Tres en Dinamarca

Principia unha viaxe mixta por Dinamarca na que vou mesturar xornadas de traballo con días de lecer, un pequeno percorrido que me vai levar dende o corazón da Península de Iutlandia (Jylland en danés) ata Copenhague, pasando pola cidade de Odense na illa de Fionia (Fyn).

Unha semana fóra da casa en cuxa organización mandan as necesidades do meu traballo, de tal xeito que o tempo dedicado a cada unha das tres cidades vai ser inverso aos atractivos e interese de cada unha delas.

Peirao de Nyhavn en Copenhague

Escolla do representante de Dinamarca para o Festival de Eurovisión

HERNING

Saio de Santiago de Compostela pola mañá cedo para chegar ao meu destino, a cidade de Herning, doce hora despois. A viaxe supón facer cambios de avión nos aeroportos de Madrid e Copenhague mais o traslado por terra entre o aeroporto de Midtjyllland (anteriormente Karup) e a cidade de Herning. Media hora antes da saída do meu voo en Copenhague comeza unha intensa nevada que obriga a pechar unha das pistas do aeroporto. Embarcamos á hora prevista pero, unha vez no avión, demoran a saída dúas horas. Tempo de perda incomprensible para un aeroporto no que acostuma a nevar e tendo en conta que a nevada xa estaba prevista na meteoroloxía dese día.

Nevada de benvida no pequeno aeroporto de Midtjyllland

Posiblemente ningún dos lectores deste blog escoitou falar anteriormente de Herning. É normal. É unha pequena cidade no centro da Península de Iutlandia que non ten protagonizado grandes episodios históricos e que tampouco goza de atractivos que a fagan interesante para os potenciais visitantes.

Para chegar ata aquí hai que coller unha das poucas conexións diarias que ofrece a compañía DAT (Danish Air Transport) para unir Copenhague co  aeroporto de Midtjylland (único enlace que ofrece este aeroporto) ou utilizar algún dos numerosos voos dende múltiples orixes que chegan ao aeroporto de Billund, unha hora ao sur de Herning. Sexa un aeroporto ou outro sempre haberá que facer o último tramo por estrada ou ferrocarril. Outra opción é coller o tren que une Copenhague e Herning nun tempo de viaxe que supera as tres horas.

Malia os seus 50.000 habitantes, en Herning respírase unha atmosfera máis de vila que de cidade. É posiblemente un dos lugares menos interesantes que levo visitado ao longo e ancho deste mundo. Aquí non hai nin monumentos nin museos ou edificios destacables. Nada que ver nin que facer. Nin sequera a noite resulta de interese. Entendo, pois, que moitos se pregunten a razón pola que falo de Herning se non hai ningún motivo para ir ata aló. Pois por iso mesmo, porque eu si estiven e constatei o seu pouco atractivo para que ninguén perda o tempo en achegarse ata aquí, agás os seguidores de Eurovisión (ler máis adiante).

A cidade limítase a unha soa rúa con actividade na que se agrupan os servizos tradicionais dunha poboación que funciona como centro da súa bisbarra: bancos, tendas, restaurantes e ata tres hoteis. Cando camiño por Herning teño a impresión de estar nun decorado orientado cara á rúa principal e con traseiras pouco interesantes en canto saio dela. Non dubido do alto nivel económico e da boa calidade de vida dos seus habitantes pero sinto Herning coma un gran buraco do que, coido, a maioría dos seus habitantes quererán fuxir.

Praza e igrexa p rincipal en Herning

Rúas en Herning “ateigadas” de paseantes

Visión nocturna da rúa principal de Herning

A principal razón para que os estranxeiros e moitos dinamarqueses se acheguen ata aquí é o macrocomplexo feiral nas aforas da cidade. É nese recinto onde ten lugar o evento turístico máis importante de toda Escandinavia, a Ferie for Alle, especializada en temas de campismo e en autocaravanas.

A miña estadía promete ser tremendamente aburrida. Esta é a segunda volta que visito a cidade e as actividades da primeira vez limitáronse a cear nalgún restaurante despois da xornada de traballo, seguido dunha viaxe directa á miña cama non máis tarde das nove da noite. Afortunadamente no ano 2010, neste medio tempo entre visita e visita, levantaron un impresionante edificio chamado Jyske Bank BOXEN, un multiuso situado a carón das naves feirais no que teñen actuado artistas de renome internacional como son Madonna, Lady Gaga ou Rammstein.

Curioso costume danés polo que os homes solteiros reciben este agasallo ao cumprir os trinta anos. A sorpresa é levantada en segredo durante a noite para recordarlle que hai que ir casando

Na miña terceira norte na cidade ten lugar a 47 edición do evento coñecido como Melodi Grand Prix ou MGP, unha competición musical organizada pola radio pública dinamarquesa para escoller o representante de Dinamarca no Festival de Eurovisión. Un eurovisivo coma eu non podía desaproveitar tal ocasión (a miña salvación en Herning!) polo que xa decidira mercar a miña entrada pola Internet varios meses antes. Cando entro no Boxen, acompañado doutras seis mil persoas, comprobo sorprendido  o meu lugar na terceira ringleira de cadeiras, mesmo debaixo do escenario no que teñen lugar as actuacións e pegadiño ao espazo gardado para o xurado. Evidentemente, non perdo detalle do que está a pasar.

Anja Nissen

O escenario é bastante impresionante e fai lembrar a moitos outros das derradeiras edicións do Festival. Vese xente con ganas de pasa-lo ben e, malia ser unha competición entre daneses, non faltan as típicas bandeiriñas vermellas con raias brancas representativas deste país. Moitas persoas entre o público veñen adecuadamente tuneadas para un evento destas características. Durante o primeiro cuarto de hora recibimos instrucións de como se debe desenvolver o festival: cando aplaudir, cando alumar os teléfonos móbiles e cando poñerse en pé, para que todo quede perfecto no programa de televisión que nos segue en directo. Todo transcorre nunha hora e un cuarto grazas a unha coordinación perfecta. Entre unha actuación musical e a seguinte as grandes pantallas emiten divertidos sketches de presentación dos participantes. Supóñoos divertidos pola hilarante reposta da audiencia, xa que a única lingua utilizada é a danesa.

Nesta ocasión son dez os participantes entre os que sairá vitoriosa a cantante Anja Nissen  cunha porcentaxe de votacións superior ao 60 %. Anja e a súa canción “Where I am” son as miñas preferidas dende o principio. Anja rivaliza coa cantante Ida Una, a máis ovacionada polo público presente na sala; pero, tras as tres escoitas que fago durante a gala, a primeira resúltame moito máis melódica. No momento de escribir este post xa tivo lugar a final de Eurovisión en Kiev (Ucraína) e, Anja ocupou finalmente o posto número 19.

Edificio Boxen

Anja Nissen, a gañadora do Melodi Grand Prix

Quedo impresionado coa boa organización do evento, hai un dominio absoluto de como dar forma a un grande espectáculo e teño a sensación de estar a ver o propio Festival de Eurovisión.  Pero fico máis abraiado coa transparencia á hora de que Dinamarca escolla o seu representante. Non hai que esquecer que estamos no ano no que Manuel Navarro, o representante español que tivo o “privilexio” de quedar nun merecido último posto da clasificación europea, foi elixido despois dun proceso de selección co estigma de tongo e pouca claridade nas votacións.

Non hai máis que comparar o nivel de organización da gala de Dinamarca e a de España para entender o porqué de que a algúns países lles vai tan ben mentres que outros, coma o noso, non acaben de arrancar. Realmente, a gala española perde na comparativa coa de calquera outro país participante. Eurovisión non deixa de ser algo banal, pero cando un país pode facer do banal unha mostra do seu rigor e profesionalidade, podo imaxinar perfectamente o que chega a facer das cousas transcendentes.

Espero que ser un fan entusiasta de Eurovisión no vaia en detrimento de gañar seguidores para este blog pero cada un ten que recoñecerse no que é. E eu gozo co proceso de selección de representantes nos meses previos ao Festival e, sobre todo, coa gala da noite do evento, a ser posible en boa compañía e regada cun saboroso viño.

ODENSE

Parte nova de Odense

Despois de catro noites en Herning saio para Odense, a terceira cidade por poboación de Dinamarca cuns 185.000 habitantes. A realidade de Odense é completamente diferente á de Herning, aquí si hai numerosos atractivos a visitar ademais de ser a cidade natal dunha das figuras máis importantes da historia de Dinamarca: o fabulador Hans Christian Andersen. Foi en Odense onde naceu en abril de 1805 o creador de historias tan universais como “O parrulo feo”, “O traxe novo do emperador”, “O soldadiño de chumbo”, “A vendedora de mistos”, “A princesa e o chícharo” e “A sereíña”, entre outras.

Odense está no centro da illa de Fyn pero o paso en tren do estreito que a separa da Península de Iutlandia faise tan rápido que non é apenas perceptible. Chego á cidade e teño algo menos de 24 horas para descubrila.  Coido que hai tempo de vela tendo en conta que é luns e os museos permanecen pechados. Incluso de gozar de certo relaxo antes de que caia a noite. A Odense non a podemos adxectivar como sorprendente pero si de agradable, ideal para pasar un día ou dous no caso de querer coñecer a súa oferta de museos. Como no resto de cidades do país, as súas rúas preséntanse escasas de vida nestas datas de finais do mes de febreiro.

Quizais a zona máis interesantes sexa o barrio de casas baixas que se atopa detrás da Avenida Hans Mules Gades, o que en tempos foi o barrio pobre de Odense e que aínda conserva todo o encanto do seu pasado. O barrio parece querer ser absorbido nalgunhas zonas polos edificios a grande escala que o arrodean como o novo auditorio Odeon. É aquí onde varios pequenos edificios recuperados dan forma ao museo dedicado á figura de Andersen. Este luns o lugar escasea de actividade e o museo ten pechadas as súas portas.

Zona antiga de Odense

Casa natal de Hans Christian Andersen

Entrada á casa natal e ao museo de Andersen polo Parque Lotzes Have

Cómpre dar unha volta de vagar para apreciar os numerosos edificios de interese e dende alí achegarse ao edificio en madeira do Restaurante Den Gamle Kro, no número 23 da rúa Overgade. Toda unha institución gastronómica que, segundo reza o letreiro na súa entrada, leva aberto dende o ano 1683. O restaurante ten sona de bo servizo e coidada elaboración pero preparádevos a deixar uns trinta e cinco euros tan só polo prato principal. De calquera xeito, comer ben en Dinamarca nunca é barato.

Restaurante Den Gamle Kro

Outra reliquia do pasado é o edificio Kramboden, no número 24 da rúa Nedergade. O edificio xa aparecía mencionado en documentos do século XVI e hoxe acolle uns antigos almacéns sobrecargados de obxectos á venda que fan lembrar ás ferraxerías do rural galego. É coma unha tenda-museo cunha oferta de produtos pouco interesantes para a xente que imos de paso pero que compensa dabondo coa súa encantadora atmosfera.

Exterior e interior dos Almacéns Kramboden

O paseo por Ostende leva ademais ata a catedral protestante de San Canuto, unha das mellores mostras da arquitectura gótica en Dinamarca, e os seus agradables xardíns asomados ao río Odense. Moi próxima está a rúa Vestergade e as calellas transversais que funcionan como centro comercial da cidade. Tamén hai que visitar a antiga zona industrial paralela á rúa Kongensgade que reconverteu as súas naves en atractivos museos e restaurantes.

Preto do río en Odense

Casa do Concello á esquerda e Catedral de San Canuto ao fondo

Catedral de San Canuto dende os seus xardíns

 Para finalizar o percorrido pódese visitar, non lonxe da catedral, a pequena casa onde medrou e viviu  Andersen entre os dous e os catorce anos. Aberta como museo presenta as súas modestas dependencias para coñecer como era o día a día da familia de HCA. Tamén ten un xardín co seu nome e, sobre todo, numerosísimas esculturas espalladas por toda a cidade que fan referencia a este heroe local e as súas narracións máis coñecidas. Hai que percorrer as rúas principais e os xardíns preto do río para poder velas todas.

Casa-museo na que Andersen pasou parte da súa infancia

Andersen presente por toda a cidade

Esculturas de H.C.A.

O soldadiño de chumbo

A agulla de zurcir

O sapo

O traxe novo do emperador

Odense é un destino que vai entrando aos poucos naqueles que o visitan. A primeira impresión é modesta pero o visitante vai descubrindo unha cidade chea de recunchos agradables a medida que se vai perdendo pola súa estrutura urbana.

No caso de visitar Odense a partir do día un de abril tamén está aberta ao público a Aldea Funen (Den Fynske Landsby), unha especie de eco-museo con edificacións rurais que tratan de recrea-lo ambiente típico da illa de Fionia en tempos de Andersen.

COPENHAGUE

Camiño de Copenhague entre as illas de Fionia e Sjaelland

O tren rápido tarda unha hora e cuarto en percorrer os 150 quilómetros que separan Odense de Copenhague. Nesta ocasión o paso entre a illa de Fionia e a de Sjaelland (Zealand) é máis evidente. O canal que as separa ten ancho suficiente.

Durante a viaxe boto en falla non pasar algo máis de tempo en Odense, pero, ao mesmo tempo, estou desexando chegar a un lugar con certo movemento e ambiente de rúa. Son xa demasiados os días de tranquilidade.

Esta é a miña terceira visita á capital dinamarquesa e teño preguiza suficiente para evitar as clásicas visitas turísticas xa realizadas nas anteriores ocasións. Limítome a pasear polas rúas comerciais e a mercar numerosos obxectos de enxoval e decoración. Os prezos non convidan especialmente a facelo pero a abundancia de tendas especializadas é tal e a liña de deseño escandinava tan do meu gusto, que compro con alegría como se tivese cartos dabondo. Síntome a gusto no meu reencontro co mundanal ruído e hai que aproveitar os bos momentos.

O observatorio astronómico da Torre Redonda (Rundetarn) no centro da cidade

Copenhague ten ausencia de grandes contornas monumentais pero a cidade é de seu un gran monumento. Durante a miña visita non presenta o seu mellor aspecto por mor das obras do suburbano que deixa moitas rúas e prazas completamente levantadas.

Son pouco máis de 24 horas as que paso na cidade e a única visita turística é á escultura da Sereíña, a icona máis emblemática da capital. De novo un persoeiro de Andersen. A imaxe queda lonxe do centro, cun fondo de instalacións industriais e nun lugar non precisamente bonito. Outras estatuas ao seu carón permanecen solitarias mentres que os turistas se apiñan e arriscan a caer á auga por facer unha boa foto desta muller do mar. Son cousas do turismo que as veces costa entender.

Camiño da estatua da Sereíña

Outras estatuas á carón da Sereíña a quen ninguén fai caso

Imaxes da Sereíña (Den lille havfrue), obra de Edvar Eriksen doada á cidade en 1913

Edificios na Cidadela (Kastellet)

Xardíns da cidadela preto da Sereíña

Ópera de Copenhague (Koncerthuset)

No paseo non esquezo a rúa Stroget que leva dende a Praza do Concello ata a Praza Kongens Nytorv. Seica din que é a rúa peonil máis longa do mundo e serve para conducirme ata o peirao de Nyhavn, unha das fotos típicas da cidade coas casas de fortes cores arredor do antigo Porto Novo da cidade. Nyhavn é ideal para pasear e ver o ambiente cosmopolita das súas terrazas. Hoxe chove abondo e o lugar aparece bastante solitario.

Casa do Concello

Rúas comerciais en Copenhague

Entrada ao Teatro Real Danés

Peirao de Nyhavn

Palacio de Amalienborg

Dende Nyhavn e camiño da Sereíña paso pola praza do Palacio de Amalienborg, medio quilómetro máis aló, onde se ergue a residencia de inverno da familia real dinamarquesa. Chego no intre xusto de ve-lo cambio da garda real.

O meu paseo non pode rematar sen pasar de novo polo complexo de ocio de Tivoli e polos edificios da Bolsa e do Palacio de Christiansborg, a sede do Parlamento inmortalizada na serie danesa de televisión “Borgen”.

Entrada ao parque de lecer Tivoli

Edificios na canle arredor do Palacio de Christiansborg

Palacio de Christiansborg e edifico da Bolsa ao fondo

 

 

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.