Brasil Nordestino-Olinda, Recife e Fortaleza

Olinda

Camiño da Praia de Canoa Quebrada

Como noutras ocasións, teño que comezar este post facendo unha aclaración sobre as diferentes viaxes que realizo ao longo do ano. Algunhas son de lecer e, polo tanto, son itinerarios moi pensados para poder ver todos aqueles lugares de cada país que son do meu interese. Outras son viaxes por razóns profesionais nas que aproveito o tempo libre para coñecer os lugares visitados. A esas viaxes tamén podo engadir días suplementarios e pola miña conta, ben para ter tempo dabondo na cidade visitada ou ben para poder achegarme a algún destino próximo.

Con todo este relato quero aclarar aos lectores deste blog que nalgunhas ocasións, como a presente, non deben tomar os percorridos realizados por min coma unha ruta a copiar (ou si). Cada un decidirá en que medida paga a pena o lugar para incorporalo ou non ao seu itinerario.

Hoxe, día quince de maio é o meu aniversario e principio dúas semanas de viaxe profesional que me levará por dúas cidades do nordés tropical, Recife e Fortaleza, e por outras dúas do “frío” (e máis branco) sur, Curitiba e Porto Alegre.

O desprazamento dende Santiago de Compostela a Recife resulta esgotador, un total de vinte e catro horas que inclúen catorce delas repartidas en tres voos diferentes, máis dez horas de espera entre os aeroportos de Santiago de Compostela, Madrid e São Paulo-Guarulhos. Dende hai uns poucos meses a compañía Air Europa ofrece varias conexións directas á semana entre Madrid e Recife, pero nin os días de operación nin as tarifas dispoñibles para esas datas son as axeitadas.

Durante o meu tránsito no aeroporto de São Paulo tento trocar euros a reais brasileiros pero, como xa vén sendo habitual na maioría dos aeroportos do mundo, o cambio non é favorable. Normalmente, os organismos que xestionan as terminais aéreas cargan con fortes canons aos negocios establecidos nelas, de tal xeito que estes, a súa vez, se aproveitan dos clientes cativos nas súas instalacións. Todas as oficinas de cambio do aeroporto de São Paulo son unha concesión a unha mesma empresa e a taxa de cambio é única.

Os tres reais con setenta por euro de São Paulo convértense en catro reais con dez ao chegar á terminal de Recife. Con tan só trocar cen euros gaño case once no caso de facelo en Recife. Algo bo que teñen as provincias!

O aeroporto de Recife fica próximo á cidade e aínda máis preto do barrio da Boa Viagem onde se atopa o meu hotel. En xeral, as cidades brasileiras seguen un mesmo modelo que tamén se repite en moitas outras urbes de América Latina. A ocupación do espazo urbano é moi extensiva provocada pola fuxida das clases media e alta cara ás urbanizacións e as áreas residenciais das aforas. Entrementres, os centros urbanos e os centros históricos esmorecen e amosan unha deterioración moi evidente e grandes problemas de seguridade cidadá. O centro é territorio case exclusivo das clases populares e os gobernos municipais non parecen preocuparse polo aspecto que poidan lucir. A oferta de lecer é cativa e moverse despois do solpor pode ser perigoso.

É por todas esas razóns que escollo Boa Viagem para a miña estadía; un barrio de pequenos rañaceos de nova xeración aliñados á beira dunha das praias con máis sona de todo Brasil. Digo praia famosa e non boa. As calidades de Boa Viagem deixan moito que desexar. É máis, non pasa de ser un barrio agradábel no que aloxarse unha vez en Recife pero non unha praia que deba estar na listaxe de lugares a visitar neste país.

Imaxes da praia da Boa Viagem

Algúns dos seus principais problemas son a contaminación (tan só hai que ver como vai o río que discorre en paralelo á Avenida Eng. Domingos Ferreira), a desaparición case total da area nalgún dos seus treitos, o espazo limitado con marea alta e, sobre todo, os habituais ataques das quenllas que provocan varios mortos cada ano. Ademais, os rañaceos foron construídos tan preto da beira do mar que nesta época do ano fan sombra sobre o areal dende primeiras horas da tarde. Por se fose pouco, os edificios de primeira liña, hoteis e vivendas residenciais, apenas ofrecen servizos de restauración ou lecer. Non, Boa Viagem non é o destino de praia que escoller no Brasil. O que si resulta apetecible é como lugar de paseo a carón do mar e como pista de running.

Perigos na Praia da Boa Viagem

A miña primeira tarde na cidade aproveito para durmir unha boa sesta reparadora, recuperar forzas e adaptarme ao novo horario. Xa de tardiña visito a Feirinha do Artesanato, un pequeno mercado de artesanías que se celebra na Pracinha de Boa Viagem, a carón da igrexa de Nossa Senhora da Boa Viagem.

OLINDA

Detalle nunha casa de Olinda

Teño a mañá do segundo día libre e dedícoa a visitar unha das vilas coloniais máis antiga e bonita do norte do Brasil. Olinda foi fundada no ano 1535 no alto dun outeiro doado de defender e preto dun pequeno porto natural formado por arrecifes. Pronto foi un dos lugares máis prósperos da colonia por mor da explotación da cana de azucre e do tráfico de escravos. No ano 1630 sufriu un ataque por parte dos holandeses que un ano e medio despois roubarían os materias nobres das edificacións da vila para rematar prendéndolle lume. Funcionou como capital do Estado de Pernambuco e dende 1676 coma un dos primeiros bispados do país.

Malia á súa volta a mans portuguesas pronto comezou a rivalidade coa cidade de Recife que foi gañando terreo ata converterse na nova capital de Pernambuco. Hoxe Olinda quedou fagocitada polo crecemento de Recife e pasou a ser un barrio da gran metrópole a menos de dez quilómetros do seu centro. Pero nun un barrio máis, Olinda foi declarada no ano 1982 pola Unesco como “Patrimonio Mundial da Humanidade”.

Diversas imaxes da zona colonial de Olinda

Eu paseando por Olinda

Dende Boa Viagem collo o autobús urbano número 910 que, despois de corenta e cinco minutos de viaxe, me deixa a un curto paseo do centro de Olinda. Os autobuses levan cobrador e non hai que preocuparse de comprar previamente o billete.

A visita a Olinda supón medio día, tempo dabondo para coñecer o pequeno núcleo monumental e os seus atractivos principais. A vila está bastante recuperada e ten unha actividade turística media na que comezan a facer acto de presenza coquetos restaurantes e hoteis con encanto, pero sen chegar aos niveis doutras vilas coloniais do Brasil coma son Ouro Preto ou Parati.

Acompañado de Paco e Mari, dous amigos galego-brasileiros, diríxome dende a Oficina de Turismo (agochada ao fondo dun edificio na Praça do Carmo) ao Convento de São Francisco, o que foi o primeiro templo franciscano do Brasil. Aínda que dunha primeira ollada parece pechado, o templo está aberto ás visitas por unha entrada de tan só dous reais, medio euro aproximadamente. Unha vez no interior, un guía afeccionado ofrécese a dar explicacións sobre o edificio e a historia do lugar a cambio da propina que o visitante considere. Malia falar cun acento moi pechado e non vocalizar ben, conseguimos entender algunhas cousas interesantes. Así cóntanos da existencia de pasaxes soterradas (agora cegas) que comunicaban as sete igrexas de Olinda para facilitar a escapada en caso de ataque. No interior do convento visitamos a igrexa de Nossa Senhora das Neves e outras capelas. Saímos contentos coma resultado dunha visita interesante.

Con Mari e Paco no Convento de São Francisco

Dende San Francisco subimos cara ao Alto da Sé onde entramos a coñecer a Catedral da Arquidiocese de Olinda e Recife (gratuíta), tamén coñecida como a igrexa do Salvador do Mundo. Nunha das paredes do interior do templo hai fotografías das catro catedrais que ocuparon este mesmo emprazamento, cada unha diferente á anterior. Curiosamente, o templo actual, que foi restaurado no ano 1976, é o máis sinxelo de todos eles.

No Alto da Sé  hai tamén un mercado de souvenirs e un miradoiro con bonitas vistas de Olinda  e os rañaceos de Recife como pano de fondo. Fronte á Catedral está o edificio da Caixa d´Água, mostra da arquitectura moderna brasileira de comezos do século XX agora reconvertida nun miradoiro panorámico. Unha chisca máis adiante está o Museu de Arte Sacra do Estado de Pernambuco.

Catedral de Olinda

Imaxes dos edificios anteriores no interior da Catedral de Olinda

Algúns barrios de Olinda cos rañaceos de Recife ao fondo

Imaxe da parte vella de Olinda dende o Alto da Sé

Museu do Mamulendo

A ruta segue polas igrexas da Conceição, da Misericórdia e do Amparo. Camiñamos pola pintoresca Rua do Amparo para chegar ao centro da vila onde se atopa o Museo de Arte Contemporánea e o Museu do Mamulengo (monicreques), o primeiro dos museos do país dedicado ao moneco popular con 1.500 pezas de diferentes partes do mundo.

Dende o Palacio dos Gobernadores, na Praça Monsehor Fabrício, achegámonos ao Mosteiro de São Bento e a igrexa de São Pedro para logo baixar atravesando un parque ata a igrexa do Carmo, levantada no alto dun outeiro. A igrexa do Carmo foi a primeira da orde carmelita no Brasil.

Igrexa de San Xoán

Igrexa e rúa do Amparo

Mosteiro de San Bieito

Igrexa de San Pedro

Igrexa do Carmo. Ver o letreiro no carriño. O alcume de “galego” no Brasil é para loiros ou medio loiros de pel máis branca e ollos clariños, sexa cal sexa a súa orixe.

Despois de tres horas, Olinda non dá para moito máis a non ser mercar algún souvenir nordestino ou xantar nalgún restaurante típico. A maioría das igrexas e dos mosteiros teñen as súas portas pechadas, o Mercado Eufrásio Barbosa está sendo reformado e os barrios e praias da beira mar non son lugares seguros para os visitantes.

Saímos de Olinda coa sensación de ter feita unha viaxe a aqueles tempos nos que os nosos veciños portugueses dominaban esta parte do mundo.

RECIFE

Recife é unha cidade inmensa, o centro da área metropolitana máis rica do norte e nordés do Brasil. A municipalidade de Recife é a novena do país por poboación, que pasa ao sétimo lugar se temos en conta a súa rexión metropolitana. Ademais é a terceira mais densamente habitada despois de São Paulo e do Rio de Janeiro.

Pero os seus atractivos concéntranse nunha zona moi reducida formada por unha pequena illa, entre o río Beberibe e a fronte litoral, e os barrios adxacentes. A illa está ocupada polo chamado Bairro de Recife tamén coñecido coma Recife Velho. O seu centro neurálxico é a Praça do Marco Zero, unha explanada cunha moderna Rosa dos Ventos no seu pavimento e cun xigante e colorista letreiro co nome da cidade xa convertido nunha referencia para as fotografias-souvenir.

Marco Zero cos edificios do Centro de Artesanato á dereita e os Armazéns do Porto á esquerda

Imaxes da Praza do Marco Zero

Á explanada asómanse algúns dos edificios antigos máis notables da cidade. Aquí tamén abren as súas portas o Centro de Artesanato do Estado de Pernambuco, cunha ampla selección de artesanías á venda dos estados do nordés brasileiro, e os Armazéns do Porto, antigos edificios portuarios reconvertidos en zona de lecer e de restauración. A carón do Centro de Artesanato está o Museu do Futebol e o Cais do Sertão que alberga unha colección sobre os costumes e a forma de vida nese semi-deserto que ocupa parte do territorio de ata oito dos estados nordestinos (entrada dez reais).

Dende as escaleiras que dan ao mar, preto da Rosa dos Ventos, saen unhas pequenas barcas a motor que cruzan ata ao dique protector. O dique é moi estreito e está unido por un dos seus extremos ao barrio de Brasília Teimosa. Ao longo do dique e na zona máis próxima ao Marco Zero está o Parque das Esculturas Francisco Brennand, un artista e ceramista local de 91 anos de idade creador dunha obra de moi forte personalidade. A entrada é gratuíta e a travesía de tan só tres minutos en barca custa cinco reais, pouco máis dun euro por persoa incluída a ida e a volta.

Parque das Esculturas Francisco Brennand

Vista dos Armazéns do Porto dende o Parque das Esculturas

Os interesados na obra deste artista tamén deben acudir ao Obradoiro de Cerámica Francisco Brennand, situado ao leste da cidade, nas ruínas dunha olaría de comezos do século XX. Un complexo de edificios, pinturas, esculturas e murais de aspecto bastante sorprendente e con servizo de restauración e tenda con obras do autor.

Nese mesmo barrio está o Instituto Ricardo Brennand, fundado polo artista e formado por un complexo de estilo medieval e un parque que acollen o Museu da Armeria, unha pinacoteca e unha biblioteca. O museo é a maior colección de armas brancas do mundo con máis de 3.000 pezas.

Pero volvendo ao meu percorrido…, dende o Marco Zero sigo pola Rua do Bom Jesus onde se atopa a primeira sinagoga aberta no continente americano, agora reconvertida no Centro Cultural Judaico. Nesa rúa tamén está a Embaixada de Pernambuco dos Bonecos Gigantes de Olinda, pequeno museo con sesenta e tres cabezudos que participan no Entroido de Olinda (entrada quince reais).

Fotos da Rua do Bom Jesus

A Rua do Bom Jesus remata na Praça do Arsenal, lugar de referencia onde abren as súas portas o Centro Cultural da Torre Malakoff, o Museu de Cera, con persoeiros típicos do carnaval de Recife, e o Paço do Frevo, un bonito edificio restaurado de cor branca que alberga o centro interpretativo sobre o frevo. Este frenético ritmo musical xurdiu no Estado de Pernambuco a finais do século XIX e foi declarado Patrimonio Inmaterial da Humanidade pola Unesco no ano 2012. O centro ten moita información pero unicamente resultará interesante para os curiosos sobre a cultura musical do nordés brasileiro. Saco a conclusión de que o frevo foi creado por varios compositores de música lixeira para dotar dun novo ritmo ao carnaval pernambucano.

Exterior e interior do Paço do Frevo

Rua da Guía preto da Praça do Arsenal

Despois de pasear todo o Recife Velho remato na Igreja Matriz da Madre de Deus e  no centro comercial que ocupa o antigo Paço da Alfândega. Este paseo permíteme afirmar que o Bairro de Recife, malia ofrecer atractivas mostras do seu pasado, é moi mellorable. Os edificios de estilo colonial mestúranse con outros de pouco ou ningún interese, algúns deles incluso nun estado de avanzado deterioro. Pero hai indicios dunha certa recuperación que poida devolverlle a vida que nunca debeu perder.

Cruzo o río pola Ponte 12 de Setembro cara ao barrio de Santo Antônio para dirixirme ao Mercado de São José. O edificio é bonito e ofrece algúns postos con souvenirs. A zona ten un ambiente moi popular que fai lembrar ao Brasil máis terceiromundista de aires africanos. Camiñar por estas rúas poder non ser seguro incluso durante o día. Mellor non facer exhibición de obxectos valiosos.

Cruzando a Ponte 12 de Setembro

Ramal do Río Beberibe e Bairro de Recife ou Recife Velho á dereita. Foto dende a Ponte 12 de Setembro

Exterior e interior do Mercado de São José

Rúa próxima ao Mercado

Ao norte do barrio abren as súas portas dous dos principais edificios relixiosos da cidade que sorprenden pola súa contundente presenza: a Concatedral de São Pedro e a Basílica de Nossa Senhora do Carmo. A planta da Concatedral ten unha forma senlleira e algunhas rarezas como os balcóns interiores que permitían que as clases altas seguiran a misa sen mesturarse co resto da poboación.

Praza da Concatedral

Interior da Concatedral cos balcóns na nave principal

Concatedral de São Pedro

Basílica de Nossa Senhora do Carmo

No mesmo barrio e aínda un pouco máis ao norte está o xardín que acolle a Casa da Cultura de Pernambuco, un edificio inmenso que funcionou como cárcere entre 1850 e 1973, ano en que foi reconvertida no maior mercado de artesanía da cidade.

Casa da Cultura de Pernambuco

Ao leste do Bairro de Santo Antônio visito a Capela Dourada, un bo exemplo do barroco brasileiro, e a Praça da República co Teatro de Santa Isabel e algúns edificios senlleiros como son o Palácio de Justiça e o Palácio do Campo das Princesas.

Teatro Santa Isabel

Palácio do Campo das Princesas (Oficina do Goberno)

Remato a miña visita a Recife na fachada fluvial da Rua da Aurora, entre a Ponte Princesa Isabel e a Ponte Duarte Coelho. O estilo colonial dos edificios convertéronos nunha das iconas máis fotografadas da cidade, pero vistos de preto resultan unha pequena decepción. Dende logo non locen como nas tarxetas postais. Ademais, o río pasa moi contaminado e fede dabondo.

Típica fachada fluvial da Rua da Aurora

Río Beberibe

Deixo Recife cun sentimento agridoce, a cidade é potencialmente máis atractiva do que a súa realidade deixa ver. Tan só necesita moitos cartos e algúns anos para a súa posta a punto. Pero hoxe por hoxe, e de non ser por Olinda e polo seu Carnaval, non hai moitas razóns para a súa visita.

O Carnaval é outra historia. O Galo da Madrugada (así se chama) é, segundo o libro Guinness de Records, o desfile máis multitudinario do mundo cunha aglomeración de 2.500.000 a 3.000.000 de persoas. Pola súa parte, a veciña vila de Olinda ofrece un Carnaval con outra escala, máis humana. Como curiosidade, na súa Rua 3 de Maio, que recibe neses días de carnaval o alcume de Rua dos Beijos (dos Bicos), a xente ten a liberdade de bicar ou ser bicado por calquera persoa que o desexe sen condicionantes de xénero ou idade.

Despídome de Recife e deixo para unha nova ocasión a miña visita ao Porto de Galinhas, un destino de vacacións situado a 63 quilómetros ao sur da cidade que xa gañou en varias ocasións o premio como “Mellor praia do Brasil”.

FORTALEZA

O voo dende Recife demora unha hora e cuarto. As dúas cidades parecen estar próximas sobre o mapa pero as distancias son inmensas no Brasil. Ao chegar, como en Recife e no resto de aeroportos do percorrido, sempre hai mostradores para contratar taxis con tarifas fixas aos diferentes destinos da cidade. Ás veces páganse directamente no aeroporto e outras abóanse ao condutor á chegada ao destino. Pero sempre é unha forma segura de non coller o taxi “equivocado”.

Imaxes de Fortaleza

Animadores do tren turístico a ritmo de samba

A primeira impresión de Fortaleza, a capital do Estado de Ceará, é moi positiva. A cidade é practicamente un gran paseo marítimo que na súa parte central recibe o nome de Avenida Beira Mar. A fronte marítima e unha sucesión continua de pequenos rañaceos de nova xeración.

Fortaleza é tamén un destino tradicional de sol e praia tanto para os brasileiros coma para os habitantes doutros países de América do Sur. Aquí as praias teñen espazo para acoller a moita xente e as barracas ofrecen, como é habitual en todo o Brasil, mesas para beber e comer a pé de praia.

A vida da cidade concéntrase no paseo marítimo que se vai enchendo de visitantes a medida que cae o día, sobre todo na zona fronte ao Hotel Luzeiros Fortaleza onde se monta unha gran feira de artesanía e outros obxectos a partir das seis da tarde.

Vista da Praia de Meireles dende o meu hotel

Praia de Meireles

Praia de Iracema

Espigón coa praia de Meireles á dereita e a de Iracema á esquerda da foto

As praias máis concorridas son as de Meireles e Iracema, próxima unha á outra, malia que, segundo a xente local, a auga non reúne as condicións óptimas para o baño. É por esa razón que moitos visitantes prefiren a Praia do Futuro aínda que estea un pouco lonxe do centro da cidade. A praia está ben equipada pero o barrio parece a medio desenvolver. Dáme a impresión de non ser un lugar interesante para quedarse máis aló das horas diúrnas xa que carece da vida e da animación da Avenida Beira Mar. Por outra banda, seica Praia do Futuro é un lugar pouco seguro onde son numerosos os atracos aos turistas á hora de deixa-la praia.

Fortaleza non ten moito que ofrecer saíndo da súa franxa litoral. O centro histórico é moi limitado e sen atractivos salientables. A Catedral Metropolitana, un edificio ecléctico no que predomina o estilo neogótico, non foi inaugurada ata o ano 1978. Dende fóra parece feita en formigón sen pintar e resulta pouco interesante. Fronte á catedral está a fortaleza holandesa que deu nome á cidade, pero hoxe en día costa identificala como a infraestrutura defensiva que debeu ser no seu momento.

Catedral Metropolitana

Dúas imaxes da Fortaleza holandesa

Outro edificio que aparece nos folletos turísticos pola súa icónica fachada interior en estilo Art Nouveau é o Teatro José de Alencar. Pero o día da visita o teatro está pechado e teño que conformarme cun exterior que fai lembrar a moitos outros teatros de Brasil e de Europa.

Teatro José de Alencar

No que si destaca Fortaleza e na súa oferta cultural con varios centros de primeiro nivel. O de máis sona é o Centro Dragão do Mar de Arte e Cultura, situado moi preto da Praia de Iracema. O Centro alberga o Museu de Arte Contemporânea, o da Cultura Cearense e o Planetário Ruben de Azevedo, así como unha ampla zona de terrazas e bares moi animados pola noite.

Centro Dragão do Mar de Arte e Cultura

Igrexa de Nossa Senhora da Conceição da Prainha, a carón do Centro Cultural Dragão

Outros centros culturais interesantes son a Caixa Cultural, no edificio da antiga Alfândega, e o Mercado dos Pinhões, outra zona cultural e de lecer moi concorrida dentro dun edificio en estilo Art Nouveau.

En Fortaleza tamén son numerosos os centros de artesanía cunha ampla oferta de obxectos do nordés brasileiro, como é o novo Mercado Central, o Centro de Artesanato de Ceará (CEART) e o Centro de Turismo que, ao igual que en Recife, ocupa as instalacións do que foi unha antiga cárcere.

Mercado Central

Centro de Turismo

Finalmente, Fortaleza é recoñecida polo labor das súas rendeiras, palilleiras como as nosas de Camariñas, e para ver o seu traballo hai que dirixirse ao Centro de Rendeiras Luiza Távora na Rua Damião Taváres de Souza.

A mellor opción á hora do xantar, e sobre todo da cea, leva ata o Mercado do Peixe na Praia de Mucuripe, contigua á Praia de Meireles. Unha nova estrutura metálica de cor branca acolle a turistas e locais. É un lugar apropiado para probar dous dos pratos típicos do Estado de Ceará: o caranguejo e a lagosta. Primeiro hai que comprar o produto fresco nalgunha das numerosas peixarías baixo a estrutura metálica. Decídome por unha lagosta con prezos que van dende os 70 reais por quilo  para as de menor tamaño ata os 90 reais para as máis grandiñas. É dicir, de 15 a 20 euros por quilo. Pido unha lagosta grande xa descabezada pola que pago 21 reais, apenas cinco euros, e entrego o meu pedido ao único restaurante da estrutura onde pago outros 11 reais pola preparación con aceite e allo. Acompáñoa cun prato de saborosa macaxeira (iuca fritida) no que me deixo outros 13 reais. A miña lagosta cociñada con macaxeira remata custando uns dez euros ao cambio, nada en comparación co seu exquisito sabor e o bo momento que paso xantando a carón do mar.

Praia de Mucuripe

Mercado do Peixe

A miña lagosta

DA PRAIA DE MORRO BRANCO Á DE CANOA QUEBRADA

As praias do Estado de Ceará están consideradas entres as mellores do Brasil. O lugar de referencia neste momento é Jericoacoara, un destino que vai camiño de converterse na nova Eivisa de América do Sur. Jeri (así é como quere ser promocionado polas autoridades locais) tivo a sorte de estar demasiado lonxe de Fortaleza e de ter un acceso moi difícil por estrada para que as masas turísticas e os excursionistas por un día non chegasen ata aquí. Pero todo está a mudar e a apertura do novo aeroporto na localidade veciña de Cruz é toda unha ameaza para os que viñan gozando do remoto Jericoacoara. Tan só o feito de estar dentro do territorio dun parque nacional e as boas intencións das autoridades turísticas poden salvar a Jeri de morrer por mor do seu propio éxito.

De calquera xeito, que xa ninguén espere atopar aquel lugar rudimentario para uns poucos privilexiados que era Jeri e si un novo destino de tendencia a onde chegan viaxeiros de todo o mundo. Algunhas axencias de viaxes de Fortaleza comezaron a ofrecer excursións de ida e volta no día pero o tempo que demora a viaxe faino totalmente desaconsellable. Ademais, Jeri non é un destino para ir con presas e eu decido deixalo para unha futura ocasión.

Hai moitas outras opcións para pasa-lo día e coñecer as praias de Ceará. Decídome pola excursión “Tres praias” que aparece no folleto de varios operadores turísticos. Escollo a axencia Vitorino Turismo e pago 65 reais, apenas 15 euros, por un percorrido que me levará dende as sete e cuarto da mañá ata ás seis da tarde polas praias de Morro Branco, das Fontes e Canoa Quebrada, esta última a 162 km ao sur de Fortaleza.

O importe é pouco pero inclúe tan só o transporte. Ademais é un tanto enganoso xa que nada máis deixar Fortaleza ofrécenos un paseo en buggy entre Morro Branco e Praia das Fontes. E quen vai dicir que non a esta sensación de aire mariño e velocidade? Pois outros 65 reais. O guía que nos conduce (é obrigatorio) polo Monumento Natural das Falésias de Beberibe na Praia de Morro Branco tampouco recibe nada por parte da axencia de viaxes e, aínda que voluntarios, deixamos outros dez reais por persoa. Ao final pago un total de 140 reais (31 €) que ben pagan a pena.

Sendo realistas, o buggy tan só pisa a area durante unha parte do percorrido. O resto é por carreiros paralelos á praia e de non excesivo interese. Pero case mellor dende un punto de vista medioambiental, os vehículos deberían desaparecer da praia nun futuro non moi lonxano. Non é o lugar que lles corresponde. Como esta é a miña primeira experiencia en buggy decido ser un pouco incorrecto.

A primeira paraxe é na aldea a carón da praia de Morro Branco. Dende aquí facemos un paseo curto a pé con guía que nos conduce polo camiño que atravesa o Monumento Natural das Falésias de Beberibe ata a súa saída ao mar. Atravesamos un pequeno mercado onde venden obxectos realizados coa area de ata doce tonalidades que ofrece o Monumento Natural.

Vista da praia dende a aldea de Morro Branco

Paseo polo Monumento Natural das Falésias de Beberibe

Tamén pasamos por diante da casa que aparecía como fogar dos protagonistas de “Final Feliz”, unha telenovela brasileira de moito éxito nos anos oitenta que familiarizou aos telespectadores coas paisaxes de Morro Branco e Canoa Quebrada.

Realmente, o percorrido polo labirinto de corredoiras do Monumento é máis curto e doado do que queren que pareza. A presenza do guía é totalmente innecesaria pero sempre achega algunha información curiosa. Independentemente deste feito, a variedade de cores da area, a bonita luminosidade do día e a presenza do mar fan do lugar unha visita totalmente aconsellable.

Praia das Fontes resúltame menos atractiva e o seu principal atractivo consiste nun manancial natural de augas con poderes salutíferos que caen directamente sobre a praia. Percorrendo o litoral deixamos atrás outras praias, entre elas unha cunha lagoa de augas castañas e apetecibles hamacas dentro da auga.

Percorrido polas praias entre Morro Branco e Canoa Quebrada

Finalmente rematamos en Canoa Quebrada, un famoso destino hippy dos anos setenta. O nome fai alusión a unha carabela portuguesa (vese que non eran expertos en definir as diferentes tipoloxías de navíos) que aquí afundiu por mor dos arrecifes que protexen a praia. É a que ten máis xente do percorrido do día e son moitas as barracas e chiringuitos para darlles de comer. No límite setentrional da praia as barracas están soportadas por pilotes de madeira ata os que chega o mar con marea alta. Os prezos poden ser elevados polo que é aconsellable consultar a carta antes de sentarse.

Os que estamos acostumados ás praias de Galicia podemos sorprendernos unha chisca coas do Brasil. Os areais comezan a encherse dende primeiras horas da mañá. Ademais, aquí son poucos os que se deitan directamente coa súa toalla sobre a area. O habitual é alugar unha hamaca ou coller mesa nunha barraca na que, máis aló de comer e beber, se pode permanecer todo o día. Ás veces cobran un recargo do dez por cento sobre o importe da conta polo uso das instalacións. Interesa negociar antes de sentarse e comprobar se o servizo ou propina está incluído nos prezos do menú.

Praia de Canoa Quebrada dende o avión durante o meu voo de Recife a Fortaleza

Diversas fotos da praia de Canoa Quebrada

Dende fóra, asemella que os brasileiros non están moi preocupados polo exceso de barullo, o volume das músicas nin polo lixo que arrodea as mesas. E a súa forma de gozar dun día de praia! Tampouco convén irse a zonas afastadas xa que a seguridade nunca está garantida. O brasileiro chega cedo e marcha aínda máis cedo, abandonan as praias ás horas que nós acostumamos chegar en Galicia. Ás catro ou catro e media coma moi tarde, a maior parte dos bañistas empezan a recoller as súas pertenzas para colle-lo camiño de regreso a casa.

Pero en xeral, as praias son dunha gran beleza e aquí non hai quenllas como en Recife. Convén traer protección solar xa que o sol se manifesta implacablemente.

Para saber máis sobre a segunda parte da viaxe consultar o link O branco sur do Brasil

 

2 comentarios en “Brasil Nordestino-Olinda, Recife e Fortaleza

  1. Pingback: Traballo e pracer no Brasil | Cidadán do Mundo, pero galego

  2. Pingback: O branco sur do Brasil-Curitiba, Porto Alegre e Gramado | Cidadán do Mundo, pero galego

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.