Kazán – A capital dos tártaros

Saíndo da Casa de Vodas

Vista da cidade dende o miradoiro do Kremlin

Había tempo que desexaba coñecer algo máis de Rusia alén das xa habituais visitas ás cidades de Moscova, San Petersburgo e ás súas correspondentes áreas de influencia. Hai moitos anos tiven a oportunidade de atravesar unha gran parte de país no mítico tren transmongol que une Moscova con Ulán Bátor, a capital de Mongolia, pero esta experiencia limitouse a catro días de contemplar as amplas chairas da estepa rusa, sen tempo para coñecer as cidades en ruta e sen ningún contacto coa poboación local.

Ademais, Rusia vén mellorado a súa oferta turística e pouco a pouco vai ofrecendo novos servizos turísticos e facilidades no transporte. Reservamos dende casa o noso voo de Moscova a Kazán coa aeroliña rusa S7 (Siberia Airlines), a segunda máis grande do país e pertencente á alianza Oneworld da que tamén é membro a compañía Iberia. O prezo do voo de ida e volta dende o aeroporto moscovita de Domodedovo é duns 100 euros (85 sen maleta) e o tempo de viaxe unha escasa hora e media.

A tramitación do visado para entrar en Rusia (de 58 a 113 euros máis os gastos de xestión) esixe unha carta de invitación dos aloxamentos reservados e ese requisito impide improvisar ou argallar a viaxe unha vez no destino. Polo tanto, xa traemos dende Galicia tanto a reserva de voos como a do aloxamento. O escollido é o Hotel Giuseppe, un catro estrelas con ansias de hotel boutique e a pouca distancia do Kremlin.

Temos por diante dúas xornadas en Kazán, a capital da República do Tartaristán e o centro da cultura e da identidade tártara. Tártaros é o nome co que se define a varios pobos nómades de orixe turcomá e asiática e de relixión maioritariamente musulmá sunnita. Nome tamén identificado con etnias mongois e, durante moito tempo, sinónimo de crueis xinetes salvaxes e de feros e poderosos guerreiros. Baixo a autoridade de Gengis Kan chegaron a construír un dos maiores imperios do mundo, dende Corea ata o río Danubio, cunha poboación de 100 millóns de persoas.

Os tártaros foron verdugos en moitas das súas conquistas pero tamén foron vítimas. Stalin deportou 200.000 tártaros (maioritariamente de Crimea) acusados de colaboración coa Alemaña nazi a lugares moi inhóspitos de Usbequistán, Casaquistán e Quirguicistán, provocando un xenocidio que este pobo aínda non conseguiu esquecer.

Kazán é hoxe en día unha das cidades máis importantes da Federación Rusa. O seu esplendor comezou durante a II Guerra Mundial como un importante centro da industria militar, para logo ser reconvertido nun centro industrial e científico. Actualmente o diñeiro procedente das compañías petroquímicas e aeronáuticas é tan evidente que Kazán recibiu a denominación de “Terceira Cidade de Rusia” tras Moscova e San Petersburgo.

Por outra banda, a urbe é a oitava por poboación do país e a súa área metropolitana supera 1.600.000 habitantes. Entre as melloras das que se vén beneficiando nestes últimos anos está o novo metro, inaugurado no ano 2005, así como unha serie de magníficas instalacións deportivas levantadas para acoller a Universiada que tivo lugar no 2013. No ano 2017 Kazán foi tamén unha das sedes da Copa FIFA Confederacións, onde xogaron Portugal, México e Chile, e é aquí será onde se enfronten a selección nacional de Irán e a de España durante a Copa Mundial de Fútbol 2018.

Kazán ten relación, aínda que remota, con España por ser o lugar de nacemento de Elena Ivánovna Diákonova, coñecida como Gala Éluard Dalí, musa de artistas como o pintor Dalí con quen casou no ano 1932.

Malia ser a capital dos tártaros, actualmente Kazán é a consecuencia dun forte proceso de rusificación, de xeito que a composición da poboación é a un cincuenta por cento rusa e tártara. Os tártaros teñen unha lingua propia de orixe turcomá que pasou polos alfabetos orkhon, árabe e latino para rematar co alfabeto cirílico no ano 1939. A lingua tártara, falada pola etnia da mesma orixe, é cooficial coa rusa.

Nós aterramos a media mañá e, despois da recollida de maletas, encontrámonos co chofer e coa guía (en castelán) contratados a través da axencia local Persona Grata. Temos medo de que dous días sexan escasos para coñecer esta urbe, tendo en conta que é unha cidade extensa que esixe longos desprazamentos. Pero ao rematar a nosa estadía seremos conscientes de que dúas xornadas son tempo abondo para visitar Kazán por nós mesmos e sen precisar de circuítos organizados.

http://www.personagrata.ru/

-KREMLIN-

O noso itinerario comeza polo principal atractivo da cidade: o Kremlin, declarado Patrimonio Mundial da Humanidade pola Unesco. Fundado no século XII en tempos do Kanato de Kazán foi posteriormente reconstruído en pedra por orde de Iván O Terrible. Visto en fotografía resulta esaxeradamente atractivo pero, unha vez no seu interior, está por debaixo do esperado e lonxe da monumentalidade do Kremlin de Moscova.

No Kremlin pódese visitar a Catedral da Anunciación, a igrexa máis antiga da cidade, e a famosa torre inclinada (coma a de Pisa!) e feita en ladrillo de Suyumbiqué. A carón da torre hai un palacio de cor verde dende o que goberna o Presidente da República de Tartaristán.

Entrada no Kremlin

Imaxes do interior e o exterior da Catedral da Anunciación

Torre inclinada de Suyumbiqué

Palacio do Presidente da República de Tartaristán

Praza de acceso ao Kremlin de noite coa Casa do Concello á dereita

Exterior do Kremlin dende o río

A diferencia doutros kremlins, hai unha arquitectura inesperada que é a da Mesquita de Qol Ṣärif (ou Kul-Sharif), inaugurada no ano 2005 co gallo do milenario da fundación da cidade. A razón deste novo monumento é a existencia dunha mesquita anterior destruída por Iván O Terrible en 1522 e, tamén, a reafirmación da fe islámica e do sentimento tártaro. Para a construción contaron coa colaboración económica de varios países entre os que destacan Arabia Saudita e os Emiratos Árabes. No seu interior poden entrar ata seis mil fieis. No distribuidor de entrada á mesquita pode verse unha grande urna de cristal onde diferentes lectores do Corán vanse aquendando durante as vinte e catro horas do día. Qol Ṣärif é unha das poucas mesquitas do mundo que ten o privilexio de que o Corán sexa recitado de forma continuada durante os 365 días do ano. O edificio ten un aire Walt Disney que a min non me acaba de gustar.

Mesquita de Qol Ṣärif

Interior da mesquita

Nun dos extremos do Kremlin hai un miradoiro cunha vista magnífica sobre o centro da cidade na que destaca o inmenso edificio do Ministerio de Agricultura, tamén chamado Palacio de Agricultores. Malia o que poida aparentar, o impoñente edificio de estilo neobarroco é unha obra moi recente levantada no século XXI.

Palacio de Agricultores dende o miradoiro do Kremlin

Saímos do Kremlin polo soportal baixo a torre branca do reloxo a unha praza na que se atopan os edificios da Casa do Concello e o Museo Nacional de Tartaristán. Alí collemos o coche e iniciamos unha ruta que pasa por diante da sede do Circo, un edificio con forma de nave espacial, para atravesar o río Kazanka e chegar ao Parque de Atraccións Kyrial, pechado nesta época do ano.

A temperatura nese momento é de 11 graos baixo cero e a humidade do río e unha lixeira brisa fan que a sensación térmica sexa de moito máis frío. Teño a impresión de estar nun gran conxelador industrial onde a humidade vai calando dentro de min pouco a pouco.

-CENTRO FAMILIAR DE KAZÁN-

Seguindo pola beira do río chegamos a un edificio de formas curiosas reconvertido nun novo fito turístico para a cidade: o Centro Familiar de Kazán ou Palacio de Vodas. A estrutura, inspirada en arquitecturas vernáculas, fai lembrar unha caldeira de coce-lo polbo sobre unha base na que se fai o lume. No interior hai múltiples espazos e tres grandes salóns que poden albergar ata 100 casamentos ao mesmo tempo. Pagando unha entrada de 50 rublos (menos dun euro) pódese acceder ao miradoiro a 32 metros de altura que ofrece unha das mellores vistas do conxunto do Kremlin na outra beira do río.

Imaxes do Centro Familiar ou Centro de Vodas de Kazán

Zilant, criatura lexendaria símbolo de Kazán

O Kremlin dende a esplanada da Casa de Vodas

Máis adiante, e tamén na marxe do río, está o complexo Riviera, unha especie de praia fluvial totalmente cuberta pola neve nesta época do ano na que destaca unha nora xigante de 65 metros de altura. Nesta área da cidade é onde se atopan a maioría de grandes instalacións deportivas como o Palacio de Deportes Acuáticos e o Kazán Arena.

De regreso ao centro cruzamos a Ponte do Milenio, recoñecible pola figura dun gran M maiúsculo e construída para conmemorar os 1000 anos da cidade. Logo pasamos por diante do Centro Nacional Cultural que alberga o Museo dos 1000 anos de Kazán o cal, segundo a nosa guía, é o mellor lugar para coñecer a historia da cidade.

Novos edificios de apartamentos no centro da cidade

-MOSTEIRO DA VIRXE DE KAZÁN-

Rematamos de novo preto do recinto do Kremlin, no Mosteiro dos Theotokos máis coñecido como o da Mai de Deus ou da Virxe de Kazán.  O edificio non ofrece moito interese a simple vista pero esta levantado por orde de Iván O Terrible sobre o lugar no que apareceu milagrosamente a icona de Nosa Señora de Kazán, despois da súa desaparición 140 anos atrás. O cadro orixinal foi roubado e destruído a comezos do S. XX e o que podemos ver é unha copia do século XVI. Na época soviética, esta imaxe estivo agochada durante uns anos na vila de Fátima (Portugal) e, por esa razón, é tamén chamada Virxe de Fátima. A Virxe de Kazán é a patroa da cidade ademais dunha das grandes protectoras do país segundo a Igrexa Ortodoxa Rusa. Nunha viaxe polo país poderíamos atopar unha morea tanto de igrexas consagradas á Nosa Señora de Kazán como de reproducións da súa icona.

Exterior e interior do Mosteiro da Virxe de Kazán

Icona da Virxe de Kazán contornada polo pano vermello

-CATEDRAL DOS SANTOS PEDRO E PAULO-

Non lonxe do mosteiro paramos para ver a Catedral ortodoxa dos Santos Pedro e Paulo, un edificio do século XVIII que pasa un tanto desapercibido e que tampouco reclama moito a nosa atención.

-BARRIO TÁRTARO VELLO-

Anacos de chak-chak

A última visita é de tardiña (nesta época do ano aquí anoitece sobre as tres e cuarto) ao Barrio Tártaro Vello, unha rúa peonil (Ulitsa Kayuma Nasyri) do século XVIII onde se conservan unhas cantas vivendas típicas construídas en madeira de rechamantes cores e pertencentes, antigamente, a mercadores, líderes relixiosos e intelectuais desta etnia. Está na beira esquerda do lago Nizhny Kaban, en pleno centro da cidade, e ademais das bonitas vivendas pódense visitar un par de mesquitas, o Museo Tatar Bistecé sobre a cultura tártara e o Museo do Chak-Chak.  O Çäkçäk (en tártaro) é a sobremesa nacional de Tartaristán, formada por masa sen fermento moi fritida e empapada en mel. Algúns poden levar abelás ou froitos secos e as versións máis modernas engaden chocolate. É unha sobremesa barata e bastante saborosa que fai lembrar a un paquete cos gusanitos pegados.

Casas de cores do Barrio Tártaro

Xa de noite paseamos pola rúas Baumana e Petergurgskaya, rúas peonís e principal eixo comercial de Kazán. É practicamente o único sitio onde, malia o frío que vai, a xente está a pasear. Aquí está a Oficina de Turismo, as tendas de souvenirs e moitos edificios senlleiros como a Igrexa e Campanario da Epifanía.

Ao día seguinte dedicarémonos a coñecer os mesmos lugares pero de vagar, a comprar algunhas latas de caviar de salmón e tamén algún chak-chak para as festas de Nadal. A artesanía tártara non paga moito a pena e limítase a gorros e poucas cousas máis.

Igrexa ao final da rúa Baumana

Rúa Baumana de noite e Campanario da Epifanía

Igrexa e Campanario da Epifanía na rúa Baumana

Imaxes e ambientación na rúa Baumana

Centro Comercial Kapo 6 na rúa Petergurgskaya

Ás cinco da tarde saímos cara ao aeroporto nun taxi polo que pagamos uns oito euros ao cambio. Ao chegar ao aeroporto de Domodedovo durmimos nun dos hoteis do aeroporto para poder coller moi cedo pola mañá a nosa conexión de regreso a Santiago de Compostela.

-TEMPLO DE TÓDALAS RELIXIÓNS-

Non lonxe de Kazán hai un novo fito turístico denominado o Templo de Tódalas Relixións ou Templo Universal, destinado á convivencia das diferentes crenzas de Rusia. O exterior do edificio ten de novo un aire Disney, unha estrutura charramangueira feita dunha mestura de elementos arquitectónicos propios de ata 16 templos de diferentes relixións cristiás, da musulmá e da xudía. O seu autor, o filántropo Ildar Khanov viviu aquí cos seus asistentes ata a súa morte no ano 2013. A entrada é gratuíta pero supón uns 40 minutos en transporte público e non esperta a nosa curiosidade para achegarnos ata alí.

https://www.atlasobscura.com/places/temple-of-all-religions

Templo de Tódalas Relixións (cortesía de imaxes Google)

-BÓLGAR-

Na beira do río Volga, 140 km ao sur de Kazán, está a actual e pequena vila de Bólgar onde se atopan os restos da outra Bolghar, a que foi importante capital da Bulgaria do Volga entre os séculos VIII e XV. O lugar forma parte da herdanza cultural do pobo tártaro xa que consideran a Bolghar como a súa antiga capital relixiosa, predecesora do Kanato de Kazán e, polo tanto, da República de Tartaristán. É un pequeno conxunto histórico con restos arqueolóxicos que foi declarado Patrimonio Mundial da Humanidade pola Unesco no 2014.

As fotos que vemos na Internet no nos animan para perder un día completo entre a viaxe de ida e volta pero queda aí para outros visitantes que dispoñan de máis tempo.

Restos arqueolóxicos en Bolghar (cortesía de imaxes Google)

2 comentarios en “Kazán – A capital dos tártaros

  1. Enhorabuena.Me encanta.Lo tengo que ver más tranquilamente.merece la pena dedicarle tiempo a tu gran trabajo.Un abrazo enorme.

Deixa unha resposta a LuisCancelar a resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.