É importante comezar coa seguinte aclaración: “a proposta de viaxe que relato a continuación non é unha ruta turística frecuente”.
Máis ben é a consecuencia dunhas xornadas de traballo e duns días libres polo medio durante os que visitei lugares de interese que non supuxesen un desvío importante do meu itinerario laboral. Un viaxeiro que visite Polonia por primeira vez poderá seleccionar algún destes lugares para combinalos con outros destinos dentro do país.
Desta vez toca traballo en Opole e Lublin con algún día libre entre ambas as dúas cidades. Nos once días que vou pasar en Polonia visitarei seis cidades, un santuario católico de moita devoción e a área natural mellor coidada do país.