Os dous destinos aos que fago referencia no titular deste post serven como perfecto exemplo das diferentes realidades da China, unha viaxe dende as pequenas poboacións rurais de recendo evidentemente chinés ata as cidades do futuro (para ben e para mal) ateigadas de rañaceos de última xeración e atmosfera internacional. E ás veces, coma neste caso, a moi pouca distancia unha da outra.
Para o meu desprazamento dende Galicia aproveito o relativamente novo voo da compañía aérea Iberia que une as cidades de Madrid e Shanghai tres veces á semana. Malia que a antiga compañía española de bandeira ten mellorado en puntualidade e no servizo a bordo, o resultado non deixa de ser modesto. Os novos directivos de Iberia conseguiron supera-los anos infinitos de perdas económicas pero de aí a converter a aeroliña nun referente mundial hai un longo treito a cubrir.
Despois dunha ducia de horas de voo, aterro no flamante aeroporto de Shanghai Pudong que parece estar en continuo crecemento para atender ás novas necesidades do mercado chinés. Hai tres anos dende a miña última viaxe á China e ao saír percibo deseguida unha maior comercialización dos servizos na Terminal. Principio tentando trocar os meus euros á moeda local (yuan renminbi) pero o cambio, moi malo, é case igual en todo o aeroporto. As oficinas cargan unha comisión fixa que pode chegar aos 9 €, independentemente da cantidade de euros a cambiar. É evidente que convén, se é posible, pagar con tarxeta de crédito e acudir canto antes a unha casa de cambio no centro da cidade. Ademais, pola zona de chegadas deambulan unha pequena multitude de rapazas identificadas con placas dunha compañía telefónica que ofrecen, entre outros servizos, cambio de diñeiro e transporte ao centro da cidade. Hai que evitalas! Os prezos dos taxis son o dobre do que se pagaría collendo o vehículo directamente no exterior da Terminal.
SHANGHAI
Para baixar ao centro hai varias opcións. A máis atractiva é o Maglev, o tren eléctrico de levitación magnética máis rápido do mundo, que cobre en oito minutos os trinta quilómetros que separan o aeroporto da estación de Longyang Road, preto do Centro Internacional de Exposicións. Dependendo da franxa horaria o tren chega a acadar velocidades de ata 430 km/h e o prezo, bastante razoable, é de 50 yuans (6,50 €) pola viaxe de ida e 80 yuans (10,5 €) pola ida e volta. Unha vez en Longyang Road é posible enlazar con varias liñas de metro. Unha segunda posibilidade é tomar a liña verde 2 do metro na propia Terminal, que por 10 yuans, algo menos de euro e medio, conecta con toda a liña suburbana da cidade.
Aqueles que viaxen por primeira vez a Shanghai deben saber que as oficinas de cambio de moeda non abondan fóra do centro da cidade. Os aloxados en hoteis periféricos terán que pasar por unha oficina bancaria cun horario de apertura limitado. Por outra banda, as tarxetas de crédito non emitidas na China teñen unha aceptación mínima fóra dos hoteis internacionais, dos restaurantes de nivel alto e dalgúns servizos turísticos. Tendo en conta que as cidades chinesas son bastante seguras, é mellor levar o peto cheo de yuanes para evitar situacións incómodas.
Tardei moitos anos en vir á China. Compartía co resto de pobos do Sueste Asiático certa aversión por todo o chinés. No meu caso provocada polo carácter excesivamente gregal e sectario da súa xente. Tamén quizais atemorizado polo comportamento depredador do seu goberno. E finalmente, por unha gastronomía que me resulta intragable, chea de graxas e cunhas presentacións e olores nada apetecibles.
En moitos aspectos sigo a pensar o mesmo. Por suposto que o chinés non é pobo máis adorable de Asia. Nada que ver con tais, birmanos, indonesios ou xaponeses. Pero, ao mesmo tempo, teño que recoñecer que a China é un destino incrible. Non é un país moi lúdico pero se queremos ver paisaxes únicas ou constatar a capacidade do ser humano para construír marabillas, hai que vir á China. Esta é a miña sexta viaxe, a cuarta a Shanghai e a territorio chinés se non contamos Hong Kong e Macau como tal. E teño que recoñecer que non deixa de sorprenderme. Por outra banda, a miña loita coa comida chinesa xa está clara (e perdida) e aproveito os días no país para facer o meu propio Ramadán.
Chego cun jet lag que me pon fóra de xogo durante vinte e catro horas. Só penso en durmir. O meu tempo na cidade transcorre entre sesións de traballo e os interminables traslados nese labirinto de grandes avenidas, autoestradas de moitos carrís e complicadísimos nós de comunicacións. Por sorte, as visitas inevitables dende un punto de vista turístico xa as fixen nas outras ocasións que pasei pola cidade. Desta vez pretendo coñecer algún barrio tradicional e gozar da vida nocturna da megalópole máis poboada de China. Pero é dura a tarefa! Os barrios con sabor autóctono foron, ao igual que en moitas outras cidades do país, borrados literalmente do mapa. E polo que respecta á noite, é practicamente insignificante máis aló das dúas xornadas da fin de semana.
Shanghai é un exemplo perfecto e desmesurado do crecemento tanto físico coma económico das urbes chinesas, dese rapidísimo cambio radical entre as bicicletas de Mao e os rañaceos de Pudong do que moitos estranxeiros non fomos conscientes ata hai pouco.
Moverse pola cidade é moi doado, os taxis son abundantes e as tarifas económicas. Os taxistas adoitan non ser problemáticos e nunca tentaron enganarme. Van pola ruta axeitada e cobran o que marca o taxímetro. Pero para non dar voltas de balde é primordial ter en conta que os taxistas de Shanghai non entenden enderezos que non estean escritos en chinés. Frases en inglés ou esforzos por pronunciar en chinés só conducen a maior confusión. A solución é pedir no hotel (só se é de certa categoría) que escriban os enderezos do día en caligrafía chinesa, ou, de non poder ser, levar algunha guía, mapa ou páxina da Internet na que o chofer poida visualizar o nome e enderezo do noso destino.
A rede de metro é moi ampla e está rotulada en inglés. Ademais, os convois acostuman pasar con puntualidade e regularidade. O prezo medio das viaxes é de 3 ou 4 yuans, arredor de medio euro por traxecto.
Nalgún momento da miña estadía repito o que é o percorrido inevitable para quen visite Shanghai por primeira vez. Comezo polo The Bund, a avenida que se asoma ao río Huangpu e que ofrece un panorama na outra beira do río co perfil de rañaceos máis fotografado do país: o barrio de Pudong. The Bund foi inicialmente un asentamento británico que se converteu no maior centro financeiro de Asia a finais do século XIX. Neste paseo de aproximadamente quilómetro e medio destacan 26 edificios monumentais construídos entre os últimos anos do s. XIX e comezos do XX para aloxar bancos, consulados, editoriais e oficinas de negocios.
Para pasar dende The Bund ao barrio de Pudong hai un túnel (The Bund Sightseeing Tunnel) de 646 metros de lonxitude que vai por debaixo da canle do río Huangpu. A entrada está no número 300 de Zhongshan East First Road (Puxi) e a viaxe en tren magnético demora uns poucos minutos ambientados con efectos luminosos e sonoros. Non é excesivamente interesante se temos en conta que os prezos son de 50 yuans (6,5 €) un traxecto ou 60 yuans ( 7,75 €) pola ida e volta e que os efectos non resultan nada espectaculares.
Despois de visitar Pudong regreso a The Bund e sigo pola rúa comercial por excelencia de Shanghai, Nanjing Road, para chegar ao centro neurálxico da cidade: a Praza do Pobo (People´s Square). O que foi un antigo hipódromo converteuse na praza principal de Shanghai a partir dos anos cincuenta e aquí podemos ver a moderna Casa do Concello, o Museo de Arte Contemporánea e o Museo de Shanghai.
Para reencontrarme coa esencia do chinés e deixar tanta modernidade de lado, collo o metro ata os Xardíns de Taiyuan (ou Yu Yuan), preto da estación Nanxiang da liña marrón 11. Os chamados xardíns da paz e da comodidade foron creados no século XVI por un responsable do goberno como lugar de descanso para os seus pais. Hoxe é unha das maiores atraccións da cidade e, por suposto, a paz foi transformada en moreas de sonoros turistas. Ademais do xardín hai unha serie de típicas rúas peonís que respiran artificialidade e están ateigadas de obxectos para os coleccionistas de souvenirs.
Shanghai carece dos sorprendentes monumentos de Beijing pero non escasea en obras arquitectónicas de vangarda, entre elas algún dos seus numerosos museos. Os interesados en novas arquitecturas deben achegarse ata o antigo recinto da Expo Mundial do ano 2010.
E como estamos no país da falsificacións, non dubido que haberá visitantes interesados en coñecer algún dos mercados da cidade especializado en imitacións. Aquí non son tan sorprendentes nin grandes como os de Beijing, pero hai suficiente para contentar ao buscador de gangas. O máis famoso é o antigo mercado Xiangyang que no ano 2006 foi trasladado á estación de metro do Museo de Ciencia e Tecnoloxía (Shanghai Science&Technology Museum na liña verde 2). Non é necesario saír ao exterior, dende a propia estación hai acceso ao coñecido como mercado Pudong ou mercado Yatai, un labirinto de tendas mesturadas con algún restaurante. O regateo é duro polo que vos deixo os consellos desta web especializada no noso país de destino.
www.saporedicina.com/es/mercados-falsificaciones-china/
ZHOUZHUANG
O meu único día libre decido facer unha escapada á aldea fluvial de Zhouzhuang. Moitos dos que visitan Shanghai descoñecen que a escasos quilómetros da grande urbe hai ata oito aldeas e poboados fluviais (Nanxun, Tongli, Xitang, Wuzhen, Zhujiajao, Qibao, Luzhi e Zhouzhuang) que conectan directamente coa China tradicional. Pero que ninguén pense que estes lugares están aí para ser descubertos, hai xa tempo que son importantes destinos turísticos sobre todo para os visitantes nacionais, e a evitar durante a fin de semana!
As coñecidas como Aldeas de Auga (Water Towns) son localidades que conservan as arquitecturas orixinais nas que a auga xoga un papel protagonista en forma dunha ou varias canles que atravesan o seu tecido urbano. Estes lugares tamén fomentan as tradicións locais a base de manter á súa poboación orixinal. E parece que o Goberno da China decidiu conservalas como testemuño etnolóxico do pasado do país.
A páxina de China Highlights pode axudar a facerse unha boa idea sobre esta oferta e a organizar unha escapada. Facilita datos sobre os tempos de viaxe dende Shanghai, Suzhou ou Hangzhou, a duración ideal da estadía e, incluso, atrévese a dar unha puntuación sobre o interese xeral da visita. A ter en conta que a finais do ano 2017 abrirase a nova liña de metro laranxa escura 17 que parte da estación de tren Hongqiao y percorre 35 quilómetros ata a estación de Oriental Land. A penúltima parada será na estación da aldea de Zhujiajiao que, deste xeito, converterase na Aldea de Auga máis accesible dende Shanghai. Eu visiteina na anterior viaxe e, malia que masificada, é unha escapada non falta de interese.
www.chinahighlights.com/shanghai/nearby-ancient-town.htm
Eliminadas da listaxe Zhujiajao e Qibao (esta última por ser case unha barriada de Shanghai con tan só un par de canles) decídome por Zhouzhuang. Malia a ser a peor puntuada na páxina de China Highlights é a máis facilmente accesible e os tempos de viaxe permítenme gozar á miña volta dunha tarde libre en Shanghai. As estatísticas falan de aproximadamente un millón de visitantes por ano.
Non é doado atopar información axeitada de como chegar ata aquí e despois de consultar varias webs chego á conclusión de que a mellor opción pasa por apuntarme a unha excursión organizada polo Shanghai Tour Bus Center, un gran complexo de servizos turísticos a carón do Estadio Nacional. Esta empresa está especializada en circuítos por esta parte da China, entre eles varios ás Aldeas de Auga. O primeiro problema é que as reservas on line ou vía telefónica tan só poden ser feitas en chinés, polo que non queda máis remedio que achegarse persoalmente a comprar os billetes.
Para non ter que acercarme dúas veces ata as súas oficinas, arrisco a ir o mesmo día pero con tempo dabondo antes da hora da saída, xa que o persoal non sempre acostuma falar inglés. A miña previsión éme moi útil, a única saída para Zhouzhuang en todo o día é media hora antes do publicado na web. O autobús leva pouca xente e eu son o único estranxeiro. As explicacións do chofer-guía son exclusivamente en chinés e, malia a boa intención do meu interlocutor, só consigo entender que serei recollido catro horas máis tarde no mesmo punto en que descendo do bus. Por certo, ninguén máis baixa comigo e o resto do grupo diríxese a dar unha volta en barca polas canles da aldea. O prezo da excursión é de 150 yuans, case 20 €, prezo moi razoable se temos en conta que inclúe a entrada á zona histórica e peonil, que de seu xa costaría 100 yuans.
A historia de Zhouzhuang remóntase a 2.500 anos e a aldea actual foi erixida no ano 1086. Hai ata catorce pontes datadas nas dinastías Yuan, Ming e Quing. Vivendas que van dende a segunda metade do século XIV ata comezos do s. XX. Máis de cen casas con patios interiores de estilos Ming e Quing, entre elas as Residencias da Familia Zhang e da Familia Shen que permiten entender a forma de vida das clases adiñeiradas e poderosas. Son varios os edificios nobres, residencias, templos e museos a visitar coa entrada xeral xa paga. Pero o realmente agradable desta visita é deixarse levar, pasear polas canles e observar as barcas que, cheas de visitante,s non paran de ir dun lugar a outro. Zhouzhuang é realmente bonita e as moreas de xente un problema menor. Cun pouco de planificación tamén dá tempo para visitar os barrios populares onde aínda habitan os aproximadamente 1.000 poboadores orixinais.
O mellor da visita é poder abstraerse de todos os que nos rodean e deterse a recrear como debeu ser a vida diaria hai centos de anos, vida tranquila e sen o barullo das cidades actuais. Unha vida entre ríos e canles onde as barcas eran o principal medio de transporte.
Catro horas non é moito pero neste caso dá para visitar este interesante conxunto de ladrillo e auga que nalgunhas guías aparece como a aldea “acuática” máis popular de China. É luns e Zhouzhuang está ateigada de visitantes de evidente maioría chinesa. Crúzome cunha parella occidental e coido que somos os únicos estranxeiros nese día. Practicamente todos os baixos da aldea están dedicados a usos comerciais, moitos souvenirs, algunhas tendas de artesanía e moito servizo de restauración. Nin unha soa casa de cambio ou oficina bancaria. Aquí hai que vir con cartos dabondo en efectivo. A miña tarxeta de crédito tampouco é aceptada en case ningún establecemento da aldea.
Deixo Zhouzhuang pensando en seguir coñecendo outras destas atractivas Aldeas de Auga nas miñas próximas viaxes polo país.