De Regensburg e Walhalla

O nome de cidades e lugares poden mudar moito da súa lingua orixinal con respecto a como as denominamos en castelán ou galego. Isto é o que acontece na seguinte cidade en ser visitada neste itinerario que, por motivos profesionais, me leva de Austria a Alemaña pasando por Polonia. Os viaxeiros que veñan procurando a cidade de Ratisbona poden pasar de longo se descoñecen que as indicacións de sinais e letreiros farán referencia a Regensburg, xa que este é o topónimo xermano, e polo tanto o válido, do que nós coñecemos como Ratisbona.

E sería unha perda moi grande tendo en conta que Regensburg é unha das cidades máis bonitas e mellor conservadas de Alemaña. O seu centro histórico, a diferenza de moitas outras cidades alemás, conserva moito de orixinal. Regensburg, que nunca foi unha cidade industrial, librouse en gran parte, e por esta razón, dos bombardeos durante a II Guerra Mundial. Ao remate da guerra, a cidade presentaba un aspecto depauperado e moitos dos seus edificios mantíñanse en moi malas condicións, pero “alguén” decidiu que non había que substituílos por outros novos senón esperar a que chegaran as condicións económicas axeitadas para poder recuperalos. E iso aconteceu na década dos anos 60 cando comezou unha rehabilitación que a día de hoxe fai de Regensburg unha auténtica xoia declarada Patrimonio Mundial da Humanidade pola Unesco no ano 2006.

Nova terminal en Gdańsk

Chego en voo directo con Lufthansa dende Gdańsk, na costa báltica polaca, ao aeroporto de Múnic. Unha vez na terminal non é preciso seguir ata o centro da cidade xa que un sistema combinado de transporte en autobús e en tren permite chegar a Regensburg. O primeiro traxecto, dende o aeroporto á vila de Freising, faise no bus número 635 e o billete pode ser comprado directamente ao condutor. Para os dos trens que pasan con frecuencia por Freising con destino a Regensburg, poden ser emitidos nas máquinas expendedoras dos ferrocarrís alemáns da terminal aérea. Aínda que o máis cómodo é comprar os dous billetes directamente nos mostradores dos ferrocarrís alemáns DB na mesma terminal, malia que están un pouco agochados e hai que preguntar por eles. A estación de autobús e a de tren de Freising quedan pegadiñas unha á outra. O tempo total da viaxe de  Múnic a Regensburg vén sendo dunha hora e media de viaxe. Xa de volta, mellor comprar o billete combinado nos mostradores de venda da estación de tren de Regensburg.

A cidade supera os 150.000 habitantes o que a coloca como cuarta máis poboada do Estado de Baviera por detrás da propia Múnic, Núremberg e Augsburgo. A súa importancia derívase de funcionar como un centro político durante o Sacro Imperio Romano Xermánico. Tamén por ser a sé do Bispado e, máis recentemente, unha Universidade de nova creación que hoxe en día conta con máis de 30.000 estudantes. Polo que, malia ser unha cidade relativamente pequena, o ambiente é bastante animado e xuvenil.

A verdadeira orixe de Regensburg é romana e aínda se poden ver algúns elementos desta época como os restos da Porta Praetoria na rúa Unter Den Schwibbögen. Ademais, foi a sede permanente da “Dieta Imperial” (Reichstag) dende finais do século XVI ata comezos do XIX, unha especie de asemblea dos estados imperiais na que se tomaban decisións conxuntas.

Escultura de D. Juan de Austria, nado en Regensburg

Pero Regensburg é tamén Danubio (Donau en alemán), un dos principais ríos de Europa que vén percorrendo o sur de Alemaña para ir gañando presenza a medida que vai deixando atrás as cidades de Viena, Bratislava, Budapest e Belgrado, durante o seu percorrido de 2.850 quilómetros ata á súa desembocadura en forma de delta nas augas do Mar Negro. A cidade está na latitude máis setentrional do Danubio onde conflúe cos ríos Naab e Regen. Formando parte da cidade e fronte ao seu centro histórico hai dúas illas e unha delas está ocupada parcialmente polo barrio, tamén histórico, de Stadtamhof.

Río Danubio ao seu paso por Regensburg

Regensburg merece ben unha xornada enteira para poder perderse polas numerosas rúas e prazas do seu centro histórico. Xornada que habería que ir incrementado no caso de querer facer unha ou varias das excursións programadas polo río Danubio, sempre dependendo da oferta desa época do ano.

Entre todos os lugares a visitar hai tres que destacan por enriba dos demais. O primeiro é a Steinerne Brücke, a ponte medieval de pedra sobre o río que comunica o centro con dúas illas, a de Jahninsel e unha segunda illa na que se encontra o barrio de Stadtamhof. Seica din que esta ponte serviu de inspiración para a tamén famosa Ponte de Carlos en Praga. A verdade é que facendo a comparación, o conxunto formado pola ponte e a torre nun dos seus laterais en Regensburg asemella moito á súa irmá de Praga. A Ponte Steinerne está sendo reformada e os pequenos muros protectores da calzada locen excesivamente novos con respecto ás outras pedras orixinais.

A Ponte Steinerne en Regensburg

A Ponte Carlos en Praga (cortesía de imaxes Google)

Cruza-la ponte permite obter as mellores vistas do harmónico conxunto urbano sobre o que sobresaen as torres da catedral. En días de calor extremo como o da miña visita, no que acadamos 28 graos bastante pegañentos pola humidade do río, é moita a xente, sobre todo novos, que aproveitan as marxes das illas do río como praias fluviais e como espazo de lecer. Tamén hai xente de todas as idades que se achega atraída pola oferta das tabernas típicas (biergarten) e, sobre todo, polas súas terrazas ao aire libre tan aconsellables para días de bo tempo coma estes.

Fotos da ponte na parte do centro da cidade coas torres da catedral

A ponte sobre a segunda illa que dá acceso ao barrio de Stadtamhof

Beiras do Danubio

Biergarten na illa de Jahninsel

Barrio de Stadtamhof

Ademais, o sábado 21 de abril coincide co Día da Cervexa que se celebra tanto en primavera como en outono por toda Baviera. A festa e unha climatoloxía excesivamente bondadosa fan de Regensburg unha cidade ateigada tanto pola poboación local como polos numerosos visitantes. Todo o mundo está na rúa a troulear e é moi difícil atopar lugar nalgún dos biergarten ou nas terrazas de toda a cidade. Todo tan civilizado e de tal xeito que ás dez da noite (dun sábado de festa!) a música e os postos ambulantes de comida e bebida xa están desmontados. Dende logo, os alemáns saben face-la festa e desfrutala profundamente pero unha vez as autoridades marcan os límites ninguén parece disposto a traspasalos.

Día da Cervexa

Catedral de San Pedro

A segunda visita inevitable é á catedral gótica consagrada a San Pedro (Dom St. Peter). O máis impresionante son esas torres de 105 metros de altura visibles dende case todas partes. Por fóra, a fachada principal fai lembrar moitísimo á Catedral de Burgos. As dúas catedrais teñen esa cor irreal da pedra excesivamente aseada froito das limpaduras ás que foron sometidas recentemente. O que non sei é se antes de limpar xa eran tan evidentes as diferentes calidades e tonalidades de pedras usadas na súa construción como o son agora.

A terceira visita é a que demora máis tempo: o Castelo (Schloss) dos Thurn und Taxis. A Casa Principesca “Della Torre e Tasso” chegou de Bérgamo (Italia) para asentarse en Alemaña, onde mudaría o seu nome ao alemán por Thurn und Taxis. O Emperador Leopoldo I concedeulles o privilexio de usar o título de príncipes a finais do século XVII. Co tempo pasarían a ser unha familia moi adiñeirada o que lles permitiu emparentar con moitas das grandes casas e coa realeza europea.

A razón deste poder vén dun servizo postal creado en Italia a finais do século XV que logo foi exportado a Alemaña. A partir dese momento controlaron en monopolio o servizo postal do Sacro Imperio Romano Xermánico e de toda Europa central ata que foi nacionalizado 350 anos máis tarde.

O castelo, eu diría o palacio, é o máis grande habitado de Alemaña con cincocentos cuartos, 14 escaleiras, 700 fiestras e 14.000 m² de parqué colocado nos seus chans. A herdeira recibe o título de Princesa Thurn und Taxi e aínda habita este palacio construído a comezos do século XIX sobre o solar do antigo mosteiro bieito de Santo Emerano (Emmeran).

Para realizar a visita hai varias opcións. A primeira é libre e gratuíta ao patio de acceso e ao xardín traseiro dende onde se pode ver a fachada principal do edificio. Outra posibilidade é apuntarse a unha das visitas organizadas. Os tours de pagamento son de dous tipos: o Compact Tour, cunha duración dunha hora e un prezo de 10 €, e o Premium Tour, de hora e media e entrada de 13,50 €. As visitas son ás horas marcadas, sempre guiadas e para un mínimo de cinco persoas, razón pola que en época de baixa demanda non se sabe se vai saír ou non ata unha chisca antes da hora fixada. Fanse unicamente en alemán pero o prezo da entrada inclúe auto-guías con opción en castelán. Por outra banda, a guía ofrécese a contar en inglés aquelas explicacións que non están incluídas na auto-guía.

www.thurnundtaxis.de

Fachada principal do palacio dende o xardín posterior

O percorrido comeza na escaleira de acceso de mármore e pasa polo impresionante Salón de Baile, polo Cuarto do Trono, pola Capela e por outros salóns decorados nun estilo rococó esaxerado. Ademais, poden verse algunhas das atrevidas obras de arte moderna compradas pola actual Princesa Gloria Von Thurn und Taxis, unha muller extravagante de 58 anos que pareceu relaxar neste últimos anos. É unha mágoa, pero non permiten facer fotografías durante a visita debido a todos os obxectos de valor expostos nas diferentes estancias. Os que teñan interese nesta familia e no seu gusto decorativo, e ademais dispoñan dos 79 € que custa a edición en inglés ou dos 59 € da edición alemá, non deben perderse o libro fantasticamente editado sobre os interiores do palacio que se vende na tenda do palacio.

A visita tamén inclúe o claustro do antigo mosteiro de Santo Emerano, de estilo románico-gótico e anunciado coma un dos máis fermosos do seu tipo en Alemaña. O claustro non impresiona moito a primeiras pero a súa visita permite entrar na capela e cripta que se levantou no seu patio interior por orde do Príncipe Maximiliano. Aquí están os sartegos e cadaleitos da familia que poden ser vistos dende unha reixa metálica no chan da capela.

Ademais de visitas ao palacio, poden facerse, e durante todo o día, ao Tesouro Principesco e ao Museo das Carruaxes por un prezo de catro euros e medio. Outra visita moi interesante é á Basílica de Santo Emerano, o bispo e mártir de Regensburg, que se encontra na entrada do recinto do palacio. O templo é de estilos completamente diferentes como consecuencia das súas destrucións parciais e posteriores reconstrucións. Paga a pena e é gratis!

Rico interior da Basílica de Santo Emerano

Basílica de Santo Emerano

Despois de patear unha e outra vez a parte vella de Regensburg hai que ir pensando en dar unha volta polo Danubio. A carón da ponte medieval hai varias empresas que ofrecen diferentes servizos en barco. Ademais de cruceiros temáticos hai paseos para ver a fachada monumental da cidade, excursións a esa rareza que é o Walhalla (considerado por moitos como o principal monumento alemán do século XIX) ou, en dirección contraria e remontando o río, ata o mosteiro bieito de Weltemburg preto da vila de Kelheim. É labor do viaxeiro contrastar prezos para ver a oferta máis interesante, pero tendo en conta que os barcos non están operativos en inverno e que as opcións vanse incrementando a medida que se achega a tempada alta.

Tento ir ao mosteiro de Weltemburg motivado por unha foto moi suxestiva que vexo nun folleto de cruceiros. O edificio aparece nun meandro do río tan exposto á corrente que asemella que poida ser arrastrado en calquera momento. Pero os cruceiros a este destino aínda non comezaron (do 02/06 ao 08/09) e a única opción é viaxar por terra ata Kelheim para, dende alí, coller un barco de ida e volta ata a abadía. Paréceme un pouco complicado combinar todos os horarios e decido deixalo para unha mellor ocasión.

Opto pola excursión ao Walhalla, un edificio marabilloso e nun emprazamento teatral do que, debo recoñecer, non tiña idea ningunha da súa existencia. Nesta época do ano os cruceiros funcionan tan só en fin de semana, con tres viaxes de ida e tres de volta cada día e unha duración de corenta e cinco minutos en cada sentido. A última saída de Regensburg non dá tempo a desembarcar e tan só permite ve-lo Walhalla dende o río. A mellor combinación para que os que teñan interese en visitar a contorna e o interior do edificio é tomar o barco das once da mañá para dúas horas despois da chegada, ás dúas menos cuarto, regresar a Regensburg. O prezo é de 13,80 euros para a viaxe completa.

Vou a bordo do barco Kristallkönigin, da compañía Donauschifffahrt, que presume de que toda a súa decoración é feita con cristal de Swarovski. É un día moi agradable e a maior parte da pasaxe viaxamos na cuberta. Hai posibilidade de pedir bebidas e algo de comer que se aboa á parte do prezo do billete.

www.donauschifffahrt.eu/kristallkoenigin/?lang=en (en inglés)

https://schifffahrtklinger.de/ (só en alemán)

  • Ver outras compañías.

Barco Kristallkönigin

Paseo polo río

Chegando ao Walhalla

Dende o embarcadoiro, a subida pola aba do outeiro no que se levanta o Walhalla pode ser unha chisca fatigosa para os que acostuman a moverse en coche. Pero as vistas dende o alto e a visita ao interior do memorial pagan moito a pena.  Nun dos lateraias do edificio hai un cafetería sobre rodas onde apaga-la sede. A entrada ao memorial custa catro euros.

www.schloesser.bayern.de/englisch/palace/objects/walhalla.htm

O Walhalla é un edificio de estilo neoclásico que fai lembrar aos templos greco-romanos, de feito a súa inspiración é o Parthenon de Atenas. Foi mandado construír polo Rei Luís I (Ludwig I), o avó de Ludwig II de Baviera (coñecido polo alcume de Rei Tolo), como un lugar para honrar e lembrar aqueles persoeiros xermano falantes que puidesen servir de referencia para o resto da nación.

O edificio levantouse entre os anos 1825 e 1848, parece ser que como resposta á derrota humillante fronte ao exército Napoleónico. A intención era subir os ánimos nacionais e por esa razón tamén se escolleu o nome de Walhalla, moi semellante á denominación que a mitoloxía xermánica outorga ao paraíso dos guerreiros (Valhalla).

O interior non segue as regras da arquitectura greco-romana e limítase a unha exposición de bustos e placas conmemorativas relacionadas con artistas, científicos e gobernantes considerados como exemplares por Luís I. A partir do ano 1962 decidiuse engadir novos bustos de mármore á colección dos 96 orixinais. A escolma faina a Academia Bávara de Ciencias con intervalos de cinco a sete anos. Pode chamar a atención a presenza de figuras como a de Copérnico, ou Catarina A Grande asociadas a Polonia e Rusia pero que realmente naceron en territorio prusiano e eran de fala xermana.

Interior do Walhalla

Rematando este post, Regensburg ou Ratisbona é un destino a ter en conta nunha viaxe por Alemaña, sen esquecer algunhas das propostas polo río Danubio.

Percorrido por Regensburg:

Casa do Concello en Rathausplatz

Diversas imaxes do centro histórico de Regensburg

Dúas fotos en Neupfarrplatz

Bismarckplatz

Portas de Santiago no Camiño a Santiago de Compostela

Kunstforum no Parque da Cidade

Dúas perspectivas de Haidplatz

 

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.