Coñecendo Portugal – Pola Ría de Aveiro

Canal Cenral e barcos moliceiros en Aveiro

É esta unha escapada de fin de semana perfecta para ser realizada dende calquera das cidades galegas e tamén para os que habitan a franxa oeste de Castela-León e a franxa norte de Estremadura. E, por suposto, dende as cidades da metade norte de Portugal.

Casas a raias na poboación de Costa Nova

Aveiro é unha capital de distrito (as provincias portuguesas) cunha poboación duns 80.000 habitantes se temos en conta a súa área metropolitana. A medio camiño entre Porto e Coimbra, está a beneficiarse tanto dos circuítos turísticos que percorren o norte do país como do turismo individual. O empuxe que vén recibindo o aeroporto do Porto nestes últimos anos e as numerosas conexións directas con cidades europeas está pondo a esta parte de Portugal no mapa.

Acuario de bacallaus no Museo Marítimo de Ílhavo

As orixes de Aveiro remóntanse á Idade Media para logo ir gañando importancia pola protección que exerceron sobre ela tanto os monarcas como a Igrexa de Portugal. Os primeiros outorgáronlle o título de cidade e a Igrexa concedeulle o de sé da súa correspondente diocese. Aveiro sempre estivo ligada á produción do sal, á pesca do bacallau e ao comercio marítimo. E o que tivo retivo, polo que hoxe pode presumir de ser unha das cidades con maior nivel económico de Portugal, ocupando durante estes últimos anos o primeiro posto do país tanto en nivel de ingresos como na calidade de vida dos seus habitantes. As súas salinas seguen a funcionar ao que hai que engadir outros motores económicos como son a fábrica de Vista Alegre, a máis famosa das cerámicas portuguesas, e, ultimamente, o turismo e a universidade.

Aveiro é tamén unha ría que se estende por 47 quilómetros en dirección norte-sur, dende Ovar ata Mira, e 11 quilómetros de este a oeste, aínda que nas súas partes máis afastadas xa ofrece pouco aspecto de ría. Moitas veces veremos a Ría de Aveiro adxectivada como “a máis linda de Portugal” pero hai que ter en conta que este país tampouco ten moitos accidentes xeográficos que poidan denominarse así. E que ninguén espere unha paisaxe semellante á das rías galegas, aquí non hai montañas nin cantís, mais ben unha gran chaira, as veces xunqueiras, con catro brazos ou ramais que van formando illas e illotes. A única saída ao mar é entre as aldeas de São Jacinto, ao norte, e a de Barra, ao sur, e esta comunicación permite que os barcos de gran calado cheguen ata o porto de Aveiro. Un dos días achegámonos ao faro de Barra para visitar a embocadura da ría durante marea baixa e quedamos impresionados polos remuíños e o perigosa que aparenta  se-la loita entre a auga da ría e a auga do mar.

A cidade de Aveiro é promocionada como “a Venecia de Portugal” pero moitos folletos recoñecen o lonxe que esta afirmación está da realidade de Venecia ou de Amsterdam. O núcleo urbano aparece situado no interior da ría, bastante lonxe da súa bocana, e tan só hai cinco canais que percorren unha pequena parte do centro de Aveiro.

O Canal de São Roque esténdese lonxitudinalmente entre os almacéns do barrio da Beira-Mar e a autoestrada que circunvala a cidade. É un canal con pouca vida e hai unha zona de edificios abandonados no seu treito final. Do Canal de São Roque sae outro canal, moi curto, que remata no Mercado do Peixe. Nos laterais deste canal, os cais dos Mercanteis e o dos Botirões, abren as súas portas algúns dos restaurantes e bares de copas que animan a noite da cidade.

Mercado do Peixe de Aveiro

Cais dos Botirões e Canal de São Roque ao fondo

Cais dos Botirões no ramal do Canal de São Roque

O Canal Central é o máis turístico, dende aquí, fronte aos edificios con fachadas “Art Nouveau”, saen os barcos moliceiros que realizan os paseos que seguen polo Canal do Cojo ata o Lago da Fonte Nova ou os que van polo Canal das Pirâmides cara ás salinas.

Canal Central

O último canal é o do Paraíso aínda que esta parte da cidade é de pouco interese para o visitante.

O paseo turístico habitual en barco percorre o Canal Central e o Canal do Cojo en viaxe de ida e volta. Pasa a carón do novo Centro Comercial Fórum Aveiro e remata no Lago da Fonte Nova, unha zona de edificios modernos, como o do Hotel Meliá, harmonizada con outros máis antigos como a fábrica de ladrillos de Jeronymo Pereira Campos, agora reconvertida no Centro de Congresos de Aveiro. O paseo demora entre 45 minutos e unha hora e o seu prezo é de dez euros. No caso de reservar na recepción do hotel no que o visitante estea aloxado é posible que o prezo se reduza a oito euros. Os barcos son os moliceiros, aqueles utilizados en tempos para a recollida do moliço (algas) nas que eran ricas as augas da ría e que logo servían para fertilizar os campos de cultivo.

Barcos moliceiros para os percorridos polos canais

Hotel Meliá Ria no Lago da Fonte Nova

Novo Palacio de Congresos de Aveiro, tamén no Lago da Fonte Nova

Tamén hai lanchas rápidas que realizan visitas pola ría máis alá dos canais, pero nesta época do ano non hai saídas regulares e funcionan tan só baixo demanda. Segundo o cartel fixado na recepción do hotel, o prezo é de 20 euros por pasaxeiro.

A visita aos principais atractivos da Ría de Aveiro precisa dun mínimo de día e medio. No caso de querer coñecer a Reserva Natural das Dunas de São Jacinto, na barra que pecha a ría polo norte, ou de tirarse a toma-lo sol nalgunha das preciosas (e moi ventosas) praias da zona habería que engadir medio día máis.

Comezamos a nosa estadía cunha visita á vila de Ílhavo, a capital do concello veciño a Aveiro. Aquí está o Museo Vista Alegre, ocupando unha sección da fábrica do mesmo nome, que se define a si mesmo coma “un museo novo con dous séculos de historia”.

A fábrica foi fundada en 1824 por José Ferreira Pinto Basto, fillo dunha familia de grandes negociantes do Porto, para ser a primeira industria dedicada á produción de porcelana en Portugal. O seu fundador decidiu  comezar o negocio co seu propio diñeiro, procedente da construción naval  e do comercio marítimo coas colonias de Brasil, India e Macau, para non depender, como era habitual, do patrocinio ou da vontade política da coroa.

O museo amosa a historia da fábrica e a evolución estética das pezas que saían das mans dos seus artistas. O recinto de entrada está nunha gran praza pechada polo propio edificio da fábrica, por un teatro levantado en 1851 e pola igrexa de Nossa Senhora da Penha de França, a patroa de Vista Alegre. O tícket para a visita custa seis euros no caso dos adultos ao que habería que engadir outro euro e medio se se quere visitar a igrexa. O teatro abre soamente para a celebración de espectáculos. É conveniente consultar os horarios da igrexa para compatibilizalos cos do museo.

Entrada ao Museo Vista Alegre

Igrexa de Nossa Senhora da Penha de França

Teatro no recinto do Museo Vista Alegre

Praza de acceso ao museo

O museo ten un aspecto moi actual xa que foi renovado no ano 2016. Na visita están incluídos dous dos dez grandes fornos de leña e carbón que existían a mediados do século XX, así como a Oficina de Pintura Manual, o que permite observar o tento co que traballan os seus operarios. E por suposto, unha morea de pezas de cerámica e cristal que van dende os inicios de Vista Alegre ata os nosos tempos.

Forno de cocido da cerámica

Dependencias e pezas da colección do museo

Ao remate da visita atravésase unha tenda Vista Alegre. Saíndo de novo á praza, xusto no estremo contrario, hai un outlet con prezos moito máis axustados. A carón do outlet de Vista Alegre atópase o outlet da popular Bordallo Pinheiro, outro dos clásicos entre as cerámicas portuguesas.

https://vistaalegre.com/es/t/vaa_VisiteMuseudaVistaAlegre_HorarioseBilhetes-4

Moi preto de Vista Alegre, na mesma vila de Ílhavo, hai outro grande atractivo: o Museo Marítimo (MMI) e Acuario de Bacallaus. O moderno edificio é obra dos arquitectos Nuno e Pedro Mateus e foi nomeado ao premio Mies van der Rohe do ano 2003. O museo trata de salientar a conexión da poboación de Ílhavo coa Ría de Aveiro e co mar, sobre todo coa pesca do bacallau que se leva desenvolvendo dende o século XVI en augas de Terra Nova e Groenlandia.

Nas diferentes salas do museo poden visitarse dende un barco bacallaeiro ata unha colección de embarcacións típicas da Ría de Aveiro, pasando por unha colección de cunchas senlleiras do mundo e maquetas das diferentes tipoloxías de barcos de pesca do litoral portugués. Ao final da visita hai un tanque de augas moi transparentes onde nadan exclusivamente algunhas das duascentas especies de bacallaus que hai nos océanos do mundo.

Barco bacallaeiro no interior do Museo Marítimo

Cuncha bastante estraña con forma de corazón da colección do museo

Embarcacións típicas da Ría de Aveiro

Formas atrevidas na arquitectura do museo

Acuario de bacallaus

A entrada custa seis euros e increméntase a oito no caso de querer un tícket combinado coa visita ao Navio-Museu de Santo André, un barco desmantelado en 1997 que formaba parte da frota bacallaeira de Portugal. O barco, ancorado no Xardín Oudinot da vila de Gafanha de Nazaré, moi próxima a Ílhavo, é unha boa posibilidade para coñecer as artes de arrastre e a forma de vida dos seus tripulantes.

http://www.museumaritimo.cm-ilhavo.pt/pages/3

Á hora de xantar facémolo marabillosamente no Restaurante O Navegante de Ílhavo. Os días de semana ofrece un menú por nove euros e medio que é tan sinxelo coma exquisito.

Faro de Barra

A visita aos arredores de Aveiro ten unha cita ineludible coas poboacións de Barra e Costa Nova, situadas na franxa de area que pecha a entrada á ría polo sur (Concello de Ílhavo). Barra é a máis próxima á bocana e non resultaría moi interesante se non fora pola praia e o seu impoñente faro. O farol foi inaugurado en 1893 e serve como guía para a aproximación ao porto de Aveiro. Ademais ten o récord de ser o máis alto de Portugal polos seus 62 metros sobre o nivel do mar e tamén un dos máis altos de Europa. A entrada é gratuíta pero o ascenso dos 288 chanzos das súas escaleiras só é posible en horario de 13:30 a 16:30 (inverno) e de 14:00 a 17:00 horas no verán. Chegamos co faro pechado e perdemos as que, estou seguro, deben ser unha vistas incribles da contorna. Polo demais, Barra é un lugar algo mediocre de segundas residencias de verán para a clase adiñeirada de Aveiro.

Faro de Barra

Moito máis interesante resulta a praia e a poboación veciña de Costa Nova. Tan só uns poucos quilómetros ao sur de Barra, parece atraer un turismo bastante chic que está a construír vivendas seguindo as liñas das novas tendencias arquitectónicas. As razóns do éxito de Costa Nova son principalmente dúas: un inmensa praia de dunas de area fina e branca e os bonitos palheiros que adornan o conxunto urbano.

Ata comezos do XIX a Costa Nova non era máis que unha praia deshabitada á que foron chegando pouco a pouco pescadores que construían casetas de madeira para gardar as redes e outros elementos necesarios para a pesca. Estas casetas coñecidas como palheiros daban directamente ao mar e eran dunha peza única, sen divisións interiores.

Poboación de Costa Nova coa Ría de Aveiro ao fondo

Casetas de madeira en Costa Nova

Praia de Costa Nova

Co tempo, as construcións foron sofisticándose con tabiques de madeiras e sinxelas decoracións feitas con cunchas de ostras. Posteriormente, as clases con máis poder económico empezaron a alugalas nos meses de verán para as súas vacacións e tamén comezaron a transformalas e melloralas. O seu principal acerto foi seguir a moda burguesa da época e pintalas por fóra como os casetos utilizados para mudarse de roupa nas praias elegantes, con franxas de cores que orixinalmente eran en tons ocres, negros e vermellos.

A partir dese momento as casas a raias foron converténdose en bonitas vivendas de veraneo que deron moita personalidade a esta poboación. As casas están espalladas polas dúas ou tres rúas lonxitudinais que forman a aldea, entre a Ría de Aveiro e a praia. Pero a maior concentración ten lugar na Avenida José Estevão, a avenida principal, diante dun espazo gañado á ría que obrigou a que hoxe os palheiros queden algo lonxe da primeira liña costeira. Actualmente xa quedan poucos palheiros en madeira, substituídos por casas de cemento coas liñas de cores pintadas sobre o mesmo material.

Neste mes de marzo Costa Nova ten pouco que ofrecer a non ser un paseo polas rúas e pola praia. A maioría dos seus comercios e restaurantes están pechados. De calquera xeito, a oferta que vemos parece insuficiente para atender os seus residentes nos meses de tempada alta. Dá a sensación de ser un lugar un tanto reservado para os que teñen alí as súas casas, como se quixesen manter certa exclusividade. Pero queira ou non, Costa Nova está chamado a ser un lugar de referencia no noso país veciño.

En xeral, comprobamos que as novas vivendas son dun gusto excelente, posiblemente unha encarga a algún dos arquitectos máis modernos de Portugal.

Novas construcións en Costa Nova

Polo que respecta á Aveiro, o noso aloxamento é o Hotel Veneza, un agradable tres estrelas na parte nova, cun servizo aceptable e prezo razoable. A súa oferta tan só fraquea á hora dos almorzos, que resultan un pouco limitados na selección de produtos.

https://www.venezahotel.pt/es

O tempo que pasamos na cidade centrámonos en percorrer a zona dos canais, en concreto a cuadrícula de rúas entre o Canal de São Roque e o Canal Central. Nesta zona hai tanto edificios impresionantes de estilo “Art Nouveau” como modestas casiñas de pescadores pintadas de cores divertidas. Aquí tamén esta a curioso estrutura en ferro do renovado Mercado do Peixe. A zona que rodea o mercado é a única da cidade que se anima polas noites. Unha boa oferta de restaurantes e de bares musicais que funcionan a pleno rendemento durante a fin de semana. Un espazo de referencia é o edificio do Mercado Negro onde hai un local para pequenos concertos no baixo e un bar vintage no primeiro andar.

Ponte sobre o Canal Central

Asamblea Municipal no Canal do Cojo

Barcos moliceiros no Canal Central

As proas e as popas dos moliceiros ofrecen a miúdo imaxes un tanto “picantes”

Parte vella de Aveiro

Canal Central

Tamén é interesante o barrio vello da outra beira do Canal Central, o que arrodea a praza na que se erguen os edificios da Câmara Municipal (Casa do Concello) e do Teatro Aveirense.

Câmara Municipal e Teatro Aveirense

A parte nova non ten moito interese a non ser pola Estación de Ferrocarril e a súa bonita fachada de azulexos, polos xa mencionados edificios do Lago da Fonte Nova e pola Catedral de Aveiro. Os interesados na arquitectura contemporánea portuguesa deberán visitar a Universidade de Aveiro que, malia estar un pouco afastada do centro, presenta edificios asinados polos afamados arquitectos Souto Moura e Siza Vieira, entre outros.

Estación de tren. Imaxe cortesía de Google

O Concello de Aveiro axuda a que os visitantes coñezan a cidade poñendo á súa disposición un sistema público e gratuíto de bicicletas. Hai trescentas bugas (así as chaman) en vinte sitios de estacionamento diferentes e que están operativas dende as 10:00 ás 19:00 horas.

Durante o tempo pasado na cidade xantamos e ceamos en tres restaurantes recomendados polos meus colegas portugueses. Son a Adega Evaristo, Zico e O Adriano, os tres cunha calidade semellante e prezos moi populares. A Adega Evaristo e O Adriano son veciños e a escasos vinte metros un do outro. Zico queda ao outro lado do canal. En calquera deles as botellas de tinto da D.O. Dão van dende os catro aos sete euros. As sopas e os caldos verdes non pasan dun euro e cincuenta céntimos. A miña recomendación é pedir só unha media ración (meia dose en portugués) ou estar dispostos a compartir o prato. Dos tres, o restaurante a Adega Evaristo é o de máis sona entre a xente local aínda que as veces o trato dos camareiros poida resultar un tanto rudo. O máximo que chegamos a pagar durante a nosa estadía, incluíndo primeiro e segundo prato, sobremesa, viño e café, son quince euros por persoa.

Os larpeiros non poden marchar da cidade sen levar unha caixa de ovos moles, doces feitos con moito ovo e azucre que seguen a tradición dos conventos femininos de Aveiro. Cada “ovo” sae a un prezo de entre 60 céntimos a un euro e véndense tanto individualmente como en caixas de diferentes cantidades. As mellores referencias para mercar ovos moles son os obradoiros do Peixinho e o de Maria da Apresentação cunha tradición que se remonta, respectivamente, aos anos 1856 e 1882. Ambas marcas teñen tendas porta con porta na Rua de Coimbra, na parte turística de Aveiro. Maria da Apresentação ten ademais a súa fábrica e unha segunda tenda nunha rúa paralela ao Canal de São Roque.

Tenda de ovos moles “O Peixinho”, a de máis tradición de Aveiro

Copas de Aveirotónica con sabor a mandarina

Finalmente, os que gustan das bebidas alcohólicas poden probar o Aveirotónica, unha mestura do licor aveirense feito no barrio de Beira-Mar, con sabores a menta, amorodo e mandarina, á que se incorpora auga tónica.

Aveiro non é a urbe máis bonita de Portugal pero si un lugar no que pasar unha agradable fin de semana. A Ría enriquece a Aveiro con ese plus polo que se poden realizar actividades no medio natural, coñecer lugares importantes para a cultura de Portugal ou, simplemente, gozar das súas estupendas praias.

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.