Singapur – O tigre feroz

O complexo cultural Esplanade – Teatros na Baía en primeiro plano e unha das zonas de rañaceos ao fondo

O Centro de Exposición e Feiras e o Hotel Marina Bay Sands na baía de Singapur

Hoxe comezamos “a viaxe” anual. Así, entre comiñas. Hai moitas escapadas ao longo do ano pero as vacacións que neste 2017 chegan en setembro, ou as que habitualmente chegan ao final do verán, son a escapada con maiúsculas. É cando temos tres ou catro semanas por diante, podemos viaxar con relaxo e hai tempo dabondo para coñecer un destino en profundidade.

Sabemos que temos unha filia con Asia. É evidente. Non podemos evitala cando Asia é un continente que dá moito por pouco. Ou polo menos, dá bastante máis que moitos destinos espallados polos outros catro continentes. Este ano deixamos dous países do Sueste Asiático, Filipinas e Indonesia, como finalistas para a nosa toma de decisión. Decidimos fiar a nosa resolución final á conveniencia das tarifas aéreas que puidésemos atopar. Malia á limitación de voos internacionais e a inexistencia de conexións intercontinentais, o aeroporto de Santiago é sempre a nosa primeira opción. Situado a escasa media hora do noso lugar de residencia resúltanos moi cómodo e, ademais, hai que tirar para os de casa.

Coincidimos no aeroporto de Múnic coa súa Festa da Cervexa e decidímolo celebrar como merece…

Buscamos opcións dende Santiago coa compañía aérea alemá Lufthansa que, dende hai uns poucos meses, ofrece unha conexión á semana entre Múnic e Santiago de Compostela e tres veces á semana dende Frankfurt. Agradecemos non ter que pasar por Madrid ou Barcelona e gústanos esa sensación de que a primeira escala sexa xa nun país estranxeiro. É como viaxar dende o minuto un.

Supoño que a política promocional de Lufthansa pasa por lanzar ao mercado prezos aquelados para deste xeito incentivar, como no caso de Santiago, as súas novas frecuencias, xa que os prezos que ofrece para voar no mes de setembro son realmente interesantes. Atopamos tarifas dende 590 € por unha ida a Singapur e unha volta dende Iacarta, a capital indonesia. Como estamos limitados polas vacacións de Bruno e queremos aproveitar o máximo de días posibles temos que contentarnos cunha tarifa de 715 euros para os mesmos traxectos. Ademais e polo día escollido de saída hai que sufrir a incomodidade de facer dúas paradas, en Múnic e Frankfurt. A volta esixe unicamente unha paraxe en Frankfurt. Lufthansa ofrece tarifas ata Iacarta e Denpasar (Bali) pero realmente os seus avións non pasan do aeroporto de Singapur onde enlazan con outros voos da súa compañía aliada Singapore Airlines.

O feito de ter que pasar si ou si por Singapur anímanos a aproveitar a escala para coñecer a súa oferta. Decidimos quedar tres noites na cidade; eu hai xa moitos anos que non piso por aquí, a última foi alá polo ano 1993 ou 94, e para Bruno é a súa primeira vez. Nunca me sentín moi atraído por este ensaio de convivencia entre pobos asiáticos que é Singapur. É verdade que a mestura de chineses (74%), malaios (13,5%) e indios (9,1%) outórgalle unha personalidade moi especial. Dende o punto de vista dun experimento etnográfico, Singapur é todo un caso de análise xa que esta mixtión de razas e linguas faise aparentemente a niveis de igualdade entre os diferentes pobos. Pero coido que tanta variedade tamén fai que o conxunto perda definición e carácter.

Aterramos no funcional aeroporto de Changi, elixido en numerosas ocasións coma “o mellor aeroporto do mundo”. É á primeira hora da tarde dun luns e temos dous días e medio por diante antes de seguir o noso camiño a Bali.

A viaxe foi relativamente cómoda grazas a calidade dos avións de Lufthansa e, sobre todo, ao trato excelente por parte do seu persoal de cabina. Non imos esquecer en moito tempo a simpática azafata que nos agasallou abundantemente con viño e gin tonic durante o traxecto de Múnic a Singapur. Voamos na parte posterior do piso superior do novo modelo A380 do fabricante Airbus, o avión comercial máis grande do mundo con catro motores e dous andares que poden acoller ata 850 pasaxeiros. A distancia entre cadeiras é axeitada e o programa de entretemento a bordo cumpre coas expectativas.

Airbus 380 da compañía Lufthansa antes de despegar de Frankfurt

Tren aéreo entre terminais do aeroporto de Changi

Singapur é un dos catro tigres ou dragóns asiáticos, aqueles países que como Corea do Sur ou Taiwán tiveron un desenvolvemento económico extraordinario nas últimas décadas do século pasado. Singapur con tan só 719 km² (dez veces máis pequena ca provincia de Ourense!!!!) conseguiu converterse na economía número trinta e sete do noso planeta. E os seus habitantes benefícianse da terceira renda per cápita do mundo tan só por detrás dos de Catar e Luxemburgo. E tal e como suxire o título deste entrada asemella ser o tigre máis feroz de todos. Durante a nosa estadía lemos un artigo en prensa que defende que os seus poboadores gozarán nun futuro próximo da renda máis elevada de todos os países do mundo. Parece algo incrible para unha cidade-estado, sen apenas territorio e cunha poboación de 5.600.000 persoas na que, ademais, non se evidencia a súa fonte de riqueza. Durante os nosos paseos e viaxes dende e ata o aeroporto non vemos nin grandes fábricas nin centros de produción evidentes.

Contrastes de Singapur

De que vive pois Singapur? Como unha pequena colonia británica puido converterse nun centro de negocios de tal poder económico? Como un país case na miseria chegou tan alto? As claves están no visionario Lee Kuan Yew quen gobernou o país dende a súa independencia ata 1990. El iniciou unha forte cruzada contra a corrupción instaurada en todos os estratos da sociedade singapurense, fixo cumprir as leis, e educou a xente nova para ser man de obra preparada e responsable. Unha fórmula que funciona case sempre. Deste xeito conseguiu que a paupérrima colonia pasase a ser un importantísimo centro de fabricación tecnolóxica. É verdade que axudou moito a súa situación xeográfica e que a pechada China non fose competencia nese momento. Pero hoxe Singapur é o quinto país do mundo por número de millonarios, onde 9 de cada 100 habitantes teñen fortunas superiores ao millón de dólares estadounidenses.

Por outra banda, Singapur campa por ser un dos lugares do planeta no que a limpeza e a orde e case un deporte nacional. Os letreiros e pósters nos que se numeran as abondosas normas e prohibicións que teñen que sufrir tanto os habitantes coma os visitantes son xa un must da visita a este país. Malia que tanta prohibición fai sorrir a moitos, estas son reais (e as penalizacións tamén).

Este pequeno territorio tamén é unha cita ineludible para aqueles viaxeiros seguidores das arquitecturas contemporáneas. Aquí atoparán un auténtico dispendio de arquitectura-espectáculo. Á característica fachada de rañaceos amontoados na baía, hai que engadir recentes incorporacións convertidas nas novas iconas de Singapur.

Un caso moi evidente é o Marina Bay Sands e o seu recoñecible perfil formado por tres torres unidas por unha inmensa terraza na súa parte superior. O complexo alberga un hotel de 2.560 cuartos, un centro comercial e o Centro de Convencións e Exposicións da cidade. Pero se hai algo que chama a atención é a azotea que se asoma no andar cincuenta e sete, a 200 m sobre o chan, para acoller os xardíns e a piscina do hotel. Por certo, é a piscina elevada máis longa do mundo.

Baía de Singapur

Hotel Marina Bay Sands e a nora xigante á súa esquerda

Noutro extremo da badía e preto do centro levántanse os novos Teatros na Baía (Esplanade), coñecidos como os “Durian” polo acabado característico das súas cubertas que fan lembrar esa froita tan típica do sueste asiático. Sen saír de Marina Bay, a nova oferta de reclamo turístico inclúe o Singapore Flyer, unha nora xigante de 165 m de alto con cabinas que poden acoller ata 28 persoas, e os Xardíns da Baía, unha marabilla da que falarei máis adiante.

Teatros na Baía no primeiro plano

Hoxe en día, Singapur é tamén un gran parque temático con ofertas de lecer que serven para entreter a súa poboación e atraer a dos países veciños. Nestes últimos anos o país foi creando unha morea de atractivos artificiosos, froito de grandes investimentos, espallados por toda a illa que tentan engadir contido turístico á súa oferta. É o destino perfecto, un aeroporto que funciona como un dos grandes hubs de Asia e do mundo, unha ampla oferta de aloxamento, a sucursal dos Estudos Universal, a Sentosa Island, unha illa reconvertida nun gran parque de atraccións e, por se era pouco, unha chea de museos, neogranxas, xardíns e recreacións de aldeas “nativas”.

Nós vimos co aloxamento reservado dende a casa, un hotel de categoría media no barrio de Geylang. Unha área popular a medio camiño entre o aeroporto e o centro que acolle a meirande parte da oferta de hoteis de prezo razoable da cidade e que aparece en todas as guías como a zona “canalla” de Singapur. Tampouco é para tanto! É certo que o noso hotel linda cunha rúa na que abondan os locais de prostitución, pero a súa presenza non interfire coa vida dos turistas e os propios habitantes de Geylang seguen a súa rutina diaria á marxe desta actividade. Por outra banda, posiblemente sexa esta parte da cidade a que máis se asemella a calquera das outras grandes urbes de Extremo Oriente.

DÍA 1

Xa de tardiña e despois de acomodarnos, baixamos en metro ata a estación City Hall. Na miña primeira visita, hai xa moitos anos, Singapur viña de estrear o seu novo e flamante sistema metropolitano. Daquela, as estacións eran completamente diferentes ás dos outros metros do mundo que eu coñecía: esaxeradamente limpas (case asépticas) e moi ben organizadas. Algo que chamaba moito a atención naqueles tempos era que non había acceso directo ás plataformas, pechadas por un muro de aceiro e cristal que tan só se abría cando o convoi paraba na estación. Eles foron os primeiros en impedir os suicidios no metro. O summun da sofisticación e da comodidade era que os cambios de liña se facían na mesma plataforma, tan só había que dar uns pasos e sen perdas de tempo por interminables corredores coma é habitual.

Hoxe, o metro de Singapur xa non fascina como antes. Mentres que os das outras grandes cidades teñen mellorado moito e incluso copiaron ese sistema de cruzamento de liñas, as estacións de Singapur foron enchéndose de sinais e anuncios e non sempre co mellor deseño. E, por outra banda, a ampliación da que se foi beneficiando impide que os cambios de liña sexan tan doados coma ao principio. Aínda así, o metro é unha forma rápida, práctica e barata de moverse por unha rede que dá unha boa cobertura aos puntos de interese.

Dende a estación de City Hall seguimos a pé ata os Teatros na Baía, un complexo de lecer onde se ofrecen concertos gratuítos case todos os días. Os edificios son dunha carcasa moi imaxinativa pero dun interior bastante mediocre. O motivo de achegarnos ata este lugar é que aquí, en Marina Bay, hai dúas sesións cada noite dun show de luz e son. A idea é, como no caso de Hong Kong, utilizar o impresionante anfiteatro da baía para o espectáculo, pero, ao igual que Hong Kong, a montaxe queda minimizada coa contorna e pasa sen pena nin gloria. Polo tanto, esquecemos o show de luz e son e aproveitamos para cear alí mesmo. Pegadiño á baía hai un entre os moitos recintos para comer ao aire libre tan típicos de Singapur. O espazo está composto por carriños de comida diferentes e unha zona de mesas común. En xeral son lugares económicos que ofrecen a posibilidade de probar as especialidades da gastronomía local.

Ceando preto dos Teatros na Baía

Despois de cear achegámonos ata o Merlion, esa figura branca asomada ao mar que representa un animal mitolóxico con cabeza de león e corpo de peixe. Fai referencia tanto á orixe pesqueira desta cidade como ao seu alcume “cidade do león”. A figura bota auga pola boca e parece estar vixiando o movemento na baía. Foi creada no ano 1964 como emblema turístico de Singapur e converteuse co tempo nese lugar no que os visitantes queren facer unha foto como lembranza da súa estadía. É noite pecha pero o Merlion segue a estar cheo de visitantes.

Dende aquí seguimos pola beira do río Singapore deixando ao noso paso algúns dos edificios nobres construídos durante o período colonial inglés. O noso destino é a zona de copas de Clarke Quay, unha recreación de edificios de estilo Singapur ateigada de restaurantes e bares musicais. A clientela, formada tanto por xente da cidade como por visitantes, parece divertirse pero o ambiente non é do noso gusto. Non somos afeccionados aos lugares de lecer “inventados” nin a concentración artificial de locais nocturnos e, ademais, os prezos das bebidas alcohólicas son totalmente prohibitivos. Os corpos cansados da viaxe xa reclaman descanso e damos por terminado o noso primeiro día.

Túnel de acceso a Clarke Quay

Zona de copas de Clarke Quay

Malia levar tan só unhas poucas horas somos conscientes dos mellores prezos de Singapur con respecto á súa cidade xemelga de Hong Kong. Mirando de vagar e tomándose algo de tempo, en Singapur aínda se poden atopar algúns prezos axeitados agás os das bebidas con alcohol. Fóra dos bares de barrio hai que prepararse para pagar un mínimo de oito euros por unha cervexa local.

DÍA 2

A segunda xornada decidímonos por coñecer os famosos barrios que se identifican cos primeiros asentamentos das tres etnias que compoñen a poboación de Singapur: Little India, Arab Street e Chinatown.

Chegamos a pé ata Arab Street, o barrio musulmán a curta distancia do noso aloxamento. Tamén chamado o Barrio Árabe, foi creado durante a época colonial como lugar de residencia de malaios, xavaneses, xente procedente da illa de Sumatra e comerciantes de lugares tan afastados como o Iemen. Aínda que moita xente cando fala deste lugar refírese a el como Arab Street, esta non deixa de ser unha rúa máis do barrio Kampong Glam (Malay Quarter), que é o seu nome real. Arab Street non é sequera a rúa máis interesante da zona, a parte turística concéntrase na Bussorah Street, unha rúa peonil chea de comercios e de tendas de souvenirs que remata na porta da Sultan Mosque. Esta mesquita de cúpula dourada é outra das iconas que aparece en todos os folletos promocionais da cidade. O barrio resulta bastante turístico e ten unha boa oferta de restaurantes malia que perdeu moita da súa esencia musulmá.

Bussorah Street no Barrio Árabe e a Mesquita do Sultán ao fondo da rúa

Sultan Mosque

Sen saír do barrio e a escasos minutos a pé de Bussorah Street hai unha calella estreita convertida no refuxio hipster de Singapur. Aquí, na rúa Haji Lane, abren as súas portas numerosas tendas e bares de tendencia. Pasamos a media mañá e hai certa animación pero, coido que, o lugar debe ambientarse a medida que van pasando as horas.

Diversas imaxes de Haji Lane

Na contorna de Arab Street

Dende o Barrio Árabe cruzamos Victoria Street e seguimos máis ao norte ata Little India. Por suposto, o barrio da Pequena India está moitísimo máis limpo do que estaría na propia India pero carece da espontaneidade que podemos esperar alí. O atractivo principal é o Sri Veeramakaliamman Temple que, dedicado a Kali, segue o típico estilo rechamangueiro dos templos do sur do seu país de orixe. Para os que xa estiveron algunha vez nalgún recuncho do subcontinente indio, o barrio non ten moito que ofrecer a non ser algún restaurante especializado na gastronomía hindú.

Little India

Na contorna de Little India

Relativamente preto de Little India e Arab Street está o mercado de New Bugis Street, na confluencia da rúa do mesmo nome con Victoria Street. Aquí atopamos moitos postos de comida barata, roupa a bo prezo, obxectos de imitación e os habituais souvenirs baratos. Un total de 800 postos de venda e comida que permiten entreterse un pouco pero sen esperar nada especialmente interesante.

Galicia en Singapur

No noso camiño a pé cara a Chinatown aproveitamos para coñecer as ribeiras do río Singapore. Dende Clarke Quay, a zona de ambiente nocturno que visitamos o día anterior, baixamos cara á Marina Bay pasando por Boat Quay, unha das beiras do río chea de restaurantes e terrazas frecuentadas polos oficinistas do veciño distrito financeiro. A globalización chegou tamén ata aquí e un dos restaurantes especializados en gastronomía española presenta un toldo publicitario da cervexa Estrella Galicia.

Boat Quay

A outra beira de Boat Quay

Nese intre mudamos de idea e decidimos deixar Chinatown para máis tarde. Pasamos a percorrer a zona nobre de Singapur, a de museos e organismos oficiais, ata o impoñente Hotel Fullerton.

Sempre a pé dirixímonos aos Xardíns da Baía, a zona verde que separa a badía do mar aberto. Os xardíns son un auténtico parque botánico con ecosistemas e plantas de todo o mundo. Un espazo de lecer de aire futurista que transmite exactamente o poder económico deste pequeno país. Posiblemente sexa o atractivo turístico de Singapur que máis nos sorprende, ao que tamén axuda a silueta omnipresente do Hotel Marina Bay Sands. Dentro do xardín destacan pola súa arquitectura os dous invernadoiros de cristal e as impresionantes árbores artificiais xigantes que poden ser visitadas a través dun paseo elevado. O acceso ao recinto xeral é gratuíto pero nestes dous casos hai que pagar unha entrada. Esta tarde está pechada a subida ás árbores por mor dunha treboada e dunha choiva intensa que está a pasar por Singapur nese momento. Aos invernadoiros decidimos non entrar xa que a fervenza artificial, a que é o seu principal reclamo, pode verse a través da inmensa cristaleira.

Árbores xigantes artificiais e paseo elevado

O omnipresente Hotel Marina Bay Sands tras as árbores xigantes

Entrada a un dos invernadoiros e falsos felinos

Imaxe dos invernadoiros e dun grupo de árbores xigantes

Poster promocional dos invernadoiros dos Xardíns da Baía

Outro punto forte deste parque é Planet, a figura branca dun neno pequeno realizada en bronce. O feito é que o “neno” mide 4 x 4 metros e ten sete toneladas de peso. Foi realizada polo escultor Marc Quinn baseándose na imaxe do seu fillo. O que chama a atención desta escultura é que malia o seu peso aparece apoiada unicamente nunha das mans do cativo, creando a sensación de flotar sobre o céspede. Planet é un agasallo feito por un rico matrimonio local ao goberno da cidade para a súa exhibición nestes xardíns.

A figura de Planet soporta todo o seu peso na man

Durante todo o paseo polo xardín temos moi presente a silueta da tripla torre do Hotel Marina Bay Sands e, sobre todo, da inmensa terraza e piscina que desafía ao abismo. A parte baixa dos edificios está ocupada por un enorme centro comercial. Nós imos coa ilusión de poder bañarnos na piscina máis alta do mundo e levamos os traxes de baño a man. A decepción é grande, a piscina é para uso exclusivo dos clientes do hotel. Como moito podemos subir ata o miradoiro (Observation Deck) da planta 57, a cambio de 23 dólares de Singapur (14 €), e dende alí botar unha ollada de esguello á piscina. As veces, esta opción tampouco está dispoñible xa que o Observation Deck se aluga para eventos privados.

Hotel Marina Bay Sands dende os Xardíns da Baía

Piscinas e xardín na terrraza do hotel. Imaxe cortesía de Google

Outra opción para gozar coas vistas é subir a algún dos tres restaurantes panorámicos do último andar. Non se paga entrada pero normalmente hai listaxe de espera para subir e os prezos das consumicións, coma é de esperar, son moi elevados. A subida aos restaurantes está no propio hall do aloxamento, mentres que para o miradoiro hai que saír do hotel polo acceso principal, coller inmediatamente á esquerda e baixar por unhas escaleiras mecánicas ao soto do edificio.

www.marinabaysands.com/sands-skypark/observation-deck.html

www.marinabaysands.com/entertainment/nightlife/rooftop-bars.html

Festival dos Pantasmas Famentos

Despois dun par de horas pola zona seguimos o noso paseo ata Chinatown. Camiñando polas rúas temos a sorte de asistir ao final do Festival dos Pantasmas Famentos (Hungry Ghost Festival ou Zhong Yuan Jie en chinés), un acontecemento dedicado aos devanceiros para quen se levantan pequenos altares nos que reciben ofrendas de flores e comida. É xa noitiña e os chineses locais acenden pequenas cacharelas fronte ás súas casas. Nas beirarrúas aparecen uns bidóns metálicos nos que os familiares dos mortos queiman diñeiro falso e outras reproducións de bens materiais como xoias, coches, …, pero en papel. A intención é calmar aos falecidos e prestar atención ás súas necesidades físicas (!!) no máis Alá.

É noite de martes e Chinatown está moi calmo. De camiño vamos preguntándonos se ten moito obxecto visitar un barrio chinés nunha cidade tan chinesa coma Singapur, pero, unha vez alí, o lugar resulta agradable para pasar un par de horas. Vamos a tomar unha copa a un par de lugares que nos recomendaran ao norte de Chinatown pero a clientela é inversamente proporcional ao custe das consumicións.

Rúa comercial en Chinatown

DÍA 3

Principiamos a nosa última xornada en Singapur pola súa avenida máis comercial: Orchard Road. Chegamos en metro ata a estación Orchard e dende alí regresemos cara ao centro da cidade percorrendo unha sucesión continua de grandes malls comerciais ao longo da avenida. Hai suficientes áreas de shopping para pasar unhas vacacións enteiras. Pero nin Bruno nin eu somos fans deste tipo de oferta, máis ben fuximos de todo o que teña tufo a centro comercial.

Os amantes das compras e co peto cheo de cuartos están en hora boa, Singapur non vai desencantar a ninguén. Aquí atoparan unha morea de tendas de luxo coas mellores marcas internacionais pero tamén algunhas tendas baratas. Pouco a pouco, o comercio de nivel vai acantoando o máis popular que practicamente queda relegado ao centro Lucky Plaza. Non compramos nada pero desfrutamos coas esculturas que adornan o exterior dos edificios e con esa mestura tan Singapur que combina edificios históricos e altos rañaceos de última xeración.

A oferta de máis de vinte centros comerciais en Orchard Road fainos ir lentamente e perder case toda a mañá. Paramos para xantar e dirixímonos de novo cara a Chinatown. A noite anterior non había moito que ver nin que facer e preferimos coñecer o lugar coma é debido. Polo día Chinatown aparece moito máis activo. É o barrio máis turístico dos tres de carácter etnográfico e o que ten máis que ofrecer. Moitos restaurantes, algúns centros comerciais e unha chea de tendas de souvenirs.

Diversas imaxes de Orchard Road

Espallados polo barrio hai unha serire de interesantes paneis informativos que axudan a coñecer como era a vida durante a época colonial. Tamén se pode visitar algún mosteiro ou templo tradicional chinés. De novo, nada que non teña xa visto nas viaxes por China ou incluso por outras cidades do continente asiático.

Chinatown de día

Ao final da tarde regresamos ao noso barrio de Geylang e despedímonos de Singapur ceando nun restaurante marisqueiro ao aire libre onde prima a poboación local. Ao día seguinte deixamos a cidade coa sensación de ter queimado outra etapa das nosas viaxes por Asia pero sen levar ningún poso no noso corazón. Ao igual que Hong Kong e Macau, son cidades que chegan a un nivel tal de desenvolvemento que comeza a xogar na súa contra. Aínda así, Singapur resultounos a máis agradable e apetecible das tres ex-colonias. Despois de xa catro visitas, atopo Singapur menos sorprendente e, para min, cun interese limitado a unha estadía curta.

 

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.