Coñecendo Galicia – Entroido de Ourense II

Outro ano escollemos a principal fin de semana do Entroido para pasala en Ourense capital. Xa sabemos que nesas datas toda a provincia ourensá e parte de Galicia están a bulir coas actividades propias do carnaval, pero a espontaneidade da que, tanto en traxes como en actitude, fai gala esta cidade é marabillosa. E ben, o feito de que sexa a miña cidade natal tamén axuda unha chisca.

A festa comeza realmente o Xoves de Compadres, que este ano caeu a un de febreiro, e remata o mércores día catorce co Enterro da Sardiña. Nós chegamos para gozar da noite do venres que é coma unha preparación do que vai chegar un día despois. Unha noite relativamente tranquila sen apertos nin saturación nos locais.

A noite do sábado é unha das xornadas grandes. Quizais non é cando haxa máis xente disfrazada polas rúas pero é desas noites nas que ourensáns e convidados saen a pasalo ben e o disfrace é a coartada perfecta.

No meu post Entroido ourensán de febreiro de 2015 xa me adiantaba ao considerar que esta festa está chamada a ser unha cita de referencia que vai ir gañando visitantes ano tras ano. Hai que aproveitar agora e non esperar a que se faga incómoda. Isto xa o vivín coas Fallas de Valencia e coas Festas do Apóstolo en Santiago de Compostela. Tanto unha como outra pasaron en moi poucos anos de ser unhas datas para o goce dos seus cidadáns a citas turísticas internacionais que se converten nun auténtico pesadelo á hora de moverse.

Polo de pronto, este ano en Ourense, a convocatoria con Dj´s na Praza do Correxidor aglutinaba a tanta xuventude que xa era case imposible transitar con comodidade. Por outra banda, para bailar ao son da Orquestra América na Praza Maior era necesario esperar na cola no caso de que o aforo da praza xa estivese cheo. A praza estaba valada toda arredor e era imposible acceder sen un control previo. Seica son novas medidas de seguridade como consecuencia dos ataques terroristas recentes noutros lugares de Europa.

En Ourense hai posibilidade de ver disfraces moi imaxinativos e as rúas son compartidas tanto por grupos organizados como polas enxebres mascaritas. A mascarita é unha forma espontánea de vivir o Entroido en solitario e en anonimato. Non importa tanto a calidade do disfrace ou parecerse ao orixinal senón a ocultación da identidade e, sobre todo, meterse no papel que se está a representar. Este ano, coma todos, primaban homes moi esaxerados no seu papel de mulleres. Lobos solitarios que non se dan a coñecer nin sequera aos seus amigos máis íntimos. Toda unha experiencia.

Invito a coñecer a noite ourensá e especialmente nestas datas. Cómpre consultar o programa de actividades que editan numerosas páxinas web para desfrutar plenamente destas festas senlleiras.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Prometemos volver outro ano en Martes de Entroido para coñecer outra festa senlleira desta capital: a Voda da Pita que ten lugar no barrio ourensán das Eiroás.

A Voda da Pita do barrio das Eiroás (imaxe cortesía de Google)

 

 

 

 

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.