De xoldra por España – Cantabria Occidental

Como xa manifestei en repetidas ocasións, son un namorado das escapadas de inverno. Nesa época do ano é cando os lugares mostran a súa esencia nun estado máis puro. O que se perde polo peche de servizos por fóra de tempada ou por falta de animación, gáñase en tranquilidade, en mellores prezos e na sensación de estar a ver as cousas coma realmente son. É por esa razón que todos os anos tentamos facer dúas escapadas invernais, unha por España e outra por Europa, ademais de múltiples, pero curtas, escapadas por Galicia.

Vistas de Picos de Europa dende o mosteiro de Santo Toribio de Liébana

Este ano é Bruno quen decide que o noso destino sexa Cantabria. Eu xa tiven varias oportunidades de visitar esta rexión e nesta ocasión nin sequera a barallaba como unha posibilidade. Tiña outros destinos en mente como as bisbarras do sur da provincia de Salamanca ou a Serra de Grazalema, entre Cádiz e Málaga, ou a propia cidade de Málaga que está a beneficiarse de importantes investimentos para mellorar a súa oferta. Pero Bruno nunca estivo en Cantabria e, pola miña parte, …a quén non lle peta volver a unha Comunidade que promete unha boa oferta de natureza ademais de vilas e aldeas entre as mellor conservadas de España?

Temos por diante catro días e medio con saída o mércores despois de traballar e regreso o domingo de noitiña. Partimos ás tres da tarde polo autovía do Cantábrico, que xa presenta mal estado de pavimento nalgún dos seus tramos, e catro horas e media despois entramos en San Vicente de la Barquera, previa paraxe para tomar un café nunha área da autovía. Temos tempo de deixar as nosas maletas no aloxamento e de dar unha volta antes de cear polo barrio antigo de San Vicente. A vila distribúe o seu conxunto urbano en tres áreas, entre a baía e as marismas de Pombo e as de Rubín, comunicadas por dúas pontes. Malia que San Vicente proporciona un belo encadre entre o mar e os Picos de Europa, a realidade é que as montañas quedan bastante retiradas e son unicamente perceptibles cando se mira a vila dende lonxe. A imaxe habitual, na que parece estar aos pés das montañas, non é real aínda que esta sexa a que logo se encargan de promocionar os folletos turísticos.

A parte nova de San Vicente respira harmonía pero non ofrece nada de interese. O mellor é dirixirse á parte antiga e deixa-lo coche nas inmediacións da Plaza Mayor, onde se atopan a maioría de restaurantes. A parte histórica limítase a un pequeno eixo formado pola Calle Padre Antonio e a súa prolongación na Calle Alta. Para visitala hai que achegarse á ponte de la Barquera e dende alí comezar un paseo de ida e volta, ou entrar pola Plaza Mayor e acceder á parte central deste eixo.

Igrexa de Nuestra Señora de los Ángeles en San Vicente de la Barquera

Paseo por San Vicente a carón do castelo

Cando damos o noso paseo é xa de noite pero os edificios históricos benefícianse dunha agradable iluminación. En apenas media hora podemos ver, que non visitar, os tres edificios de maior interese: a igrexa de Nuestra Señora de los Ángeles, a Casa do Concello e o castelo (reconvertido en museo). Pero San Vicente de la Barquera foi un paso fortificado importante no Camiño de Santiago do Norte e, ao mesmo tempo, o punto de arranque da Ruta Lebaniega que remata en Santo Toribio de Liébana. Forma parte de dúas importantísimas rutas de peregrinación do noso país e o seu pasado histórico determina que haxa outros edificios menores tamén de interese.

COVA EL SOPLAO e LIÉBANA

A primeira cita do noso segundo día é coa cova de El Soplao. A Cornixa Cantábrica é de sobra coñecida pola abundancia de covas paleolíticas das que se descubriron unhas 6.500 en territorio de Cantabria. Ademais da famosa Altamira, esta Comunidade ofrece outras nove covas declaradas Patrimonio da Humanidade pola Unesco. En xeral, o acceso a estas  reliquias do pasado está limitado por diversas restricións e, de feito, a maior parte dos que visitan Altamira tan só poden coñecer a reprodución chamada neocova.

Pois ben, El Soplao é unha cova que non goza da declaración de Patrimonio da Humanidade por non dispoñer de pinturas rupestres pero, ao mesmo tempo, sóbranlle atributos para ser a máis visitada. Está situada a uns vinte minutos en coche de San Vicente de la Barquera en dirección sur e admite grupos dun máximo de 47 participantes cada media hora. Hai que tomar un pequeno tren dende a billeteira ata a propia entrada da cova, algo máis ben anecdótico polo curto do traxecto pero que fai referencia ao pasado mineiro do lugar.

O feito de que a explotación turística da cova sexa unha concesión a unha empresa privada é o que, posiblemente, determina que o prezo da entrada custe 12 €. Os que queiran vivir unha experiencia  máis extrema poden reservar a entrada Turismo-Aventura pero terán que pagar 32 € por explorar a cova fóra das sendas marcadas. A cambio pasarán case tres horas no seu interior e a organización facilitaralle o equipo adecuado. Cantabria é unha xoia como destino pero, como teremos oportunidade de comprobar ao longo da viaxe, as entradas son, en xeral,  bastante caras. Para pór algún exemplo: os 17 € do teleférico de Fuente Dé, os 5 € da entrada ao Capricho de Gaudí en Comillas ou os 30 €!! do billete para o Parque da Natureza de Cabárceno. É un dato a ter en conta sobre todo cando se viaxa en familia.

El Soplao foi descuberto a comezos do século XX por mor da explotación das minas de La Florida e o seu gran valor, o que a diferenza doutras covas similares, é a abundancia de espeleotemas coñecidos como “excéntricas”. É dicir, o que normalmente mal chamamos estalactitas e nas que os depósitos calcarios saen en múltiples direccións. Mellor ver a fotografía que acompaño para entender estas composicións con forma de adorno de Nadal.

http://www.elsoplao.es/

Excéntrica (cortesía web El Soplao)

Tren mineiro en El Soplao

Entrada na cova

Entrando na cova pola porta de atrás para repeti-la visita

É aconsellable facer a reserva con antelación, sobre todo en tempada alta, xa que o número de participantes en cada grupo vén limitado pola capacidade do tren. Nós temos prevista a entrada ás dez da mañá, única posibilidade antes da unha do mediodía que nos ofreceron á hora de reservar. Cando chegamos advírtenos de que seremos os únicos clientes reais e de que as outras seis persoas do grupo forman parte do persoal da empresa. O motivo é que durante a nosa visita vaise facer un simulacro de accidentes, o que corresponde para ese ano. Somos invitados a participar ou esperar á visita das dez trinta. Por suposto que pensamos que imprevistos así poden ser divertidos e apuntámonos sen ningunha dúbida. A nosa guía Merche é encantadora e vai facendo da visita unha experiencia moi agradable, pero á metade do percorrido quedamos sen luz e Merche non sabe moi ben que facer. Ao final remataremos a visita á luz da lanterna e, aínda así, o que vemos resulta fascinante. Ao saír quedamos un pouco decepcionados por non ve-la cova ao cento por cento de posibilidades e Merche ofrécese a negociar coa dirección para que poidamos facer os tres de novo a visita, en boas condicións e en exclusiva. E así foi, unha dobre visita a El Soplao para Bruno e para min acompañados das historias de Merche. Se a cova xa é engaiolante dabondo deste xeito converteuse nunha experiencia moi especial. Grazas Merche e que bo que aínda quede xente coma ti na profesión turística!!

Dende El Soplao saímos polas aldeas de Cades e Sobrelapeña en dirección ao Desfiladero de La Hermida. Á altura da aldea de Piñeres seguimos os sinais que indican perfectamente a subida ao miradoiro de Santa Catalina, a carón dos restos do baseamento do pequeno Castillo de la Bolera de los Moros. A vista dende este privilexiado outeiro é impresionante, coido que unha das mellores de Cantabria e de España. Cara á dereita pode verse  unha parte do desfiladeiro coa aldea de La Hermida ao fondo e incluso, pendurada no alto da montaña, a poboación de Tresviso, a aldea menos accesible de Cantabria con unicamente unha dura senda a pé que sobe dende La Hermida ou unha estrada percorrible en coche dende os Picos de Europa asturianos.  Cara á esquerda vemos o resto do angosto desfiladeiro que se vai abrindo en dirección a Potes, a capital do Valle de Liébana. O Desfiladero de La Hermida é unha marabilla natural formada polo río Deva ao longo de 20 km e cun desnivel de ata 1.200 m entre as cotas máis altas e o fondo do val.

Vistas dende o miradoiro coa aldea de La Hermida no fondo do val e a de Tresviso no alto da montaña á esquerda

Vista dende o miradoiro co Desfiladero de La Hermida abrindo cara ao Valle de Liébana e os Picos de Europa ao fondo

Bruno no miradoiro de Santa Catalina

Seguimos o noso camiño pasando por La Hermida e imos dun tirón ata o mosteiro de Santo Toribio de Liébana, un dos tres lugares de peregrinación en España conxuntamente con Caravaca de la Cruz (Murcia) e Santiago de Compostela. Santo Toribio é o lugar máis sagrado de Cantabria por albergar o lignum crucis, o anaco máis grande conservado da verdadeira cruz de Cristo. Aquí tamén remata o Camino Lebaniego, unha ruta de peregrinación que vén dende San Vicente de la Barquera e que xurdiu co obxecto de venerar os restos de Santo Toribio, bispo de Astorga, e as reliquias da cruz traídas desde Xerusalén polo propio santo. Dende o punto de vista arquitectónico e malia a súa orixe prerrománica, o edificio non transmite gran cousa. De feito, aínda que chegamos despois da hora de peche e non podemos visitar o seu interior nin pensamos en volver.

Santo Toribio de Liébana

Pola mesma estrada que sobe a Santo Toribio, e unha chisca máis adiante, atópase a ermida de San Miguel onde é posible facer unha bonita foto da minúscula construción coa imaxe dos cumios nevados de fondo. Dende a igrexa de Santo Toribio tamén  parte unha senda a facer a pé, a Ruta de las Ermitas, que supón un agradable paseo para coñecer ata cinco pequenos templos moi sinxelos que servían para o retiro e oración dos monxes. Nós achegámonos ata o primeiro da ruta, o santuario de Santa Catalina, un futuro Centro de Interpretación que conserva a torre e a espadana orixinais unidas por unha cuberta metálica.

https://es.wikiloc.com/wikiloc/view.do?id=12615904

Ermida de San Miguel

Santuario de Santa Catalina

Vistas dende o santurario de Santa Catalina

De camiño a Fuente Dé, e uns quilómetros despois do desvío de Santo Toribio, xantamos, e facémolo estupendamente, no restaurante do Hostal Rural El Caserío de la Liébana. O edificio está na beira esquerda da propia estrada e pouco antes da Casa do Concello de Camaleño. Un menú por once euros saboroso e abundante con varias especialidades de gastronomía cántabra.

Seguindo a estrada chegamos a Fuente Dé, a porta de entrada oriental ao Parque Nacional de Picos de Europa. A vía remata aquí, ao pé dun circo de paredes rochosas polo que non hai posibilidade de tránsito. Fuente Dé ofrece pouco máis que aloxamento no Parador Nacional e no Hotel Rebeco, algún servizo de restauración e o mil veces fotografado teleférico que sobe ata o miradoiro do Cable, a 1834 m de altitude, dende onde se pode contemplar unha impresionante panorámica do val de Camaleño e da Cordilleira Cantábrica.

O teleférico leva funcionando dende 1966 e salva nun só van, sen apoios intermedios e a través de 1.419 m de cable, o desnivel de 753 m que hai entre as estacións inferior e superior. Dá bastante arrepío pensar que a cabina poida quedar parada no medio do percorrido malia os quince millóns de usuarios que levan pasando dende a súa inauguración. Unha vez arriba, e a pesar da neve abondosa que atopamos polo camiño, damos un paseo de ida e volta de aproximadamente dúas horas ata preto do Chalé del Rey, a residencia para enxeñeiros da Real Compañía de Minas que serviu para aloxar ao Rei Alfonso XIII na visita que fixo en 1912 para a práctica da caza do rebezo.

Subindo no teleférico

Bruno no Mirador del Cable

Neve e sol en Picos de Europa

Aquí rematou o noso paseo por Picos. Ver detalle de Chalé del Rey ao fondo do val

De baixada co edificio do Parador Nacional no fondo do val

Xa de regreso a Potes facemos unha pequena paraxe na aldea de Mogrovejo, ao pé do Macizo de Ándara, un pequeno e precioso grupo de casas  sobre as que se ergue a torre medieval do mesmo nome.

Na aldea de Mogrovejo

Para durmir escollemos a capital comarcal. Potes é unha vila agradable e sen grandes atractivos pero cunha importante oferta de servizos de aloxamento e restauración. Nesta época do ano está a funcionar a medio gas xa que son poucos os visitantes. O día foi soleado dun xeito pouco usual para comezos do mes de marzo e as terrazas de Potes aparecen bastante concorridas.

SAJA-NANSA

O terceiro día saímos por Cabezón de Liébana e Pesaguero-Laparte en dirección á localidade palentina de Cervera de Pisuerga. Internámonos durante uns poucos metros na Comunidade veciña por unha estrada xa pertencente a Castela-León para entrar de novo en Cantabria e coller dirección norte cara a Puentenansa. A intención é percorrer os vales dos ríos Nansa e Saja, ambos paralelos ao Valle de Liébana.

A primeira parada é, aos poucos quilómetros de entrar de novo en Cantabria, no miradoiro del Jabalí, o primeiro dos tres miradoiros sucesivos que ofrecen unha vistas estupendas sobre os cumios de Picos de Europa.

Vistas dende o Mirador del Jabalí

Despois de pasa-lo encoro de La Cohilla, a seguinte visita a realizar é á aldea de Tudanca, declarada conxunto histórico-artístico pola súa harmónica conxunción de casas nobres e populares. Pasear por Tudanca é unha auténtica ledicia que provoca en min unha envexa sa, a de idílicas aldeas integradas perfectamente nas paisaxes que as contornan, a do que Galicia ten deixado de ser polos seus malos gobernos. No centro da aldea destaca a súa construción principal, a Casona de Tudanca fundada en 1752 por un indiano que fixo a súa fortuna no Perú. O seu último habitante foi o literato José María de Cossío quen formou unha importante biblioteca cuns 25.000 volumes que atesoura manuscritos de escritores españois da primeira metade do século XX. Cossío tamén recibiu na súa casa a importantes personalidades das letras coma García Lorca, Alberti, Unamuno, Concepción Arenal e Cela, entre outros. Á morte de Cossío, a Casona foi doada á Deputación de Santander que a converteu nun museo. As visitas son unicamente guiadas e con horarios moi restrinxidos en tempada baixa.

En Tudanca

Seguindo polo val do río Nansa en dirección norte tomamos un desvío de ida e volta na aldea de Cosío (non confundir co literato) ata San Sebastián de Garabandal. É esta unha localidade de montaña bastante interesante pero que non se atopa entre as máis bonitas de Cantabria. Moitos dos que se achegan ata aquí non o farían a non ser polo feito de que, segundo contan, aquí tiveron lugar varias aparicións da Virxe e do Arcanxo San Miguel a partir do ano 1961. Para os non crentes coma min costa tanto entender todo o que aquí pasou como non ruborizarse co contido náif das mensaxes da Virxe. Pero a verdade é que a partir dese acontecemento San Sebastián pasou a converterse nun centro de peregrinacións mariano que atrae a numerosos fieis procedentes de países tan afastados coma os Estados Unidos. Se alguén ten curiosidade hai varios vídeos en Youtube que explican o aquí acontecido. Hoxe en día podemos ver ademais dos numerosos exemplos de arquitectura montañesa rural unha serie de memoriais, estatuas e pequenos altares que fan referencia ás aparicións da Virxe.

Memoriais dos diferentes milagres en San Sebastián de Garabandal

Aldea de San Sebastián de Garabandal dende a capela

Chegamos a xantar a Carmona, unha das aldeas máis fermosas da zona, a medio camiño entre o val do Nansa e o do Saja. Comemos rico no único e sinxelo restaurante do lugar. A bonita casona que sobresae sobre os tellados da aldea está á espera duns posibles usos hoteleiros. A saída da aldea, subindo pola montaña e antes de Collada de Carmona, hai un miradoiro que permite sacar unha boas fotografías da aldea e do verde val que a arrodea.

Carmona

Casona de Carmona

Carmona vista dende a estrada que vai cara ao val do Saja

Pola tarde visitamos a que é para min a poboación máis completa de Cantabria: Bárcena Mayor. Hai vilas máis impresionantes como a famosa Santillana del Mar, pero Bárcena Mayor aínda respira un aire de autenticidade que xa perdeu a anterior. Nesta época do ano a maioría dos negocios fican pechados e temos o encantador conxunto de casas rurais desta poboación para nós e tan só uns pouquiños visitantes máis. Pasamos un bo momento mercando uns saborosos queixos da zona e probando viños de Cantabria con mestura de uva albariña.

Bárcena Mayor

Despois da visita percorremos o val do río Saja ata a vila de Cabezón de la Sal para toma-la autoestrada en sentido Bilbao e chegar ao noso seguinte destino en Liérganes. Deixamos atrás as concas dos ríos Nansa e Saja coa certeza de que acabamos de visitar un dos espazos naturais máis completos de España, un auténtico eco-museo que ofrece unha morea de lugares interesantes para viaxeiros que veñan con tempo de vagar.

Susana, a nosa amiga cántabra, recomendounos especialmente esta vila como unha das máis fermosas de España e é por esa razón que decidimos pasa-la noite no lugar. Chegamos con luz diúrna e visitamos o par de rúas polo que Liérganes é coñecida, así como a chamada erroneamente “ponte romana” e a posada “La Giraldilla”. Tamén nos achegamos ao edificio do balneario. Xa á hora do solpor subimos ata a igrexa de San Pantaleón, nun outeiro sobre a vila, e obtemos unha boa panorámica sobre a Montaña Oriental e o Parque Natural “Collados del Asón”. Evidentemente, Liérganes é bonita pero nada especial despois do percorrido que vimos de facer.

Rúas antigas en Liérganes

Vistas dende a igrexa

Igrexa de San Pantaleón

CABÁRCENO e SANTANDER

Bruno é un namorado da vida animal e, polo tanto, o Parque da Natureza de Cabárceno unha visita inevitable. En Liérganes estamos a escasos vinte minutos dunha das dúas entradas do Parque e non temos problema en acudir á hora de apertura ao público. É sábado e supoñemos que a afluencia de visitantes irá incrementándose a medida que vaian pasando as horas.

O Parque é único no panorama español, unha especie de zoolóxico bastante ben entendido que se  estende por 750 hectáreas para acoller animais de todo o mundo. Unha oportunidade de ver especies difíciles de ver noutros lugares e cunhas condicións de vida relativamente aceptables. A propia paisaxe é tamén bastante espectacular, consecuencia dunha antiga mina de ferro a ceo aberto que deu lugar á formacións erosionadas que foron posteriormente ocupadas pola vexetación típica do norte peninsular. Para os que xa visitaron o Parque hai algúns anos a novidade consiste na posibilidade de ver o hábitat dos animais dende o aire. Unha liña triangular de teleférico con tres estacións de subida e baixada ademais dun ramal de ida e volta permiten ver dende arriba  unha gran parte da extensión de Cabárceno. A viaxe en teleférico xa está incluída no prezo da entrada (30 € para adultos!) pero  hai que ter en conta que é obrigatorio baixar en cada unha das estacións e facer cola para o seguinte tramo, o que pode supoñer unha importante demora sobre os cincuenta minutos mínimos da viaxe.

A idea inicial era pasar un máximo de catro horas na visita que remataron converténdose en sete horas, incluído unha moi breve parada para xantar. A forma habitual de visita-lo parque é con vehículo propio, distribuíndo o tempo dispoñible entre os distintos recintos nos que animais viven en semiliberdade. Tamén hai que contar con tempo para visitar os recintos pechados como o Reptilario e o edificio dos impresionantes gorilas ou as exhibicións a horas prefixadas coma a de aves rapaces e a de leóns mariños. Repito, posiblemente Cabárceno sexa unha visita de día completo para os interesados na vida animal.

http://www.parquedecabarceno.com/inicio

Paisaxes de Cabárceno

A media tarde saímos cara a Santander a onde chegamos en aproximadamente unha media hora. Todo o positivo que me transmite Cantabria muda en indiferenza con respecto a súa capital e principal cidade da Comunidade. É un sentimento que experimento dende a miña primeira estadía en Santander pero, curiosamente e sen ser instruído por min, Bruno sente o mesmo nada máis chegar. É máis, incluso sen coñecela xa non lle resultaba apetecible a priori. De calquera xeito, hoxe é sábado e un pouco de vida nocturna vainos vir ben.

Santander é unha cidade que provoca unha primeira moi boa impresión por ese envoltorio externo que é o Paseo de Pereda e a súa prolongación ata a Península de la Magdalena así como polo exclusivo barrio de El Sardinero. Pero unha vez se descubre o que está detrás desa fachada decorativa, a sensación que queda é a dun espazo mediocre e de pouco interese.

Paseo de Pereda

Aínda temos tempo de dar un paseo pola (pouco resultona) catedral, a Plaza Porticada, e polos Jardines de Pereda para ver o edificio case finalizado do Centro Botín. Este novo centro de arte privado dará continuidade e potenciará o programa de artes plásticas que a Fundación Botín, relacionada co Banco de Santander, leva desenvolvendo dende hai 25 anos. O espléndido edificio, obra do arquitecto e premio Pritzker Renzo Piano, está elevado sobre columnas para non eliminar as vistas da baía e ofrecer un aspecto de lixeireza. Unha das maiores innovacións do edificio é o revestimento con pezas de cerámica que reflicten a escasa luz dos invernos do norte. No interior ábrese unha gran sala de exposicións e un auditorio, entre outras instalacións complementarias.

Plaza Porticada

Fundación Botín

Ruta regular de ferri entre Santander e Plymouth (Inglaterra)

Despois do paseo collemos o coche e dirixímonos ao Palacio de Festivales, obra do arquitecto español Sáenz de Oiza, e a o Dique de Gamazo, remodelado no ano 2014 por mor do Mundial de Vela. Unha vez no dique cómpre achegarse á estrutura coñecida como Duna de Zaera (polo o apelido do arquitecto que a deseñou) e que consiste nunha bancada graduada que serve de miradoiro sobre a baía. Seguimos ata a Playa de los Peligros, preto da Península da Magadalena, e aparcamos o coche para facer unha visita a pé deste recinto peonil.

Aquí, ademais do Palacio de la Magdalena, construído a comezos do século XX por subscrición popular como residencia de verán dos reis Alfonso XIII e Victoria Eugenia e convertido en símbolo de Santander, poden verse outros puntos de interese como un pequeno acuario con pingüíns e lobos mariños, restos da batería de costa e, sobre todo, unhas vistas estupendas da contorna da baía. Tamén unha exposición sobre o home e o mar con elementos que renden homenaxe ás expedicións do navegante santanderino Vital Alsar, como os tres galeóns utilizados na súas viaxes oceánicas.

Palacio de Festivales

Playa de los Peligros

Palacio de la Magdalena

Rematamos conducindo pola área residencial de El Sardinero, elegante zona de veraneo da clase alta española a comezos do S. XX como testemuñan o bonito edificio do Gran Casino e algúns hoteis emblemáticos.

Nós durmimos no Hotel Chiqui, nun recuncho ao final da Segunda Playa de El Sardinero. O aloxamento é un hotel de tres estrelas sen o encanto doutros establecementos máis senlleiros pero cun prezo moi razoable e uns cuartos que ofrecen unhas vistas estupendas de El Sardinero e da praia.

http://www.hotelchiqui.com/

SANTILLANA DEL MAR e COMILLAS

Comezamos a nosa última xornada en Cantabria. O día amence frío e chuvioso, nada que ver coa meteoroloxía soleada da que viñamos gozando os últimos días e que case chegou a acadar os trinta graos. Dende o noso cuarto apenas conseguimos ver os atrevidos afeccionados ao fútbol que están a xogar na praia baixo unha choiva inclemente. Hoxe toca volver a casa pero aínda deixamos dúas visitas no occidente cántabro e no camiño de volta a casa: Santillana del Mar e Comillas.

A vila medieval de Santillana beneficiase de formar parte do importante eixo turístico Altamira-Santillana del Mar-Comillas, e xa hai anos que pasou a converterse nunha visita ineludible para quen vaia a Cantabria. Sen dúbida, é a súa poboación mellor conservada e a máis atractiva para un turista medio. Pero eu que non me considero dentro desa clasificación como turista si teño algún “pero” para este lugar, un aspecto negativo que comeza a repetirse en moitos destinos turísticos e que consiste en ceder a vida propia dos lugares para convertelos en espazos temáticos orientados exclusivamente á súa explotación turística. Santillana é unha serie continua de aloxamentos, restaurantes e tendas de souvenirs pero, non hai que esquecelo, dentro dun decorado extraordinario.

Santillana del Mar

Rúas Carrera e Cantón

Plaza del Abad Francisco Navarro y colexiata de Santa Xuliana

Plaza Mayor

Plaza Mayor

Rúa Santo Domingo

A vila desenvolveuse por mor da colexiata de Santa Juliana e foi dando forma co tempo a un patrimonio sorprendente. Son apenas dúas rúas e tres prazas pero cunha sucesión de preciosos e harmónicos edificios. A visita pode facerse perfectamente en pouco máis dunha hora dependendo do tempo a pasar en tendas e do uso que se faga dos servizos de restauración. A nosa ruta para ese día e a imparable choiva fan que, despois dunha breve visita, sigamos cara á veciña vila de Comillas.

Detalle decorativo do Capricho

Comillas é a representante perfecta do que debería ser unha vila estival no norte de España: unha contorna coidada, un centro histórico sen deteriorar e unha agradable zona residencial sen masificar. Por se parece pouco, a vila ten a maiores unha serie de construcións sobranceiras como son o Monumento al Marqués de Comillas, a Capilla-Panteón e o Palacio dos Sobrellano, a Antigua Universidad Pontificia e o senlleiro edificio do Capricho de Gaudí. Listaxe á que habería que engadir unha serie de mansións e edificios menores encargados por emigrantes retornados de América no século XIX.

Temos tempo unicamente de coñecer o Capricho executado polo mestre Gaudí, unha das poucas obras do arquitecto fóra de Cataluña. Tamén coñecida como Villa Quijano e considerada coma unha das primeiras obras de relevancia do arquitecto, é un rechamante palacete construído no ano 1883 cando Gaudí tiña tan só 31 anos. A obra foi encargada por Máximo Díaz de Quijano, avogado do Marques de Comillas, que buscaba facer da súa residencia un lugar especial.  O edificio está cheo de matices e de referencias ao seu propietario e á natureza, pero tamén con elementos exóticos e de influencia oriental. Gaudí mesturou materiais tan diversos como a cerámica vidrada, o ladrillo visto e o ferro forxado. O Capricho estivo a punto de desaparecer chegando a un estado de case abandono. Hoxe é explotado comercialmente polo seu novo propietario que carga unha entrada de cinco euros.

Detalle e edificio do Capricho de Gaudí

Capilla-Panteón e Palacio de los Sobrellano

De regreso pola costa e antes de chegar de novo a San Vicente de la Barquera temos unha preciosa vista da Playa de Oyambre e do propio San Vicente. Dicimos un “ata logo” a unha Comunidade á que sempre presta volver.

 

4 comentarios en “De xoldra por España – Cantabria Occidental

  1. Como siempre, un reportaje completo que no hubiese hecho mejor Miguel de la Cuadra Salcedo.
    Orgullosa de compartir tus experiencias.
    Hasta el próximo.

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.