Zakopane e as montañas polacas

Carruaxes que levan a turistas dende Zakopane ata o teleférico de Kasprowy Wierch

Senda dos cumios en Kasprowy Wierch

Estou de percorrido por Polonia, dende Opole a Lublin pasando por varias cidades como Katowice, Zamość e o Santuario católico de Częstochowa (ver máis información no link cidades polacas). No medio de tanto destino urbano decido facer unha escapada ao Parque Nacional Tatra, unha das principais áreas naturais de Polonia e Eslovaquia. O meu destino é a pequena cidade de Zakopane, sede da parte polaca do Parque Nacional e base perfecta para facer escapadas aos Montes Tatras e a outros atractivos da rexión.

No meu camiño de Opole a Tarnów desvíome da autoestrada á altura de Cracovia para coller pola vía S7 en dirección sur ata Zakopane, situada nun apéndice do territorio polaco que penetra en Eslovaquia. A estrada xa está desdobrada como autovía en case a metade do seu percorrido, pero as numerosas curvas, as limitacións de velocidade e un tráfico endiañado fan que tarde case dúas horas dende o desvío de Cracovia. Nos tramos sen autovía vense  obras bastante adiantadas polo que supoño que o lector deste post que viaxe nun futuro próximo a esta rexión poderá facelo máis comodamente do que eu o fixen. De calquera xeito haberá que ter moita precaución polos numerosos pasos de peóns que cruzan a vía e pola incorporación continua de vehículos.

Viaxo nun coche de aluguer pero outra opción podería ser voar ata o aeroporto máis próximo (Cracovia) e dende alí en tren ou autobús ata Zakopane.

De camiño, despois de pasar a aldea Chabówka e algúns quilómetros antes da cidade de Nowy Targ, paga a pena parar na igrexa da Santa Cruz (Kościół Św. Krzyža). O edifico de madeira é unha estrutura illada na beira da autovía que conta cunha área de aparcamento moi ampla ao seu carón. A igrexa está feita con grandes troncos e hai varias lendas en torno á súa construción. Orixinaria do século XVIII, foi levantada sobre o lugar dunha capela anterior e parcialmente reconstruída despois dun incendio provocado en 1994.

Interior e exterior da Igrexa da Santa Cruz

A Igrexa da Santa Cruz é unha introdución perfecta á Ruta da Arquitectura de Madeira do sur da rexión de Małopolska. Un itinerario con más de 1.500 km e 250 construcións e grupos de edificios. Entre elas as igrexas de Binarowa, Dębno Podhalańskie, Lipnica Murowana e Sękowa, declaradas Patrimonio Mundial da Humanidade pola Unesco. Małopolska é a parte de Polonia que mellor soubo conservar as antigas construcións en madeira ao que hai que engadir o feito de que normalmente estas están  situadas nunha bela contorna de verdes montañas. Cada un dos recursos que forman parte desta ruta están adecuadamente sinalizados e permanecen abertos para a súa visita dende maio a setembro. Quen non teña a oportunidade de dedicar tempo a este longo percorrido atopará ata 50 bonitos exemplos desta arte popular en Zakopane e arredores.

Letreiro xigante no Parque Równia Krupowa, no centro da cidade

Zakopane xorde como centro agrícola e gandeiro a finais do século XVI pero non acada a condición de “Estación Climática” ata o ano 1886 e grazas aos benéficos atributos medicinais do seu clima. Pouco a pouco o seu número de visitantes foi medrando, sobre todo a partir da inauguración da súa conexión por ferrocarril no ano 1889. Aquí viviron ou pasaron tempadas moitos persoeiros da cultura polaca (incluído algún Premio Nobel) entre os que destaca o Papa Xoán Paulo II, tanto na súa xuventude como máis tarde xa convertido en representante máximo da Igrexa Católica.

Zakopane é tamén coñecida como a “Capital de Inverno de Polonia”. A pequena cidade, habitada por uns 30.000 habitantes que se espallan aos pés dos Montes Tratas, non deixa de recibir numerosos visitantes que veñen en busca dos seus balnearios, da súa paisaxe e do seu aire sen contaminar. Durante a miña estadía vexo numerosísimos colectivos de escolares, grupos organizados de turistas polacos e visitantes estranxeiros, estes últimos preferentemente de Eslovaquia. Zakopane funciona ao longo de todo o ano, no inverno como principal centro de esquí do país e durante o resto de meses como un destino para amantes das sendas e dos servizos termais. Da propia cidade saen numerosos remontes para subir os esquiadores en tempo de neve.

Gran parte deste éxito é debido aos Montes Tatras, o parque nacional de paisaxes alpinas creado no ano 1954. Os Tatras son compartidos con Eslovaquia, país ao que lle corresponde un 78% da súa superficie. Eslovaquia tamén acolle o pico máis alto do macizo cunha altura de 2.655 m que baixa unha chisca, ata os 2.499 m, en territorio polaco.

Malia ser un territorio tres veces menor, o parque nacional ofrece 250 km de rutas de sendeirismo na súa vertente polaca. As diferentes sendas comezan mesmo nas aforas da cidade e percorren os cumios rochosos do Alto Tatras e as abas máis redondeadas do Tatra Occidental.

Outra razón para visitar Zakopane son as abundantes mostras de arquitectura popular en madeira. O “culpable” foi o pintor, escritor, arquitecto e teórico da arte Stanislaw Witkiewicz que viviu nesta cidade na última década do século XIX. Foi el quen, fascinado pola arte montañesa, popularizou o chamado “estilo Zakopane”, unha fusión entre a arquitectura popular e elementos do estilo Secesión (variante austríaca do Modernismo). Os edificios levantados segundo a estética de Witkiewicz apóianse nunha base de pedras talladas e teñen os tellados en declive e con tellas de madeira. Hai tamén abondosos traballados de cicelado en cada unha destas construcións. Hoxe, este estilo con selo propio está sendo levado á súa máxima expresión, de xeito que é posible ver construcións en madeira moi antigas mesturadas cunha morea de edificios recentes (hoteis, restaurantes e vivendas).

Imaxes de edificios antigos e novos en Zakopane

Dentro do conxunto urbano poden visitarse bos exemplos da arquitectura en madeira como son a Vila Koliba, que funciona coma Museo do Estilo Zakopane, e a Capela Stary Kościólek (Pequena Vella Igrexa), o edificio máis antigo en madeira da cidade. A carón da capela hai un curioso cemiterio (Pęksopwy Brzyzek) no que están enterrados as persoas importantes de Zakopane.

Vila Koliba e Museo do Estilo Zakopane

Capela Stary Kościólek

Cemiterio Pęksopwy Brzyzek

Ambas as construcións están na mesma rúa (Kościeliska) que o Santuario da Virxe de Fátima, unha obra recente levantada en agradecemento a que o Papa Xoán Paulo II saíse con ben do intento de asasinato que tivo lugar na Praza de San Pedro de Roma o 13 de maio de 1981. Foi o propio Papa quen consagrou esta igrexa e celebrou a primeira misa en 1997.

Outra visita interesante para realizar, xa nas aforas da cidade, é a Capela do Sagrado Corazón de Xesús en Jaszczurówka, unha pequena igrexa construía entre 1904 e 1908. Foi deseñada polo propio Stanislaw Witkiewicz e considérase un típico exemplo do estilo Zakopane.

Capela do Sagrado Corazón de Xesús en Jaszczurówka

Na cidade hai unha oferta de dez galerías e museos entre os que destaca o Museo dos Tatra, indispensable para poder coñecer a flora, fauna, xeoloxía e forma de vida dos habitantes das montañas. O museo está na rúa Krupówki, a rúa peonil na que abren as súas portas moitas tendas de souvenirs e artesanía e na que se poden atopar os enxebres carriños de venda do tradicional queixo Zakopane. Pola noite son numerosos os restaurantes de decoración tradicional amenizados con bandas de música polaca en directo.

Museo dos Tatra

Imaxes da rúa Krupówki

Animación nocturna na rúa Krupówki

Ao final da rúa Kropówki hai unha grande área de venda de souvenirs. Este é o lugar para coller o funicular e subir aos 1.123 m do Monte Gubałówka, un bo miradoiro sobre as montañas, o val e a propia Zakopane. A natureza está aí mesmo, a cinco minutos a pé do centro da cidade. Gubałówka é unha atracción turística moi popular e a súa excesiva proximidade a Zakopane determina que sempre haxa un exceso de visitantes.

Interior e exterior da Igrexa dos Príncipes de Salwarotianie

A mellor opción para os que desexen ver as montañas de preto e, coma eu, non sexan camiñantes profesionais é subir ata o cumio de Kasprowy Wierch, xa moi preto do borde eslovaco. No momento da miña visita está pechada a estrada que leva ata o teleférico polo que debo deixar o coche no aparcadoiro máis próximo e camiñar tres quilómetros ata esas instalacións. Pero comprobo que si deixan pasar a taxis con clientes e a carruaxes tiradas por cabalos para usos turísticos. No caso de ter tempo abondo tamén se pode chegar a pé dende Zakopane aínda que é mellor gardar os folgos para camiñar pola montaña.

O teleférico deixa ao viaxeiro no corazón dos Tatras, a 1.987 m de altitude, a cambio de 63 eslotis (15€) para os traxectos de ida e volta. Dende arriba hai unha estupenda vista panorámica do macizo montañoso.  Unha cafetaría permite refrescarse e incluso xantar por un prezo moi razoable. Dende aquí  saen varías sendas como a que percorre os cumios da parte polaca. No inverno hai moita demanda de esquiadores que utilizan Kasprowy Wierch como punto de partida para o descenso cara aos vales circundantes.

Diversas imaxes da subida en teleférico a Kasprowy Wierch

Paseo pola senda dos cumios en Kasprowy Wierch

Estas son tan só algunhas das propostas, as que teño oportunidade de realizar en dúas xornadas. Pero Zakopane é un destino con moitas ofertas de turismo activo que de seguro engaiolarán aos amantes da natureza. A rexión de Zakopane é suficientemente atractiva para ser incluída en calquera itinerario por Polonia. A estadía mínima debería ser de dous días aos que ir engadindo o tempo preciso no caso de querer visitar outros edificios da Ruta da Arquitectura de Madeira, facer máis paseos pola montañas ou gozar coa neve nos meses de inverno.

O eixo formado pola cidade de Cracovia e os Montes Tatras aderezado coa Ruta da Arquitectura de Madeira do sur da rexión de Małopolska é un destino turístico de seu que combina perfectamente natureza e mundo rural cunha das cidades máis monumentais de Polonia.

Ao saír de Zakopane e xa de camiño a Tarnów desvíome vinte quilómetros cara á fronteira eslovaca para visitar a aldea de Chochołów, unha das mellores mostras da arquitectura en madeira de finais do século XVIII e comezos do XIX nesta rexión. Chochołów é tamén o prototipo das poboacións “dunha única estrada”, a vía principal á que dan o laterais de case todas as súas vivendas. As casas están moi ben conservadas e deben ser sometidas a un proceso de mantemento cada primavera cando os seus habitantes limpan as fachadas con auga e xabón. As guías de viaxe aconsellan achegarse ata a casa co número 24 xa que a súa parede dianteira foi levantadas cun só e inmenso tronco de abeto, polo que é coñecida como “a choza dun só abeto”. En Chochołów hai un pequeno museo etnográfico pero está pechado no momento da miña visita.

Casas de madeira en Chochołów

Aproveito que Chochołów está tan preto da fronteira eslovaca que decido entrar nas dúas primeiras aldeas deste país: Suchá Hora e Hladovka. Paso pola vellas e inutilizadas instalacións aduaneiras a dous quilómetros de Chochołów  e, como corresponde a dous países da Unión Europea, xa non hai ningún trámite fronteirizo. As dúas aldeas prescinden totalmente das bonitas construción en madeira do país veciño e tampouco vexo ningún edificio interesante para a súa visita. Dende o coche percibo unha forma de vida máis modesta e un nivel económico inferior ao do lado polaco.

Antigo paso fronteirizo entre Polonia e Eslovaquia

Aldea de Suchá Hora

Aldea de Hladovka

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.