Gdańsk e Sopot – As cidades polacas volven a refulxir III

Leito vello do río Motława no que destaca o edificio de “A Grúa”

Hai xa uns anos estiven en Gdańsk e nesta nova visita corroboro que a miña primeira impresión era válida: Gdańsk é a cidade con máis encanto de Polonia. Polo menos para min. Ten unha personalidade mellor definida que a sobrevalorada Cracovia e máis atractiva cá de Wroclaw ou Poznan.

A sexta urbe polaca por poboación forma conxuntamente coas cidades de Gydnia e Sopot a coñecida como Tricidade (Trójmiasto). As tres forman unha única área urbana cun millón de habitantes na que Gdańsk é a principal e a máis antiga, e a única que ofrece un importante patrimonio monumental no seu centro histórico. Sopot é a cidade balnearia asomada ao Mar Báltico cun aire elegante grazas a ser o lugar de residencia e descanso do Káiser Guillermo II a comezos do século XX, cando Gdańsk era coñecida polo seu nome alemán de Dánzig e pertencía a Prusia. Gydnia é sobre todo un porto con servizo de ferri a Suecia e parada para moitos dos cruceiros que percorren a costa báltica. Unha cidade agradable e con boa calidade de vida pero sen atractivos turísticos.

Centro de Gdańsk

As tres conservan o seu propio núcleo urbano pero os seus límites comezan a confundirse e a mesturarse uns cos outros. E para moverse entre elas hai un tren que fai as funcións de metro urbano e que opera sen interrupción día e noite con frecuencias de tan só sete ou oito minutos en hora punta. A tarifa é moi barata, de aproximadamente un euro, e permite trasladarse dun xeito rápido e cómodo entre os tres lugares.

Chego de Varsovia no tren rápido EIP (Express InterCity Premium). Un tren de fabricación italiana que comezou a funcionar nesta liña no ano 2014, o “Pendolino” que percorre os 284 km que separan ambas cidades en dúas horas e corenta e cinco minutos.

Veño a Gdańsk por temas de traballo e aquí vou pasar dúas noites e dous días completos. A primeira xornada está totalmente ocupada por razóns profesionais, dende a chegada do tren ata altas horas da noite. O aloxamento é nun hotel de catro estrelas cómodo e de nova construción, o Focus Hotel Premium Gdańsk (a non confundir con outro da mesma cadea no centro), situado a carón do Centro Comercial Galeria Baltycka e a un minuto a pé da estación Gdańsk Wrzeszcz, a terceira unha vez pasada a Estación Central de Gdańsk en dirección a Sopot. O hotel é moi recomendable e ben situado se a intención é coñecer a Tricidade, pero incómodo no caso de querer pasear polo centro de Gdańsk ou buscar algo de vida nocturna nos arredores.

http://www.focushotels.pl/gdanskpremium,105.html?lang=en

Máis aló do traballo, vou gozar doutra xornada completa na que poder descubrir de novo Gdańsk e Sopot aderezada cun tempo excepcional e temperaturas que acadan os 25º centígrados. Malia ter visitado Gdańsk e Sopot nunha ocasión anterior, non hai moitos anos, paseo por un sitio case novo para min. Son moitas as melloras realizadas nestes últimos tempos e moitas as obras en marcha: na estación de tren, no leito vello do río Motława, onde están en marcha uns edificios sorprendentes pola súa mestura entre o estilo vernáculo e o rabiosamente moderno, ou nese novo espazo chamado Forum Gdańsk, un complexo de rúas, prazas e edificios que darán forma a un novidoso centro comercial e de entretemento.

Estación de tren de Gdańsk

Obras do novo Forum Gdańsk

As fachadas fluviais da cidade e os seus eixos principais, como as turísticas e peonís rúas Długa e Długi Targ, xa locen perfectas, como en calquera outra cidade hanseática ou xermana. Hai que camiñar polas rúas interiores e secundarias se é que se quere entender como era o Gdańsk anterior á entrada de Polonia na Unión Europea.

Dende a estación de tren diríxome ao próximo e novo Centro de Solidariedade Europea (ECS-Europejskie Centrum) situado a carón dunha das portas de entrada dos antigos estaleiros Lenin. Aquí naceu o movemento Solidarność, un sindicato non gobernamental formado no ano 1980 que chegou aglutinar nos seus mellores momentos ata dez millóns de sindicados, tanto da dereita como da esquerda polaca. O activismo de Solidarność rematou coa caída do Comunismo no ano 1989 e a súa reconversión nun partido político que chegou a gobernar o país co seu líder Lech Walęsa á súa fronte.

Hoxe en día, aqueles estaleiros que ocuparon o quinto lugar por importancia a nivel mundial teñen moi ameazada a súa supervivencia e dos vinte mil traballadores do ano 1980 quedan menos de tres mil.

Ao pasar pola antiga porta de entrada aos estaleiros rotulada como Stocznia Gdańsk (Estaleiros de Gdańsk) aínda se poden ver (entendo que unha réplica) os paneis coas reclamación que fixo Solidarność para mellorar a vida dos traballadores. Unha vez pasada a porta, atopo un grande edificio de aceiro corten que co seu aspecto oxidado quere facer lembrar os barcos que aquí eran e son construídos. O edificio é un complexo con auditorio e outras dependencias, ademais dun museo multimedia que axuda a repasar o pasado recente de Polonia e o proceso polo que Solidarność provocou a caída do Comunismo. Pago unha entrada reducida de dez złoty, uns dous euros e medio ao cambio, por teren unha das salas pechadas.

Porta aos antigos Estaleiros Lenin

Panel coas reclamacións do sindicato Solidariedade

Edificio do Centro de Solidariedade Europea (ECS-Europejskie Centrum)

Interior do edificio

A carón desa mesma porta Stocznia Gdańsk poden verse tres cruces moi altas de ferro que renden homenaxe aos corenta e dous obreiros asasinados polo Estado polaco. A masacre aconteceu durante as revoltas que aquí tiveron lugar no ano 1970 por mor do incremento desmedido de prezos fixado polo Goberno sobre algúns dos produtos básicos da cesta da compra.

Monumento aos obreiros caídos nos estaleiros

Se seguísemos (eu non o fago) o río cara á súa desembocadura chegaríamos en pouco tempo a Westerplatie, a península onde comezou a II Guerra Mundial cando o un de setembro do ano 1939 os nazis atacaron os cuarteis polacos aquí situados. No alto dun outeiro amañado hai un monólito de pedra que recorda a resistencia dos polacos. Westerplatie non adoita aparecer nos folletos de promoción turística pero non deixa de ser un lugar emblemático do que supuxo un dos grandes enfrontamentos da humanidade a escala mundial.

Saio do museo e continúo co meu paseo pola rúa Lagiewniki, paso por diante das igrexas de Santiago e de San Bartolomeu e chego a outras dúas igrexas aínda máis impresionantes, as de św. Brygidy e św. Katarzyny (Santa Catarina). No outro lado da rúa, fronte á fachada principal de Santa Catarina, está o edificio do Gran Muiño cun característico tellado a dúas augas no que se abren ata trinta e tres xanelas. Foi levantado á beira dunha canle por encargo da Orde Teutónica no ano 1350. Seguindo polo canal e a escasa distancia encontramos o edificio da antiga Casa do Concello.

Igrexas de św. Brygidy e św. Katarzyny (Santa Catarina)

Estado das igrexas ao remate da II Guerra Mundial

Canle e Igrexa de Santa Catarina ao fondo

Igrexa de Santa Catarina feita dende O Gran Muíño

O Gran Muíño

Antiga Casa do Concello e canal

Mercado de Gdańsk “Hala Targowa”

Pero a zona de maior interese para o visitante é a limitada polo leito vello do río Motława e polas avenidas Podwale Staromiejskie, ao norte, e Podwale Przedmiejskie, ao sur. No interior desa améndoa hai moitas rúas que invitan a perderse e nas que destacan numerosos edificios. Gdańsk é un deses sitios que dende o primeiro momento faise tan agradable que un podería decidir vivir aí sen ningún problema. A cidade está destinada a converterse nun gran atractivo turístico que visitar antes de que os grandes fluxos de viaxeiros cheguen ata aquí.

Para os que busquen a estampa máis típica e fotografada de Gdańsk, esta é, sen dúbida, a fachada que dá ao río, así como a rúa Stagiewna que cruza a illa arrodeada polos leitos novo e vello do río. Neste intre hai instalada unha gran nora na rúa Stagiewna que permite ve-la cidade dende o alto.

Edificio da Filarmonía de Gdańsk

Edificios do Museo Nacional Marítimo e barco visitable “Soldek”

Imaxes das fachadas fluviais do leito vello do río Motława

Tres fotografías da rúa Stagiewna

Na fachada fluvial destaca o edificio coñecido como “A Grúa”, o símbolo da cidade, flanqueado por dúas torres circulares de ladrillo. Construído na primeira metade do século S. XV foi a grúa portuaria máis grande de Europa ata o século XVIII. Podía elevar ata catro toneladas de peso a unha altura de once metros. Parcialmente destruído durante a II Guerra Mundial, foi recuperado entre os anos 1955 e 1962 para converterse nunha das poucas reliquias medievais de tecnoloxía portuaria en Europa. Aínda conserva dúas grúas de madeira. O edificio forma parta do novo Centro da Cultura Marítima.

Edificio de “A Grúa” á esquerda da foto

O paseo pola rúa Długa (Rúa Longa) e pola súa prolongación Długi Targ (tamén chamadas Paseo Real por seren lugar de paso da maioría de monarcas polacos ao longo da historia) permite contemplar algún edificios  preciosos pertencentes aos gobernantes e ricos comerciantes da cidade. Entre eles destaca a Casa do Concello pola súa impresionante altura e perfilada silueta. O edificio admite visitas e o martes son gratuítas.

Oficina de Turismo ao comezo da rúa Długa

A Porta Dourada que serve de entrada á rúa Długa

Rúa Długa rematada pola Casa do Concello

Tres imaxes da Casa do Concello que marca a separacíón entre a rúa Długa e a súa prolongación Długi Targ

Imaxes da rúa Długi Targ e a “Porta Verde” que dá ao río ao fondo

“Porta Verde” vista dende o río

Outra visita ineludible é á Basílica Catedral de Santa María (Bazylika Mariacka) que ten a sona de ser a igrexa de ladrillo máis grande do mundo. O edificio impresiona máis por fóra que por dentro cos seus 105 metros de longo e unha torre de case 78 metros de altura que tamén o converte no edificio máis alto da cidade. O interior ten pouca graza pero alberga un bonito reloxo astronómico de figuras que se pon en marcha ás doce do mediodía. Tamén é posible subir á torre pagando unha entrada extra de oito złoty. Malia os 405 chanzos que fan da subida unha actividade esgotadora, é unha boa oportunidade para coñecer o interior dos tellados e a parte superior das bóvedas non visibles dende o interior do templo. De feito é máis interesante a subida de seu que as vistas limitadas polo reducido tamaño do miradoiro e algúns obstáculos que impiden unha panorámica completa. Ao saír da basílica hai que seguir por outra das interesantes rúas da cidade, Ulica Mariacka, que vai cara ao río.

Vistas dende o alto da Basílica de Santa María

Rúa Mariacka dende o río

Á hora do xantar é un auténtico pracer ocupar unha das terrazas mirando ao río e gozar dun día soleado coma hoxe. Pero atención, os prezos dos restaurantes desta zona da cidade son bastante superiores ao da media polaca.

Para os que atesouran recordos alí por onde pasan, non hai que esquecer que Gdańsk é coñecida como a “Capital Mundial do Ámbar”, esa resina vexetal e fosilizada coa que se deseñan xoias e obxectos de decoración tan típicos de países como Rusia, Lituania ou Polonia. En efecto, o 80% da produción mundial ten lugar nas costas do Mar Báltico. Aínda que Gdańsk leva a fama, o principal produtor é o enclave ruso de Kaliningrado, fronteirizo con Polonia, cun 90% das reservas mundiais de ámbar. Moitas das pezas que se venden nas numerosas tendas de Gdańsk están feitas con ámbar de Kaliningrado; seica os deseñadores polacos amosan maior destreza que os seus colegas rusos. Ao comezo da rúa Długa, no extremo oposto ao río, está o Museo do Ámbar, na antiga cárcere da cidade.

Museo do Ámbar en primeiro plano e “Porta Dourada” ao fondo

Saio de Gdańsk con coñecemento de que deixo museos, como o Nacional, o Marítimo ou o Arqueolóxico, monumentos e, sobre todo, moitas igrexas para unha próxima visita.

Ás cinco da tarde collo un dos numerosos trens cara a Sopot. Son nove paradas pero van rápidas como se estivese no metro de calquera gran cidade. Esta é tamén a miña segunda visita a  Sopot e sempre en tempada baixa. Coido que o seu aspecto debe mudar moito nos meses de verán xa que estou na parte preferida polos polacos para as vacacións no seu país.

Sopot é un destino residencial de baixa densidade construtiva cunha poboación fixa duns 40.000 habitantes. Durante o paseo encontro moitos edificios do XIX e comezos do século XX. Tamén aloxamentos coquetos e algunhas grandes cadeas hoteleiras de luxo.

Ao saír da nova e moderna estación do tren hai que coller á esquerda por unha rúa peonil ata a rotonda onde comeza a principal vía de Sopot, a rúa Monte Casssino, o eixo comercial e de paseo que remata nunha grande explanada entre dúas praias e á beira do mar. Nun dos laterais da explanada hai un bonito faro de estilo “Belle Epoque”(Latarnia Morska) rematado no ano 1904. Por unha entrada de cinco złoty, pouco máis dun euro ao cambio, pódense subir os vinte e cinco metros que hai ata a súa parte superior dende onde ver o bonito panorama da baía.

Estación do tren e rúa peonil cara ao centro de Sopot

Rotonda de acceso ao rúa Monte Cassino

Rúa Monte Cassino

Orixinal escultura nunha rúa perpendicular á Monte Cassino

Edificio moi extravagante na Rúa Monte Cassino

Explanada e faro ao final da rúa Monte Cassino

Monte Cassino ten a súa prolongación no Molo, un peirao de madeira promocionado coma o máis longo de Europa cos seus 515,5 metros de penetración na baía. O peirao funciona como paseo e lugar para toma-lo sol. Na miña anterior visita había un control de entrada e cobraban unha pequena cantidade para poder acceder a el. Pero nesta ocasión o control de paso está baleiro, posiblemente por ser tempada baixa e non esperar tantos días seguidos con bo tempo. Nestes últimos anos construíron un porto deportivo ao final do peirao que fixo perder bastante carácter ao conxunto.

Peirao de madeira “Molo”

A ambos os dous lados do peirao ábrense areais anchos e longos de area fina e cor terra. No medio da praia hai unha cafetería con bastante bo estilo onde tomar unha copa mirando ao mar.

Praia de Sopot dende o “Molo”

Tendo en conta que nin españois nin galegos veñen a Polonia buscando sol e praia, Sopot é pouco máis que un bonito lugar para dar un paseo, sentarse nas súas terrazas e gozar co elegante ambiente do lugar.

Paseando por Sopot

Ás oito da tarde collo de novo o tren que me leva ao meu aloxamento preto de Gdańsk.

Os que estean a preparar unha viaxe por Polonia deben botar unha ollada aos seguintes links: Cidades polacas , Wroclaw e Poznan ou Zakopane

 

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.