A Palma, unha canaria realmente bonita

O título deste post ten moito de verdade. Vén a conto de que o slogan turístico desta illa é dende hai moitos anos “A Illa Bonita”. E así como hai moitos adxectivos turísticos que non se axustan á realidade, neste caso podo dicir que a realidade da Palma dá máis do que promete.

Son moitos os prexuízos á hora de valorar as sete illas canarias como destino das nosas vacacións. Son ben consideradas cando se anda á procura dun lugar aceptablemente cálido e non lonxe da casa de cada un, un destino cun prezo máis ou menos razoable que nos permita gozar duns días de sol e praia aos que engadir algunha excursión interesante.

Aldea de San Andrés

Os europeos xa descubriron hai moitos anos que algunhas destas illas son tamén un destino moi axeitado para outras actividades coma o mergullo, o sendeirismo, a experiencia gastronómica ou o relax no medio rural. Eu, que tiven moitas ocasións de percorrer as illas devagar, atrévome afirmar que cada unha delas é unha mostra exemplar do poder dos deuses (se é que existen). Todas teñen unha personalidade moi acentuada e as súas orografías son, en xeral, espectaculares. Para min é un autentico pracer percorrelas amodo para coñecer os seus recunchos máis agochados.

Defínome como canarión de facto, un fan da illa de Gran Canaria, por moitos motivos que explicarei noutra ocasión. Pero desta volta toca pasar uns días percorrendo as dúas illas máis occidentais do arquipélago, A Palma e Hierro, para, logo, rematar en Gran Canaria facendo o que maioría dos turistas fan nese destino: deitarse ao sol e pasmar.

O inicio das vacacións cólleme de traballo en Madrid e decido voar directamente dende o aeroporto Adolfo Suárez ata á illa da Palma coa compañía Iberia Express. A nova terminal palmeira é unha mostra de arquitectura en formigón visto pouco axeitada á realidade cultural e paisaxística da illa. Unha “modernidade” fóra de lugar atenuada pola súa situación a carón do mar. A Palma está comunicada cos dous aeroportos da illa de Tenerife e co de Gran Canaria, ademais de Madrid e Barcelona e, sobre todo, unha morea de aeroportos no centro e norte de Europa. Os que, coma eu, aínda gocen vendo as operacións de despegue e aterraxe dos avións, teñen un miradoiro fantástico sobre a pista do aeroporto vindo pola estrada que chega de Santa Cruz de la Palma, a capital da illa.

Flora semitropical na illa

Coñezo a illa da Palma dunha ocasión anterior, hai xa moitos anos. Decidimos que dous días e medio son dabondo para percorrer a illa, pero, como poderei comprobar ao final da miña estadía, quedaremos curtos nun día ou dous. O tempo que pasamos na illa dá (indo un pouco ás presas) para visitar os seus principais atractivos e coñecer algunha pequena senda dos máis de 1.000 quilómetros de sendas locais, de pequeno percorrido e de gran percorrido que ofrece este destino. Aqueles que ademais veñan en busca de praia e/ou de coñecer os seus vieiros máis atractivos deberán ir engadindo xornadas á súa estadía.

É interesante consultar a web do Cabildo da Palma para deste xeito comprobar as múltiples opcións que se ofrecen para os amantes das actividades no medio natural:

http://www.senderosdelapalma.es/

DIA 1

Nada máis aterrar paso pola oficina de CICAR, pegadiña ás cintas de recoller as maletas. Hai moita xente esperando polo seu coche de aluguer. CICAR é unha empresa canaria con moitos anos de experiencia no arquipélago que ofrece unhas tarifas realmente aceptables que inclúen franquía cero en caso de accidente. Franquía 0 quere dicir que en situacións problemáticas é a propia compañía a que se fai responsable dos custos para resolvelas, tal e como teremos oportunidade de comprobar durante as nosas últimas horas na illa. Pero hai certas excepcións se o accidente ten lugar en estradas non pavimentadas. É mellor informarse directamente coa oficina de alugamento. Pagamos 85 € por un Ford Fiesta ao que lle daremos un uso moi intenso tendo en conta os desniveis que hai que superar para moverse pola illa.

Santa Cruz de la Palma dende a estrada que vén do aeroporto

Xa ao volante baixo ata Santa Cruz de la Palma, a escasos quilómetros do aeroporto. Sigo as explicacións que me dan na recepción dos apartamentos contratados para chegar ata alí. A situación do aloxamento é inmellorable, na principal rúa peonil da capital e a escasos metros das famosas fachadas de balcóns e galerías do paseo marítimo da cidade. Ademais hai abundantes prazas de aparcamento gratuítas na proximidade.

Día e noite. Famosas galerías na Avenida Marítima

Os Apartamentos La Fuente son unha boa base para realizar excursións por toda a illa. Incluso os que busquen un areal no que tirarse teñen á tiro de pedra a praia urbana, unha nova praia artificial de areas negras rehabilitada no ano 2017 polo Ministerio de Medio Ambiente para solucionar definitivamente o problema causado polo trazado que se fixo da Avenida Marítima en 1949. É preferible reservar un cuarto con vistas á rúa xa que os que dan ao patio interior resultan un tanto fríos e sombrizos.

www.la-fuente.com/espanol.htm

Os Apartamentos La Fuente no edificio branco

Vistas dende os Apartamentos La Fuente e, ao fondo, praia de Santa Cruz

Despois de acomodarme e descansar unha chisca regreso á terminal aérea para recoller ao meu amigo Pepe que chega de Sevilla vía Gran Canaria. Pepe é un amigo de longo termo e moi querido co que teño compartido moitas outras escapadas, sobre todo por España. Xa non regresamos a Santa Cruz, dende o aeroporto seguimos dirección sur para ir cear á praia da Salemera, unha pequena cala de areas negras con segundas residencias de xente local. Foi a rapaza da Oficina de Turismo a que nos recomendou a baixada cara á praia como unha das estradas máis bonitas da illa. A estrada non é tan impresionante como esperaba pero aproveitamos para despedir o día dende alí, no seu único restaurante, cunha botella de saboroso viño da illa e un prato de lapas, unha das delicias da gastronomía local.

Lapas, especialidade da illa

Praia de La Salemera

A cidade de Santa Cruz de la Palma (16.000 habitantes) non ten nada que ofrecer pola noite e malia o noso paseo polo centro non atopamos ningún lugar interesante no que poder divertirnos. O lecer nocturno limítase a un dos dous cines que hai na illa: o Teatro Chico, un agradable e pequeno teatro de estilo italiano levantado no ano 1866 sobre o solar do oratorio do antigo Hospital de Dores. A nosa última noite teremos a oportunidade de ver un filme de terror, nada relevante e compartido con tan só un par de espectadores, pero que nos permitirá desfrutar desta pequena xoia do mundo do espectáculo.

Interior do Teatro Chico

DÍA 2

O noso segundo día saímos pola estrada que se desvía ao norte de Santa Cruz cara ao interior da illa. O programa para esta xornada é unha aproximación ao Parque Nacional de la Caldera de Taburiente dende diversos miradoiros así como unha curta camiñada polo seu interior.

Este Parque Nacional foi creado en 1954 como representante do ecosistema do piñeiral canario; unha orografía moi abrupta e bastante árida pero na que tamén aparecen cursos de auga e fervenzas de pouco caudal. A parte principal é a cabeceira do Barranco das Angustias que coa súa forma semicircular de oito quilómetros de diámetro e 2.000 metros de desnivel asemella un cráter ou caldeira volcánica (de aí o nome), aínda que realmente non o é. O gran buraco que forma a caldeira é consecuencia dun macizo formado polo forte empuxe que o magma exerceu sobre as coladas volcánicas e que logo se foi afundindo, pouco a pouco, por mor do efecto erosivo das augas e os derrubamentos continuados.

Conducindo ao longo da vía LP-4 acadamos a parte alta da illa onde comezamos a ver sinais indicativas da senda de gran percorrido GR-131 que nalgúns tramos vai paralela á nosa estrada. Esta senda GR vén dende a punta sur da illa e diríxese ao porto de Tazacorte percorrendo os cumios máis altos da Palma. De feito, o treito de 44,5 km que vai dende o Refuxio do Pilar  a Tazocorte está considerado coma unha das sendas top da illa, moi recomendada para os que queren coñecer A Palma a pé e descubrir as súas paisaxes máis espectaculares. E parecen ser moitos xa que nos diversos miradoiros nos que paramos sempre hai xente que vén percorrendo este GR.

Ciclistas no GR-131

O miradoiro máis salientable é o do Roque de los Muchachos. Estamos a 2.426 metros sobre o nivel do mar, o pico máis alto da Palma e o segundo do arquipélago canario. As vistas van dende o profundo dos barrancos ata a maior parte da xeografía setentrional da illa. No intre no que as nubes conseguen clarear un pouco, conseguimos distinguir perfectamente as partes altas das illas de Tenerife, A Gomera e Hierro.

Vista do norte da illa dende a estrada que sube cara ao Roque de los Muchachos

Vistas da caldeira dende os miradoiros da nosa ruta. Ao fondo entrada ao Barranco das Angustia e, aínda máis aló, pode distinguirse a silueta da illa da Gomera

Observatorios astronómicos do Roque de los Muchachos

Vista das paredes do Parque Nacional Caldera de Taburiente dende o miradoiro do Roque de los Muchachos

Para subir ao miradoiro pasamos por diante do Centro de Astrofísica de Canarias e de moitos dos observatorios nos que España colabora con outros países europeos e americanos para a observación do noso sistema solar. Neste momento está sen adxudicar o sistema de visitas guiadas e é imposible coñecer estas instalacións por dentro.

Dende o Roque de los Muchachos baixamos cara á costa por Hoya Grande e Puntagorda. As paisaxes son máis o menos espectaculares pero sempre fermosas e agradables. Chegamos ao porto e á praia de Tazocorte, un dos principais areais que se usan para promocionar a illa como destino de sol e praia.

Tazocorte é o lugar onde desembarcou Alonso Fernández de Lugo no ano 1492 para principiar a conquista da Palma. Ademais, aquí está o porto principal da costa oeste e o segundo da illa.

É posible que a súa praia non sexa do gusto dalgúns pola súa area negra e certa artificialidade, pero hai que ter en conta que A Palma anda escasa de praias atractivas. Tazocorte é, como a de Santa Cruz, unha praia beneficiada de numerosas achegas artificiais, non hai máis que ollar as fotos antigas do Restaurante Taberna del Puerto para entender que o que era un pedregal de grandes coios foi mellorado con inmensas cantidades de area. Posiblemente buscando o seu uso turístico xa que, malia que o sol loce timidamente, hai numerosos bañistas que na súa maioría son estranxeiros idosos.

Praia de Tazocorte

Tomamos o camiño de regreso a Santa Cruz para desviarnos en Los Llanos de Aridane cara ao aparcamento do Barranco das Angustias, o último punto ao que chegar en coche para logo penetrar a pé na parte máis profunda da caldeira do Parque Nacional. Segundo as informacións facilitadas pola Oficina de Turismo do aeroporto, o xeito máis rápido de visitar o interior do Parque é coller dende este aparcadoiro un taxi 4×4 ata o miradoiro de Las Brechas (10 € x persoa), para dende alí seguir a pé ata a Zona de Acampada (1h30) e regresar de novo ao aparcadoiro (4h). Como andamos escasos de tempo decidimos coller o taxi en viaxe de ida e volta ata o miradoiro e así gozar coas boas vistas das paredes case verticais da caldeira. Lamentablemente, ninguén nos informou de que os taxis só funcionan de 8 a 12 da mañá xa que ese é o tempo estimado para que se poida facer o circuíto completo e estar de volta antes do solpor. Os taxis desaparecen do aparcadoiro de chegada despois das doce da mañá. Temos que conformarnos con poñernos a camiñar polo desfiladeiro, seguindo o curso da auga, cara ao interior da caldeira para facer unha hora de marcha na que atoparemos aos camiñantes madrugadores xa no seu camiño de volta.

Entrando a pé polo Barranco das Angustias

Regresamos a Los Llanos de Aridane e, visto que a noite se aproxima, decidimos seguir pola estrada de Santa Cruz. Deixamos atrás a poboación de El Paso para desviarnos cara á esquerda con destino final no miradoiro de La Cumbrecita. A mellor hora para achegarse ata aquí é dende as catro da tarde ata a posta de sol. Os visitantes que acudan antes desa hora deben reservar previamente na web de Parques Nacionais para, unha vez no Centro de Visitantes do Parque, coller unha das lanzadeiras gratuítas que percorren os poucos quilómetros que hai ata o miradoiro. Os que veñan pola mañá e sen reserva tamén poden pagar un taxi dende o Centro de Visitantes cun custe de 7 € por persoa e traxecto. A finalidade desta medida é non saturar os pequenos aparcadoiros que hai no miradoiro. A partir das 16:00 horas ábrense as barreiras de acceso e os visitantes poden chegar cos seus coches ata La Cumbrecita. Hai que ter en conta que nesta época do ano escurece ás sete da tarde.

Estrada dende El Paso a La Cumbrecita

Pepe no miradoiro de Lomo de las Chozas

As vistas dende La Cumbrecita son magníficas aínda que a moito menor altura que dende o Roque de los Muchachos e os outros miradoiros do cumio da caldeira. Dende La Cumbrecita parten varias sendas como a que vai ao miradoiro de Lomo de las Chozas. Son pouco máis de dous quilómetros entre ida e volta e supón un bonito paseo con estupendas vistas do interior e das paredes da caldeira.

DÍA 3

Comeza un novo día e principiamos pola propia capital da illa. Malia ser a poboación na que se atopa o noso aloxamento aínda non tivemos a oportunidade de vela devagar. Ademais, as noites, tal e como xa comentei, non son precisamente o seu mellor momento.

Para o meu gusto, Santa Cruz de la Palma é a cidade máis bonita do arquipélago canario. Conserva unha chea de edificios interesantes e o seu centro histórico fai lembrar o seu aspecto orixinal. É verdade que malia o seu pequeno tamaño ten medrado moito nestas últimas décadas e non sempre da mellor forma. Pero tamén é verdade que hai un esforzo evidente á hora de recuperar barrios e construcións así como na peonalización e dotación de servizos turísticos que fagan a visita máis agradable.

Santa Cruz foi fundada no ano 1493 e foi medrando aos poucos. Hoxe é a vila na que se asenta o Cabido Insular, os edificios administrativos e o Santuario de la Virgen de las Nieves, a patroa da illa. Nestes últimos anos foi superada en poboación polo municipio de Los Llanos de Aridane cunha mellor orografía para crecer axeitadamente.

Descubrir Santa Cruz leva un par de horas de paseo a pé. Un bo comezo é a chamada Calle Real (unha forma de chamar ás rúas O´Daly, Pérez de Brito e Dr. Pérez Camacho) coas casonas levantadas dende o século XVI ao XVIII polas familias adiñeiradas da cidade. Nesta rúa é onde está a Plaza de España á que se abren a renacentista Casa do Concello e a Igrexa do Salvador. O campanario do Salvador permite constatar o uso da pedra volcánica como material construtivo.

Imaxes diúrnas e nocturnas da Calle Real

Praza de España e Casa do Concello (edificio coas bandeiras á dereita da foto)

Praza de España e campanario da igrexa do Salvador

Igrexa do Salvador na Praza de España

Outros lugares interesantes son o Barrio de la Canela coa ermida de San Sebastián e o Barrio de San Telmo, as igrexas de Santo Domingo e San Francisco, os pequenos castelos de Santa Catalina e castelo de la Virgen (este último nas aforas), e o Teatro Circo de Marte e Teatro Chico. Tamén paga a pena pasar polo Mercado La Recova, no antigo solar do Hospital de Dores, para comprar queixos, viños e outros produtos gastronómicos da illa.

Imaxes da ermida de San Sebastián no Barrio da Canela

Ermida e Barrio de San Telmo

Igrexa de San Domingos

Praza e igrexa de San Francisco

Castelo de Santa Catarina, construído no século XVII

Teatro Circo de Marte inaugurado no ano 1871

Mercado La Recova

Edificio da Real Sociedade Cosmolóxica fundada a comezos do século XIX

Outras imaxes testemuño da beleza de Santa Cruz de la Palma

Anano no Centro de Interpretación da Baixada da Virxe

Dous atractivos que poderíamos cualificar de diferentes e relacionados entre si son o Barco de la Virgen e o Centro de Interpretación de la Bajada de la Virgen. O barco é unha réplica da nave Santa María de Colón e, ademais de funcionar como Museo Naval, xoga especial protagonismo o día de la Bajada de la Virgen. O Cento de Interpretación está situado nunha casa señorial e axuda a entender a festa máis emblemática da illa para render homenaxe a súa patroa, festa que se celebra cando os anos rematan en 0 e 5. No Centro de Interpretación podemos coñecer a historia dos estraños “Ananos” e a danza que representan o “día de la Bajada”.

Outros dous lugares para coñecer mellor a cultura da Palma son o Museo Insular e o Centro de Interpretación Junonia. Pero sen ningunha dúbida, o principal atractivo de Santa Cruz é o conxunto de balcóns de forte colorido que se asoman á Avenida Marítima.

Dende Santa Cruz saímos en dirección norte para coñecer o nordeste da illa. Dende a vila de Los Sauces collemos unha estrada local ata o Bosque de Los Tilos onde o Centro de Visitantes ofrece información sobre os valores naturais de este espazo natural e propón unha serie de rutas para o seu descubrimento. Decidímonos pola senda “El Espigón Atravesado” que comeza en La Portada, no aparcadoiro situado cincocentos metros antes do Centro de Visitantes. A duración aproximada é dunha hora e media entre a ida e a volta. Transitar pola senda é unha aproximación aos bosques húmidos de laurisilva das Canarias e o que máis chama a atención son os enormes fentos que vemos polo camiño. A senda remata nun dos mellores miradoiros da illa (El Espigón Atravesado) que permite observar a vista de paxaro o tupido bosque do barranco.

Centro de Visitantes do Bosque dos Tilos

Senda do Espigón Atravesado

Miradoiro ao final da senda

En dez minutos en coche pasamos de Los Tilos ata a bonita aldea de San Andrés, moi pretiño do mar. Dende San Andrés seguimos a pé ata o lugar coñecido como Charco Azul, piscinas de auga de mar na que a natureza axuda á man humana a preparar zonas para o baño. Como veremos no seguinte post, a natureza domesticada a carón do mar como área de lecer é unha oferta habitual na illa de Hierro onde as costas acantiladas e a forza do mar fan do baño unha actividade perigosa. As instalacións do Charco Azul permanecen pechadas nesta época do ano.

San Andrés

Camiño de San Andrés ao Charco Azul

Pepe no Charco Azul

Xantamos en San Andrés fronte á igrexa parroquial e rematamos cun barraquito completo, café típico das Canarias con leite, leite condensado, canela e Licor 43 (semellante ao café belmonte da Rexión de Murcia). En Canarias, á hora de pedir un café con leite ou un cortado hai que especificar se se quere con leite (natural), leite condensado ou leite/leite (ao cincuenta por cento). A última opción é a mellor para os medianamente larpeiros.

Café barraquito

Dende San Andrés regresamos a Santa Cruz e seguimos ata o extremo sur da illa en busca desa paisaxe balizada coas icónicas figuras dos volcáns San Antonio e Teneguía. Este último foi o protagonista da última erupción volcánica dentro de territorio español no ano 1971, sen contar coa erupción submarina no Hierro do ano 2011. Na miña visita anterior, hai case trinta anos, aínda se podían ver pequenos focos activos nas abas do volcán.

Para poder acceder ao Volcán San Antonio hai que facelo a través do seu Centro de Visitantes. Chegamos pouco antes da hora de peche (18:00h) e o persoal da cabina de control impídenos a entrada. Non queda máis remedio que seguir camiño cara ao Volcán Teneguía, uns poucos quilómetros máis lonxe e xa preto da costa, onde a visita é libre. Hai que desviarse da estrada asfaltada por unha pista de terra en bastantes boas condicións pero cun ben visible sinal de “Prohibido o paso” a todos os vehículos que non sexan para dar servizo ás leiras preto do volcán. Como non temos tempo de seguir a pé, paramos e preguntamos a un condutor local que nos invita a saltarnos a prohibición.

Casa preto da entrada ao Centro de Visitantes do Volcán San Antonio

Volcán Teneguía

Aldea de Los Quemados dende a pista de terra que leva ao Teneguía

Temos tempo de chegar aos pés do Teneguía e regresar á estrada principal, pero no tramo final da pista de terra topamos cunha pedra de lava que nos fai picar unha roda deseguida. Por sorte, tan só faltaban uns centos de metros para a pista asfaltada e así poder chamar á empresa CICAR que envía unha grúa na nosa axuda. Lembrade que, malia a franquía cero, as empresas de coches de aluguer das Canarias non se fan responsábeis dos problemas acontecidos en pistas non asfaltadas. No caso de ter a picada un quilómetro antes seriamos nós os que teriamos que pagar os custos da grúa. Finalmente, o noso acto de desobediencia ao sinal de “Prohibido o paso” non se verá penalizado con cartos pero si sofriremos un castigo de dúas horas de espera ata que a grúa acuda na nosa axuda. Dende logo non é o mellor remate para a nosa estadía na Palma. Polo tanto, aconsello deixar tempo dabondo para face-la visita do Volcán San Antonio a través do Centro de Visitantes e, tamén, para camiñar ata o Teneguía.

Os amigos das sendas e os viaxeiros con tempo deben lembrar que o mesmo GR-131 que pasaba polos cumios do Roque de los Muchachos recibe aquí o nome de Ruta dos Volcáns, outra marabillosa senda de 24,3 km e dificultade alta que figura entre as recomendacións de rutas a realizar na illa.

A incidencia coa grúa fai que regresemos de noite pecha a Santa Cruz, impedíndonos visitar as Salinas Mariñas de Fuencaliente. Xusto na punta sur e moi preto destes volcáns están as salinas, outra das paisaxes imprescindibles da Palma a que nós temos que renunciar por falta de tempo.

Despedindo o día e despedíndonos da illa á espera da grúa

Ao día seguinte de mañá voamos con destino na illa de Hierro. Deixamos a visita á Palma incompleta coa teima de volver a esta illa e a impresión de que un destino que ten moito que ofrecer.

2 comentarios en “A Palma, unha canaria realmente bonita

  1. Yo hice un cachito de mili en la Isla y me encantó, veo que no ha cambiado mucho por suerte. Yo vi el Teneguia aún humeante, pero no en erupción. Me ha gustado mucho esta entrada

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.