A illa máis occidental e meridional das Canarias. A máis pequena en superficie (286 km²) e a menos poboada con pouco máis de 10.000 habitantes. A de máis recente formación como territorio. Tamén, a que ofrece menos posibilidades para chegar ata ela. Unha illa de récords.
As súas praias poden contarse cos dedos das mans. En xeral son calas de difícil acceso nas que o océano Atlántico bate con forza. O que predomina é o cantil difícil e inhóspito formado pola fronte das coladas de lava arrefriadas no seu contacto co mar. A climatoloxía é máis fría e húmida que noutras illas do arquipélago. Malia estar á mesma latitude que o deserto do Sáhara, a cor predominante é a verde. Se comparamos ElHierro con illas como Lanzarote e Fuerteventura constatamos que non teñen nada que ver, coma se estivesen a miles de quilómetros unhas da outra.
Aquí aínda chegan poucos turistas e os que o fan teñen un perfil completamente diferente aos das outras Canarias. Non hai turismo convencional nin grupos organizados. O que vén a El Hierro é o amante da natureza e dos lugares con personalidade. Un tipo de turista comparable ao que viaxa a La Palma e a La Gomera e, aínda así, con moitas diferenzas.
As únicas formas de chegar a El Hierro son dende a illa de Tenerife en barco ou en avión dende Gran Canaria e Tenerife. O barco sae unha vez ao día, agás os mércores que hai dous servizos e os sábados que non hai ningún, coa navieira Armas dende o porto tinerfeño de Los Cristianos, e demora unha hora e media en chegar. Polo que respecta ao aeroporto, a súa pista de aterraxe é con 1.250 m de lonxitude a máis curta entre as dos aeroportos españois que reciben voos comerciais. Tamén ten limitación horaria e pecha ás sete da tarde. No ano 2017, e malia ser o que tivo un maior crecemento porcentual entre os aeroportos canarios, recibiu menos de 150.000 pasaxeiros. A súa oferta de voos limítase ás dúas illas máis poboadas do arquipélago predominando as conexións co aeroporto de Tenerife Norte. As compañías que chegan ata aquí son Binter Canarias e, recentemente, Canaryfly, e fano unicamente con avións turbohélice de capacidade media.
Por outra banda, El Hierro é un auténtico paraíso por coñecer, un lugar a conservar sen grandes alteracións. Parece ser que a illa xa optou por ser un destino no que prima a sustentabilidade medio ambiental. Dese xeito gañou as declaracións por parte da Unesco como Reserva Mundial da Biosfera no ano 2000 e como Xeoparque Mundial no ano 2014. A illa é tamén un exemplo dende o ano 2016 de facer posible a utopía do auto abastecemento a través das enerxías renovables, cando conseguiu dar resposta á demanda de todos os seus veciños a través da Central Hidroeólica de Gorona del Viento. Probou coma un territorio illado lograba proverse de electricidade a partir de fontes limpas e sen necesidade de conectarse á rede eléctrica do continente.
Outra particularidade da illa é que conta coa maior densidade de volcáns das Canarias e, posiblemente, do mundo. Nunha superficie tan reducida érguense máis de 500 conos a ceo aberto e outros 300 agochados por coladas de lava de erupcións posteriores. A formación xeolóxica da illa comezou hai 100 millóns de anos cando o fondo mariño subiu á superficie polo empuxe do manto da terra ata acadar unha altura de 2.000 m sobre o nivel do mar. Unha gran parte desa terra emerxida crebou posteriormente para precipitarse de novo aos fondos oceánicos e formar a zona de El Golfo. Polo tanto, El Golfo, ao igual que Caldera de Taburiente en La Palma, non son antigos cráteres volcánicos tal e como poden asemellar. Os científicos son da crenza que ese desprendemento debeu producir un tsunami con ondas de 100 metros de altura e efectos que, seguramente, puideron sentirse nas costas americanas.
Malia o seu reducido tamaño ofrece unha gran diversidade paisaxística que cómpre percorrer paseniño: das terras áridas ás leiras fértiles nas que medran as vides da D.O. El Hierro, dos densos piñeirais ao malpaís (terreos abruptos e estériles de lava volcánica), dos pequenos prados na meseta aos acantilados inaccesibles da súa costa.
As súas estradas, estreitas e habitualmente colgadas do abismo, imprimen respecto e non son aptas para condutores impresionables nin para os amigos de facer tolerías. Hai que ir devagar tanto polas condicións da rede viaria como polas paisaxes asombrosas que asoman en cada curva.
Para chegar dende La Palma, a súa veciña do norte, temos que voar vía Tenerife Norte. A conexión con Binter Canarias é cómoda e barata, tan só 57 € que incluso poden verse reducidos segundo o horario escollido. E os residentes teñen as súas propias condicións que abaratan o voo aínda máis.
Aterramos no pequeno aeroporto de El Hierro e temos a sensación de estar nun lugar “distinto”, nun destino afastado a onde non chegan os grandes fluxos turísticos. Soa inverosímil, nas Canarias e sen apenas turismo!
A primeira impresión ao volante é a pouca xente que vemos nas rúas e os escasos coches que transitan polas vías da illa. Tamén un urbanismo menos coidado ao que estabamos acostumados na illa de La Palma. En certo sentido percibimos menos nobreza e harmonía nas súas construcións. Hai que ter en conta que no ano 1941 o porto de La Restinga, ao sur da illa, non pasaba dunhas poucas cabanas de pedra. E que a inmensa área de El Golfo non foi poboada permanentemente ata a década dos setenta do século pasado. El Hierro sufriu durante moitos anos á hora de poder dar de comer e de beber aos seus habitantes e o seu relativo desenvolvemento non chegou ata hai moi pouco. E quizais foron as presas as que condicionaron que a illa careza de construcións recentes interesantes.
Pasamos case dous días e medio, e sen parar! Sen grandes mostras de patrimonio monumental, que tamén as hai, El Hierro ofrece marabillosas paisaxes e numerosísimos lugares de interese. No caso de querer dedicar tempo ao mar ou realizar algún dos 250 km de sendas sinalizadas habería que ir incorporando máis xornadas a esta estadía. Os amigos do mergullo que non esquezan que no ano 2011 houbo unha erupción submarina durante seis meses a escasos tres quilómetros do porto de La Restinga. O chamado Volcán Tagoro creou un edificio volcánico de 400 metros cuxo cumio quedou a tan só 88 metros da superficie mariña, enclave perfecto para as inmersións como o demostran a existencia de varias empresas de mergullo que ofrecen os seus servizos en La Restinga.
Os recursos turísticos son abundantes para o tamaño de El Hierro. A proximidade entre eles e as numerosas rutas asfaltadas e de terra que atravesan a illa permiten moitas posibilidades á hora de combinalos. Lembrade que, como en La Palma, no caso de alugamento de coche coa empresa CICAR, e malia a franquía cero, haberá que pagar no caso de que xurdan problemas nas estradas non pavimentadas.
A partir de aquí describirei cada un dos lugares visitados seguindo a nosa ruta para deixar á iniciativa de cada viaxeiro que deseñe o seu propio itinerario. Ademais dos relacionados hai outros miradoiros que van aparecendo ao longo da estrada e que ofrecen panorámicas espectaculares.
Ao viaxar por El Hierro hai que ter en conta que a oferta de restauración non é tan abondosa como nas outras illas polo que convén solicitar unha listaxe de restaurantes na oficina de turismo do aeroporto.
DÍA 1
La Caleta
Unha das dúas aldeas próximas ao aeroporto. De aspecto bastante anódino, está formada por segundas residencias e algúns apartamentos turísticos. Dá a impresión de que aquí non pasa nada interesante. Dende a zona próxima ao mar hai un curto paseo marítimo que conduce ata á praia da Caleta, unha área acondicionada para o baño con piscinas de auga mariña. Nese mesmo paseo tamén hai uns petróglifos atribuídos aos seus poboadores orixinais, os bimbaches.
Puerto de la Estaca
Porto deportivo e porto de cabotaxe a onde chegan os barcos que comunican a illa con Los Cristianos en Tenerife. Instalacións novas e prácticas onde non hai nada que facer a non ser colle-lo barco para saír da illa.
Tamaduste
A outra aldea veciña ao aeroporto. Este conxunto de casas brancas funciona como lugar de veraneo para os habitantes de Valverde, a capital da illa. Hai un pequeno porto natural e un aparatoso estadio deportivo. Nada especial que ver nin que facer.
Valverde
A capital do concello do mesmo nome e da illa de El Hierro é a única capital das Illas Canarias afastada do mar. Non é especialmente agraciada e o núcleo urbano acolle unha poboación de 5.000 habitantes bastante espallada polo territorio. O único edificio salientable é a igrexa da Concepción.
Vindo do aeroporto atopamos unha estraña escultura de gran tamaño, obra do artista herreño Rubén Armiche que representa a baixada que se fai da imaxe da Virxe dos Reis o día da súa festa. A obra chama bastante a atención e foi levantada dentro do proxecto Reutilizart que pretendía usar residuos urbanos como material para obras de arte convertidas en esculturas para a illa. De preto, a obra necesita unha reparación urxente.
Guachinche Aguadara
As recomendacións para coñecer este restaurante chegáronos por varias frontes. Segundo a definición de Wikipedia un guachinche é un establecemento propio da illa de Tenerife que ofrece comida caseira típica canaria como acompañamento ao viño de colleita propia ou das zonas próximas. É dicir, o que en Galicia chamamos un “furancho”, unha adega particular onde o propietario pode vender os excedentes do viño elaborado para o consumo propio acompañado dunha carta limitada de tapas.
Pois os guachinches tinerfeños chegaron a El Hierro e xa hai un par deles na illa. Sen dúbida o Aguadara debe ser o de máis sona. Á hora de chegar non hai ninguén e somos moi ben atendidos polos propietarios. Tomamos un escaldón de gofio bastante intenso que somos incapaces de rematar. Para chegar ata aquí hai que tomar un desvío na aldea de El Mocanal. Vindo de Valverde hai que saír á esquerda despois de pasar un supermercado no medio da aldea.
Charco Manso
Outra piscina natural de auga do mar na despoboada punta nordeste da illa.
Pozo de las Calcosas
Un dos lugares especiais da illa. Nesta baía natural xúntanse uns cantís impresionantes, dúas piscinas naturais, unha fotoxénica colada de lava que se mete no mar e un pequeno poboado que se conserva case no seu estado orixinal. O coche chega ata o restaurante que se asoma ao acantilado dende onde hai que baixar durante dez minutos a pé ata o grupiño de pequenas vivendas. As casas foron construídas coa técnica da “pedra seca” e rematadas por tellados de colmo. Son vivendas moi modestas para o seu uso durante a fin de semana e nos meses de verán. A aldeíña podería estar mellor arranxada pero aínda así paga a pena chegar ata alí.
Mirador de la Peña
Próximo á aldea de Guarazoca, supón un dos momentos inesquecibles da visita á illa. Este miradoiro, inaugurado no ano 1989, foi deseñado por César Manrique, o celebre artista e arquitecto nado na illa de Lanzarote. Inspirado na arquitectura tradicional canaria, asómase a unha parede rochosa de 700 metros de altitude para ofrecer as mellores panorámicas sobre as formacións mariñas coñecidas coma Roques de Salmor e, sobre todo, do val de El Golfo.
Como todas as obras de Manrique, o Mirador de la Peña está realizado con moita sensibilidade e emociona tanto pola propia edificación como polo lugar na que foi levantada. E as vistas son impresionantes. A entrada ao miradoiro é gratuíta. No interior hai un restaurante que ao mediodía ofrece un menú de prezo moi razoable.
Las Puntas
Deixamos as terras altas e entramos no val de El Golfo a través do túnel de Los Roquillos. Todo o val pertence ao concello de Frontera, o segundo por poboación dos tres que se reparten pola illa. Agora é todo moito máis doado. Hai non moitos anos, a poboación local movíase a pé ou en burro por camiños colgados do abismo ata acadar as cotas altas do cantil para poder chegar a Valverde. O semicírculo de paredes verticais é asombroso e facilita imaxinar o illamento no que vivían os seus habitantes. De feito, no val de El Golfo non viviu ninguén permanentemente ata ben entrado o século XX. A aridez reinante non atraía máis que visitantes ocasionais procedentes de Valverde que pasaban aquí algúns meses no ano.
A nosa primeira parada, xa de tardiña, é en Las Puntas, no extremo nordeste de El Golfo. Aquí, o almacén levantado nun pequeno embarcadoiro destinado á exportación de froitas foi transformado no Hotel Punta Grande, un establecemento de dúas estrelas que conta con catro cuartos e, segundo o Libro Guinness de récords, ten o privilexio de ser o hotel máis pequeno do mundo. Cóntannos que o establecemento está pechado para ser reformado por un novo propietario italiano. Algunhas das casiñas próximas ao peirao serven como aloxamento de turismo rural e como apartamentos turísticos.
Tigaday
É a capital do concello de Frontera e o lugar no que imos pasar un par de noites. Conta con varios restaurantes e os servizos propios dunha capital municipal. Nada que facer polas noites
DÍA 2
Ecomuseo de Guinea
A primeira visita da mañá e unha paraxe obrigada para calquera percorrido pola illa. Guinea, unha pequena aldeíña que figura entre os primitivos asentamentos de El Hierro. As 31 vivendas e as covas debaixo delas foron restauradas para crear o primeiro ecomuseo en territorio español e, deste xeito, amosar o modo de vida da poboación local a través dos séculos. As casas son moi sinxelas e seguen, ao igual que as do Pozo de las Calcosas, o sistema construtivo de pedra seca con teito de colmo. Catro destas casas están ambientadas con mobiliario e con útiles que explican a evolución dos modos de vida na illa.
A entrada para os non canarios é bastante cara, pero eses dez euros tamén inclúen a visita a un tubo volcánico no subsolo do ecomuseo e ao lagartario, complexo para o estudo e a reprodución en catividade do lagarto xigante de El Hierro. Segundo as explicacións da guía, conseguiuse que esta especie, que estaba practicamente extinguida, vaia camiño da súa recuperación total. A visita completa aos tres puntos de interese do ecomuseo demora entre unha hora e media e dúas horas.
La Maceta e Charco Los Sargos
Dende Guinea nos diriximos ao litoral veciño para ver os “charcos”. Son estas unhas piscinas naturais que aproveitan a orografía da ribeira para facilitar zonas de baño tranquilas, tendo en conta que estamos nunha zona da costa que acostuma a estar moi axitada.
Charco Azul
Seguimos bordeando cara ao oeste e a moi poucos quilómetros atopamos o Charco Azul, posiblemente as piscinas naturais máis atractivas da illa. Dende o aparcadoiro hai que baixar a pé ata unha colada de lava negra onde remansan as augas para o baño. Unha das piscinas está baixo un arco natural o que lle dá un encanto especial. O goberno local habilitou unhas tarimas de madeira para que sirvan de solario. Malia o mal tempo que fai atopamos uns poucos bañistas gozando das instalacións.
Pozo de la Salud
De novo bordeando pola costa chegamos a esta fonte de augas mineromedicinais de poderes curativos que atraeron doentes de todas as illas durante moitos anos. Coñecidas dende o século XVIII están indicadas para as afeccións de pel, para as reumáticas e para aliviar o estrés.
A primeira Pensión-Casa de Baños abriuse a comezos do século XIX e era propiedade dunha familia de galegos. Sobre as ruínas do antigo balneario inaugurouse no ano 1996 un moderno hotel balneario que dispón de dezaoito cuartos.
A aldea que queda nun alto sobre o balneario é Sabinosa, considerada a máis pintoresca da illa polo seu conxunto ben conservado de casas de estilo herreño. A subida a Sabinosa pon de manifesto a importancia da produción vitivinícola no val de El Golfo.
Praia de El Verodal
Uns quilómetros ao oeste chegamos por unha pista non asfaltada ata a praia El Verodal, tamén chamada Praia Vermella pola cor da súa area. Malia a súa limitada lonxitude é a maior das praias de El Hierro. O areal está acondicionado cunhas instalacións rústicas para o seu desfrute.
Miradoiros Lomo Negro I e II
Subimos dende a beira do mar cara á parte alta do sur da illa. Segundo ascendemos encontramos dous miradoiros que ofrecen unhas vistas magníficas sobre unha das zonas nas que a orixe volcánica de El Hierro é mais evidente. Coladas inmensas de lava que parecen sacadas dun filme sobre planetas estraños.
La Restinga
A aldea máis meridional de El Hierro e das Canarias saltou á fama mundial cando no ano 2011 houbo unha serie de explosións por mor da erupción submarina do Volcán Tagoro que obrigaron a que os seus habitantes tivesen que ser desaloxados en varias ocasións.
La Restinga é unha poboación de pescadores que acolle a maioría de embarcacións pesqueiras da illa. Un bo lugar para xantar peixe fresco e tamén marisco. Preguntamos a xente na rúa que nos aconsella xantar na Tasca La Laja, un local diminuto facendo esquina na Avenida Marítima. A comida está ben e o prezo é económico pero sen chegar a sensacións memorables.
Por outra banda, nas súas augas está a Reserva Marina del Mar de Las Calmas e outros puntos de mergullo que a converten nun lugar privilexiado para a práctica do submarinismo.
Cala de Tacorón
Regresando dende La Restinga cara a El Pinar, desviámonos á esquerda ata a cala de Tacorón. Resgardado do vento e das correntes mariñas, este espazo natural xustifica o nome da Reserva del Mar de las Calmas. O único recuncho no que atopamos un número importante de bañistas. As beiras do mar foron acondicionadas para permiti-lo baño.
Centro de Interpretación El Julán
De regreso cara a El Golfo collemos unha estrada de ida e volta ata o centro que interpreta a presenza dos bimbaches na illa. Os seus primeiros habitantes legaron numerosos petróglifos, algúns enterramentos con ofrendas e o lugar no que celebraban as súas xuntanzas (Tagoror). O Centro organiza visitas a pé e guiadas a esta zona arqueolóxica. Hai que estar preparado para camiñar durante varias horas.
Nós limitámonos a tomar algo na cafetería-miradoiro do Centro de Interpretación. Estamos sós no lugar. A estrada para chegar ata aquí é das que poñen os nervios en tensión se miramos ao inmenso baleiro aos nosos pés.
Faro de Orchilla e Meridiano 0
É a hora do solpor e outro desvío achéganos ao bonito faro que marca o punto máis o sur do territorio español. O edificio permanece pechado pero é unha boa forma de despedi-lo día xa que aquí as postas de sol sobre o mar son impresionantes.
Moi preto do faro está o punto que se consideraba o Meridiano 0 ata o século XIX. Foi o astrólogo e xeógrafo grego Ptolomeo quen no século II definiu que o primeiro meridiano debería pasar polo que naquel intre era a “Fin do Mundo Antigo”. E así permaneceron as cousas ata que no ano 1884 decídese que o meridiano base, aquel a partir do que se mide a lonxitude da terra, fose desprazado ao observatorio astronómico da localidade inglesa de Greenwich. Como xa é case de noite e a pista de terra que chega ao punto simbólico do meridiano está en moi mal estado, conformámonos con fotografar o sinal indicativo.
DÍA 3
Igrexa de Nuestra Señora de la Candelaria
Principiamos a nosa última xornada subindo pola única estrada que remonta os farallóns de El Golfo. A primeira parada facémola na parta alta de Tigaday, na igrexa de Nuestra Señora de la Candelaria na que destaca o seu campanario exento que se ergue a un centenar de metros do edificio principal, na cima da montaña de Joapira. Dende o campanario hai unhas vistas espectaculares do val.
Santuario Nuestra Señora de los Reyes
Ao chegar á zona alta da illa atopamos un vento tolo e unha néboa moi espesa. Seguimos por unha estrada pavimentada cara ao oeste que logo pasa a ser de terra. Deixamos a desviación cara ao miradoiro de Malpaso e seguimos de fronte ata chegar ao santuario.
O tempo non pode ser peor para o que supostamente é unha illa semi-tropical. Menos mal que trouxemos algo de roupa de inverno! A ermida está illada e lonxe de calquera núcleo de poboación. A construción é pequena e sinxela pero alberga a figura da patroa da illa, unha imaxe moi venerada que o primeiro sábado de xullo de cada catro anos é levada en procesión ata Valverde. A baixada da virxe é unha celebración que cumpre co voto realizado polos fieis no ano 1741 como agradecemento por rematar cunha pertinaz seca na illa.
El Sabinar
A medida que descendemos pola aba da montaña vai desaparecendo a néboa pero non así o vento. Chegamos a El Sabinar, outra das visitas imprescindibles da illa. Este espazo arbóreo pouco denso no que aparecen bastantes sabinas (coido que o nome desta árbore non existe en galego) espalladas polo terreo é o máis importante e antigo de El Hierro ocupando unha área dunhas 30 hectáreas. Neste lugar o vento do nordeste é tan forte que obriga a que as sabinas adoiten formas insospeitadas, non as deixa medrar verticalmente e obrígaas a quedar esmagalladas contra o chan. En aproximadamente media hora é posible visitar as árbores máis próximas ao aparcadoiro.
A boa nova é que o sabinar, que sufriu unha forte regresión durante moitos anos por mor da agricultura e do pastoreo, está sendo rexenerado e progresando pouco a pouco en superficie ocupada.
Miradoiro Las Playas
A mellor panorámica sobre a costa sueste. A néboa segue sen despexar e non podemos ver nada máis aló do noso nariz.
Árbore Garoé
Chegamos por unha estrada sen saída dende a aldea gandeira de San Andrés. Vemos prados e tamén ovellas, cabras e vacas que logo proporcionarán a súa materia prima para os ricos queixos herreños.
Uns metros antes da famosa árbore sagrada hai un pequeno Centro de Interpretación que axuda a entender a importancia desta especie que xa era venerada polos bimbaches. En tempos, o Garoé, emparentado cos tileiros, era un espécime excepcional é único na illa que tiña a capacidade de condensar nas súas follas a auga das néboas. Non estamos a falar dunha lenda ou misterio, senón dunha realidade histórica e científica plenamente confirmada.
Son os ventos alisios cargados de humidade os que suben polas ladeiras das montañas para formar o Mar de Nubes e provocar a chamada choiva horizontal. Logo, a auga pingaba para ser recollida en corgos que arrodeaban á arbore santa. Algo moi a ter en conta nunha illa que sofre de secas pertinaces.
A árbore orixinal foi derrubada por un furacán no ano 1610 e substituída por un novo tileiro en 1949. Non esperedes outra cousa que unha árbore e un símbolo da historia de El Hierro.
Las Playas
Dende San Andrés baixamos pola estrada que vai a Timijiraque. Recomendada polas impresionantes vistas da costa leste que hai ao descender, non decepcionará a ninguén. Absterse condutores con medo ás alturas. Unha vez na estrada da costa collemos á dereita e imos bordeando a zona coñecida como Las Playas. Pasamos o túnel que está á altura do Roque de la Bonanza, unha formación rochosa no mar con 200 m de altura convertida nunha das iconas de El Hierro. Chegamos ata o recuncho tranquilo no que está o edificio do Parador Nacional e damos a volta sobre os nosos pasos. A estrada de Las Playas non ten saída e remata un pouco máis lonxe.
Timijiraque:
Regresamos para xantar no restaurante Guayana, xusto antes doutra das poucas praias de area que hai na illa e do túnel que conduce ao Puerto de la Estaca. Despedimos a nosa estadía cun prato de peixe local e unha botella de viño branco da Adega Viña Frontera da D.O. El Hierro. Despois do xantar seguimos camiño para ao aeroporto e dicimos un adeus ben querido a esta illa senlleira.
Hoxe remata a parte aventureira da nosa viaxe. Saímos vía Tenerife Norte coa compañía Canaryfly. De novo a conexión é rápida e o prezo redúcese a 43 € polos dous voos. Na illa de Gran Canaria espéranos sol e praia, ou polo menos esa é a intención coa que viaxamos.
Pero nada máis lonxe da realidade, Gran Canaria será durante os nosos cinco días de estadía unha anfitrioa esquiva e pouco receptiva. Vento, frío, moita auga e incluso neve amenizarán o noso tempo na illa e tirarán ao lixo todos os nosos plans.