Fin de semana en Lituania

O Outeiro das Cruces

Lituania principia en Polonia, polo menos para min. Toco comeza cunha viaxe de traballo a Białystok, unha pequena cidade de provincias no leste de Polonia a poucos quilómetros da fronteira con Bielorrusia. Chego ao meu destino totalmente mallado despois dun total de quince horas de viaxe nas que están incluídos os voos de Santiago de Compostela a Madrid,  a Londres e a Varsovia, ademais do traxecto de tres horas por estrada entre esta última cidade e Białystok.

Non falarei da miña estadía en Polonia xa que a única xornada que paso aquí será entregado integramente ás miñas tarefas profesionais. Białystok e tan só medianamente interesante e xa tiven oportunidade de visitala en anteriores ocasións.

Previamente, á hora de organizar a miña viaxe de volta dende Białystok, puiden optar por coller un autobús ata Varsovia (tres horas) ou ben facelo en catro horas e media ata Vilnius, a capital de Lituania. E dende calquera destas dúas cidades en avión ata Galicia. Non houbo dúbida, sempre é apetecible coñecer un destino novo e ata o de agora non tivera ocasión de visita-las repúblicas bálticas. Compro o meu billete de autobús pola Internet coa empresa Ecolines e preséntome na estación de autobuses de Białystok á primeira hora da mañá, un pouco antes da hora de saída. A estación aínda ten o aire decadente da etapa comunista ao que hai que engadir a confusión provocada polas obras de reforma que, supoño que como no resto de Polonia, se están a facer con cartos da Unión Europea.

O autobús procede da cidade alemá de Stuttgart e ten o seu destino final en Vilnius. Chega cun pequeno atraso e os dous andares do vehículo viaxan practicamente baleiros. Circulamos por estradas de un só carril por sentido pero co pavimento en boas condicións. A ruta pasa por interminables bosques froito da reforestación forestal e chairas sen fin. Transcorre paralela á fronteira bielorrusa para, á altura da cidade polaca de Augustów, dirixirse cara á fronteira lituana. Tamén pasamos relativamente preto da fronteira entre Polonia e esa rareza xeopolítica que é o enclave ruso de Kaliningrado. O tráfico é intenso, sobre todo de camións que trasladan mercadorías entre os catro países mencionados.

Estación de autobuses de Białystok

Imaxes da ruta entre Białystok e Lituania

Facemos tres breves paraxes: na cidade polaca de Suwalki e nas lituanas de Marijampolè e Kaunas, esta última a segunda por poboación entre as urbes lituanas. Entramos sen trámites fronteirizos como é habitual entre cidadáns da zona Schengen. Ao cruzar dun país a outro hai que atrasa-lo reloxo unha hora. Na parada que facemos en Marijampolè aproveito para mercar algunhas provisións xa en euros, moeda oficial de Lituania dende o ano 2015. En xeral e dende o punto de vista do urbanismo, as aldeas que cruzamos polo camiño son máis harmónicas que as do lado polaco.

Entrada na cidade de Kaunas co letreiro “Lituania” á beira do río

En España non sabemos moito sobre as tres repúblicas bálticas. O coñecemento sobre Estonia, Letonia e Lituania limítase, en moitos casos, á súa participación no Festival de Eurovisión, e, en moitos outros, non pasa de identificalos con países independizados da antiga Unión Soviética, de clara influencia nórdica e unha economía que non vai mal del todo. Con todo, os tres forman parte da Unión Europea dende maio do ano 2004, data na que se incorporaron a este organismo xunto con Polonia e outros seis países. Sabemos moi pouco…, os escasos datos que teño fanme imaxinar Lituania moito máis pequeno do que realmente é, tendo en conta que a súa superficie é dúas veces maior cá de Galicia.

Despois da súa independencia os tres países tiveron un forte desenvolvemento económico moi por enriba das outras repúblicas ex-soviéticas. O seu crecemento entre os anos 2000 e 2007 foi tan desmedido que valeulles o alcume dos “Tigres Bálticos”. Logo, chegou a crise como no resto de Europa pero, aínda así, a renda per capita non deixou de medrar; de xeito que as Nacións Unidas que definían a estes países como “Repúblicas Bálticas do Leste de Europa” mudaron o seu apelido polo de “do Norte de Europa”, en consonancia coa rexión xeoeconómica á que lle corresponde pertencer.

Todo parece indicar que se Lituania segue por esta vía ten un futuro esperanzador e en poucos anos podería acadar o nivel de vida dos seus outros veciños nórdicos. Hoxe por hoxe segue a ser un desexo, xa que a realidade que se percibe ao viaxar polo país fica lonxe desa meta. As melloras son evidentes pero queda moito por facer.

Estas repúblicas tampouco están entre os destinos favoritos dos españois, malia que a situación está a mudar nestes últimos anos. Ata o de agora eran destinos que entraban a formar parte de itinerarios polas capitais nórdicas, sendo Lituania o menos habitual dos tres países.

VILNIUS

 A impresión que teño ao achegarnos a Vilnius e que entro nunha cidade de clara fisionomía centroeuropea pasada polo filtro soviético. Saíndo do centro histórico percíbese certo nivel de deterioración, de recuperación que aínda non chegou, así como esa frialdade no ambiente tan típica dos países europeos que estiveron baixo a órbita do comunismo. A cidade non é fea nin moito menos, pero quizais ten a desgraza de parecerse a moitas outras urbes europeas que a superan en atractivos e en riqueza patrimonial.

Vilnius (ou Vilna) é a capital e a cidade máis poboada de Lituania superando o medio millón de habitantes. No resto do país hai outros 2.800.000 lituanos mesturados cunha minoría de rusos eslavos establecidos aquí durante a ocupación soviética. Os lituanos son ademais tremendamente católicos (e practicantes!) ao igual que os polacos, sendo a relixión un elemento de afirmación da súa independencia e da súa diferenza fronte aos veciños maioritariamente luteranos (Letonia) e ortodoxos (Rusia, Bielorrusia e o enclave de Kaliningrado).

Rúa Didžioji e igrexa de San Casimiro

A historia non ten sido dadivosa con Lituania, o seu pasado está cheo de derrotas e humillacións. Os límites do país foron recortados unha e outra vez e se observamos un mapa do século XIII ao XV (o seu momento de maior expansión) sorprenderanos constatar que chegou a ocupar o territorio do que hoxe son Bielorrusia, Ucraína e pequenas partes de Letonia, Moldavia, Polonia e Rusia. A Unión Soviética invadiu Lituania en 1940 e anexouna a esa amalgama de repúblicas que era a URSS. Durante a invasión alemá da Segunda Guerra Mundial, os case 210.000 xudeus lituanos foron concentrados en guetos e moitísimos deles eliminados. Nos primeiros anos baixo goberno soviético moitos cidadáns (obreiros, campesiños, familias enteiras e nenos pequenos) foron executados ou deportados. Foi tan só o comezo, os lituanos non cederon nos seus anhelos de independencia e o país foi unha sangría continua que contabilizou miles e miles de mortos e expulsados. Lituania volveu respirar e, sobre todo, sorrir dende a súa liberación do xugo soviético e a súa incorporación á familia europea.

Pero volvendo ao turismo, Vilnius é un destino que non ten a sona das outras dúas capitais bálticas como Riga e, sobre todo, Talín, malia que a súa zona antiga foi declarada Patrimonio da Humanidade por mor da súa singularidade como “Obra Mestra do Barroco”. O paseo pola cidade denota un gran contraste entre o casco histórico, que xa foi recuperado e posto ao día como calquera outro enclave turístico, e o resto da urbe onde aínda é notorio a deterioración provocada polo paso do tempo e os anos do réxime soviético. É coma un gran decorado que presenta unha fachada impoluta pero que non hai máis que asomarse ás traseiras e aos patios interiores para certificar o que foi a realidade ata tempos relativamente recentes. Doutro lado do río Neris levántase o perfil da nova Vilnius con edificios de autor e algúns bonitos rañaceos que a asemellan a calquera outra cidade do mundo.

Paseo por Vilnius

A última sinagoga das cen que chegaron a existir na cidade

Vilnius paga a pena pero posiblemente perda na comparativa con Riga e Talín. É por iso que debería ser unha primeira paraxe nun recorrido polas capitais bálticas. Por outra banda, os aeroportos de Vilnius e de Kaunas están ben comunicados con moitas cidades europeas, este último monopolizado pola compañías de baixo custe Ryanair e Wizzair. Unha única xornada en Vilnius pode saber a pouco e coido que un día e medio ou dous días de estadía sería moito mellor.

A cidade pode ser visitada perfectamente a pé, cousa que recomendo xa que son paseos moi agradables. Hai que estar disposto a ver unha chea de igrexas, a maioría impresionantes, e a poucos metros unhas das outras. Tamén moita tenda de souvenir nas que os obxectos de ámbar son a súa principal oferta. E restaurantes coquetos con gastronomía do mundo xa que a cociña lituana dista moito de ser unha exquisitez, como é habitual nesta parte de Europa.

No paseo non hai que esquecer a avenida Gedimino Prospeklas, a principal arteria e a máis comercial da cidade, que remata na praza da Catedral de Vilnius. Este edificio leva no mesmo lugar dende o S. XIII aínda que, despois de varias reconstrucións, a obra actual corresponde ao século XVIII. A catedral permaneceu pechada durante o réxime soviético. Detrás, no alto dun outeiro, levántanse os restos do antigo Castelo de Gediminas. As vistas dende os miradoiros do cumio son fantásticas, tanto sobre a zona antiga como sobre os novos barrios e o distrito financeiro. Dende o alto tamén se pode ver o Outeiro das Tres Cruces ao outro lado do río e onde, segundo a crenza local, foilles cortada a cabeza a sete monxes franciscanos.

Avenida Gedimino co edificio da catedral ao fondo

Teatro Dramático Nacional de Lituania na Avenida Gedimino

Catedral de Vilnius tamén coñecida como Basílica dos Santos Estanislao e Ladislao

Torre do Castelo de Gediminas nun outeiro detrás da catedral

Vistas da zona vella dende os miradoiros do Castelo de Gediminas

Imaxes da parte nova de Vilnius dende o Castelo de Gediminas

Outra visita inevitable é a que hai que facer ao conxunto formado pola igrexa de estilo gótico tardío de Santa Ana que aínda conserva a súa apariencia externa de hai 500 anos. Outra lenda local fala de que Napoleón Bonaparte quedou abraiado pola beleza deste último edificio de ladrillo vermello e quixo levalo con el de volta a París. A igrexa é bonita pero coido que un tanto sobrevalorada.

Igrexa de Santa Ana

O edificio da Universidade é interesante e entre os seus patios hai algún especialmente bonito. O eixo monumental da zona vella son as rúas Didžioji e Pilies que antaño unían o Castelo do Gran Duque coa Porta da Aurora.

Capela da Nai de Deus, na cara interior da Porta da Aurora

Subindo pola rúa Aušros Vartų, que é a máis antiga de Vilnius, deixamos á dereita unha magnífica porta rococó que dá acceso á igrexa ortodoxa da Santa Trindade (bastante descoidada). Unha chisca adiante á esquerda está a igrexa católica de Santa Teresa de Ávila. A rúa remata na Porta da Aurora (Aušros Vartai), única entrada que se conserva da antiga muralla que arrodeaba a cidade medieval. E enriba do seu arco está a Capela da Nai de Deus tamén coñecida polos nomes da Capela de Nosa Señora da Compasión ou Capela da Porta da Aurora, onde destaca a pintura barroca da Virxe (S. XVII), de moita devoción tanto entre os católicos coma os ortodoxos de Vilnius polos poderes milagreiros que se lle atribúen a esta imaxe.

Subindo pola rúa da Porta da Aurora (Aušros Vartų) co edificio da Filarmónica Nacional á dereita

Porta de acceso á Igrexa da Santa Trindade

Igrexa de Santa Teresa de Ávila

Igrexa do Espíritu Santo na rúa Aušros Vartų

Porta da Aurora, restos da antiga muralla medieval

Unha visita que poderíamos cualificar de diferente e curiosa é á República de Urupi ou Užupio, unha céntrica barriada poboada por moitos artistas e xente nova onde abondan as galerías de arte. Non deixa de ser outra veciñanza da cidade pero que sorprende polos letreiros á súa entrada que anuncian un territorio diferente, a Užupio Respublika. Declarada como tal o  día 1 de abril de 1997 goza de privilexios como ter “presidente”, bandeira, himno, moeda, un pequeno exército e mesmo unha constitución propia. Por suposto, a república non foi recoñecida ata o de agora nin polo Goberno de Lituania nin polo de ningún outro país e non se sabe se pretende ser unha declaración seria ou unha simple bufonada humorística. Na rúa Paupio Gatvé que parte da praza principal do barrio pódense ver os principios da constitución desta república traducidos a numerosos idiomas, o castelán entre eles. Os dereitos e as obrigas dos cidadáns de Uzupio van do substancial ao simpático pero ao final falan sempre da liberdade das persoas. A política de Uzupio céntrase sobre todo nos esforzos artísticos.

Praza principal da República de Užupio coa estatua do anxo tocando a trompeta que sustitúe a unha anterior que representaba un ovo xigante!!!

Igrexa de San Bartolomeu na República de Užupio

Constitución da república na rúa Paupio Gatvé

Cela de auga xeada. Os prisioneiros tiñan que manterse en pé no disco redondo do chan

Outra visita diferente pero posiblemente máis dirixida aos propios lituanos é ao Museo das Vítimas do Xenocidio, instalado na antiga sede da KGB (Axencia de Intelixencia e Policía Secreta Soviética). Por catro euros que custa a entrada o museo proporciona exhaustiva información sobre as atrocidades cometidas polos soviéticos contra a poboación lituana. No soto poden visitarse as celas do cárcere político, as de castigo e as de illamento. Chaman a atención aquelas cuxo chan estaba formado por auga xeada onde os prisioneiros tiñan que manterse de pé nunha minúscula superficie redonda. A sala de execucións fai lembrar o peor da condición humana. A visita, como é evidente, non resulta agradable pero, ao mesmo tempo, é necesario que existan memoriais como este para evitar barbaries semellantes no futuro.

Antigo edificio da KGB e Museo das Vítimas do Xenocidio

Nomes dos asasinados sobre a fachada do edificio

Cela de reclusión

Dispoñendo de tempo abondo, o visitante pode achegarse ata a Igrexa dos Apóstolos San Pedro e San Paulo, fóra do centro, e, aínda máis aló, á nova Torre de Televisión que cos seus 326 metros é o edificio más alto do país.

O OUTEIRO DAS CRUCES

O meu último día en Lituania cae en domingo e dubido entre dirixirme á cidade de Kaunas, a segunda máis importante de Lituania e a unha hora de Vilnius, ou ao Outeiro das Cruces, a 220 quilómetros da capital e xa preto da fronteira con Letonia. Malia á maior distancia e un transporte algo complicado decídome polo segundo destino, cunha carga emocional máis forte e un sabor autenticamente lituano. Non consigo ningún circuíto organizado por estar en tempada baixa e diríxome á Oficina de Turismo (situada no bonito edificio da antiga Casa do Concello da praza Rotušé) para conseguir información. Alí me facilitan unha listaxe cos medios de transporte ata o Outeiro das Cruces. As opcións pasan por demorar entre tres horas e cuarto a catro horas en autobús ou ben de dúas horas a dúas horas e media en tren. A duración da viaxe depende da franxa horaria do día escollida e de se o servizo ofrecido é expreso ou non.

Oficina de Turismo na antiga Casa do Concello

Prata da antiga Casa do Concello ou Praza Rotušé

Decido viaxar en tren ata a cidade máis setentrional de Lituania, a Šiauliai, e, unha vez alí, cambiar por un bus local que tarda outros vinte minutos en chegar a Domantai, unha parada nun punto despoboado á beira da estrada que leva a Riga. Dende a parada de bus hai que camiñar dous quilómetros ata o famoso outeiro ateigado de cruces.

A mellor combinación é partir de Vilnius no tren das 09:50 sen paradas ata Šiauliai e con chegada ás 11:56 horas. O tren é cómodo e nalgún momento acada os 120 km por hora. Vai con poucos clientes e hai un exceso de persoal da compañía ferroviaria. A paisaxe é bastante monótona, incluso diría aburrida. Unha vez en Šiauliai hai que moverse rapidamente para chegar á estación de bus. Oficialmente hai dezanove minutos entre a chegada do tren e a saída do bus, e camiñar dunha estación a outra supón uns dez minutos a pé. Saíndo da estación ferroviaria (Gelenžinkelio Stotis) hai que coller á esquerda pola avenida principal e despois de pasar dous bloques de apartamentos de ladrillo vermello virar á dereita. A estación de buses (Autobusų Stotis) está no mesmo cruzamento a carón dun centro comercial.

Estación de Vilnius

Tren a Šiauliai

Paisaxe dende o tren

Tren rexional case baleiro de volta a Vilnius

O meu tren chega con 5 minutos de demora e decido pagar un taxi (3 €) para non perder o bus local. Despois de 12 quilómetros e 20 minutos, o bus déixanos a min e a un par de turistas máis en medio da nada. O condutor ofrécese a avisarnos do punto de parada pero no caso de non entenderse ben é mellor ir pendente da ruta e solicitar a parada ao ver o letreiro de “Kryžių Kalnas 2” (ver foto). Os dous quilómetros a pé fágoos baixo unha nevada lixeira. Os máis preguizosos poden coller un taxi directamente dende Šiauliai que, supoño, non debe ser moi caro.

O Outeiro das Cruces é o centro de peregrinación máis importante de Lituania formado por centos de cruces de todos os tamaños que queren representar o espírito católico do país e a identidade nacional lituana. Quizais o nome outeiro sexa esaxerado para esta pequena elevación pero hai que ter en conta que o terreo foi achandado varias veces polos soviéticos e que o que vemos agora é unha recreación artificial menos elevada ca inicial. Segundo as lendas locais, a tradición de cravar cruces neste lugar vén do século XIV cando os Cabaleiros Teutóns se asentaron en Šiauliai, posiblemente como mostra da resistencia lituana fronte ás invasións estranxeiras. Posteriormente o Outeiro pasou a ser o símbolo do Catolicismo e da loita contra a opresión, especialmente activo durante os anos da ocupación rusa (1795-1918) e, sobre todo, despois das rebelións de 1831 e 1863. No ano 1923 as cifras falan de 400 cruces de gran tamaño e centos delas máis pequenas.

Durante a dominación de Lituania por parte da URSS, entre os anos 1944-1991, a peregrinaxe ata aquí serviu como expresión do nacionalismo lituano e da resistencia contra o réxime totalitario. Foi por esa razón que os soviéticos declararon o outeiro como lugar non grato e fixeron desaparecer as cruces continuamente. En catro ocasións (1961-1973-1974-1975) o outeiro foi totalmente arrasado, enchido de lixo e as cruces queimadas ou destruídas. Pero cada vez, os lituanos volvían substituílas. Dende o ano 1985, por fin, o Outeiro das Cruces permanece en paz e ata aquí chegou o Papa Xoán Paulo II na súa visita ao país, o sete de setembro de 1993, para celebrar unha misa á que acudiron 100.000 persoas. Foi tamén durante esa visita cando se deu o visto e prace á construción dun mosteiro franciscano que se levanta moi preto do outeiro.

Vista do Outeiro das Cruces dende a igrexa do mosteiro franciscano

Venda de cruces de todos os tamaños para deixar no Outeiro

Paseo de saída do outeiro e mosteiro franciscano ao fondo

Paso dúas horas perdido entre cruces e memoriais. Durante a visita o tempo muda constantemente, as saídas esporádicas de sol combínanse cun vento conxelado e con avisos de pequenas nevadas. Hoxe calcúlanse unhas 200.000 cruces traídas por xente de todo o mundo, de madeira ou metálicas, pequenas e grandes, e tamén outros obxectos coma rosarios, imaxes relixiosas e fotografías de patriotas lituanos.

Ás tres da tarde estou de novo esperando o bus de regreso a Šiauliai. Unha vez na poboación aínda teño tempo ata ás 17:25 horas para xantar algo e dar un paseo polo centro da cidade. O tren de volta é un servizo rexional que tarda 35 minutos máis có de ida e que vai practicamente baleiro. Sumando os importes dos billetes de tren, do autobús e incluso do taxi non superan os 25 euros, un prezo moi razoable como case todos neste país. A visita ao Outeiro das Cruces, ao igual que ás igrexas de Vilnius, é gratuíta.

Monumentos de Šiauliai

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.