Xornada e media en Viena

Paseo lateral do edificio da Glorieta no complexo do Palacio de Schönbrunn

Chego a Viena un xoves á última hora da mañá e non saio cara a Varsovia ata o luns ao mediodía. Pero se teño que descontar todas as horas ocupadas polo meu labor profesional, o tempo libre que poido dedicar a visita-la cidade limítase a unha xornada e media.

Non é moito, mais ben diría que moi pouco para todo o que ten que ofrecer Viena. Unha xornada e media movéndome ás présas dá para coñecer a inmensa zona antiga da cidade e visitar algún dos seus monumentos principais, tamén para achegarme ao Palacio de Schönbrunn e pasear polos seus xardíns, coñecer os tres edificios ideados polo artista austríaco Hundertwasser e, finalmente, pasar un par de horas de lecer no afamado Parque de Atraccións Prater.

Malia o pouco tempo dispoñible, hai un cambio radical na miña percepción sobre Viena. É tal o cambio que me sinto engaiolado por esta cidade e prometo regresar en canto me sexa posible. Nas miñas visitas anteriores, hai xa moitos anos, Viena deixou pouca pegada en min. Daquela, pareceume un refuxio bastante aburrido de xente rica e conservadora. A imaxe que quedou na miña retina foi de xente maior co peto cheo de cartos tomando as famosas tartas de mazá Apfelstrudel ou as de chocolate Sacher nalgún dos bonitos cafés vieneses. Deume a impresión dun lugar que vivía das glorias do seu pasado e con pouco novo que contar ao viaxeiro.

Viena século XXI

Pois ben, de sabios é “recuar” e recoñecer que a Viena de hoxe en día é outra para min. Non sei se é ela ou son eu o que mudou ou, talvez, que o bo tempo predispón o ánimo cara a un lugar, Pero sorpréndome cunha cidade activa e con moita xente nova; un lugar que vén pondo ao día o seu incrible legado patrimonial cun dinamismo que moitos outros destinos quererían para si. Incluso a súa vida nocturna, tendo en conta os inconvenientes habituais das cidades centroeuropeas, resúltame bastante animada. E a diferenza de Francia, que veño de visitar hai poucos días, non sinto esa angustia que sufrimos os españois coas limitacións horarias no momento de xantar ou cear. Con respecto aos prezos, non son baratos pero si asumibles e sen chegar ao paroxismo propio das cidades escandinavas. Pero aínda así, é posible que para moitos, como o era para min, o perfeccionismo vienés poida provocar certo rexeitamento pola súa falla de espontaneidade.

As razóns para vir a Viena son evidentes, o Imperio Austrohúngaro da segunda metade do século XIX favoreceu as artes de tal xeito que converteu a súa capital imperial nun auténtico espectáculo de obras mestras. Viena é unha inmensa colección de edificios sorprendentes de diversos estilos e épocas que deixarán abraiado ao afeccionado á arquitectura e á historia da arte. Hai razóns dabondo para sorprenderse continuamente coa chea de detalles construtivos amoreados nas rúas e fachadas vienesas.

Chego ao aeroporto de Viena procedente de Madrid. Para o transporte ata o centro da cidade hai varias ofertas e é importante non deixarse levar pola información que se presenta máis evidente na terminal do aeroporto. Nun principio parece non haber outra opción que baixar en taxi (caro, claro) ou no tren CRT (12 € ida e 21 € ida e volta), un expreso que percorre en dezaseis minutos e sen paradas a viaxe ata a estación de Landstraße Wien Mitte, no centro da cidade. Pero, realmente hai moitos outros trens con frecuencias semellantes ás do CRT e que tan só demoran cinco minutos máis de tempo en chegar. Trens que van ata a mesma estación que o expreso ou á Wien Hauptbahnhof (Estación Central) e por unha chisca máis dunha terceira parte da tarifa do CRT. Tampouco hai que fiarse da Oficina de Turismo situada na zona de chegadas xa que teñen á venda os billetes para o CRT e ese é o tren que van recomendar.

O mellor é dirixirse aos aparellos expendedores dos ferrocarrís austríacos que dan información en castelán e, ao igual cós do metro, tamén aceptan pagamentos con tarxeta de crédito. Tamén hai un servizo de autobús directo ao centro por oito euros.

Durante a miña estadía alóxome en dous hoteis diferentes, o primeiro nunha zona a medio camiño entre o centro e o Palacio de Schönbrunn e o segundo no barrio que se atopa por detrás da Casa do Concello (Rathaus), en zona máis turística. O primeiro hotel permíteme achegarme a pé ata o palacio para así descubrir unha Viena que non é nin tan impoluta nin tan perfecta como pode dar a entender a súa zona histórica. Aquí hai fachadas que precisan dunha reparación urxente, negocios modestos, comercios pechados e a realidade obreira e inmigrante de calquera outra gran cidade. Tamén estou próximo ao famoso mercado de froitas e vexetais (Naschmarkt), un bo lugar para cear a horas tardías que fica preto de varios locais de copas.

Estación de metro de Kettenbrückengasse próxima ao Naschtmarkt

Visito o Palacio de Schönbrunn e paso un par de horas vadiando polos seus xardíns. O conxunto de edificios e xardíns do coñecido como “Versalles Vienés” foi declarado Patrimonio Mundial da Humanidade pola Unesco no ano 1996. Foi a soberana María Teresa I de Austria quen converteu o palacio en residencia de verán da dinastía dos Habsburgo e así permaneceu ata comezos do século XX.

No caso de non estar tan próximo coma min, a mellor opción de transporte é o metro na liña U4 verde ata a estación do mesmo nome que o  palacio. O prezo do billete de metro é de 2,40 € cun tempo de hora e media para os transbordos necesarios, sempre que se fagan no sentido do destino final. No metro non hai control de acceso polo que é importante validar o billete nas máquinas que hai nas entradas das estacións. Ollo ás inspeccións a bordo e ás multas onerosas para os que viaxan sen billete.

Lateral do palacio dende o acceso ao Xardín da Orangerie

Chegando ao edificio da Glorieta

A Glorieta

Vistas do Palacio de Scönbrunn dende a Glorieta

Achegándome ao Palacio de Schönbrunn

Acceso principal ao Palacio de Schönbrunn

A entrada ao palacio custa 14,20 € e inclúe a visita aos salóns públicos e privados do Emperador Francisco Xosé e da Emperatriz Sissi. O prezo da entrada vai aumentando a medida que se incorporan outras visitas como a á do palacio da época de María Teresa, o edificio da Glorieta (Gloriette), o Xardín do Labirinto, o Xardín da Orangerie ou o Museo dos Cativos. Hai varias opcións de entradas combinadas.

Paseo lateral do edificio da Glorieta

Paga a pena subir ata o edificio da Gloriette, independentemente de que se pague entrada para subir a súa terraza ou non, xa que dende alí hai unha das mellores vistas de conxunto co palacio e a cidade ao fondo. No recinto de Schönbrunn, pero con entrada á parte, tamén está o Zoo de Viena (Tiergarten), o máis antigo do mundo aínda operativo.

Dende o centro, a Casa Hundertwasser-Krawina queda xusto en dirección contraria a Schönbrunn, nunha zona xa preto do Canal do Danubio. Para chegar ata aquí hai que coller o tranvía 0 ou 1 por  un importe de 2,60 euros. O billete pode comprarse nos expendedores dentro do propio tranvía. Outra opción é chegar en metro pola liña U3 laranxa ben á estación de Landstraße Wien Mitte ou ben á de Rochusgasse. E estar disposto a camiñar un pouquiño.

A casa foi un proxecto de vivenda social e ecolóxica encarga do Concello de Viena ao artista vienés Friedensreich Hundertwasser, un creador centrado na súa obra pictórica e na arquitectura en combinación coa protección do medio ambiente. Pero Hundertwasser non era arquitecto e tiña que contar coa colaboración de profesionais, como foi neste caso, o tamén austríaco, Josef Krawina. O edificio foi inaugurado no ano 1986  e converteuse nun referente da cidade, como Gaudí pode selo a Barcelona.

A casa non se parece a ningunha outra e ofrece un contraste absoluto co estilo predominante en Viena. Durante a súa construción plantáronse, nas dezaseis terrazas privadas e nas tres comunitarias, unhas duascentas cincuenta árbores que agora as cobren ofrecendo o aspecto dunha edificación na que a natureza está moi presente. Como moitas das árbores son caducifolias, a casa presenta imaxes moi diversas segundo a estación do ano.

Diversos aspectos da Casa Hundertwasser-Krawina

A fachada fai uso de diferentes materiais e incluso mantén un anaco do edificio anterior. Aparece adornada con múltiples cores, de xeito que cada cor se corresponde cunha vivenda. Pero o que nun principio eran cores rechamantes foron perdendo a súa intensidade polo camiño, dando certa impresión de descoido e abandono. A realidade é que Hundertwasser era da idea de que as cousas deben deixarse envellecer co tempo xa que ese é o seu estado natural. Tamén hai múltiples modelos de fiestras.

O edificio non está aberto ás visitas pero a súa visión dende fóra xa paga a pena. Para os curiosos de como son os interiores non queda máis remedio que ollar o vídeo que exhiben de forma continúa na cafetería da planta baixa. Ou comprar no Info Shop situada fronte á casa algunha publicación sobre o edificio. O Info Shop é mais ben unha tenda de souvenirs. Tamén fronte á casa,  pero na rúa lateral, está a Aldea ou Village Hundertwaser, un antigo garaxe de dilixencias de 1912 reconvertido en 1991 por F. H. nun pequeno centro comercial. A Aldea é unha serie de tendas pouco interesantes pero a súa visita permite ver interiores deseñados polo artista. O seu estilo é evidente tanto nos pavimentos, como nas escaleiras que baixan aos baños e nos propios aseos.

Aldea ou Village Hundertwasser

A uns dez minutos a pé da Casa e da Aldea Hundertwasser hai unha terceira obra deste artista: a Kunst Haus Wien. En realidade son dous edificios de finais do século XIX restaurados segundo os planos de Hundertwasser e abertos ao público no ano 1991. As fachadas fan lembrar un taboleiro das damas en branco e negro. O edificio funciona como museo sobre a obra de Hundertwasser ademais de contar con salas para exposicións temporais principalmente de fotografía. A entrada é de 11 € para o museo e de 9 € para as exposicións pero ofertan unha entrada combinada de 12 € que non ofrece ningunha dúbida.

Fachada dianteira e traseira da Kunst Haus Wien

Aseos na Kunst Haus Wien obra de Hundertwasser

A tarde do domingo, despois de traballar, decido visitar o Parque de Atraccións Prater que, nesta época do ano, funciona sobre todo durante as fins de semana. O bo tempo (levamos dous días con temperaturas que superan os 25º) axuda a que o recinto estea especialmente animado. Chego ás sete e cuarto da tarde e hai moita xente paseando pero xa poucas facendo uso das numerosas atraccións do recinto. O feito de ser un espazo limitado dentro da cidade que foi medrando ao longo dos anos dálle certo carácter charramangueiro e lixeiramente confuso que o diferencia dos parques de atraccións de nova xeración.

O metro chega ata a estación de Praterstern, que fica a cinco minutos a pé da entrada do Parque. Praterstern está servida polas liñas U2 malva e U1 vermella.

Prater goza dun dobre privilexio, ser o segundo parque de atraccións máis antigo do mundo (creado a partir do ano 1766) e estar situado no centro da cidade, como tamén é habitual nas cidades dos países escandinavos. Aquí está a famosa nora (Wiener Riesenrad) levantada no ano 1897 que cos seus 61 metros de alto tivo o récord de se-la máis alta do mundo ata 1985. As cabinas aínda son de madeira pero xa só quedan a metade das orixinais, o resto foron retiradas durante a II Guerra Mundial. Esta atracción foi inmortalizada en varios filmes como “Antes do Amencer” ou “Alta Tensión”, esta última pertencente á saga James Bond. Pero moitos lembrámonos sobre todo de “O Terceiro Home”, película de intriga protagonizada por Orson Welles e Joseph Cotten sobre un guión do seu propio escritor, Grahan Greene.

A entrada ao recinto é gratuíta e as atraccións pódense pagar unha a unha ou sacar unha carta que por 45 € dá acceso ata a vinte delas. Os que vaian en familia teñen pases combinados con importantes descontos.

Entrada ao Parque de Atraccións vindo da estación de metro

A famosa nora Wiener Riesenrad

A nora de noite

Outras atraccións extremas no Parque de Atraccións

Contra o que poida parecer, o Prater non vive tan só do seu pasado nin caeu no esmorecemento como aconteceu con moitos outros parques. O Prater non é unha reliquia senón que veu actualizando a súa oferta para facer felices aos que gustan das atraccións extremas. Resumindo, Prater é un lugar que contentará a cinéfilos, amantes dos récords, nostálxicos do pasado e, tamén, aos usuarios habituais dos parques de atraccións.

E xa non queda máis que falar do paseo pola zona monumental de Viena. Un paseo longo e intenso que deixará ao viaxeiro exhausto ao final do día. Coido que se fai necesaria unha xornada enteira para levarse unha boa idea desta parte de Viena xa que é unha zona moi ampla e con moitos edificios e monumentos impresionantes na que abondan museos e espazos expositivos. Ademais, eses edificios están cheos de detalles para descubrir.

Detalle dun pobo civilizado que paga o que colle sen vixilancia

A zona monumental de Viena queda na súa maior parte comprimida dentro dunha especie de anel de circunvalación, unha avenida coñecida como o Ring aínda que vai variando o seu nome ao longo dos diferentes treitos. É como unha pasarela de moda que vai deixando efectistas edificios tanto á dereita como á esquerda. Está claro que o Imperio quixo deixar constancia do seu poder e da súa boa economía. O feito de que todo ese legado fose construído en épocas relativamente recentes axuda á súa boa conservación.

Dentro do Ring hai tres grandes concentracións de monumentos. A primeira está arredor da Praza do Concello (Rathausplatz) onde se atopan de norte a sur a Igrexa Votiva (Votivkirche), a sede da Universidade, a propia Casa do Concello (Rathaus), o Parlamento, o Pazo de Xustiza (Justizpalast) e o impresionante Burgtheater. Durante o meu paseo entro unicamente na Igrexa Votiva coroada por dúas torres impresionantes de 99 metros de altura. Foi levantada en estilo neogótico no lugar no que o Emperador Francisco Xosé I sufriu un atentado. A súa inauguración tivo lugar en 1879 co gallo das vodas de prata do Emperador coa Emperatriz Sissi (Isabel de Baviera). Como pasa con outros moitos monumentos da cidade, pode dar a impresión de seren máis antigos do que realmente son.

Universidade de Viena

Lateral e fachada principal da Casa do Concello de día e de noite

Parlamento de Austria

Burgtheater

Interior e exterior da Igrexa Votiva

O segundo grupo xira en torno ás prazas Theresienplatz e Heidenplatz. Aquí érguese maxestoso o complexo do Hofburg, un enorme conxunto de edificios que funcionou como residencia da familia real dos Habsburgo durante 600 anos. Son moitas as visitas posibles pero a maioría dos españois acoden interesados pola Museo Sissi: seis salas dedicadas a dar a coñecer a vida e a personalidade da famosa, e tamén cinematográfica, emperatriz que morreu asasinada en Xenebra no ano 1898. Nesta mesma zona están os inmensos edificios da Biblioteca Nacional, a Escola Española de Equitación (Spanische Hofreitschule), o Museo de Historia da Arte (Kunsthistorisches Museum), o Museo de Historia Natural (Naturhistorisches Museum) e o Museo Albertina. O Albertina é un dos de máis sona e neste momento ofrece dúas grandes exposicións anunciadas por toda a cidade: a do artista e activista pop estadounidense Keith Haring e un percorrido pola arte moderna dende Monet a Picasso. A entrada custa 12,90 euros. Moi preto do Albertina está o edificio da Ópera de Viena (Staatsoper).

Visión do Hofburg dende a rúa Kohlmarkt

Complexo do Hofburg dende o Burggarten

Museo de Historia Natural

A Ópera de Viena dende o Museo Albertina

Ópera de Viena

Keith Haring no Albertina

Escaleiras de acceso ao Albertina

Hofburg

Moi próximo a toda esta inmensa aglomeración de edificios pero doutro lado do Ring abre as súas portas o Barrio dos Museos que acolle o Centro de Arquitectura, o Forum do Deseño e outros catros museos máis. Para quedar mallado!

O terceiro polo de atracción é a Catedral e a zona peonil comercial ao seu arredor coas rúas Kohlmarkt, Graben e Kärntner. Tamén as pequenas rúas turísticas con moitos restaurantes que parten de Ruprechtsplatz, a praza na que se atopan a pequena Igrexa Católica e a Sinagoga xudía.

Catedral de Viena

Fachada principal da catedral

Igrexa de San Pedro dende a rúa Graben

Rúa peonil Graben

Rúa Graben, preto da Catedral

Ademais destas tres grandes concentracións de monumentos e zonas de interese hai que destacar a praza Karlsplatz coa igrexa de San Carlos (Karlskirche), enmarcada por dúas grandes columnas que flanquean a súa fachada, e a antiga estación de metro obra do arquitecto e urbanista austríaco Otto Wagner. Este arquitecto é un dos mellores representantes do estilo Secesión, é dicir o Modernismo propio de Austria que noutros países recibiu diferentes nomes como Art Nouveau ou Liberty.

Igrexa de San Carlos Borromeo na Karlsplatz

Obra de Otto Wagner na Karlsplatz

Konzerthaus nun lateral da Karlsplatz

Se hai dúas semanas eu admiraba a abundancia de librarías que abrían as súas portas nas cidades do sur de Francia, aquí, en Viena, son as numerosas tendas de decoración e galerías de arte as que me deixan sorprendido.

Por outra banda, os melómanos vanse beneficiar dunha ampla oferta de lugares relacionados con compositores de música clásica como son Beethoven, Haydn, Mozart, Schubert e Johann Strauss. Todos eles pasaron por aquí e pódense visitar espazos relacionados coa súa vida e a súa obra. E para escoitalos…, unha gran parte de igrexas e palacios de Viena ofrecen normalmente concertos (de pagamento) á última hora da tarde.

Igrexa de Santa María

Reloxo musical

Escenas de rúa en Viena

Minoritenkirche, preto do complexo do Hofburg

Remato o meu paseo por Viena e sigo camiño cara ás cidades polacas de Varsovia e Gdańsk. Quero deixar constancia de novo de que marcho de Viena moi satisfeito despois de pasar unhas xornadas agradables durante as que non paro de ver cousas interesantes. Viena é unha visita totalmente recomendable sempre que o viaxeiro busque coñecer unha das cidades claves da historia europea na que o luxo e a sofisticación da corte acadaron cotas extremas.

2 comentarios en “Xornada e media en Viena

  1. Gracias Xan por facernos revivir a impresionante viaxe a Viena. Siguenos ilustrando coas tuas viaxes qie me parecen sempre maravillosas e envidiables.
    Biquiños

    Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

w

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.