
Río Garona ao seu paso por Toulouse. O porto antigo reconvertido en xardín público e a igrexa de Nosa Señora da Daurade
A Semana Santa deste ano cólleme un tanto despistado e cando quero decatarme do asunto…, os días festivos xa están enriba da data. Malia que hai programados varios voos extraordinarios dende o aeroporto de Santiago, estes están destinados a paquetes turísticos con aloxamento e outros servizos que encarecen bastante a oferta.
Posto a investigar atopo tarifas interesantes coa compañía Lufthansa a Budapest e a Kiev sempre que estea disposto a viaxar un ou varios días fóra das datas festivas. Pescudando sobre ofertas dende o aeroporto da cidade portuguesa do Porto (case un aeroporto galego pola súa proximidade) atopo unha tarifa de tan só 136 € para voar coa compañía Ryanair ata a cidade de Carcasona (Carcassonne), no sueste de Francia e non lonxe da fronteira con España. Non son fan de Ryanair, máis ben todo o contrario, pero teño que recoñecer que aínda que a tarifa non inclúe equipaxe facturada, esta resulta moi económica tendo en conta que a saída é o mércores a media mañá e o regreso o domingo pola tarde, dentro do período de máxima demanda da Semana Santa. Deste xeito e pedindo tan só un día de vacacións, podo engadilo aos xa festivos para aproveitar o máximo tempo posible en destino.
A intención da viaxe é combinar unha xornada en Carcassonne con outras dúas en Toulouse, a cuarta cidade de Francia situada a oitenta e cinco quilómetros do noso aeroporto de chegada e saída. Antes do comezo da viaxe facemos a reserva de billete de tren entre as dúas cidades a través da web dos ferrocarrís franceses. O prezo é de 12 € por persoa e con asento asignado para un traxecto de corenta e cinco minutos. As tarifas e os tempos de viaxe varían lixeiramente segundo o tipo de tren e a hora escollida.
https://es.oui.sncf/fr/?redirect=yes
Nesta ocasión viaxo con Carmen, amiga e compañeira, que andaba algo distraída coma eu ante a proximidade destes días de descanso.
Carcassonne é a capital do Departamento de Aude, unha cidade de tamaño medio que non chega aos 50.000 habitantes. A provincia de Aude forma parte da rexión de Occitanie ou Occitania, nova denominación das antigas rexións de Languedoc-Rousillon e Midi-Pyrénées fusionadas por mor da reforma administrativa do ano 2014.
Carcassonne está nunha chaira que formaba parte do antigo territorio do Rosellón, unha terra de fronteira que tivo ao longo da súa historia unha importante influencia española. En días claros poden verse perfectamente os cumios dos Pirineos. E nestes días fríos nos que toca viaxar, todo o macizo montañoso aparece cuberto pola neve. É unha visión preciosa e un pouco irreal, un decorado perfecto que se nos aparece tanto dende a cidadela medieval como durante os traslados que facemos en tren entre as dúas cidades.
Carcassone é tamén a capital do País Cátaro e así aparece referida na maior parte de folletos e guías turísticas. O catarismo ou doutrina dos cátaros foi un movemento relixioso con orixe posiblemente en Bizancio que xurde a mediados do S. X para asentarse dous séculos despois nesta zona de Francia. Os chamados albixenses ou cátaros tiñan crenzas como a negación dos sacramentos e a reencarnación das almas, entre moitas outras, que os converteron en herexes aos ollos da Igrexa Católica de Roma. Eles defendían que a propia Igrexa Católica era obra do Demo e unha ferramenta de corrupción do mundo, e esa postura non axudou moito á súa aceptación por parte do Papa Inocencio III. Era a relixión do pobo pero tamén dos seus señores feudais polo que Roma tivo que acudir á coroa francesa e someter aos herexes grazas a dúas cruzadas tan cruentas como as de Terra Santa. A Santa Inquisición (si, aquí tamén) conseguiu acabar con este movemento relixioso no século XIII.
Aqueles interesados no legado do catarismo teñen unha ampla e interesante ruta de castelos e vilas aos que dedicar varios días de viaxe.
Finalmente, Carcassonne tamén é unha das etapas importantes do Canal do Mediodía (Canal du Midi), declarado Patrimonio da Humanidade pola Unesco no ano 1996. Primeiramente chamado Canal Real (Canal Royal), é unha das grandes obras da enxeñería europea. Foi construído no século XVII por un rico comerciante que empregou ata 15.000 obreiros durante quince anos para crear unha vía de navegación para o transporte de mercancía entre o Océano Atlántico e o Mar Mediterráneo. A razón era evitar posibles ataques piratas e, ao mesmo tempo, os impostos que daquela cobraban os españois por cruza-lo Estreito de Xibraltar. O emprendedor comerciante rematou arruinado pero conseguiu construír o que é o canal navegable máis longo de Francia e o máis antigo de Europa aínda en funcionamento. Son 240 km de percorrido dende a cidade de Toulouse ata a vila mariñeira de Sète na costa mediterránea. Esclusas, pontes e acuedutos enriquecen a xa de seu interesante paisaxe que percorre esta vía fluvial.
Os barcos non podían ter máis de trece metros de eslora que é o tamaño máximo das esclusas. Tampouco moito calado xa que a profundidade varía entre un metro sesenta e dous metros. A última barcaza que pasou polo Canal du Midi transportando mercancías (viño) foi no ano 1989. Dende os anos 60, e sobre todo dende os 80 do século pasado, o canal é un grande atractivo turístico a percorrer en etapas grazas a os numerosos barcos que se poden alugar por días. A oferta é enorme e os prezos varían dependendo das comodidades e da capacidade do barco. Para manexalos non se esixe ter experiencia previa nin posuír un título de patrón de barco.
CARCASSONNE
Aterramos no aeroporto de Carcassone pasadas as dúas da tarde. A primeira impresión non pode ser peor. Somos conducidos a pé ata un grupo de contedores marítimos que funcionan como terminal de chegadas. O espazo é moi incómodo e ademais obrígannos a pasar un control de identidade, supoño que como consecuencia dos atentados islamistas de Carcassonne e da veciña poboación de Trèbes. Hai tan só cinco días que tiveron lugar os ataques que deixaron tres mortos e dezaseis feridos polo que a presenza e control policial será moi evidente ao longo destes días.
O nome oficial da terminal aérea é “Sud de France” , un tanto pomposo para o que parece máis ben un antigo aeroporto rexional no que actividade debía ser moi pequena ou practicamente inexistente. As súas operacións limítanse a tres ou catro voos de Ryanair por xornada que, segundo o día da semana, teñen como destino Porto, Dublín, Bruxelas e tres aeroportos británicos. Despois de pasa-lo control policial entramos nun espazo aínda más reducido e incómodo no que as maletas facturadas son depositadas directamente a man polo persoal do aeroporto.
Normalmente non hai taxis dispoñibles na propia terminal e hai que chamalos para que veñan dende Carcassonne. Outra opción é subir ao autobús que vai ao centro e que sae media hora despois da chegada do voo. A tarifa é de seis euros, un pouco cara tendo en conta que o centro está a tan só tres quilómetros do aeroporto, e realiza tres paradas: Estación de Ferrocarril, centro da cidade nova e na porta de entrada á Cidadela.
Despois de pasar polo hotel facemos o noso plan de visita. Decidimos deixar a Cidadela (Cité), a fortaleza convertida na imaxe turística da cidade, para o día seguinte. Esa primeira tarde dedicámola a descubrir a Cidade Baixa (Ville Basse), tamén coñecida como “Bastida de San Luís” por ser levantada durante o reinado de Luis IX de Francia. É este un novo barrio, separado da Cidadela polo río Aude, que naceu na segunda metade do século XIII para desenvolverse moi rapidamente como un importante centro de produción do famoso pano de Languedoc. Era unha vila de comercio habitada por obreiros e a burguesía dominante, fronte ao carácter real da Cidadela. O deseño urbanístico foi moi diferente tamén: unha cuadrícula de rúas rectas protexida por fortificacións nas súas esquinas. Posteriormente, os fosos destas fortificacións foron reconvertidos neses bulevares que arrodean á Ville Basse hoxe en día. As dúas cidades enfrontáronse en continuos conflitos ata a súa unión como un único municipio a comezos do século XIX.
Pasamos a tarde enteira camiñando polo que hoxe é unha cidade bastante descoidada para o nivel medio de Francia. Dános a sensación de que Carcassonne xa non é o próspera que foi, malia as masas turísticas que recibe na outra beira do río. A rúa principal (Rue de Verdun) ten unha gran parte da súa oferta comercial pechada e as prazas principais, Carnot e Gambetta, respiran un aire provinciano e decadente. Imaxino que hai unha normativa municipal ou rexional que obriga a pintar as fachadas das casas en tonalidades beixes e ocres para manter a harmonía e perpetuar as cores orixinais. Pero tamén é moi evidente que moitas delas non son pintadas nin restauradas dende hai moitos anos. O conxunto respira falta de mantemento.
A Cidade Baixa é unha decepción. Para visitar están os bastións de San Marcial, o do Xardín do Calvario e o de Montmorency que formaban parte do sistema defensivo medieval. Outros edificios interesantes son a Maison du Sénechal, un pazo con orixe no S XV, a igrexa e o claustro de San Vicente e a Catedral gótica de San Miguel. Entre a Ville Basse e a Cité está a Ponte Vella, hoxe ponte peonil e durante moitos séculos o único punto de paso que comunicaba as dúas cidades.
Rematamos o día tomando unhas copas de aperitivos franceses na Place Carnot. Carmen pide un Pastis, unha bebida anisada típica de Marsella que se rebaixa con auga pola súa forte gradación. Os que xa viaxaron por Grecia ou Turquía atoparana semellante ao ouzo ou raki locais que se toman respectivamente nestes dous países. Parece que non lle gusta nada e non repetirá durante o resto da viaxe.
Eu confórmome cunha vella especialidade de Carcassonne, o L´Or-Kina Sabatier, un licor con orixe no século nove a base de plantas e especias para ser servido ben fresco. A min faime recordar aquela bebida que nos daban as nosas nais cando cativos, a Quina Santa Catalina, un viño quinado con supostos efectos saudables para os nenos en idade de medrar.
Carcassonne tampouco ten moito que ofrecer pola noite. Rematamos no Restaurante Plugg´d que ofrece varias ceas temáticas ao longo do mes e que esa noite ofrece unha jazz session como única actividade interesante da cidade. Parece ser o punto de referencia do “todo Carcassonne” e, malia chegar sen reserva, conseguimos unha mesa para cear. Os prezos son razoables e o persoal moi agradable.
O primeiro que facemos ao día seguinte é subir a almorzar á Cidadela. A nosa intención é pasar o día completo dentro do recinto amurallado xa que o tren reservado para Toulouse non sae ata ás sete e media da tarde.
A entrada principal faise pola Porta de Narbona (Porte Narbonnaise). Hai outra entrada, preto da igrexa de Saint Gimer, pero neses días está pechada por mor dunha intervención artística que están a realizar sobre as murallas. Non hai que pagar nada por entrar ao recinto nin polo paseo de ronda que vai entre as dúas murallas que arrodean á fortaleza. Tampouco pola Catedral de Saint Nazaire. A única entrada a pagar é de nove euros e inclúe o Palacio Condal e dous treitos da muralla. Tamén hai un par de pequenos museos privados sobre a Inquisición e as crueis torturas medievais. Tomade nota de que non hai que perderse as bonitas vidreiras da catedral!
Na Cidadela non é preciso falar ou entender francés, todo o persoal relacionado co turismo está disposto a comunicarse en castelán. É máis, durante os nosos días de viaxe quedaremos sorprendidos por que tanto en Carcassonne coma en Toulouse a información dispoñible aparece en francés, inglés e…castelán. Pero non é de estrañar, unha inmensa maioría dos turistas proveñen do Estado español.
O lugar é moi bonito aínda que quizás a mellor foto sexa a que se tira dende o río ou dende outras partes da cidade fóra da muralla. Hoxe está tomada polas hordas turísticas tal e como debe ser habitual na tempada alta turística. A Cité é unha sucesión de aloxamentos, restaurantes e tendas de souvenirs. Á hora de xantar e cear hai que ter en conta, como no resto de Francia, a súa estrita política cos horarios. A pesar de que o lugar está ateigado de visitantes e de que unha altísima porcentaxe son españois, temos problemas para que nos sirvan ás dúas da tarde.
Sobre a Cidadela hai que saber que xa existía unha muralla galorromana anterior, que se potenciou especialmente durante a dinastía dos Trencavel, unha das familias poderosas do Midi durante o S. XII, e que serviu ata o ano 1659 como fronteira entre Francia e o reino de Aragón.

Calvario en arenisca do século XV e pinturas do XII na sala abovedada do Museo Lapidario dentro do Castelo Condal

O Teatro ao airle libre J. Deschamps creado no ano 1908 sobre o emprazamento do claustro da Catedral. Interior da Cidadela
O que visitamos hoxe en día é froito dunha evolución e dunha chea de engadidos. O aspecto actual responde a unha restauración feita por encarga do Estado francés ao arqueólogo e arquitecto Viollet-le Duc no ano 1844. As obras non remataron ata 1911 e moitos puristas consideran que a Cidadela ofrece agora un aspecto que antes nunca tivo, demasiado perfecto. De calquera xeito, a Cité de Carcassonne aparece a miúdo referida como a fortaleza medieval máis grande e mellor conservada de toda Europa.

A Cidadela vista dende abaixo. En primeiro plano o camiño amurallado que comunicaba a fortaleza co río Aude, xa parcialmente desaparecido
Rematamos antes do que pensabamos xa que, unha vez visitado o recinto, non hai moito máis que facer. Dirixímonos á estación de ferrocarril para tentar mudar os nosos billetes de tren. Non temos problema, falamos co revisor do convoi das 18:04 (antes de subir ao tren) e autorízanos a viaxar cos nosos billetes con saída ás 19:34.
TOULOUSE
Estamos aloxados nun lugar fantástico: o Néméa Appart’Hôtel Résidence Concorde, situado a carón do Canal du Midi e da estación de ferrocarril (a non confundir con outros establecementos da cadea e de nome parecido, tamén en Toulouse). Non está mesmo no centro pero pode chegarse facilmente a pé nuns dez minutos. E a situación para nós é perfecta tendo en conta a forma de transporte que utilizamos entre as dúas cidades a visitar.
http://www.nemea-appart-hotel.com
O alcume de Toulouse é o de “Cidade Rosa” pola cor dos ladrillos vista cos que están feitos a maioría dos seus edificios. O aspecto é diferente ao das outras grandes urbes francesas. A nosa primeira impresión é que Toulouse ten algo de París, sobre todo na súa principal arteria comercial (rue d´Alsace-Lorraine), un toque á cidade italiana de Boloña na súa parte medieval, pero tamén un aire a Zaragoza e, incluso, a Logroño. A influenza española é moi evidente. Non hai que esquecer que durante a Guerra Civil española, a cidade chegou a acoller ata cen mil refuxiados republicanos. Hoxe é a urbe máis hispanizada de Francia cun 10% de poboación de orixe española.
O centro de Toulouse é moi agradable para ser visitado camiñando pero nalgúns momentos pode ser interesante facer uso da sinxela rede do metro ou, como no caso do Museo Airbús e do aeroporto, das dúas liñas de tranvía existentes.
A diferencia de Carcassonne, Tolosa (así en galego ou castelán) é un lugar dinámico e que parece gozar dunha boa economía. Imaxino que ser a sede da principal industria europea de fabricacións de avións axuda moito. O centro vese renovado e hai moitas intervencións urbanísticas en marcha.
Toulouse está dividida en dúas polo río Garona, pero a zona de interese para o visitante concéntrase na súa beira dereita. Nós pasamos á marxe esquerda do río para ter a oportunidade de cruza-la Ponte Nova e para visitar Les Abbatoirs, o antigo matadoiro reconvertido en Museo de Arte Moderna e Contemporánea. O lugar é interesante pero, no caso de andar curtos de tempo, mellor centrarse noutras partes da cidade.
Toulouse está comunicada co Océano Atlántico a través do río Garona. E de aquí tamén parte o Canal du Midi cara ao Mediterráneo, o que logo pasará por Carcassone. Hai outro canal, o de Brienne, un curto treito que enlaza o Canal du Midi co río Garona augas arriba dun pequeno encoro que impediría que os barcos puidesen remonta-lo río. Do norte da cidade sae un terceiro canal comunicado cos dous anteriores, o Canal Lateral do Garona, que con 193 quilómetros de longo chega ata preto da cidade de Burdeos. Este canal foi construído moito máis tarde (S. XIX), fartos de que a navegación polo propio río non fose tan doada como parecía nun principio.
Durante o noso paseo por Toulouse vemos moitas igrexas que teñen en común o ladrillo como principal elemento construtivo e unha grande altura da súa nave principal: a igrexa de Nosa Señora de Taur (touro en occitano), a de Nosa Señora da Daurade, a basílica de San Sadurniño (Saint Sernin), o convento dos Xacobinos, e a catedral de Santo Estevo (Saint Etienne). A catedral é sen dúbida a maior decepción, unha mestura desconcertante por fóra e unha estrutura “estraña” por dentro.
As obras mestras son, ao noso parecer, a basílica de Saint Sernin, baixo a advocación do que foi o primeiro bispo e mártir da cidade no século III, e, sobre todo o convento dos Xacobinos. Os letreiros fannos lembrar en San Sadurniño que estamos no Camiño de Santiago na súa variante sur, aquela que procede da cidade de Arles. Comezada no ano 1070, os construtores respectaron o proxecto inicial románico malia que non se rematou ata o século XVI, de tal xeito que está considerada como a maior igrexa románica de occidente. Como no caso da Cidadela de Carcassonne, o que vemos actualmente é consecuencia da rehabilitación levada a cabo por Viollet-le-Duc a mediados do XIX.
Pero unha das maiores riquezas da cidade é o convento dos Xacobinos (Jacobins) na rúa Pargaminières. Esta xoia do estilo gótico destaca pola incrible lixeireza do seu interior, unha nave dobre separada por unhas altísimas columnas rematadas en bóvedas estreladas. A máis famosa é a bóveda da palmeira con 22 nervaduras que fan lembrar a imaxe desta árbore tropical. A entrada ao templo é gratis pero haberá que aboar catro euros no caso de querer entrar ao claustro.
O principal edifico civil de Toulouse é o Capitolio (Capitole), pechando cos seus 128 metros de fachada un dos laterais da praza do mesmo nome. A praza é a máis grande da cidade e o seu principal espazo social, un bo punto de partida para descubrir o barrio antigo e a zona monumental. O Capitolio é tamén a Casa do Concello e pódense realizar visita a varias das súas dependencias entre as que sobresae a Sala dos Ilustres, decorada con pinturas como as que fan referencia aos episodios gloriosos da cidade.
Pasear pola zona centro de Toulouse é moi agradable, reina a harmonía e hai unha morea de restaurantes e tendas que invitan a entrar. Destaca a grande oferta de librarías abertas que contrasta coa realidade doutros países como o noso.
Convén asomarse ao río dúas veces, á altura da Ponte de San Pedro e da igrexa de Nosa Señora da Daurade para ver os espazos, hoxe axardinados, que no pasado serviron como importantes portos fluviais.
Polas noites saímos a tomar unha copa e nótase a influencia latina de xeito que a oferta é máis abondosa co habitual noutras zonas de Francia. Pero sempre coa contención tan típica deste país.
O segundo día amence frío (como todos) e pasado por auga. Desa choiva fría que pode converterse en neve en calquera momento. Saímos a pé a partir da porta que serve de Monumento aos Mortos por un bonito bulevar (Allées Francois Verdier) ata o Xardín Real e, dende alí, continuamos pola avenida Allées Jules Guesde ata o Pazo de Xustiza (Palais de Justice). Fronte ao palacio está tanto a paraxe da liña de tranvía T2, que remata na terminal do aeroporto, como da liña, tamén de tranvía, T1 que vai ata o Museo Aeroscopia e a fábrica dos avións Airbus. Outra opción é viaxar pola liña de metro vermella 2 ata a estación de Arènes e alí enlazar con calquera das dúas liñas de tranvía mencionadas.
A nosa intención é visitar un dos principais museos da aviación de Europa. A visita ao museo Aeroscopia é combinable coa da fábrica do principal fabricante europeo de avións e coa das instalacións do aeroporto Toulouse-Blagnac. Pero a reserva para visitar a fábrica esixe unha antelación que nos non tivemos en conta. O custe da entrada vai dende os 12,50 euros por adulto ata os 39 euros no caso de incluír a visita á fábrica e ao aeroporto.
Información: www.musee-aeroscopia.fr
Entradas: www.billetterie.manatour.fr
Para viaxar en tranvía pódense comprar os billetes nas máquinas dispoñibles nas paradas (1,60 € por traxecto) pero non hai que esquecer validalo unha vez dentro do vehículo. Os tranvías pasan cada dez minutos e demoran un total de tres cuartos de hora dende o Pazo de Xustiza á estación de Beauzelle-aeroscopia. Dende a estación hai que camiñar quince minutos por unha zona un pouco desolada con novas urbanizacións de luxo e barullentas autoestradas.
O museo é unha marabilla para todos aqueles que esteamos fascinados coas máquinas voadoras. É unha oportunidade única de ver de preto un par de avións Concorde e de entrar nun deles. Ademais, outras trinta aeronaves civís, científicas e militares de todos os tempos. Tamén algúns simuladores do voo. Paso dúas horas totalmente emocionado polo meu amor aos avións.
Xa de volta pola tarde en Toulouse decidimos facer un traxecto en barco polo Canal du Midi. Nesta época do ano a empresa Bateaux Toulousains ofrece tres saídas ao día dende o porto de Saint-Sauveur, en concreto do tramo final da rúa Allée Paul Sabatier (zona centro). O prezo é de 12 € para un paseo de aproximadamente hora e media que permite facerse unha idea da navegación polo canal. Os primeiros quilómetros son bastante urbanos pero tamén axudan a completar a nosa visita a Toulouse. Como curiosidade, hai un momento no que o canal se transforma nunha ponte que pasa por riba da autoestrada.
En tempada alta aumentan as frecuencias e fanse paseos en sentido norte ata o punto onde se xuntan o Canal du Midi, o de Brienne e o Canal lateral do Garona.
E CARCASSONE DE NOVO
O noso voo de volta a Porto non está programado ata as 15:25 horas do domingo. Unha vez no aeroporto decatarémonos dun novo cambio ás 15:45 do que non fóramos previamente informados. Esas cousas que teñen os países excesivamente programados obríganos a que teñamos que saír de Toulouse no tren das 08.12 da mañá xa que, a pesar dos catorce trens diarios entre as dúas cidades, os servizos quedan moi reducidos en domingo. A seguinte saída en tren non nos permitiría chegar a tempo ao aeroporto.
Para non pasar tanto tempo perdido nin ter que madrugar demais preguntamos polo servizo de autocares entre ambas cidades. A estación de tren e a de autobuses de Toulouse están a carón unha da outra. Tampouco hai servizo de bus operativo entre estes dous lugares (!!!). Entre Toulouse e Carcassonne? Non me diga… A única posible solución pasa por alugar un coche pero, por mor das datas de vacacións nas que estamos, tampouco hai coches para alugamento en ningunha das cinco empresas que preguntamos
Ás 09:27 estamos en Carcassonne e temos que encher o noso tempo libre ata as 13:15 que sae o bus cara ao aeroporto. Lembrade que non hai un servizo regular senón que o bus opera de acordo á chegada e á saída dos voos do día.
O segundo contratempo é que a estación de ferrocarril de Carcassonne non ten consigna e temos que levar as nosas maletas ao Hotel Astoria e pagar dos euros por cada un dos vultos que deixamos. Son pouco máis de cinco minutos a pé pero no caso de ir moi cargados pode resultar incómodo.
Como a Cidade Baixa segue sen resultarnos atractiva e a Cidadela queda lonxe, decidimos dar un segundo paseo polo Canal du Midi, agora polo treito urbano de Carcassonne. A guía é moi explicativa e simpática. O barco vai ateigado exclusivamente de españois e dunha, supoño que asustada, parella de franceses. Aprendemos datos como que a Montaña Negra, a que serve de pano de fondo a Carcassonne, alberga o lago artificial que alimenta de auga ao Canal du Midi nas súa dúas vertentes, cara ao Mediterráneo e caro ao río Garona en Toulouse.
Aproveitamos para xantar de novo unha cassoulet, unha cazoliña cun guiso de fabas brancas, salchicha de Toulouse e anacos de pato. Seica despois de cociñala ao lume remata un tempo no forno. O caso é que está riquísima e, en contra do que parece prometer, non me fai ningún dano ao estómago. De feito está é a segunda vez que o probo e en ambas as ocasións pareceume exquisita.
Xa no aeroporto, Ryanair anuncia unha demora que posteriormente se converte nunha cancelación por mor da folga do seu persoal en Portugal. Dentro da política de Ryanair, a súa proposta pasa por “buscarse a vida” ou aceptar a irracional oferta que a compañía poida facer. Ofrécense “amablemente” a devolver os cartos do billete de volta para que o cliente busque unha alternativa un domingo de Semana Santa no que hai anunciada unha posible folga dos ferrocarrís franceses (como así sería aos poucos días). O mellor é rir á espera de que as autoridades europeas tomen medidas coas caralladas que se traen moitas compañías de baixo custe.
Reaccionamos a tempo e mentres esperamos a ser atendidos conseguimos un par de prazas para voar coa compañía EasyJet vinte e catro horas máis tarde dende o aeroporto de Toulouse. Coido que somos os últimos en conseguir prazas e por un prezo inferior aos cen euros por persoa.
De novo hai que desfacer o camiño andado e buscar transporte á estación de ferrocarril, tren a Toulouse e aloxamento para esa noite. Unha tarde moi interesante (argg).
E TOULOUSE DE NOVO
Temos que facer tempo de novo ata a nosa saída para Porto. Luns despois de Semana Santa e festivo na cidade. Toulouse está pechado a cal e canto e con moi pouca xente polas rúas.
Paseamos á beira do Canal du Midi en dirección ao Pazo de Deportes e o Centro de Congresos Pierre-Baudis. Descubrimos que os barrios máis afastados do centro non locen coma este. O nivel de vida cae vertixinosamente e a oferta de servizos é escasa. O Centro de Congresos e a súa contorna tampouco ofrece moito interese.
Seguindo o paseo pasamos ao pé dos restos da muralla medieval no bulevar Armand Duportal. Tamén acompañamos o tramo final do Canal de Brienne ata a súa confluencia co río Garona.
Aproveitamos para xantar nun dos poucos lugares abertos e subimos ao aeroporto no bus que sae cada vinte minutos da estación de autobuses. Agora si, EasyJet é puntual e chegamos ao Porto para seguir por estrada ata o noso lugar de residencia.