É importante comezar coa seguinte aclaración: “a proposta de viaxe que relato a continuación non é unha ruta turística frecuente”.
Máis ben é a consecuencia dunhas xornadas de traballo e duns días libres polo medio durante os que visitei lugares de interese que non supuxesen un desvío importante do meu itinerario laboral. Un viaxeiro que visite Polonia por primeira vez poderá seleccionar algún destes lugares para combinalos con outros destinos dentro do país.
Desta vez toca traballo en Opole e Lublin con algún día libre entre ambas as dúas cidades. Nos once días que vou pasar en Polonia visitarei seis cidades, un santuario católico de moita devoción e a área natural mellor coidada do país.
As cidades de Opole, Tarnów, Zamość e Lublin son urbes de segundo nivel pero moi agradables en xeral (e non faltas de atractivos!). Katowice foi o principal polo industrial do país durante o período comunista, unha cidade moi deteriorada no pasado pero na que están a florecer arriscadas arquitecturas contemporáneas. Czestochowa preside o exacerbado catolicismo polaco como santuario con maior poder de convocatoria de todo Polonia. E Zakopane é a capital da alta montaña, dos Montes Tatras, nun país no que apenas hai macizos montañosos.
A miña aterraxe é na cidade de Wrocław (Breslavia en castelán), a Capital Europea da Cultura do ano 2006. Wrocław está ben comunicada por avión con Frankfurt. As novas conexións da compañía Lufthansa que unen tres veces á semana Santiago de Compostela e Frankfurt fan deste último aeroporto un punto intermedio perfecto para as conexións con outras partes do mundo. Wroclaw ofrece tamén boas conexións por tren coa cidade de Opole da que queda moi preto.
Para información sobre Wrocław aconsello consultar o post anterior Wroclaw
OPOLE
O tempo de viaxe entre Wrocław e Opole é duns 50 minutos nos trens rápidos ICC dos ferrocarrís polacos. O meu primeiro destino é unha antiga cidade alemá que pasou a Polonia despois da Segunda Guerra Mundial. É, tamén, a capital do voivodato (rexión) do mesmo nome e a capital histórica da Alta Silesia. Opole ten un tamaño medio con aproximadamente 130.000 habitantes aínda que aparenta bastante menos. A urbe non é monumental pero si moi agradable para pasar unhas poucas horas.
Os puntos de interese a visitar están moi preto da Praza do Mercado (Rynek), a praza principal da cidade na que se ergue a Casa do Concello. Malia que moitas das bonitas casas de comerciantes que existían foron derruídas, a praza segue a manter a súa harmonía e certo interese. No ano 1934 a torre do concello esborrallouse para ser reconstruída dous anos despois seguindo a súa arquitectura orixinal que, por certo, fai lembrar ao Palazzo Vechio de Florencia.
Moi preto da praza érguense os tres principais edificios relixiosos da cidade. O máis salientable é a Catedral da Santa Cruz, preto dun dos panos de ladrillo que se conservan das antigas murallas medievais e famosa por albergar unha pequena reliquia do Lignum Crucis ou madeiro utilizado polos romanos para crucificar a Cristo. Os outros dous templos a destacar son o conxunto formado pola Igrexa dos Franciscanos e a Capela de Santa Ana cos sartegos dos Duques de Opole, e a de Nosa Señora das Dores (ou das Angustias?), ao pé do outeiro máis alto da cidade. Nese mesmo outeiro tamén podemos ver o edificio da Universidade e o novo Centro Comercial Solaris.
A visita á cidade debe completarse cun paseo pola chamada Venecia de Opole, un par de rúas con restaurantes á beira dunha canle do río Oder, e coa Torre Piast, a única torre fortificada que permanece do desaparecido castelo medieval.
A oferta de museos céntrase no Museo de Silesia, con restos arqueolóxicos e unha importante colección de pintura rexional, e na Casa de Veciñanza (Tenement House). A Casa de Veciñanza, un conventillo ou inquilinato, é un lugar curioso e pouco habitual noutros destinos turísticos. A visita permite coñecer a forma de vida da burguesía local e como foi evolucionando ao longo dos anos. Moi curiosos os retretes comunais situados nas escaleiras que van aos andares superiores. A Casa da Veciñanza está situada a moi escasa distancia do Museo de Silesia.
Opole é a cidade que vén celebrando o Festival Nacional da Canción Polaca (o primeiro do país por importancia) durante os últimos 54 anos. Por esa razón é coñecida como a Capital Polaca da Cultura e da Música Pop. De feito, na Praza do Mercado hai un paseo coas estrelas dos principais músicos do país. Este ano, o mundo cultural polaco, e o de Opole en concreto, anda bastante revolto. Seica o Ministro de Cultura, seguindo a tónica delirante do actual Goberno Polaco, prohibiu a actuación dunha das participantes, a cantante Kayah, “por ser contraria ao réxime” e ter participado en protestas antigobernamentais. A reacción do resto de participantes e invitados é de tampouco colaborar neste evento. Ademais dun fito na historia do Festival, a súa cancelación suporía un evidente prexuízo económico para a cidade. Á hora de escribir este post non consigo información para saber se o Festival foi finalmente celebrado ou non.
Para completar a visita a Opole hai que viaxar ás aforas onde se atopa un museo a ceo aberto ou ecomuseo que recolle cincuenta edificios representativos da arquitectura rural polaca dos séculos XVIII e XIX.
A vida nocturna de Opole é tan tranquila e os trens a Wrocław tan frecuentes que decido baixar a tomar unha copa a esta segunda cidade na noite do sábado. Son unicamente doce euros pola ida e volta pero hai que ter en conta que o último tren cara a Opole sae un pouco antes da unha da mañá. Ou haberá que esperar ao seguinte xa preto das cinco e media.
Opole non é un destino turístico de seu pero si unha boa opción para facer unha curta paraxe no camiño entre dous grandes atractivos turísticos polacos como son as cidades de Wrocław e Kraków (Cracovia).
CZĘSTOCHOWA (O SANTUARIO)
A miña ruta lévame ata esta urbe con case 250.000 habitantes que resume a súa fama internacional no Santuario de Nosa Señora de Częstochowa e no mosteiro paulino de Jasna Góra (O Monte Dourado). A viaxe en coche dende Opole dura máis dunha hora por mor dos numerosos camións que van retendo o tráfico. A paisaxe é agradable e a estrada foi construída recentemente cun mimo que para si quererían moitas estradas españolas e galegas.
Viaxar por Polonia permite constatar que, a simple vista, os cartos da Unión Europea están a ser ben utilizados. Aeroportos, estradas, ferrocarrís, auditorios, museos, rehabilitación urbana …, a listaxe é longa e os efectos positivos están por todas partes.
Vindo de Opole, a entrada en Częstochowa é bastante fea ata que se chega ao propio santuario. Despois, dende o alto da torre principal pódese contemplar unha ampla chaira na que sobresaen chemineas industriais e grandes bloques de vivendas máis propios dunha cidade industrial comunista que dun centro relixioso de peregrinacións.
Porque esa é a principal razón de ser de Częstochowa. O seu santuario é visitado por 5.000.000 de peregrinos que cada ano acoden a render devoción á icona da Madona Negra (Nosa Señora de Częstochowa), para pedir favores ou agradecerlle os xa feitos. A orixe deste rito está nunha imaxe de iconografía bizantina que representa á Nai de Deus co Neno Xesús no seu colo. Segundo a lenda, o cadro chegou de Rusia no século XIV e foi entregado aos pais paulinos do mosteiro de Jasna Góra. Máis tarde, no S. XV, tivo que ser restaurada despois de que uns ladróns fixeran catro cortes cruzados que estragaron a pintura. Malia a súa recuperación, nese intre decidiuse deixar as dúas rabuñaduras que aparecen no rostro coa intención de amosar a profanación que tivo lugar en 1430. A defensa heroica que uns poucos polacos fixeron dende o mosteiro en 1655 fronte a unha invasión sueca moi superior en número, levou a que o Rei polaco proclamase á Virxe de Jasna Góra como a “Raíña de Polonia”.
O tamaño da pintura é relativamente grande (121´8 x 81´3 cm) e os visitantes pódense achegar ata ela despois de facer a pertinente cola.
A entrada a todo o recinto, incluído o aparcadoiro, é gratuíta aínda que se espera a cambio a entrega dun donativo voluntario. Ademais de render culto á imaxe sagrada tamén se pode visitar a basílica, unhas poucas dependencias do mosteiro e un par de exposicións de relativo interese nos edificios adxacentes. Detrás do edificio da basílica está o Tesouro que fai lembrar algúns dos nosos museos sacros ou museos de catedral. E ninguén debe irse sen subir a torre e gozar dunha boa panorámica do complexo monástico e da cidade.
É posible que o interese de Częstochowa non vaia máis aló do puramente relixioso pero a relixión en Polonia é, hoxe por hoxe, unha parte importantísima da súa idiosincrasia e da súa realidade como nación. Posiblemente non teña que entrar nun itinerario polo país a non ser para aqueles visitantes que teñan certas inquedanzas espirituais ou queiran facer o tour de Polonia ao completo.
Eu, pola miña parte, e malia os numerosos peregrinos e mozos e mozas ataviados con hábitos brancos non son capaz de percibir ningunha espiritualidade especial, ningunha atmosfera que me traslade alén do material. Pero tamén poden ser limitacións propias dun non crente coma min.
KATOWICE
Despois do xantar paso unha hora conducindo para percorrer os 74 km que separan o Santuario de Częstochowa da cidade de Katowice.
A mellor definición das calidades turísticas da cidade na que vou pasar a noite atópoa nunha publicación turística ao chegar ao cuarto do meu hotel: “Katowice non pode ser descrita como un destino turístico nin aplicando a imaxinación máis positiva. Para nada atoparás castelos ou pazos, nin ningún barrio bohemio…, Uff, non, tampouco ruínas antigas. Nin un centro histórico. Pero o que si descubrirás é unha grande oferta de turismo industrial que che levará directamente ao subsolo e a través de espazos en factorías abandonadas do que foi unha vez o corazón da Revolución Industrial de Polonia”. E eu non podería describilo mellor!
A fama precede a Katowice e o que vexo durante a miña visita permíteme imaxinar perfectamente o dura e cutre que debeu ser esta cidade durante os anos de comunismo.
Chego en coche ao meu hotel (Novotel) e dáme a impresión de estar no típico cruzamento de autoestradas propio das aforas dunha cidade, cando a realidade é que quedo a menos de dez minutos a pé da súa parte histórica. Katowice é así, moi dispersa. A cidade ten unha poboación de aproximadamente 350.000 habitantes pero, ao mesmo tempo, está arrodeada por moitas outras poboacións ata formar a primeira área metropolitana de Polonia con preto de 3.000.000 de persoas. Ás veces os límites entre as diferentes localidades é confuso e custa saber onde comeza unha e remata a outra.
A zona de paseo é bastante pequena, formada por unha rúa peonil (Mariacka) paralela á vía do tren na que se abren terrazas bastante animadas pola noite, algunha igrexa sen moito atractivo e unha mestura de edificios nobres con outros de factura comunista. En xeral, a contorna está descoidada e moitos edificios aínda manteñen esa cor negra producida pola contaminación e a falla de mantemento. O paseo tamén debe levarnos polo principal eixo da cidade: a rúa Warszawska (paralela á rúa peonil), e pola súa praza máis importante, a Praza do Mercado (Rynek), onde se erguen o Teatro de Silesia e a nova Casa do Concello.
Ata aquí a parte negativa de Katowice que non é pouca. Pero calquera visitante, móvase por onde se mova, notará de seguido o impresionante proceso de renovación e rehabilitación do que está gozando esta cidade. Modernas construcións por todas partes para dar forma a unha Katowice do século vinte e un.
Os interesados en arquitectura senlleira e contemporánea deberán visitar o novo Museo de Silesia, unha paisaxe postindustrial que combina as vellas instalacións fabrís con modernos cubos de cristal areado que dan acceso ás dependencias soterradas do museo. A mellor referencia visual é a gran torre de extracción da antiga mina. O complexo esta dedicado principalmente á pintura polaca e, sobre todo, á da rexión de Silesia da que é capital Katowice.
A carón do museo érguense outras novas referencias arquitectónicas como son o Centro Internacional de Congresos MCK e o seu orixinal teito de herba, o edificio en ladrillo vermello NOSPR, sede da Orquestra da Radio Nacional Polaca, e o Pavillón Spodek. Este último, aínda que máis antigo (1971), é unha das obras máis controvertidas de Katowice por asemellar un prato voante feito en formigón.
Outras dúas construcións que non faltarían nun catálogo de modernidades serían o Rondo Sztuki, no medio da rotonda que dá acceso subterráneo aos edificios anteriores, e, un pouco máis lonxe, o Centro Comercial Galeria Katowicka.
Katowice, pode que non sexa a moza máis bela do baile pero é unha cidade que conta con pequenas sorpresas para os amantes das arquitecturas estrañas e para os interesados nos novos usos das instalacións industriais.
ZAKOPANE
Despois de case unha xornada en Katowice sigo camiño cara ao sur para internarme na parte máis meridional do país, na rexión de Małopolska (Pequena Polonia), e unha das poucas zonas de montaña desta inmensa chaira chamada Polonia.
Debido ao interese desta encantadora zona de montaña fago entrada nun novo post que podedes ler neste link: Zakopane
TARNÓW
Paso dous días na rexión dos Montes Tatras e na súa capital, Zakopane, antes de seguir cara ao meu novo destino. Durante o meu percorrido ata Lublin de 425 quilómetros e case seis horas de condución fago unha paraxe dun par de horas en Tarnów, unha pequena cidade a 80 quilómetros de Cracovia e a segunda máis poboada da rexión de Małopolska. Tarnów asemella unha cidade de provincias que, como moitas outras cidades polacas, vénse beneficiando dun importante proceso de renovación urbana.
A súa historia comeza no século XII para se converter nun importante asentamento xudeu tres séculos máis tarde. Os xudeus chegaron a ser ata o 50% da súa poboación antes da chegada dos nazis. As primeiras vítimas do campo de concentración de Auschwitz foron 728 polacos xudeus procedentes desta cidade. E outras 10.000 persoas, a cuarta parte do seu gueto, foron executadas ou deportadas ao campo de exterminio de Belźec, non lonxe de Tarnów.
Os nazis non só acabaron con moitas vidas senón que tamén destruíron unha gran parte do seu legado patrimonial como testemuñan as ruínas das sinagoga construída no século XVII. Non deixa de ser curioso que a principal evidencia do pasado xudeu da cidade sexa o cemiterio, un dos máis antigos e grandes de Polonia. O cemiterio está a dez minutos a pé do centro histórico e convenientemente sinalizado para chegar ata el.
Para os que non teñan un interese específico en xuderías e cemiterios, unha parada dun par de horas é suficiente. A visita debe pasar pola rúa peonil Walowa que segue as trazas das antigas murallas e conduce ata o centro histórico. A parte máis interesante de Tarnów está nun pequeno outeiro por riba da cidade e arredor da Praza do Mercado (Rynek). Nesta última é onde se erguen a Casa do Concello e as vistosas vivendas renacentistas dos mercadores locais. Moi próximo ao Rynek están os exiguos restos da sinagoga e a Catedral neogótica da Natividade da Virxe María. O templo católico está construído en ladrillo vermello e no seu exterior, ao igual que en moitas outras cidades polacas, destaca unha escultura en gran formato do Papa Xoán Paulo II (que para iso era polaco).
Tomar unha cervexa nalgunha das terrazas do Rynek ou dar un paseo polo Mercado de Abastos é unha boa opción para rematar a visita a Tarnów.
Por outra banda, os folletos turísticos falan do seu Museo Etnográfico de Tarnów como o único que conta cunha exposición permanente sobre a cultura e a historia do Pobo Xitano en toda Europa.
LUBLIN
Sigo camiño e unha vez pasada a cidade de Rzeszów remata a magnífica autoestrada que percorre o sur de Polonia. Aquí teño que mudar á estrada nacional S19 con aínda 177 km por diante ata Lublin.
Lublin é a principal cidade da franxa oriental polaca, relativamente próxima á tripla fronteira con Bielorrusia e Ucraína. A miña estadía en Lublin será de catro días nos que terei tempo de descubrir tanto o encantador conxunto urbano da vella Lublin como a súa intranscendente parte nova. A cidade é moi extensa para unha poboación de 350.000 habitantes, predominando os edificios baixos entre amplas zonas axardinadas. Como xa é habitual nas urbes polacas, a vida parece ter xirado cara aos macro centros comerciais de nova xeración que se abren na periferia. Polo que respecta ao centro da cidade, o movemento nas rúas concéntrase na súa zona vella e na Praza Litewski, así como na rúa peonil Krakowskie Przedmieście que comunica ambos lugares.
Para as actividades ao aire libre está o agradable lago Zemborzycki, a moi escasos quilómetros ao sur da cidade e accesible en autobús urbano.
Lublin ten xogado un papel importante nas relacións entre Polonia e Lituania e aquí asinouse, na segunda metade do século XVI, a Unión de Lublin que daría lugar á República das Dúas Nacións.
Antes da II Guerra Mundial, a cidade acollía a comunidade xudía máis numerosa de Polonia e a súa escola talmúdica Chachmei Lublin Yeshiva, activa ata o ano 1939, estaba considera como a mellor do mundo. O gueto de Lublin foi totalmente arrasado no ano 1942 e a maioría dos seus habitantes morreron no campo de exterminio de Belźec ou no campo de concentración de Majdanek. Este último recinto foi reconvertido en museo estatal e pode ser visitado no sueste da cidade, moi preto do cemiterio municipal do mesmo nome. Majdanek foi o lugar de exterminio de 230.000 persoas procedentes de 26 países diferentes. O museo trata de conservar a memoria dos aquí asasinados a través da visita ás dependencias do campo, incluídos o crematorio e a cámara de gas, ademais dun memorial e un mausoleo coas cinsas das vítimas.
Malia os séculos de decadencia, Lublin amosa un desenvolvemento bastante superior ao esperable no límite oriental da Unión Europea. Pero ao mesmo tempo, o seu casco vello é un espazo perfecto para ver a diferencia entre a Polonia anterior á UE e a realidade actual do país. Nel conviven as rúas principais cos niveis de rehabilitación de calquera outra cidade centroeuropea e algunhas calellas perpendiculares con manifestacións evidentes do estado de abandono da etapa final do comunismo en Polonia.
Pero sen dúbida, o principal atractivo de Lublin é ese pequeno labirinto de rúas antigas na proximidade do castelo. O punto de partida debe ser a Praza Litewski cuxa rehabilitación está a punto de ser inaugurada no momento da visita. Dende aquí hai que seguir pola rúa peonil de Krakowskie Przedmieście para atravesar a antiga zona amurallada a través das rúas Bramowa e as prazas Rynek e Po Farze e saír de novo para subir ao outeiro onde se ergue o Castelo de Lublin. Do edificio do castelo destacan a torre grande e a Capela da Santa Trindade cos frescos de estilo ruso-bizantino feitos para conmemorar a unión de Polonia e Lituania.

Diversas imaxes da rúa peonil de Krakowskie Przedmieście. Na foto superior Igrexa do Espíritu Santo, nova Casa do Concello e, ao fondo, Porta de Cracovia
A parte vella de Lublin invita a perderse e a descubrir outras prazas e rúas na proximidade do Rynek. Xa na paseo de ronda, ao final da rúa Królewska, está a Arquicatedral da cidade de estilo barroco-renacentista.
Ao noroeste de Lublin, preto do Xardín Botánico, hai un museo ao aire libre (Muzeums Wsi Lubelskiej), que, ao estilo do de Opole, trata de transmitir a forma de vida rural desta provincia polaca. Está aberto durante todo o ano.
Os interesados en arquitecturas contemporáneas gozarán co atrevido deseño do novo Centro polo Encontro entre Culturas en Lublin na rúa Aleje Racławickie fronte ao Xardín Saski. Aquí teñen lugar as principais exposicións da cidade.
Hoxe é sábado 3 de xuño pola tarde e toda a poboación de Lublin sae ás rúas para celebrar a Noite da Cultura, a festa grande de Lublin con múltiples concertos e atrevidos montaxes artísticos espallados por toda a zona vella. A xente vai de montaxe en montaxe e permanece en pé ata altas horas da madrugada. A bonita parte antiga de Lublin refulxe especialmente con estas creativas e imaxinativas producións. A noite está especialmente animada e fai lembrar as festas de rúa ás que tan acostumados estamos en España.
O outro gran momento de Lublin é o Carnaval Sztuk-Mistrzów que congrega a bailaríns, xograres, músicos e artistas de circo. A próxima cita será do 26 ao 29 de xullo do 2018. Coido que sería interesante facer coincidir a visita á cidade cun destes dous eventos. Descoñezo este último pero dende logo a Noite da Cultura é difícil de mellorar.
Sexa a Noite da Cultura ou o Carnaval, sempre é un bo momento para mesturarse con este pobo de xente honesta e agradable que está a vivir un dos mellores momentos da súa historia recente.
Dende Lublin hai dúas escapadas de ida e volta no día: a pequena e bonita vila de Kazimierz Dolny, a unha hora en autobús en dirección a Varsovia, e a diminuta cidade de Zamość, coñecida como a “Perla do Renacemento” e declarada Patrimonio Mundial da Humanidade pola Unesco. Eu decídome por esta última, as fotos aéreas que vexo nos folletos turísticos non poden ser máis suxestivas e convidan a coñecer este novo destino turístico xa preto da fronteira con Ucraína.
ZAMOŚĆ
As opcións para viaxar en transporte público de Lublin a Zamość son o coche de liña e o tren. Eu teño pouco tempo e na miña última tarde en Lublin decídome por un coche de aluguer. Demoro unha hora e media en chegar e aparco nos amplos aparcadoiros ao pé da muralla.
O mellor de Zamość é que a cidade antiga conserva o seu trazado orixinal de rúas e fortificacións e que o conxunto urbano mantense sen contaminar por construcións fóra de lugar. Por outra banda, a parte nova da cidade non ofrece nada interesante.
A súa orixe remóntase a finais do século XVI, en tempos da República das Dúas Nacións formada por Lituania e Polonia, como etapa na ruta comercial que comunicaba o centro e norte de Europa co Mar Negro e tamén como posto defensivo ante posibles ataques tártaros. O seu desenvolvemento chega no seguinte século cando a cidade é arrodeada por un sistema de bastións e murallas con forma heptagonal irregular para converterse na poboación mellor defendida do leste do país.
Eu chego en día de mercado e atopo a praza Rynek ateigada de postos de alimentación e animada con actuacións nun escenario especialmente montado para esta fin. Ademais, os 30 graos de temperatura fan que moreas de persoas gocen nas terrazas dos bares. Os postos de venda e os numerosos coches fan imposible sacar unha boa foto do centro da cidade.
En Zamość hai algúns edificios salientables como son o da Casa do Concello na Praza do Mercado (Rynek), a Academia, primeira escola privada que existiu no país, e a Catedral. Pero o que máis atrae a atención dos visitantes é o conxunto de casas renacentistas de cores rechamantes na mesma praza do Rynek. Tamén é moi recomendable dar un paseo pola ronda exterior do sistema de murallas defensivas.
Malia que todo o que vexo é agradable vou sentindo certa decepción ao longo da visita. Quizais por que é deses lugares que perderon a vida propia para se converter nun decorado no que os visitantes son os protagonistas. Quizais porque é un lugar excesivamente pequeno onde non vexo nada que non tivese visto noutras cidades polacas. Quizais porque os bonitos edificios renacentistas son tan só unha minoría e o resto da cidade bastante normaliña. Ou quizais porque a bonita foto aérea do conxunto non é perceptible unha vez estás a camiñar polas súas rúas
A verdade é que teño a sensación de que Zamość promete en fotografía máis do que ten que ofrecer na realidade. Non teño claro se paga a pena vir ata esta esquina de Polonia tan só por esta cidade pero o que si pode ser é unha parada perfecta entre Lublin e o veciño Parque Nacional de Roztocze famoso polas súas bonitas paisaxes.
A última hora da tarde regreso a Lublin e ao día seguinte salgo en tren cara a Varsovia onde collerei o meu voo de regreso a Galicia, de novo vía Frankfurt.