Pode parecer un simple signo de interrogación engadido ao final do titular deste post, pero ese interrogante é unha auténtica declaración de sentimentos de min cara a Rusia. Con isto comezo a pór en dúbida as miñas propias afirmacións feitas nos dous artigos anteriores sobre Moscova. Neles viña defendendo que a capital rusa era unha cidade pouco desexada para o viaxeiro por diversas causas: unha meteoroloxía en xeral moi adversa, a dificultade para entenderse co alfabeto cirílico, a pouca calidade dos seus servizos turísticos e, sobre todo, polo desinterese e frialdade que amosaban os seus habitantes con respecto aos que íamos visitalos.
Pero todo está a mudar. E vai moi rápido! No meu artigo de marzo do 2016 percibía os primeiros indicios desta nova situación. Dade unha ollada e comprobade que dicía textualmente “… cada vez percibo un trato máis amable por parte dos habitantes de Moscova. É máis, estou convencido de que Rusia será, en case todos os aspectos, un país como moitos outros europeos á volta dun par de xeracións”. Pois parece que os tempos son chegados e antes do esperado.
Tan só transcorreron dezanove meses dende a miña última visita e a impresión que me levo de volta á casa non pode ser máis positiva. Primeiro, o Metro. Un servizo impecable polo seu prezo e as numerosas frecuencias no paso de convois, pero un auténtico desastre na súa sinalización, propia doutras épocas e de dificilísima lectura para os non acostumados á rede suburbana. O ¨novo¨ metro incorpora melloras como a tarxeta Troika válida por cinco anos que permite ser cargada con ata 3.000 rublos (tamén a usar en transportes de superficie), novas expendedoras automáticas con opción en inglés en case todas as estacións, distribución de mapas da rede do metro cos nomes das estacións en cirílico e latino, instalación de sinalización horizontal e vertical tamén en inglés incluíndo mapas de situación das diferentes saídas con respecto á contorna de rúas, edificios públicos e monumentos. Segue sen ser perfecto pero viaxar en metro agora é moito máis simple e igual de barato (35 rublos/50 céntimos por viaxe). Incluso na saída dalgunhas estacións hai grandes mapas circulares bilingües desa área da cidade que axuda a que un poida moverse por si mesmo.
Pero os cambios do metro non son mais que un exemplo. Por outra banda, nunca vin tanta xente facendo esforzos por entender e facerse entender en inglés, ás veces incluso en castelán. Tamén atopei vixiantes de museos preocupados por que non quede ningunha sala sen visitar. E cheguei ao paroxismo cando, consultando un mapa nunha estación de metro, se me achega un policía en actitude servizal. Como dixen, algo está a moverse en Rusia e vai moi rapidamente.
Eu chego de Salvador, no Brasil, cunha paraxe en Santiago de Compostela de pouco máis de 24 horas para mudar de maleta. Aterro no aeroporto de Domodedovo, un dos tres da cidade, procedente de Múnic coa compañía alemá Lufthansa. Chego en plena madrugada e non arrisco a contratar un dos taxistas que se ofrecen na rúa. Diríxome ao mostrador de taxis “oficiais” que hai en Saídas Internacionais e preséntanme unha tarifa publicada de 7.000 rublos (100 €) por baixar ao centro da cidade. Despois de moito negociar chegamos a un acordo de 2.800 rublos (40 €) por unha carreira pola que tan só pagarei 1.200 rublos (17 €) o día de regreso a Galicia. Malia as melloras, hai cousas da vella Rusia ou xa da “moi nova” Rusia que están aí e que o turista novato debe evitar.
A cidade loce fermosa coas bonitas iluminacións que embelecen moitos edificios nobres, ademais da decoración propia das festas desta época do ano. Sexa o Concello ou sexa outro o organismo responsable non se escatima en xigantes árbores de Nadal nin en luminosas benvidas ao novo 2018. Ata a mesma Praza Vermella alberga un mercadiño de Nadal a semellanza doutras cidades europeas. Esta é a miña primeira viaxe a Moscova no mes de decembro e, realmente, paga a pena. Eu son un dos moitos que afirman que a capital rusa refulxe especialmente cando está cuberta de neve. E se a neve está engalanada de luces moito mellor.
A opinión maioritaria dos moscovitas cos que falo é de que Rusia segue en profunda crise económica. Porén, durante a miña estadía, tanto en Kazán coma en Moscova, teño a sensación de que o país está a gozar de bastante boa saúde.
A razón da miña visita é traballo pero dispoño dun par de mañás sen compromiso ningún. É por esa razón que fago que a miña irmá e o meu cuñado coincidan comigo nesas datas. O matrimonio buscaba unha escapada invernal e aínda non coñecía a capital moscovita. Previamente decidimos que despois de rematar o noso tempo en Moscova faremos unha escapada dun par de días á cidade de Kazán, a capital do Tartaristán, na República dos Tártaros.
Aproveitamos para coñecer no meu tempo libre algúns dos lugares imprescindibles para quen visita Moscova por primeira vez, pero tamén incorporamos outros atractivos que eu aínda non tivera tempo de descubrir. Unha das noites facemos o percorrido por varias das estacións máis interesantes da famosa e monumental rede do metro da cidade.
Para os que estean a organizar unha primeira viaxe por estas terras aconsello consultar os meus posts anteriores Moscova II / Moscova I
-O KREMLIN-
A primeira visita é un inevitable: o Kremlin, a fortaleza máis famosa dos vinte kremlins que hai en Rusia e que arrodea un conxunto de edificios civís (palacios) e relixiosos (ata catro catedrais!) na beira do río Moscova. A muralla de madeira orixinal deu paso a unha de pedra branca para, a finais do S. XV, levantar no mesmo lugar unha nova de ladrillo vermello que se convertería na estampa máis turística da cidade.
Contratamos unha guía en castelán para toda a visita motivados sobre todo pola primeira parada a realizar no Museo da Armería. Non son moi amigo de contratar guías do lugar pero neste caso faise totalmente aconsellable xa que a Armería conserva un dos tesouros máis fascinante dos visitados ao longo da miña vida. As explicacións propias do museo non son suficientes para coñecer a historia de moitos dos obxectos. Esta exposición, aberta ao público dende o ano 1814, amosa o luxo ferinte do que gozou a realeza e a clase adiñeirada do país. A visita fai entender facilmente os motivos que levaron a que o pobo ruso asasinase aos seus gobernantes. Carruaxe, xoias, traxes,…, ata 4.000 obxectos e cada un máis impresionante có anterior. Sen dúbida, unha visita imprescindible. Non se pode facer fotos no interior.
A seguinte páxina pode axudarvos a xestionar as vosas entradas para o Kremlin: www.rusalia.com/comprar-entradas-online-kremlin/
Dende o Museo da Armería saímos á Praza das Catedrais onde se atopan os edificios da Catedral da Anunciación, a Catedral do Arcanxo e a Catedral da Asunción (tamén coñecida como da Dormición). En ruso, a palabra “catedral” utilízase a miúdo e non ten que significar unha obra grandiosa. É mais, moitas catedrais rusas poden pecar de modestas para os estándares españois.
Pero neste caso todas pagan a pena, especialmente a Catedral da Asunción por ser o lugar que albergou durante moito tempo os máis importantes eventos civís e relixiosos do país. Aquí tanto eran nomeados os patriarcas ortodoxos como coroados os tsares gobernantes. Esta catedral foi a principal igrexa ortodoxa de Moscova e dende comezos do século XIV tamén funciona como panteón dos xerarcas da igrexa rusa.
Con respecto á Catedral da Anunciación era o templo destinado ás cerimonias de carácter familiar dos gobernantes rusos. Ao longo dos séculos foron creándose iconas e utensilios litúrxicos especialmente para o culto neste templo e moitos deles amósanse en exposición.
Finalmente, a Catedral do Arcanxo (Miguel, o patrón do exército ruso) é o lugar de enterramento dos príncipes de Moscova e dos primeiros tsares de Rusia. A tradición vén dende que Iván I foi enterrado aquí en 1340, nunha igrexa anterior á catedral que el mesmo mandou edificar.

De esquerda á dereita Catedral da Anunciación, Palacio Granovitaya e Catedral da Dormición na Praza das Catedrais

De esquerda á dereita Catedral da Dormición, Campanario de Iván O Grande e Catedral do Arcanxo na Praza das Catedrais
As tres catedrais foron construídas con moi poucos anos de diferencia entre finais do século XV e comezos do XVI. Na mesma explanada que as catedrais destaca un edificio máis esvelto que os demais: a Torre do Campanario de Iván O Grande, coroada por dúas cúpulas douradas de diferente altura. A obra está considerada como exemplo de moitos outros templos levantados por toda Rusia. No día da visita o edificio permanece pechado.
Despois de visita-las tres catedrais saímos ao exterior onde podemos ver o pazo no que traballa a diario o Presidente Putin. E tamén o Canón do Tsar Pushka e a Campá xigante do Tsar Kólokol III. O canón pesa 40 toneladas e podía mandar proxectís de calibre moi grande aínda que a relativamente pouca distancia. Nunca participou en ningún combate e, imaxino, que no tempo de poder recargar semellante monstro os atacantes poderían facerse facilmente con el. A campá de 216 toneladas é a máis pesada das que se conservan a nivel mundial pero non das que están a funcionar xa que esta nunca foi tanxida nin sequera pendurada do seu correspondente campanario. No seu momento non atoparon estrutura axeitada da que poder colgar semellante elemento. Dous anos despois da súa fundición, durante un incendio no Kremlin, a campá foi arrefriada con auga e tan rapidamente que se agretou e rompeu un anaco de (tan só!) once toneladas e media.
-CATEDRAL DO CRISTO SALVADOR-
Metro Kropotkinskaya na liña vermella 1.
Esa mesma mañá complementamos a visita do Kremlin coa da Catedral do Cristo Salvador, non lonxe do primeiro recinto. A historia comeza na década dos anos 30 do século XX, baixo o goberno de Stalin, cando se convoca o concurso para deseñar o Palacio dos Soviets, un grandioso complexo arquitectónico a pouca distancia do Kremlin para albergar a administración do novo estado soviético. As autoridades desdeñaron os deseños máis modernos e votaron por unha aloucada proposta de monumentalismo historicista como alegoría ao socialismo triunfante. De ser construído tería 389 m de altura coroados por unha estatua de Lenin que aportaría outros 100 metros de altura a maiores. Stalin escollía un edificio fito que copiaba os estilos dos seus inimigos capitalistas para demostrar o poderío soviético. A Segunda Guerra Mundial e a entrada dos nazis en Rusia parou o proxecto. E no camiño para a súa construción, en 1931, a Catedral de Cristo Salvador foi derrubada. No seu lugar quedou un gran burato no que se acondicionou a maior piscina ao aire libre do mundo. O Palacio nunca foi construído (Texto de “Moscova, unha cidade dura I”).
A catedral volveu ser levantada na década dos anos 90 por mor do afán do goberno ruso en recuperar o patrimonio perdido en Moscova e outras cidades rusas e, tamén, polo regreso por parte do pobo ruso ás crenzas relixiosas. Foi consagrada de novo no ano 2000. O edificio está revestido de mármore branco e é un dos templos ortodoxos máis altos do mundo. A entrada é gratuíta e tamén se ofrece a posibilidade de subir ao miradoiro, nese caso previo pagamento dunha entrada.
A verdade é que o feito de estar ante unha obra de recente construción, aínda que sexa fiel ao seu orixinal, non espertou ningunha emoción en min.
Dende a ponte que sae fronte a catedral hai unhas bonitas vistas sobre o río Moscova e sobre a cidade. Dende alí pódese ver ao lonxe o Xardín das Estatuas Caídas do que sobresae a inmensa e fea escultura negra de “Pedrito Colón”.
Ver descrición no link Moscova I
-TSARÍTSINO-
Metro Tsarítsino na liña verde escura 2.
O antigo pazo de Catarina II ou Catarina A Grande de Tsarítsino (traducido como “lugar da tsarina”) está no medio dun inmenso parque ao suroeste da cidade, xa un pouco nas aforas. A mellor opción é chegar en metro ata a estación do mesmo nome e dar un agradable paseo a pé ata o edificio do pazo. En inverno e con neve, fanse necesarias unhas boas botas de neve.
Por outra banda, a estación de metro de Tsarítino queda a dúas paradas da de Kashirskaya e a tres paradas da de Kolomenskaya, na mesma liña verde escura 2. Ambas estacións dan acceso ao Museo Reserva de Kolomenskoye.
Ver link con información do museo Moscova II
Polo tanto, Kolomenskoye e Tsarítsino son dúas visitas que se poden e se deben combinar pero tendo en conta que os diferentes atractivos están espallados en terreos con moita superficie. Para a visita de ambos espazos é necesario un día completo e na tempada invernal, cos días moito máis curtos, haberá que ir a presa no caso de querer velo todo.
A Tsarina Catarina, que non gustaba de ningún dos seus pazos no centro de Moscova, mandou levantar un primeiro edificio nesta finca das aforas na segunda metade do século XVIII e, deste xeito, celebrar a vitoria de Rusia sobre o Imperio Otomán. Pero unha vez case rematado, a caprichosa gobernante rexeitouno, o arquitecto foi substituído e o edificio derruído por consideralo pouco apropiado ao seu gusto. Non hai unha explicación moi evidente que explique a actitude de Catarina malia as extravagancias propias dos gobernantes absolutistas daquela época. As xustificacións argalladas no seu momento foron o pequeno tamaño dos cuartos! e as referencias masónicas na fachada!! Un exemplo máis do fóra de contexto que gobernaba moita realeza europea.
Moi pouco tempo despois, no ano 1786, mandou construír o pazo actual no mesmo emprazamento, un edificio inmenso de aires góticos en ladrillo vermello vista, así como varias edificacións auxiliares. O novo palacio quedou sen rematar por falta de financiamento en tempos da segunda guerra con Turquía. Co paso do tempo, o edificio foise danando para dar paso a unha ruína de aires románticos que era do gusto dos moscovitas como lugar de paseo e de góticos e doutras tribos marxinais como punto de encontro.
Foi o Presidente Putin o que decidiu rematar o que Catarina A Grande comezara 231 anos antes. A reconstrución obedece aos plans do goberno ruso de recupera-lo seu esplendor pasado. As obras iniciadas no ano 2005 respectaron o proxecto orixinal e incluíron todas as construcións auxiliares, as pontes, así como a remodelación do parque que as arrodea. O novo atractivo turístico da cidade foi aberto ao público co gallo do 860 aniversario da fundación de Moscova.
Realmente, a visita pareceume interesante polo paseo polo parque (especialmente bonito con neve) e polo grandioso do palacio. O interior é un museo ao uso onde entendo que se perderon as estruturas orixinais a prol dunhas mellores condicións para a exhibición museística. Non chamará moita a atención a non ser a aqueles cun profundo coñecemento da historia do país. Durante a visita temos unha única posibilidade, na Sala de Catarina A Grande, de ver un espazo que faga lembrar a suposta grandeza do interior dun palacio.
-MONASTERIO E CEMITERIO DE NOVODÉVICHI-
Metro Sportivnaya na liña vermella 1.
A mesma maña de Tsarítsino rematamos no mosteiro que aparece en tódalas guías como o máis importante e bonito de Moscova: Novodévichi. É ademais Patrimonio da Humanidade pola Unesco, xunto co cemiterio, por ser o convento de monxas máis antigo e fermoso de toda Rusia.
Ao saír da estación, un dos novos e grandes planos de barrio instalados pola compañía do Metro indícanos o camiño a seguir para chegar ata o mosteiro. Son uns cinco minutos a pé. Con respecto ao cemiterio, acolle algunhas das grandes figuras da historia do país e está parede con parede co recinto do mosteiro.
Novodévichi naceu como convento na primeira metade do século XVI e foise convertendo nun complexo de igrexas e edificacións de diferentes estilos arquitectónicos. Durante moitos anos foi o refuxio (unha especie de cárcere) para as mulleres rebeldes das familias nobres da cidade. A comezos do século XVIII era un dos máis ricos do país con preto de 15.000 serventes.
As arquitecturas medievais e barrocas, a mestura de cores brancas e vermello inglés, os teitos verdes e as cúpulas douradas fan que o conxunto resulte moi atractivo e fotográfico.
As edificacións salientables son a Catedral de Nosa Señora de Smolensk e a Igrexa da Dormición. No momento da visita a catedral está pechada por restauración e as súas fachadas cubertas cunha lona. Con respecto á igrexa, o seu interior é moi sinxelo e semellante a moitas outras igrexas da cidade pero ten a singularidade de ser un espazo bastante amplo (400 m²) e sen columnas. Malia estar pechado o seu principal atractivo, o importe da entrada seguía a se-lo mesmo. Coido que no caso de tan só querer pasear polo recinto non habería que pagar nada. Nos únicos lugares nos que podemos entrar ademais da igrexa son os edificios acaroados ás murallas que funcionan como museo (de interese relativo).
O poder soviético pechou o mosteiro no ano 1922 para convertelo no Museo da Muller Emancipada. Como en moitos outros lugares de Rusia, o seu uso relixioso volveu no ano 1994.
Para os que xa teñan visto moitas igrexas ortodoxas, realizado outras viaxes polo país ou non poidan acceder, como me pasou a min, á Catedral de Nosa Señora de Smolensk é posible que lles chegue con sacar unha foto do bonito conxunto arquitectónico. A mellor perspectiva é dende a outra beira do río Moscova ou dende o estanque que está fóra das murallas do mosteiro.
Polo que respecta ao cemiterio non hai que confundilo co que está dentro do recinto do mosteiro, aínda que este é tamén interesante. Hai que saír, camiñar un chisco pola beirarrúa e entrar no recinto veciño. A entrada é gratuíta.
O Cemiterio de Novodévichi foi aberto no ano 1904 e con 27.000 tumbas é o máis famoso de Moscova e un dos sobranceiros de Rusia. Aquí están as tumbas, algunhas monumentais, de persoeiros coma o cineasta Eisenstein, escritores coma Nikolái Gógol, Antón Chejóv e Alekséi Tolstói (non confundir co máis coñecido León Tolstói), os deseñadores de avións Tupolev e Ilyushin, os políticos Khrushchev e Yeltsin, e Raisa Maximovna, a muller de Gorbachev.
-AS MIÑAS MELLORES ESTACIÓNS DO METRO DE MOSCOVA-
O Metro foi inaugurado en 1935 e a súa primeira liña contaba con tan só 11,2 km que comunicaban a estación de Park Kultury coa de Sokolniki na liña vermella 1.
Hoxe, o Metro é unha rede de 13 liñas con preto de 340 km de percorrido e 206 estacións polo que circulan diariamente 10.000 convois a unha velocidade media de 41 km/h e cunha alta frecuencia no paso dos trens (90 segundos de media). É o terceiro máis longo do mundo despois do de Londres e Nova York e no ano 2020 espera contar con 75 novas estacións. No que si é o primeiro en número de pasaxeiros transportados con medias de 8.500.000 de persoas durante os días laborais e de 4.500.000 en fin de semana, superando os 2.500 millóns de pasaxeiros/ano. Non hai que esquecer que Moscova é a primeira urbe por poboación de Europa e o seu metro unha maneira rápida e barata de chegar a case todas partes.
A rede sigue medrando cada día e nos últimos mapas aparece incorporada a segunda liña circular co número 14, aínda que realmente corresponde á unha trazado de cercanías e non á propia rede do Metro.
Aínda que a tipoloxía das estacións é moi variada dependendo do momento da súa construción, o Metro segue a ser chamado o “Palacio Subterráneo” ou “Palacio do Pobo”. A razón é a arquitectura sofisticada de moitas estacións e a súa elaborada decoración. Todo xorde na época soviética que preconiza que o luxo non debe ser para as elites económicas senón que ten que estar a disposición do pobo. Era tamén unha mensaxe para o resto do mundo coa que se amosaba o poderío do novo réxime. Non hai un único criterio arquitectónico ou decorativo e cada estación é unha experiencia polo que é recomendable establece-la visita segundo os gustos de cada un.
Para moverse pola rede do metro hai que ter en conta que estacións situadas nun mesmo lugar mudan en xeral de nome segundo a liña na que estean situadas. Por exemplo, dende a mesma Praza do Teatro Bolshói pódese acceder a dúas estacións con nomes diferentes segundo a súa liña: a de Teatralnaya (liña cor verde escura 2) e a de Ploschad Revolyutsii (liña cor azul escura 3). Nalgún caso, como a estación de Komsomolskaya, ten o mesmo nome para a liña vermella 1 e para a liña circular marrón 5. Polo tanto seguide as indicacións da miña proposta na que aparece tanto o nome da estación coma o número e cor da liña.
Outra característica do metro moscovita é a súa profundidade, con estacións que chegan ata 84 metros baixo a superficie. Foi por esa razón que se utilizou como refuxio durante a II Guerra Mundial e polo que aquí naceron 217 nenos durante ese tempo. Unha imaxe moi típica e que chama moito a atención son as interminables escaleiras mecánicas de centos de chanzos.
O percorrido proposto demora aproximadamente tres horas de visita e é extremadamente barato, cun só billete de 50 céntimos de euro é posible coñecer todas as estacións da rede. O metro está aberto dende as 05:30 da mañá ata a 01:00 da madrugada polo que a mellor opción é visitalo despois do solpor cando outros atractivos da cidade xa están pechados, e sempre evitando as horas punta de entrada e saída do traballo.
Cada un deberá establecer o seu percorrido segundo a estación de saída e destino final. Ademais desta proposta (moi persoal) hai moitas outras estacións de interese entre as 44 declaradas patrimonio cultural. Aconsello consultar varias páxinas web e establecer un percorrido propio.
ESTACIÓN NOVOKUZNETSKAYA na liña verde escura 2.
Aberta durante a II Guerra Mundial, en novembro de 1943, destaca polos seis mosaicos que amosan a obreiros soviéticos traballando pacificamente e polos inmensos bancos de mármore branco que proceden da demolición da Catedral do Cristo Salvador. Percorrendo os laterais da bóveda central hai baixorrelevos que contan algunhas vitorias do exército soviético. As lámpadas do centro da estación danlle un aire diferente a moitas outras da rede. Hai que buscar o mural en branco e negro co rostro de Lenin.
ESTACIÓN PLOSCHAD REVOLYUTSII na liña azul escura 3.
Esta estación é unha habitual das fotografías do metro pola monumentalidade e realismo das súas esculturas. Son un total de 76 estatuas con 19 imaxes diferentes, de xeito que cada unha se repite catro veces. Hai granxeiros, estudantes, traballadores, cazadores pero tamén soldados soviéticos, entre outros. As esculturas están colocadas nas esquinas de cada un dos arcos que separan o espazo central das dúas plataformas por onde pasan os trens. As catro estatuas que representan a un cazador (ou un vixiante?) co seu can son unha icona desta estación e, segundo a tradición, toca-lo fociño do animal axuda aos estudantes a aprobar exames e a sacar mellores notas. Outras crenzas falan de que tocar o mariñeiro cunha bandeirola de sinais na man ou tocar a pistola que leva outro dos mariñeiros trae boa sorte para ese día. Esa é a razón pola que moitas das figuras teñen partes co bronce pulido e brillante.
ESTACIÓN ELEKTROZAVODSKAYA na liña azul escura 3.
Esta estación inaugurada en plena II Guerra Mundial ten un espazo central caracterizado por unha bóveda con repetición de grandes focos de luz (318 en total) e polos doce relevos de mármore nos que aparecen traballadores das industrias soviéticas. É curiosa a representación humana de corpos atléticos e musculosos máis propios de deportistas que de obreiros industriais ou de xente do agro. Os elementos decorativos en bronce que serven de soporte para lámpadas de parede e nos que aparece a fouce e o martelo fan lembrar épocas xa pasadas.
ESTACIÓN BAUMANSKAYA na liña azul escura 3.
Na mesma liña e tan só a unha estación da anterior, foi inaugurada no mesmo ano. Os elementos senlleiros son as esculturas que representan a ferreiros, pilotos, políticos e artistas da Unión Soviética en actitudes poderosas e orgullosas. As estatuas aparecen enmarcadas por unhas estruturas de cerámica granate cun certo aire Art Deco. Nun dos extremos hai un gran mosaico que representa a bandeira co rostro de Lenin. Nesta parte da estación hai unha acústica moi especial cun forte efecto de eco.
ESTACIÓN CHKALOVSKAYA na liña verde clara 10.
Pode resultar unha pequena decepción para os que estean á procura das estacións clásicas e monumentais que o visitante asocia ao Metro de Moscova. Chkalovskaya xoga de novo co Art Deco, nesta ocasión inspirado no mundo espacial. Os bronces son substituídos polos cromos. O único que chama a atención no espazo central e nas plataformas son as bonitas lámpadas colocadas transversalmente na bóveda e os dous pequenos mosaicos con imaxes planetarias. A estación está a 51 m de profundidade polo que hai que subir unha desas prologadas escaleiras mecánicas ata o vestíbulo para, dese xeito, ver complicadas formas en aceiro que poden facer lembrar o interior dunha nave espacial.
ESTACIÓN KOMSOMOLSKAYA na liña circular marrón 5.
Sen dúbida o que todo turista espera ver neste metro (o meu cuñado o primeiro), a apoteose da grandilocuencia stalinista A decoración ten certa grandeza de palacio. A cor predominante entre amarela e mostaza e as molduras en branco incorporan un aire colonial. Leo nalgún folleto que pode recordar a “Alicia no país das marabillas” e estou de acordo. Na bóveda destacan tanto os oito mosaicos nos que aparecen líderes da época soviética como as grandiosas lámpadas que colgan entre eles. Na zona onde a bóveda se une aos arcos hai baixo relevos con diferentes armas e a inevitable imaxe da fouce e o martelo.
ESTACIÓN NOVOSLOBODSKAYA na liña circular marrón 5.
Unha estación con interese construída máis tarde (1952) e a única da rede con vidreiras. Todas as cristaleiras son moi coloristas e combinan elementos humanos con motivos florais. Os traballos metálicos que engarzan os cristais e as bonitas lámpadas circulares son tamén en estilo Art Deco. Non hai que quedarse só no espazo central xa que as vidreiras tamén decoran as plataformas do tren. Aquí foron rodadas escenas do filme soviético “Moscova non cre nas bágoas” que gañou o Oscar ao mellor filme en lingua non inglesa no ano 1980. Como curiosidade, as vidreiras foron realizadas inicialmente para a Catedral de Riga en Letonia.
ESTACIÓN KIYEVSKAYA na liña circular marrón 5.
Outra das inevitables que debe entrar en calquera itinerario polas estacións do metro. Hai que ver as pinturas dedicadas á amizade entre Ucraína e Rusia e, sobre todo, os mosaicos con próceres da patria como Lenin, Stalin e Trotsky e escenas épicas da Revolución Rusa de 1905 e a Revolución de Outubro de 1917. E moita bandeira vermella por todas partes. Tamén son interesantes os elementos decorativos en bronce colocados no centro de molduras de cemento nas paredes das plataformas. A estación máis salientable é a que está na liña circular marrón 5 pero, neste caso, tamén son recomendables as estacións Kiyievskaya la liña azul escura 3 e na liña azul clara 4, así como os espazos subterráneos que comunican as tres estacións.
ESTACIÓN MAYAKOVSKAYA na liña verde escura 2.
No caso de vir de Kiyevskaya e face-lo cambio da liña circular marrón 5 á liña verde escura 2 na que está Mayakovskaya, paga a pena dar unha ollada á estación na que hai que mudar de liña: Belorruskaya e os seus bonitos mosaicos no teito.
Mayakovskaya (1938) é outra das estacións que sempre entran nun itinerario polo metro sexa cal sexa a combinación que faga o visitante. Un dos elementos característicos son os amplos arcos revestidos en material cromado que, segundo algunhas guías, poden recordar a unha rockola ou máquina de discos. Pero o principal reclamo son os mosaicos que están no centro de cada unha das bóvedas de luz do teito. Os seus variados motivos teñen o título común de “24 horas no País Soviético” e foron realizados segundo os debuxos do artista Alexander Deineka. A estación, entre o Neoclasicismo Stalinista e o Art Deco, gañou o primeiro premio da Exposición Internacional que tivo lugar en Nova York no ano 1939.
Unha vez en Mayakovskaya hai que subir ata o novo vestíbulo engadido no ano 2005 onde hai bonitas imaxes, aínda que recentes, que seguen o estilo da estación inferior.
ESTACIÓN DOSTOYEVSKAYA na liña verde clara 10.
Como indica o nome, Dostoyevskaya é un tributo ao último grande heroe da literatura rusa: Fiódor Dostoyevski. Por se alguén se despista, nun dos extremos da estación, e despois de subir unhas escadas, hai un gran retrato do autor.
A ruta remata nesta estación que como no caso de Chkalovskaya pode non gustar a todo o mundo. Á primeira vista é pouco impresionante, o espazo central ten un revestimento de mármore gris e nos lenzos entre columnas aparecen escenas das obras de Dostoyevski como “O Idiota”, “Os Irmáns Karamázov”, “Os Demos” ou “Crime e Castigo”. Quizais, o destacable sexa esa sucesión de cavidades cóncavas para as luces que lle dan certo aspecto de cabina de avión. Ademais, esta estación non ten o movemento de pasaxeiros de moitas outras e permite facer fotografías nas que se percibe claramente unha especie de corredor central iluminado por efecto do reflexo das lámpadas.
A estación Dosyevskaya é unha obra moi nova aberta ao público no ano 2010 como parte da prolongación cara ao norte da liña 10.