Tiña que estar placidamente relaxado nas praias das illas caribeñas de San Andrés e Providencia como premio a días previos de traballo en Medellín, Cali e Bogotá. Tiña que estar en medio do mar, en territorio colombiano pero, curiosamente, situado fronte ás costas de Nicaragua.
Pero Avianca, a que foi durante moitos anos a compañía aérea bandeira de Colombia, non quixo. Estamos nas últimas semanas do mes de outubro e a folga de pilotos desta aeroliña xa é a mais duradeira da historia da aviación mundial. As negociacións entre a Asociación Colombiana de Aviadores Civiles e os directivos de Avianca levan un mes enquistadas con miles de voos cancelados e moitos máis miles de pasaxeiros deixados en terra.
Nesta situación…, a viaxe queda posposta. Mudo de idea e decido achegarme a fin de semana á cidade portuguesa de Viseu. Tomo a decisión o luns 16 para viaxar catro días máis tarde. A fin de semana do 14 e 15 de outubro acaba de ser terriblemente dramática por mor dos incendios forestais que asolaron o Principado de Asturias, Galicia e, sobre todo, Portugal. As condicións para o desastre eran idóneas, case perfectas: unha longa tempada de seca aderezada por unha pésima política forestal e moita mala hostia por parte dalgúns individuos. O axitador deste cóctel foron os ventos provocados polos efectos do furacán Ophelia. E as consecuencias non se fan esperar.
Ophelia vén do Atlántico e no seu camiño cara a Irlanda golpea as nosas costas convertido nunha borrasca na que os ventos acadan velocidades de ata 150 km/h. Non é moito se temos en conta que o que, previamente, xa tiña clasificación de furacán volverá acadar os 190 km/h ao chegar a Irlanda, converténdose nunha das peores tormentas da historia deste país.
As consecuencias: Galicia sofre a perda de catro vítimas por causa dos incendios. En Portugal, o drama chega ao seu límite: uns 500 incendios en tan só dous días, 55 feridos e 38 vítimas mortais que engadir aos 64 mortos de mediados de xuño en Pedrógão Grande. Unha sangría que merece unha contundente resposta social para obrigar aos nosos gobernos a que rematen dunha vez por todas cos inimigos do medio ambiente.
Nestas condicións saímos de Santiago de Compostela con tres horas e media de autoestradas por diante. O Goberno portugués provocou unha situación bastante incómoda para os que viaxamos a miúdo a Portugal cando, en plena crise económica, decidiu que as autovías libres de peaxe do país pasasen a ser costeadas por cada un dos seus usuarios. Con ese fin foron instaladas unhas estruturas metálicas, chamadas pórticos electrónicos, que cada poucos quilómetros toman nota dos coches que pasan por debaixo delas. Os procedementos para o seu pagamento é complexo e o condutor debe prevelo antes de saír da casa.
Deixo aquí debaixo unha páxina que pode axudar nestas lides malia que poida haber outras máis actualizadas.
http://www.portugaltolls.com/es/web/portal-de-portagens/home
A maior parte dos quilómetros entre Santiago e Viseu (as autoestradas AP-9 en Galicia e as A3 e A1 en Portugal) son de peaxe tradicional, con tarxeta e cabina de pagamento. O problema é os escasos 70 km da A25 dende o desvío da A1 ata a circunvalación de Viseu. Teoricamente os dispositivos de VIA-T (Telepeaxe) das autoestradas galegas e o de Via Verde portugués son válidos para o pagamento en pórticos. O cargo faise automaticamente ao pasar co dispositivo. Pero eu non teño VIA-T e o que levo de Via Verde non funciona adecuadamente. Polo que, coido, en breve recibiremos algún comunicado de autoestradas de Portugal reclamando cantidades a subscribir. Os condutores que baixen de Galicia a Viseu pola outra alternativa, a A24 dende Chaves, atoparán que todo o traxecto dende a fronteira galega e a través do sistema de pórtico electrónico.
Durante a viaxe fanse evidentes as consecuencias dos incendios na parte galega, pero estas son relativamente escasas en comparación co que vemos (espantados) ao pasar o límite fronteirizo. Xa en Portugal conducimos a carón de dous incendios activos con lapas que tentan entrar na mesma autoestrada. Ao saír da A1 en dirección a Viseu a paisaxe tórnase desoladora. Ducias e ducias de quilómetros onde todo o que está á nosa vista aparece calcinado.
Chegamos a Viseu á hora do luscofusco e a cidade preséntase agradable. Ata hai ben pouco e malia os seus case 100.000 habitantes, Viseu tiña o aire dunha urbe adormecida, ese ambiente típico das capitais de distrito (antigas provincias) do interior de Portugal. Na miña última visita, hai uns dez anos, aínda sentín Viseu dese xeito. A min encántame viaxar ata estas cidades (Vila Real, Castelo Branco, Guarda, Portalegre, Évora e Beja, entre outras) que mesturan á perfección certo aire decadente do seu esplendor pasado con novas infraestruturas de futuro. E sempre con ese aire de provincias cheo de calma.
Viseu aparece asociada á figura de Viriato, o pastor elixido polos lusitanos como caudillo e que plantou cara ao Imperio Romano no segundo século antes da nosa era. Por debaixo da Igrexa da Misericordia, na praza da catedral, sae un simpático funicular que achega gratuitamente o visitante ata o Campo de Viriato, o lugar onde supostamente estivo o seu campamento. Un pouco máis aló hai unha estatua heroica, tamén de Viriato, sobre unha pequena rocha. E aínda máis alá, a coñecida como Cava do Viriato, un enorme recinto octogonal con noiros defensivos de terra e fosos exteriores. A orixe da Cava é incerta, segundo as lendas locais puido ser romana pero case todas as evidencias apuntan ao período medieval. A mellor fotografía que dá a Cava é cun dron dende o aire. A pé de rúa limítase a un agradable parque polo que dar un paseo.
O centro antigo de Viseu é pequeno e moi apetecible para camiñar. Aínda quedan partes a recuperar pero pouco a pouco fóronse abrindo pequenas galerías de arte, tendas de artesanía e restaurantes, algún con bastante encanto. E é tamén na contorna da catedral onde se asentan os principais templos da nocturnidade, con certa actividade nas fins de semana.
O itinerario para coñecer a cidade parte da Câmara Municipal (Casa do Concello), na Praça da República, en dirección á Porta do Soar, unha das sete entradas que tivo a muralla medieval. Hoxe quedan unicamente dúas entradas e para ve-la outra, a Porta dos Cabaleiros, hai que ir ao lado oposto do centro de Viseu, preto do Teatro Municipal (coma non!) Viriato.
A carón da Porta do Soar encontramos unha escenografía escultórica da auga na Fonte das Três Bicas (Fonte dos Tres Surtidores). Despois, entramos na praza central da cidade onde se erguen tres dos seus principais monumentos. O primeiro é o edificio de pedra que alberga o Museo Nacional Grão Vasco, antigo Seminario Diocesano reconvertido en museo onde o máis salientable é a pintura do pintor Vasco Fernandes (coñecido coma Grão Vasco). Ao seu carón destaca a Catedral de Santa María, de orixe románica e con varias modificacións posteriores. No interior hai un museo sacro bastante interesante que ademais regala unhas vistas marabillosas sobre a praza e sobre o núcleo histórico de Viseu.
Ollando para a catedral podería parecer que estamos en Cáceres pero se facemos un xiro de 180º faise extremadamente evidente que estamos en Portugal. A razón é a Igrexa da Misericordia e a súa fachada do século XVIII. Despois de visitala non esquezades ir pola parte de atrás e baixar en ascensor ata a terminal do funicular. A viaxe neste medio de transporte é breve e a pendente da rúa non tan inclinada como para xustifica-lo seu uso. Pero o funicular é gratuíto e tan xenuinamente portugués… A medio camiño de volta á praza da catedral está o Centro Comercial Fórum Viseu, un dos dous cos que conta a cidade.
Viseu ten varias igrexas e capelas de interese, conventos e un seminario. Tamén algúns outros pequenos museos. Unha chisca nas aforas está o chamado Solar do Vinho do Dão ocupando as dependencias do antigo Pazo Episcopal. Non hai que esquecer que estamos na capital da comunidade intermunicipal de Viseu Dão-Lafões, berce deste rico viño que se produce nas abas de montañas entre altitudes de 400 a 700 metros.
No noso hotel recoméndanos o restaurante da Pensão Rossio Parque coma un dos mellores da cidade. Outro referente gastronómico é o restaurante O Cortiço pero de prezos moito máis elevados. Buscádeo na praciña enriba do mural de azulexos fronte ao edificio da Câmara Municipal (Praça da República). O bacalhau à brás é unha exquisitez. A carne tamén paga a pena. Tanto e así que na mesma fin de semana repetimos dúas veces e tentamos unha terceira, esta sen éxito polo aforo limitado do local.
http://www.pensaorossioparque.com/
A nosa estadía en Viseu resulta moi confortable e non dubidaremos en repetir dentro dun tempo. O único punto negativo vai para a escasa vida comercial das súas céntricas rúas que, coma en moitas outras urbes portuguesas, queda limitado aos novos centros comerciais. Os interesados neste tipo de oferta contan cun gran shopping á entrada de Viseu, o Palácio do Gelo, espazo aberto no 2008 con 150 tendas, cines, piscinas e ata unha pista de xeo. Non hai que perderse a tenda de cerámicas Bordalho Pinheiro coas asombrosas figuras realistas desta fábrica de Caldas da Rainha. O centro abre todos os días.