Bali – A illa baixo o volcán

Bruno no noso momento máxico en Blue Point, na Península de Bukit

Templo de Tirta Empul na vila de Tampaksiring

Os seguidores do blog poderían pensar nunha simple lectura que o nome deste post de Bali non soa moi ocorrente. Mais ben fai lembrar aquela intelixente película (Baixo o volcán) filmada en 1984 polo director estadounidense John Huston a partir dunha novela de Malcom Lowry

Pero resulta que Indonesia forma parte do Anel de Fogo do Pacífico e é un dos primeiros países do mundo pola actividade volcánica. O arquipélago conta con 147 volcáns, moitos deles aínda activos, que teñen entrado en erupción preto de 1.200 veces ao longo da súa historia. En concreto en Bali hai tres volcáns entre os que destaca o Agung que cos seus 3.142 m é a súa máxima altitude. O Gunung Agung é unha referencia para todos os balineses de xeito que na súa faldra, a 1.000 m de altura, acolle  o máis grande e sagrado complexo hinduísta da illa: o Pura Besakih ou Templo Nai. Por certo, gunung é a palabra indonesia para o termo monte ou montaña.

Pois ben, chegamos a Bali nun momento no que o Gunung Agung está loitando por entrar en erupción e provocando numerosos, pero pouco intensos, movementos sísmicos. Non é unha cuestión insignificante xa que durante as últimas erupcións do ano 1963 matou unhas 1.700 persoas. O día da nosa partida en dirección á illa de Flores hai xa 50.000 desprazados do distrito de Karangasem, ao leste da illa, vivindo e durmindo en pavillóns e noutros recintos de acollida fóra do ámbito de influencia do volcán. E durante a nosa estadía, as estradas e os atractivos turísticos desta parte de Bali permanecen pechados aos visitantes.

Chegamos a Bali dende Singapur despois dun voo de dúas horas e cuarto da compañía aérea de baixo custe, e capital australiano, Jetstar. O  prezo duns 110 euros ao cambio pareceunos bastante razoable.

Papaventos na praia de Kuta

Por suposto, que ninguén pense a estas alturas que Bali segue a ser unha illa virxe e espontánea á que chegan contados viaxeiros. Iso foi hai xa moito pero moito tempo. Hoxe Bali é un dos principais destinos turísticos do sueste asiático cunha previsión de acadar os 6.000.000 de turistas internacionais para este ano 2017 e un incremento superior ao 40% con respecto ao ano anterior. E as autoridades turísticas do país xa están a falar de sete millóns para o 2018. É o destino top de Indonesia e os seus visitantes supoñen un 40% do total que chega a este país.

Bali acolle turistas das catro esquinas do planeta pero entre todos eles destacan o de nacionalidade australiana que visitan a illa moi a miúdo por razóns de proximidade. Para un australiano, Bali vén ser o que Baleares ou Canarias para un español. E todo isto a pesar de que a illa sufriu dous torpedos en plena liña de flotación por mor dos atentados dos anos 2002 e 2005 nos que as bombas de terroristas malaios e xavaneses supuxeron 202 e 20 vítimas respectivamente. Pero hoxe Bali volve estar no ideario viaxeiro de gran parte da poboación mundial e é de novo un referente vacacional para moita xente. Se-la única cultura hinduísta fóra do subcontinente indio dálle un carácter senlleiro que moitos visitantes queren coñecer, máis se temos en conta que a illa está arrodeada polo estado musulmán máis poboado do mundo.

Bali segue a ter encanto, malia as hordas turísticas e os desaguisados medioambientais son aínda moitos os factores que axudan a que a estadía sexa case sempre agradable. O respecto cara aos demais propio da cultura balinesa é o sorriso fácil dos seus habitantes son un punto forte que fan entender a razón do seu éxito. A singularidade dos seus templos, os complexos rituais de ofrendas, os numerosos festivais, unha gastronomía moi aceptable e, posiblemente, a maior oferta de artesanía do mundo, fan o demais. Bali é un deses lugares ao que hai que ir nalgunha ocasión das nosas vidas.

A xente nova que busca vida fácil e prezos axeitados aínda o teñen máis claro. E se andan a procura de ondas propicias para o surf, xa non hai dúbida.

O turismo masivo está por todas partes pero hai unhas zonas de saturación evidentes. Estas son ás máis próximas ao aeroporto e a Denpasar, a capital da illa. Todo comezou no resort costeiro de Kuta para co tempo ir subindo cara ao norte. Logo chegaron Legian, Seminyak, Kerobokan e Canggu. Unha urbanización continúa sen practicamente fisuras. Unha sucesión infinita de tendas, aloxamentos, restaurantes, oficinas de cambio e centros de masaxes. É difícil saber onde comeza e onde remata cada un destes lugares. De calquera xeito, a praia que vai dende Kuta a Canggu é sempre a mesma que vai mudando de nome nas súas diferentes seccións. E o tráfico endiañado é común a todas elas.

A pouca distancia pero na costa leste da illa está a poboación de Sanur, un paseo marítimo de cinco quilómetros ao que se asoman ducias de hoteis especializados en turismo familiar e en clientes de máis idade. Na península de Bukit, no extremo sur de Bali, hai outro destino moi coñecido, Nusa Dua cunha oferta bastante exclusiva e lonxe do bulicio e da confusión doutras partes da illa. No resto da península de Bukit comezan a medrar novos destinos e complexos urbanísticos que fan lembrar aos seus veciños de Kuta. Bukit é tamén o territorio que acolle unha inmensa tribo formada por nacionalidades de todo o mundo que veñen a Bali na procura de ondas fantásticas para a práctica do surf.

Hai xa moitos anos, nas miñas primeira e segunda viaxe, aloxeime en Kuta. Despois chegaría o tempo de quedar en Legian, en Candidasa, na costa leste, e nas praias negras de Lovina, no norte da illa preto da poboación de Singaraja. Nesta ocasión escollemos Seminyak, área definida na guía Lonely Planet como “rechamante, ostentosa e algo artificial”. Pero estes adxectivos tamén poderíamos usalos tanto para as súas poboacións veciñas do norte coma do sur. A razón da escolla é que Seminyak ten un algo máis sofisticado que Kuta xa que o seu urbanismo foi desenvolvido máis tarde e, por outra banda, é menos disperso que o de Kerobokan e, sobre todo, o de Canggu. Nalgunhas zonas destes dous últimos lugares hai pouca oferta de taxis que, por certo, aproveitan para cargar tarifas nada razoables en horas nocturnas.

Para moverse en distancias curtas pola zona de Kuta e Seminyak, o mellor é chamar dende o aloxamento ou parar na rúa un taxi do Blue Bird Group, os únicos que levan taxímetro e non teñen problema en activalo. As tarifas a pagar son inferiores ás que se poderían negociar con outros taxistas. Hai que ter coidado xa que esta compañía ten moitos imitadores. De feito, case todos os taxis de Bali imitan as cores corporativas e o logotipo dos orixinais. Pero os prezos non teñen nada que ver. Para recoñecer un Blue Bird hai que se fixar un pouco, ver se levan a web do grupo nun lateral do vehículo e o nome da compañía no cristal traseiro. Un xeito doado de comprobalo é preguntar se levan taxímetro e, sobre todo, se están dispostos a conectalo.

Chillout para o solpor ao norte da praia de Seminyak

Unha vez acomodados en Seminyak os nosos primeiros pasos son para o cambio de moeda. En xeral en Indonesia os euros son moi benvidos e nos sitios turísticos poden cambiarse con facilidade. No caso de viaxar a lugares remotos haberá que prever e levar cambio dabondo. A boa aceptación das tarxetas de crédito está limitada aos negocios de nivel e a miúdo aplican un dous ou tres por cento de recargo sobre o prezo de venda.

Seminyak ten unha morea de money changers pero hai que ter moita precaución con aqueles que ofrecen un cambio excesivamente vantaxoso. Mellor evitar os locais con aire de instalación temporal e sobre todo os que anuncian unha tarifa de cambio moi superior á dos demais cambiadores. Moitos propietarios son expertos nos xogos de man e marean de tal xeito o diñeiro que ao final o visitante recibirá moito menos do esperado e do que recibiría nos outros sitios de cambio. Contar sempre o diñeiro varias veces no alto do mostrador e ben á vista. Non deixar que sexa o persoal da oficina de cambio o que o conte por última vez.

Un dos numerosos templos de Seminyak. En Bali hai templos por todas partes

Participantes nun enterro polas rúas de Seminyak

Sorpresa a carón da oficina de cambio de moeda

Neste post non vou entrar a recomendar lugares para durmir, comer ou onde recibir as mellores masaxes. A listaxe é tan extensa que hai para todos os gustos e petos. O mellor é non deixarse impresionar facilmente nin tomar decisións aceleradas. Primeiro botar unha ollada xeral e logo decidir o que paga a pena comprar.

Nos paseos pola illa descubro un Bali que ten mellorado moito nas condicións de vida dos seus habitantes. Pero tamén un Bali que ten aumentado notablemente os seus prezos, sobre todo no que afecta ao alcohol. Os bebedores de viño deberán ir pensando en deixar os seus hábitos ata a súa volta a España ou disporse a pagar non menos de vinte euros por un viño moi normaliño. Incluso as cervexas teñen subido moito, posiblemente por mor da política dun goberno de tendencia islamista. Nos sitios máis baratos, a cervexa local Bintang non costa menos de 30.000 rupias (2 €) ou 40.000 rupias (2,60 €) para a botella de medio litro. Os combinados alcohólicos chegan aos 6 € nos bares de moda e non sempre son ben servidos.

Pero, en xeral, Bali e Indonesia seguen a ser baratas aínda que algúns aloxamentos e restaurantes enfocados ao turista internacional demandan uns prezos que non se corresponden co nivel deste país. Ao final desta viaxe que nos levará por varias illas do arquipélago, dende lugares moi turísticos a outros apenas visitados, decatarémonos de que os prezos dos aloxamentos e de moitos servizos turísticos son inversamente proporcionais ao número de empresas que se oferten. É dicir, nas illas atrasadas onde os servizos turísticos están menos desenvolvidos e onde hai pouca oferta o prezo dispáranse ata o absurdo en comparación con outras zonas da propia Indonesia.

Son sete os días que vamos a pasar na illa antes de seguir camiño cara a Flores. A nosa intención pasa por combinar o coñecemento da cultura local con algo de shopping e certo divertimento nocturno. Deixamos un tempo para praia e para esas masaxes das que me declaro vicioso empedernido (a partir de 10 € por unha hora de masaxe tradicional balinesa). Tamén para os chillout á hora do solpor cunha botella de cervexa Bintang nunha man e un cigarro de tabaco con cravo (Gudung Garam) na outra. Prevemos algunhas excursións pola illa pero tampouco queremos velo todo. Eu xa estiven noutras catro ocasións e Bruno prefire desfrutar de vagar, sen ter que someterse ás disciplinas do turista de circuíto programado.

Decidimos negociar todas as excursións previstas cun mesmo interlocutor. Despois de preguntar na recepción do noso hotel para comparar prezos, achegámonos a unha das paradas de taxis de Seminyak e pechamos un acordo co condutor dun taxi oficial. A boa presenza do que sería o noso chofer e a súa forma de negociar convenceunos de que estabamos ante a persoa axeitada.

Acordamos as seguintes escapadas:

  • Excursión ao miradoiro de Penelokan sobre o volcán e o lago Batur, pasando pola vila de Tampaksiring e con tempo para visitar algunhas tendas en Gianyar. Importe de 500.000 rupias/32 euros.
  • Percorrido pola Península de Bukit. Importe de 350.000 rupias/23 euros.
  • Excursión á área natural de Munduk pasando polo templo do lago Bratan e o templo de Mengwi. Importe de 500.000 rupias/32 euros.
  • Os prezos contratados comprenden os itinerarios sinalados e inclúen un servizo de oito horas de condución por día, todos os gastos do chofer e a gasolina. As entradas aos lugares turísticos e os aparcadoiros son a pagar directamente por nós.

Sen dúbida algunha, as tarifas negociadas son moi convenientes. Non paga a pena arriscarse a alugar un coche nin a perderse nesa complicada maraña de estradas pouco sinalizadas que é Bali. Ademais, en Bali circúlase pola esquerda.

Por outra banda, hai que ter en conta que actualmente na illa se paga entrada en case todos os lugares a visitar, sexan espazos naturais, templos, e, por suposto, espectáculos. As entradas non acostuman a ser caras pero supoñen un regueiro continuo de cartos.

A elección que facemos de rutas evita a zona lesta da illa ante a probable erupción do volcán Gunung Agung. Finalmente tamén decidimos deixar a escapada a Ubud, a capital cultural do centro da illa, ao igual que moitos outros itinerarios posibles para unha próxima viaxe a Bali.

AO MIRADOIRO DE PENELOKAN E AO LAGO BATUR

A estrada que vai de Kuta a Ubud é unha autentica tolería para o comprador compulsivo, preto de 40 km ocupados por unha secuencia continua de tendas, a cal máis imaxinativa. Tendas pequenas e tendas inmensas que venden todo tipo de artesanías, produtos elaborados e atrevidísimas decoracións para o xardín. Temos que parar o coche en varias ocasións e imos amontoando antollo tras antollo. Paga a pena parar en moitas delas e botar unha ollada aos produtos que venden. As que ofertan obxectos de gran formato poden incluír o envío ata España no seu prezo. A maioría parecen estar familiarizadas cos trámites e informan das tarifas que suporía traerse un deses obxecto de desexo para Europa.

Chegamos a Tampaksiring, unha pequena vila a 18 km ao norte de Ubud. Aquí hai dous puntos de interese a escasa distancia un do outro. Dende o meu punto de vista o máis interesante é o xacemento de Gunung Kawi, un dos máis impresionantes de Bali formado por dez santuarios escavados directamente na rocha. O conxunto é moi fotoxénico e fai lembrar os cómics de Tintín. Pero aínda máis fotoxénico é o camiño que seguimos dende que deixamos o coche ata chegar ao templo. Unhas escaleiras bastantes pronunciadas con 270 banzos conducen ao visitante a través dalgunhas das terrazas de arroz máis fermosas da illa. Nesta época do ano as terrazas mostran un verde intenso e os agricultores están desenvolvendo o seu traballo nos campos como se de figurantes pagados se tratase.

Arrozais na contorna do templo Gunung Kawi

Terrazas de arroz e posto de venda de cocos

Escaleiras cara ao templo

Varias imaxes do Gunung Kawi

Despois de aboa-la entrada e antes dos primeiros chanzos da escaleira convén coller un estreito camiño que sae cara á dereita en dirección a un incrible coffee shop situado entre as terrazas de arroz. Moitos visitantes parecen non darse conta desta oferta e seguen o seu camiño ao templo. As poucas mesas dispoñibles aparecen illadas unhas das outras e bastante camufladas na súa contorna. Tomar un rico café (kopi) balinés ou un té de xenxibre con estas vistas espectaculares convértense nun dos momentos máxicos desta viaxe.

Bruno nunha das mesas da cafetería entre as terrazas de arroz

Preto de Gunung Kawi está o templo de Tirta Empul que acolle uns mananciais sagrados que, segundo a crenza popular, teñen poderes curativos. Pódense ver tanto as fontes das que xorden as augas como unhas piscinas enormes e monumentais onde a xente local e moitos estranxeiros se benefician das súas calidades. Os que teñan pensado meterse baixo os chorros que traian traxe de baño e no caso concreto das mulleres espérase que vaian envoltas nun pareo. O templo ten ademais varias construcións auxiliares e está situado nun bonito lugar moi axardinado.

Piscinas en Tirta Empul

Templo de Tirta Empul

Mulleres preparando ofrendas no templo Tirta Empul

Os traxectos ente os lugares visitados fanse ás veces un pouco longos para a distancia percorrida. As estradas son bastante estreitas e o exceso de urbanización obriga a circular amodo. A superficie da illa de Bali é cinco veces inferior á de Galicia pero pode levar á confusión xa que os tempos dos desprazamentos son moito maiores do esperado.

A última visita do día é no norte de Bali, no miradoiro de Penelokan. Penelokan significa exactamente iso “lugar para mirar”, xa que dende aquí hai unha gran panorámica sobre o lago Batur. O miradoiro está a pé de estrada e precisa dunha renovación. O que si son estupendas son as vistas sobre o cráter ocupado en parte polo lago e en parte por un grupo de conos volcánicos froito de numerosas erupcións no século XX. Entre eles destaca o volcán Gunung Batur que cos seus 1.717 metros é a segunda maior altura da illa. Dende o miradoiro tamén hai posibilidade de baixar por unha revirada estrada ata algún das aldeas na beira do lago.

A nosa intención inicial era chegar máis lonxe, ata Penulisan onde se atopa o templo máis alto da illa. Pero o día é curto e non queremos volver a Seminyak xa de noite pecha.

Chegamos bastante tarde e ese feito sálvanos da horda dos habituais e insoportables vendedores que tiven que sufrir nas miñas visitas anteriores. O que segue sen mudar é a pouca calidade dos restaurante do lugar.

No miradoiro de Penelokan co lago á dereita e o volcán á esquerda

A excursión a Penelokan aparece anunciada comunmente como “Día en Kintamani”. Realmente Kintamani é unha poboación entre Penelokan e Penulisan que tan só interesa polo seu mercado matinal celebrado cada tres días. Os afeccionados aos mercados deberán chegar moi cedo xa que este comeza a desmontarse sobres as once da mañá.

POLA PENÍNSULA DE BUKIT

Ao día seguinte de Penelokan collemos dirección sur para coñecer a península que se estende por debaixo da zona turística de Kuta, despois de pasar o istmo no que se levanta o aeroporto da illa. A palabra bukit en indonesio significa outeiro, posiblemente para reflectir o contraste entre as paisaxes da zona e as chairas inmediatamente ao norte. A nosa intención é coñecer o que se está a converter no principal destino turístico do sueste asiático para a práctica do surf.

Aquí no sur atopamos algún resort turístico como é Nusa Dua e praias de gran sona como a de Jimbaran. A beleza desta última non se pode negar pero Jimbaran tamén foi coñecida nalgún momento polas moreas de restos e plásticos que chegaban ás súas costas.

Esta si é a miña primeira vez por aquí abaixo e as sorpresas chegan cando descubro unha paisaxe moito máis árida do esperado e unha contorna descoidada con respecto a Kuta. Tamén vemos moito ambiente de surf e moita xente nova en motocicleta para moverse por unha zona na que predominan as pequenas poboacións e a urbanización dispersa.

Chegamos baixo un sol sufocante á praia de Pandawa que simboliza perfectamente o que Bali pode chegar a converterse se as autoridades non poñen freo a tanto exceso urbanístico. Pandawa era, e aínda o é en parte, un areal marabilloso de branca area e augas azul turquesa pechado por uns cantís impresionantes. Os acantilados funcionaban como unha parede que pechaba unha praia virxe de moi difícil acceso. Pois ben, eses cantís foron furados para que unha estrada chegase ate o mesmo areal e, por se era pouco, tamén se pavimentaron grandes explanadas como aparcadoiros para coches. O fronte da praia foi adornado con ducias de chiringuitos de nulo interese que nalgúns tramos ocupan directamente o espazo do areal. A fenda aberta polos accesos está sendo desmontada para levantar grandes bloques de formigón de probable uso hoteleiro. Resumindo, Pandawa deixou de ter o interese que tivo durante moi tempo.

Imaxes da praia de Pandawa

A nosa segunda paraxe do día é outra demostración da mesma depredación humana aínda que cunha chisca máis de gracia. É o Blue Point, unha preciosa cala entre cantís moi preto de onde rompe unha desas ondas lendarias para o mundo do surf. Ao chegar, o lugar asemella unha pequena urbanización cunha praza na que se amontoan centos de motocicletas fronte a un hotel de luxo. Dende alí parten unhas escaleiras que baixan polo acantilado e que permiten descubrir unha mestura entre o sublime e a peor falla de respecto polo medio ambiente. O sublime vén por unha das melloras panorámicas que coñezo en Indonesia e por esa media  praia e medio cova situada ao pé do cantil que dá acceso a un mar de gran beleza. O desastre chega cunha sucesión de tendas e restaurantes pendurados do abismo pero de mala calidade construtiva e de escasísimo gusto.

A única instalación digna de Blue Point

Medio cova medio praia ao pé do Blue Point

Vistas incribles dende o noso restaurante en Blue Point

Aínda así aproveitamos para pasar o mellor momento do día nun dos restaurantes con vistas a eses centos de surfeiros en primeira liña do mar e, sobre todo, á impresionante paisaxe que parece querer asoballarnos coa súa presenza. Por contra, supoño que a visión dende o mar debe ser un tanto aterradora tendo en conta a beleza do lugar e a pésima integración de todas as construcións. Pero o meu consello é que hai que vir a Blue Point e aproveitar para tomar algo con esas vistas espectaculares.

A penúltima parada do día é na praia Padang Padang, un areal pequeno que se fixo internacionalmente famoso por mor da rodaxe do filme “Come, reza, ama”, pelicula baseada no best-seller autobiográfico de Elizabeth Gilbert e con Julia Roberts e Javier Bardem coma protagonistas. A cala ten o seu encanto pero é bastante pequena e está ateigada de visitantes que a fan bastante incómoda para o baño. Os bañistas son sobre todo xente nova e estranxeira. Hai que pagar unha pequena entrada para poder accedera o areal.

Praia de Padang Padang

Rematamos o día no templo hindú de Pura Luhur Ulu Watu. O chamado comunmente Ulu Watu e xunto co templo de Tanah Lot, ao norte da poboación de Canggu, a referencia para ir ve-lo solpor en Bali. Os visitantes acoden a millares á última hora da tarde para pasear polos altísimos acantilados próximos ao templo e ver o sol poñerse tras a figura recortada da súa torre asomada ao borde do abismo. Aquí, como en moitos outros templos hinduístas da illa, o recinto interior está reservado exclusivamente aos crentes nesta relixión. Durante o paseo hai posibilidade de ver ducias de monos que poden chegar a ser moi simpáticos pero tamén perigosos. Mellor non xogar con eles, non tocalos nin achegarse en exceso.

Ulu Watu é un bo lugar para ver as danzas balinesas kecak (pronunciar quechak ou chakchak) sobre a epopea mitolóxica do Ramayana ou Viaxe do Deus hindú Rama. O kecak é un ritual de transo, un drama musical representado por un coro moi numeroso formado principalmente por homes no que non se utilizan instrumentos musicais. O ritmo vén marcado pola repetición da palabra chakchak ata chegar ao paroxismo. En contra do que poida parecer, as danzas kecak son unha creación dos anos trinta do século XX. É certo que escoitar durante unha hora unha mesma palabra con distintas entoacións pode chegar a producir cansazo e nerviosismo pero non lle quita maxia á representación se temos en conta que os traxes e os bailes son imaxinativos, e máis se engadimos que ten lugar a última hora do día e co fondo da imaxe do templo. Tanto para entrar ao recinto do templo como para o espectáculo hai que pagar a súa respectiva entrada. O día da nosa visita o ceo está nubrado pero no caso dun día solleiro convén chegar con algo de tempo e coller un posto axeitado no anfiteatro para poder ve-las danzas co sol poñéndose detrás do precipicio ao que se asoma o templo de Ulu Watu.

Cantís e templo de Ulu Watu ao fondo á esquerda

Danza kecak e templo de Ulu Watu ao fondo á dereita

Á FERVENZA DE MUNDUK VÍA O LAGO BRATÁN

Hoxe non aparece o noso condutor habitual, aquel que nos acompañou nas dúas primeiras xornadas. Chega a recollernos un rapaz novo que afirma ser sobriño do anterior, o caso é que vén co mesmo coche e coñece o itinerario e as condicións negociadas co seu tío.

Collemos de novo dirección norte por estradas paralelas ás que levamos o día de Penolokan. A primeira paraxe facémola no templo de Pura Taman Ayun en Mengwi, a vila que foi capital do reino do mesmo nome. A entrada ao recinto é a través de fosos e bonitos xardíns. O templo está pechado aos non hindús pero pode verse perfectamente dende o paseo exterior que arrodea o conxunto de edificios. Hai que entender que os templos balineses (ou puras) son unha serie de portas, imaxes e pequenos santuarios ao aire libre pechados por un muro exterior. Son construcións para ver por fóra e non hai un interior ao que acceder.

Templo en Mengwi

O elemento arquitectónico máis característico de Mengwi son os merus, torres esveltas de madeira e palla escura con certo aire aos pagodes chineses. Á hora da visita temos o sol de fronte, o que axuda a crear un bonito claro-escuro coas siluetas dos merus.

Fervenza en Munduk

Seguimos dirección norte e despois de moitos quilómetros e deixar atrás os lagos Bratan, Buyan e Tamblingan chegamos á aldea de Munduk. A razón de vir ata aquí e mostrarlle a Bruno que hai outro Bali máis relaxado e con menos estrés, onde a poboación local vive en harmonía coa súa contorna. Un Bali fresco, de media montaña e envolto nun ambiente brumoso todo o día por mor da súa altitude non inferior aos 1.000 m sobre o nivel do mar. Un Bali sen tendas e con poucos turistas. Pero unha vez aquí non hai moito que facer. A aldea de Munduk é agradable pero non ten nada que ofrecer. Como moito, dar un paseo polo bosque e achegarse á fervenza do mesmo nome.

Bruno no alto,entre os lagos Buyan e Tamblingan

Estamos de novo en zona volcánica. De feito, os tres lagos mencionados están na caldeira do volcán Bratan, un dos tres que hai na illa xunto co Gunung Batur e o Gunung Agung.

Regresamos ata o Lago Bratan e reencontrámonos de novo cos grupos turísticos. Bratan é sobre todo un gran complexo arredor dun lago para sacar partido dun dos templos máis fotografados da illa: o Pura Ulum Danau Beratan. O lugar é tan famoso que ata aparece no reverso dos billetes de 50.000 rupias. O templo está dedicado á deusa das augas e consiste nun edificio pequeno que ocupa unha illa minúscula moi próxima á beira do lago. Ben certo que a estética do lugar paga a pena pero despois da fotografía tan pouco hai moito máis que facer.

Templo do Lago Bratan

O sobriño xa non é igual ao seu tío, ten o descaro da xente nova e tenta levarnos a xantar a un restaurante próximo no que convidan a guías e choferes. O local está ateigado de turistas e o menú nin pinta ben nin tampouco é tan barato. Tomamos a decisión de xantar no único restaurante xeitoso dentro do recinto do templo. A comida non é gran cousa pero gozamos coas vistas do lago. Aproveitamos para invitar a xantar ao condutor e que, deste xeito, entenda que en turismo non todo ten que ser interesado. Dende Bratan regresamos de novo a Seminyak.

Rematamos o noso tempo na illa e partimos coa sensación de que Bali é un lugar para volver, outra ou moitas veces. Sempre tendo claro de que falamos dun destino de turismo masivo pero que aínda conserva unha boa parte da súa esencia, onde ademais a viaxe resulta doada e os prezos razoablemente económicos.

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.