto da capela sae unha senda que conduce ata o Pico Mustallar, un itinerario de ida e volta e dificultade alta que pasa a carón do límite entre as provincias de Lugo e León para cubrir nunhas cinco horas os case doce quilómetros do seu percorrido. O Pico Mustallar e os seus 1.935 metros son a elevación máis importante dos Ancares e da provincia de Lugo. Dende o alto hai unha panorámica excepcional dos vales e montes da Serra dos Ancares. Ademais e para os amantes da montaña, o Hotel Piornedo ofrece información sobre outras sendas así como o servizo de guía-acompañante no caso de ser necesario.

Durante a nosa fin de semana nos Ancares, a estadía limitouse a gozar da nevada en Piornedo e a dar algún paseo pola contorna. É precioso ver como a neve xoga coa orografía e coa vexetación para dar forma a paisaxes oníricas. Por suposto, tamén gozamos da saborosa gastronomía do hotel.

Pero aqueles que vaian visitar por primeira vez este macizo non deben esquecer outros importantes elementos do patrimonio galego coma son o poboado castrexo de Santa María de Cervantes, a fortaleza medieval privada de Doiras, tamén chamada Castelo da Ferrería, e a Torre de Doncos, única parte conservada da Fortaleza de Santo Agostiño. Por suposto, as visitas a estes monumentos deben ser combinadas co importantísimo patrimonio natural dunha das serras máis interesantes de Galicia.

Dende Piornedo achegámonos á aldea de Suárbol, xa no concello de Candín pertencente á bisbarra leonesa do Bierzo. Realmente, este lugar está a tan só cinco minutos en coche ou a vinte minutos a pé dende Piornedo, pero para chegar ata alí  debemos entrar na Comunidade Autónoma de Castela-León. Tampouco podemos continuar máis aló, xa que, como noutra ocasión anterior, a forte nevada e a escasísima poboación da aldea condiciona que a Deputación de León “esqueza” limpar a estrada que lle dá servizo vindo da parte castelá. Son os limpa neves galegos os encargados de manter a comunicación entre Suárbol e Piornedo.

Aldea de Suárbol no fondo do val arrodeada polo cumios dos Ancares

Vista de Suárbol dende o camiño que vén de Piornedo

Igrexa e aldea de Suárbol

Malia a súa proximidade, en Suárbol non queda ningunha mostra das famosas pallozas da aldea veciña. Pero non sempre foi así, a Gran Palloza, a de maior tamaño do Bierzo, ardeu completamente en 1957 deixando un solar baleiro. O conxunto urbano, no fondo dun val e arrodeado de pradarías, é moi agradable, con casas de pedra, algún hórreo de tipoloxía ancaresa e a súa igrexa barroca do século XVII.

Dende Suárbol regresamos pola única estrada operativa a Piornedo para continuar ata á Proba de Navia, a capital do Concello de Navia de Suarna. A Proba é unha pequena vila bastante ben arranxada na que destaca o conxunto formado pola ponte medieval de orixe romana e o castelo veciño situado no alto dun penedo. O castelo foi destruído durante as revoltas irmandiñas e levantado de novo no século XV. Lamentablemente, a súa propiedade é privada e o estado de conservación deixa moito que desexar.

Castelo na Proba de Navia

Ponte medieval a carón do castelo

Xa na viaxe de volta cara á Santiago achegámonos ata a aldea do Cebreiro, outro gran referente para coñecer as pallozas galegas. Esta pequena poboación a 1.330 m de altitude é o primeiro lugar poboado que atopan os peregrinos do Camiño Francés a Santiago unha vez entran en territorio galego. A súa altitude e a súa orografía, sobre os vales circundantes e moi exposta ás correntes de aire, fan que a climatoloxía do Cebreiro sexa unha das máis frías de Galicia. De feito ese día, a comezos de xaneiro, a estrada que sobe dende Pedrafita do Cebreiro está completamente xeada.

Unha vez no Cebreiro é imposible aparcar e temos que deixa-lo coche na estrada principal. A aldea aparece ateigada de peregrinos e familias que viñeron pasar o domingo para que os nenos gocen coa neve. A paisaxe e a cantidade de neve acumulada fainos lembrar contornas propias dos países escandinavos. O bo estado de mantemento das construcións atraen a tantos visitantes que a pesar da ampla oferta en restauración non atopamos lugar onde xantar. Hoxe ademais sofre as visitas extraordinarias provocadas pola neve. O Cebreiro é outro deses lugares que poden morrer de éxito.

Tremenda nevada no Cebreiro

Imaxes da aldea do Cebreiro

Visitamos a sinxela basílica prerromana de Santa María A Real levantada no século IX e na que está exposto o cáliz que a tradición relaciona con aquel que Xesucristo utilizou na Última Cea. Falamos do Santo Graal cuxa importancia o fai aparecer no escudo e na bandeira de Galicia. É doado de recoñecer xa que o famoso cáliz, sexa o Santo Graal ou non, está en exposición permanente dentro dunha urna de cristal na capela situada á dereita do presbiterio.

Cáliz do Cebreiro (imaxe de Internet)

O cáliz do Cebreiro está relacionado cun milagre que reproduzo da páxina web de Galicia Espallada:

Por alí pasa o Camiño Francés das peregrinacións a Santiago; e como aquel lugar era moi difícil de subir polo abrupto e máis fatigoso polo frío das neves que o cobre unha boa parte do ano, dise que San Xiraldo, conde de Aurillac, fixo construír alí un hospital e unha igrexa para que puidesen repousar e confortarse, corporal e espiritualmente, os peregrinos que o precisasen.

A dúbida corroía frecuentemente o corazón do crego; a dúbida amargaba as horas solitarias das súas noites de insomnio.

— Oh, Deus! —murmuraba o crego aflixido—. A fe debilítase en min. Meu ser enfraquece e o meu cerebro estoupa, pero non vexo claro este misterio. Unhas leves cruces trazadas no ar pola miña man e unhas poucas palabras murmuradas pola miña boca, non sempre limpa e pura, como poden facer tal milagre?

Había un veciño da parroquia que vivía a unha media legua de Pedrafita e era tan devoto da santa misa, que por ningunha cousa, nin aínda polas tormentas ou nevadas máis fortes, deixaba de chegarse alí para oír a misa.

Un domingo estaba o cura celebrando o santo sacrificio. Ninguén máis estaba na igrexa, porque a tormenta daquel día era tal, que causaba pavor. Tiña xa consagrada a hostia e o cáliz, cando oíu o barullo de alguén que entrou apresuradamente na igrexa.

O crego mirouno con sorpresa e murmurou:

—¡Pobre home, vir con este tempo de tan lonxe, arriscándose a morrer no camiño, só para prostrarse ante un pouco de pan e viño!

Pero entón sentiu un estremecemento estraño. Mirou a patena e viu, horrorizado, como o branco pan se tornaba vermello, converténdose en sanguenta carne que parecía recén cortada dun corpo vivo; e o viño do cáliz se espesaba, adquirindo un ton máis rubio, e ulía a sangue.

O mísero cura caeu de xeonllos ao pé do altar e logo esborrallouse nas gradas, esvaído.

O home que chegara naquel intre correu cara ó altar e tratou de incorporar ó crego. Estaba morto.

As reliquias deste milagre consérvanse en dúas urnas de vidro e prata na igrexa do Cebreiro.

 

Pía en granito (S IX) para bautismos por inmersión

Na capela da esquerda está a sepultura do que foi párroco do Cebreiro entre 1959 e 1989. Corenta anos durante os que Elías Valiña, así era o nome do párroco, se dedicou a promover un Camiño de Santiago un tanto esquecido por aquelas datas. No santuario do Cebreiro tamén podemos ollar e tocar unha chea de biblias escritas nunha gran variedade de linguas do mundo.

Santuario do Cebreiro

Moitos españois e tamén moitos galegos descoñecen que no Cebreiro e en Piornedo podemos descubrir formas de vida que, aínda que recentes, están relacionadas cos nosos devanceiros anteriores á chegada dos romanos a Galicia.

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.