A seguinte escapada é unha proposta de medio día moi axeitada para os habitantes do centro de Galicia e, sobre todo, para os que viven na área de influencia da capital galega. Non leva nin quince minutos chegar dende o centro de Santiago de Compostela ata un dos pazos máis suxestivos do noso país: o Pazo do Faramello.
Para os non familiarizados coa historia de Galicia contar que, segundo dúas das definicións que fai a Real Academia Galega, un pazo é un “edificio grande e luxoso que serve de residencia a unha persoa importante ou que antigamente foi residencia dunha familia nobre” ou unha “casa grande, antiga e nobre, especialmente a situada no medio rural”. En xeral, os pazos galegos e os paços portugueses son froito do sistema feudal das nosas terras e servían de residencia para fidalgos e nobres que ostentaban certas doses de poder na súa área de influencia. A orixe da maioría dos pazos está en castelos e fortalezas da Idade Media, e, por esa razón, moitos teñen torre defensiva. A súa arquitectura foise sofisticando co tempo, a medida que se pacificaba o territorio. Co paso dos séculos, os edificios foron engadindo elegante mobiliario e exóticos xardíns que facían lembrar aqueles palacios que están na orixe da palabra pazo (do latín palatiu(m)).
Dos 700 pazos que aínda conservamos en Galicia hai moitos abertos ao público, ben por que os seus xardíns están dentro da rede de Xardíns Históricos de Galicia ou da Ruta da Camelia, ben por que foron mercados por entidades (Concellos, Deputacións,…) para albergar a sede dunha institución ou ser reconvertido en museo, ben por que os seus propietarios decidiron abrilo como un hotel senlleiro ou aloxamento de Turismo Rural.
Entre os nosos pazos hai un abano inmenso segundo o seu estado de conservación e as súas tipoloxías construtivas. Poderiamos pasar moito tempo percorrendo os pazos galegos e de seguro que non íamos aburrirnos nin quedar decepcionados.
O itinerario de hoxe ten tres paradas moi próximas unha da outra, na zona limítrofe entre o Concello de Teo e o de Rois: a Carballeira de Francos, o Pazo do Faramello e a aldea de Angueira de Castro.
Carballeira de Francos
É aquí onde se celebra unha das feiras de cabalos máis antiga de Galicia, cunha tradición de cincocentos anos, para festexar o San Martiño no mes de novembro. O Concello de Teo organiza neste mesmo lugar o Festeo e a Festa da Terra a comezos de xuño, con teatro, música, obradoiros e outras actividades. A carballeira non é máis que un pracenteiro e pequeno grupo de carballos pero as vivendas que hai arredor conservan a tipoloxía galega e crean un conxunto agradável.
Unha boa opción para comer nesta carballeira é o restaurante Carboeiro, tamén coñecido como Parada de Francos por pertencer á casa rural do mesmo nome que se atopa xusto en fronte do restaurante. Nos sinais indicadores aparecen indiferentemente un nome ou outro. A comida pareceunos deliciosa, especialmente esa tortilla con polbo que nos deixou abraiados. A tortilla, pouco feita e semellante á que fan en Betanzos. Os prezos son medios, non baratos, pero as racións son farturentas e o servizo moi bo. A única mágoa é que en tempada baixa tan só abre as fins de semana. Para xantar durante a semana ten que coincidir que xa teñan algunha reserva pola que lles pague a pena abrir as súas portas. Tampouco hai menú. Mellor chamar e informarse directamente.
http://www.paradadefrancos.com/restaurante/
Outra opción para xantar son os numerosos restaurantes que abren na estrada N-550 entre Santiago de Compostela e Padrón, algún deles, como o San Martiño (o máis próximo ao pazo), con moi boas referencias.
Pazo do Faramello
Polo tanto, a visita do pazo pode ser feita pola mañá, ás 12 horas, e comer nalgún dos lugares propostos, ou facela despois do xantar, ás cinco da tarde. O Pazo do Faramello tamén ofrece unha terceira visita ás sete da tarde. De calquera xeito, consultar horarios no teléfono de atención do pazo.
É domingo e decidímonos pola visita das cinco da tarde. Vimos de xantar no Restaurante Carboeiro e chegamos cinco minutos antes da hora para encontrarnos co guía na entrada leste do pazo. Aparcamos a carón do Xardín do Recordo, unha iniciativa para lembrar ás vítimas do accidente ferroviario de Angrois do ano 2013 polo que morreron 79 viaxeiros e outros 140 resultaron feridos. Cada árbore ten un corazón de madeira no que aparece o nome dun dos desaparecidos.
Para chegar ata a porta do pazo temos que cruzar o que foi unha represa medieval que se converteu pasados os anos no primeiro mini encoro con fins industriais en Galicia. Hoxe o río non leva auga dabondo e podemos pasar perfectamente sen mollarnos. Entendo que en momentos de máis caudal a única entrada practicable ao pazo será a que se abre na parte oeste do edificio.
O primeiro que nos conta o guía e propietario do pazo é que a súa orixe é moi singular e diferente á dos outros pazos galegos. Este non é un pazo medieval construído por un señor feudal senón un edificio de estilo barroco compostelán levantado a comezos do século XVIII (ano 1714) por un italiano nobre de orixe xenovesa, o Marqués de Piombino. A razón da súa construción é puramente industrial: a Real Fábrica de Papel do Faramello, que se atopaba aos pés do pazo.
Esta foi a primeira fábrica de papel que existiu en Galicia e, segundo nos informan, posiblemente a primeira en publicar escritos en galego no ano 1808. Daquela o papel facíase a base de farrapos, de roupa vella que sufría un proceso de descomposición previo a ser moído para crear unha pasta que lle serviría de base ao papel. A fábrica chegou a ter ao seu carón unha pequena aldea para os traballadores e, un pouco máis no alto do outeiro, o pazo do señor. A aldea rematou desaparecendo, a fábrica pechou e o pazo foi ampliado na medida que a familia gañou peso político e económico.
As dependencias da imprenta están abandonadas e tapiadas e no seu tellado foi deseñado un xardín de estilo francés no século XIX. Pero aínda podemos ver os podredoiros nos que deixaban os farrapos a podrecer, así como as bonitas canles de auga feitas en pedra e o muíño.
O pazo ten xogado un papel protagonista na historia de Galicia e de Santiago de Compostela. Por aquí pasaron escritoras galegas da sona de Rosalía de Castro e Emilia Pardo Bazán. Tamén foi un punto de referencia na revolta contra as tropas francesas que tivo lugar en 1808. Por outra banda, algunha das escenas da famosa novela de Pérez Lugín “La Casa de la Troya”, que recrea o mundo dos estudantes en Compostela, tivo lugar nesta contorna. Finalmente, o Pazo do Faramello serviu de residencia estival do Rei Alfonso XIII nas súas visitas a Galicia.
O pazo está construído na ribeira dun afluente do Sar, no chamado río Tinto disque polos colorantes que arrastraba dende augas máis arriba. Unha quinta que supera as dúas hectáreas e cunhas condicións de extrema humidade que, coido, non deben ser moi benéficas para os males de ósos. Dúas pontes sobre o río separan os terreos do pazo do antigo Camiño Portugués a Santiago de Compostela, que, neste tramo, é compartido cunha ruta de sendeirismo que conduce ata un poboado castrexo relacionado coas lendas da Raíña Lupa. Lamentablemente, o Castro Lupario situado nas proximidades do pazo está moi abandonado e á espera da súa escavación. Os que teñan interese en facer incursións no propio castro, deben tomar preocupacións xa que, de novo segundo o noso guía, está cheo de niños de víboras.
A visita do pazo tamén inclúe o interior da casa, ben ambientado con mobiliario de época e con algunhas pezas de moi gran valor artístico e económico. O dono e herdeiro vive actualmente no que é unha xoia do pasado pero moi lonxe das comodidades e o benestar das vivendas actuais. Malia o relativo bo tempo que loce no exterior, a vivenda agasalla ao visitante con temperaturas propias dun refrixerador.
Entre as pezas que nos amosan a de máis valor é unha madonna obra do famoso escultor italiano Bernini realizada no ano 1666: a Virxe das Neves. É a única escultura deste autor en Galicia e coido que en España. A escultura orixinal está na casa a onde foi trasladada despois de que a figura caera e quebrara a cabeza da serpe que arrodea os pés da virxe. Mantense unha copia no lugar no que estaba a orixinal, no interior da capela.
Actualmente e como a maioría de pazos galegos en mans privadas, os donos están a buscar novas fórmulas de negocio. Recentemente foi levantada unha construción exenta nun extremo do xardín para a celebración de vodas e outros eventos. O novo edificio, discreto e ben iluminado pola luz natural, pasa bastante desapercibido entre a vexetación do pazo.
O paseo chega ata a outra beira do río onde se está a desenvolver un proxecto que implica substituír o eucaliptal por árbores autóctonas galegas. Haberá que esperar uns anos a que o novo bosque luza en todo o seu esplendor.
A visita dura unha hora e media e ao seu remate os participantes son invitados a un viño galego acompañado dun petisco. Saímos compracidos de coñecer un pazo moi senlleiro e de comprobar como Galicia vai abrindo o seu legado patrimonial ás visitas. Incluso o que se atopa en mans privadas.
Para máis información sobre como realizar a visita:
http://www.pazofaramello.com/visitas-c21f5
Aldea de Angueira de Castro
Rematamos o día na pequena aldea de Angueira de Castro. É o propietario do pazo o que nos relata como se fixo unha solicitude ante o Goberno Galego para que o Camiño Portugués volva a pasar polas aldeas medievais de Angueira de Castro e do Faramello, así como pola antiga senda que abeira o río fronte ao pazo. Na súa opinión, o trazado orixinal do Camiño foi alterado hai uns anos sen unha razón que o xustifique e os peregrinos están a perder a posibilidade de gozar destes lugares.
Achegámonos ata Angueira de Castro, a moi escasa distancia do pazo, para descubrir un pequeno casal de rúas moi estreitas sen lugar para o paso dos coches. Vemos moitas casas restauradas pero o lugar aínda precisa dunha mellora xeneralizada.
Uns metros antes da aldea, nunha insua do río Tinto, hai unha pequena área recreativa da que parte a senda que vai ao Castro Lupario. Para visitar a aldea é mellor deixar alí o coche e seguir a pé.
Remata o día e a conclusión é que os que se animen a facer este percorrido non teñen que esperar ver algo non visto ata agora, pero si un dos pazos singulares do noso país e cunha identidade moi diferente a moitos outros. As aldeíñas ao principio e ao final da ruta axudan a comprender o que foi Galicia e a Galicia que pode volver a ser.
Me encantaría ver esa Virgen de Bernini un situ!!!!!!
Nunca dejas de descubrirnos la Galicia desconocida.
Hola Rosi. Ya sabes que no tienes que desearlo, tienes que venir. Te esperamos!